Capítulos 16-20
Sibá e Ximí
Capítulo 16
1Acabara David de pasar o cume da montaña, cando se atoparon con Sibá, criado de Mefibóxet, que viña con dous burros aparellados, cargados con douscentos pans, cen acios de uvas pasas, cen tortas de figos e un pelexo de viño. 2O rei preguntoulle a Sibá: ‑"¿A que vés con esas cousas?" E Sibá respondeulle: ‑"Os burros son para que monte a familia do rei, os pans e os figos son para que coman os criados, e o viño é para que beban os que desfalezan no deserto".
3O rei preguntoulle: ‑"¿Onde está o fillo do teu amo?" Sibá respondeulle: ‑"Quedou en Xerusalén, pensando: hoxe a casa de Israel devolverame o reino de meu pai". 4O rei díxolle a Sibá: ‑"Todo o que tiña Mefibóxet é para ti". E Sibá respondeulle: ‑"Pós-trome diante de ti. Oxalá, rei, meu señor, atope eu graza ós teus ollos".
5Chegado o rei David a Bahurim, saía de alí un da familia de Xaúl chamado Ximí, fillo de Guerá. Saía maldicindo 6e tiráballes pedras a David e ós serventes do rei, mentres a xente toda e os valentes ían á súa dereita e á súa esquerda. 7Nas súas maldicións dicía Ximí: ‑"Vaite, vaite, home sanguinolento e perverso. 8O Señor fai caer enriba de ti o sangue da familia de Xaúl, a quen roubaches o trono; o Señor pon o reino nas mans de teu fillo Abxalom. Aí estás, caído na túa maldade, porque ti es un home sanguinolento".
9Abixai, fillo de Seruiah, díxolle ó rei: ‑"¿Por que permites que ese can morto maldiga ó rei, meu señor? Déixame que lle corte a cabeza". 10Pero o rei díxolle: ‑"¿Que teño eu que ver convosco, fillos de Seruiah? Déixao que maldiga. Se o Señor lle dixo que maldiga a David, ¿quen pode pedirlle contas de que o faga?"
11David seguiulle dicindo a Abixai e a todos os seus serventes: ‑"Se o meu propio fillo, saído das miñas entrañas, quere quitarme a vida, canto máis un benxaminita. Deixádeo que me maldiga; mandoullo, de certo, o Señor. 12Quizais repare o Señor na miña aflición, e polas maldicións de hoxe me compense con bens".
13David seguiu o camiño cos seus homes, mentres Ximí os seguía de cerca, pola ladeira da montaña, andando e maldicindo, guindándolle pedras e levantando unha poeira. 14David e a súa xente chegaron cansos onda a auga e alí descansaron.
15O tempo Abxalom e os seus israelitas chegaban a Xerusalén. Ahitófel acompañábao. 16Entón Huxai, o arquita, amigo de David, presentouse a Abxalom e aclamouno: ‑"¡Viva o rei, viva o rei!" 17Abxalom preguntoulle: ‑"¿É esa a lealdade que ti gardas ó teu amigo? ¿Por que non fuches con el?" 18Huxai respondeulle a Abxalom: ‑"Non. Eu estarei con quen elixiu o Señor e todo este pobo de Israel e con ese quedarei. 19Polo demais, ¿a quen veño servir, senón ó seu mesmo fillo? O mesmo que servín a teu pai, así estou agora contigo".
20Abxalom díxolle a Ahitófel: ‑"Celebrade consello sobre o que habemos facer". 21Ahitófel respondeulle: ‑"Achégate as concubinas que teu pai deixou gardando o seu pazo. Dese xeito saberá todo Israel que te fixeches aborrecible para teu pai e sentiranse máis fortes os que te seguen". 22Levantáron-lle unha tenda na terraza e Abxalom achegouse ás concubinas de seu pai, ás vistas de todo Israel. 23Daquela o consello de Ahitófel tiña a mesma autoridade cá consulta de Deus, e como tal era valorado, o mesmo por David coma por Abxalom.
O consello de Ahitófel e o de Huxai
Capítulo 17
1Ahitófel díxolle a Abxalom: ‑"Vou escoller doce mil homes para saír esta mesma noite en persecución de David. 2Sorprendereino canso e sen forzas e, co medo que lle meterei, toda a súa xente fuxirá e eu matarei ó rei abandonado. 3Entón farei volver cara a ti o pobo todo, como a noiva que volve ó seu noivo. Porque ti buscas a morte dun só home e que o pobo quede en paz".
4A proposta pareceulle ben a Abxalom e a todos os anciáns de Israel. 5Pero Abxalom dixo: ‑"Chamade a Huxai, o arquita, e escoitemos tamén o que el propón". 6Chegou Huxai e díxolle Abxalom: ‑"Ahitófel propuxo isto. ¿Debémolo facer? E se non, ¿cal é a túa proposta?"
7Huxai respondeulle a Abxalom: ‑"Desta vez non é bo o consello de Ahitófel". 8E engadiu: ‑"Ti coñeces a teu pai e ós seus homes. Son valentes e están rabiados, coma no monte a osa privada das súas crías. Ademais, o teu pai é home de guerra e non pasará a noite mesturado coa tropa. 9Arestora estará acochado nunha cova ou en calquera outro lugar. Se de primeiras caen algúns dos teus e se corre o rumor: houbo unha desfeita no exército de Abxalom, 10entón, mesmo os valentes de corazón coma leóns, derreteranse de medo, pois todo Israel sabe que teu pai é un heroe e que leva consigo homes valentes.
11O meu consello é este: que todo Israel, desde Dan a Beerxeba, se xunte ó teu arredor, numeroso coma a area das praias, e que ti en persoa vaias con eles. 12Chegaremos onda teu pai, onda queira que se encontre, botarémonos enriba del, coma a rosada que cae sobre o chan e non lle quedará un só dos seus homes. 13E se se acocha nunha cidade, acudirá con cordas todo Israel e arrastraremos esa cidade ó regato ata que dela non quede unha pedra".
14Abxalom e todos os israelitas dixeron: ‑"A proposta de Huxai, o arquita, é mellor cá de Ahitófel". A cousa é que o Señor determinara facer fracasar o consello de Ahitófel, que era bo, para traer a desgraza a Abxalom.
15Huxai informou ós sacerdotes Sadoc e Abiatar: ‑"Ahitófel aconsellou a Abxalom e ós anciáns de Israel isto e isto; pero eu aconselleilles estoutro. 16Agora mandádelle de contado este recado a David: non quedes esta noite nas chairas do deserto. Pasa para o outro lado, non vaian exterminar o rei con toda a súa xente".
Abxalom persegue a David en Transxordania
17Ionatán e Ahimaas estaban agardando en Enróguel. Unha criada debía levarlles o recado e despois eles levaríanllo ó rei David. Eles non podían deixarse ver entrando na cidade. 18Viunos un rapaz e díxollo a Abxalom. Pero eles saíron correndo e metéronse na casa dun home de Bahurim, que tiña no patio un pozo onde eles se esconderon. 19A muller colleu unha manta, estendeuna sobre a boca do pozo e botou gran encima de xeito que ninguén notara nada.
20Chegados os criados de Abxalom á casa, onda a muller, preguntáronlle: ‑"¿Onde están Ahimaas e Ionatán?" E ela díxolles: ‑"Pasaron cara ó río". Eles buscáronos, pero non os atoparon, e volvéronse para Xerusalén.
21Desque os criados marcharon, os outros saíron do pozo e correron a dicirlle a David: ‑"Erguédevos e pasade o río axiña, pois Ahitófel propuxo isto en contra vosa". 22David e a súa xente levantáronse e atravesaron o Xordán. Estiveron pasando ata ó amencer. A esa hora non quedaba xa ninguén sen pasar.
23Vendo Ahitófel que non seguiran o seu consello, aparellou o burro e colleu e marchou para a casa na súa cidade. Puxo en orde a súa casa e despois aforcouse e morreu. Enterrárono no sartego de seus pais.
24Namentres David chegaba a Mahanaim, Abxalom atravesaba o Xordán con todos os homes de Israel. 25Abxalom puxera a Amasá á fronte do exército no lugar de Ioab. Amasá era fillo dun tal Itrá, ismaelita, que o tivera de Abigail, filla de Nahax, irmá de Seruiah e nai de Ioab. 26Abxalom acampou con Israel en terras de Galaad.
27Cando David chegou a Mahanaim, Xobí, fillo de Nahax, de Rabah de Amón, Maquir, fillo de Amiel de Lodabar, e Barzilai, o galaadita de Roguelim, 28viñeron con xergóns, con xerras e con cuncas de barro, con trigo, fariña, orxo e gran torrado, con fabas e lentellas, 29con mel, manteiga, queixo de ovella e de vaca, e presentáronlles todo a David e á súa xente, que comesen, pois pensaban: esta xente está cansa e chea de fame e de sede do deserto.
Desfeita e morte de Abxalom
Capítulo 18
1David pasou revista ós seus homes, e púxolles xefes de milleiro e de centuria. 2Un terzo do exército púxoo ó mando de Ioab, un terzo ó mando de Abixai, fillo de Seruiah, irmán de Ioab, e un terzo ó mando de Itai de Gat.
O rei díxolles ós soldados: ‑"Quero ir eu tamén convosco". 3Pero eles respondéronlle: ‑"Ti non veñas. Pois, se tivésemos que fuxir, ninguén se fixaría; e se morrésemos a metade, tampouco tería importancia. Mais ti vales coma dez mil de nós. Mellor que nos socorras desde a cidade". 4O rei díxolles entón: ‑"Farei o que vos pareza". E o rei quedou onda a porta, mentres o exército saía por milleiros e por centurias. 5E mandoulles a Ioab, a Abixai e a Itai: ‑"Tédeme conta do xove Abxalom". Todo o exército oíu o que o rei mandou ós xefes, tocante a Abxalom.
6O exército saíu ó campo ó encontro de Israel. O combate librouse nos bosques de Efraím. 7Alí o exército de Israel foi derrotado polos seguidores de David. A mortaldade foi grande aquel día. Foi de vinte mil homes. 8O combate estendeuse por toda aquela bisbarra. Aquel día o bosque devorou máis vidas cá espada.
9Abxalom acertou a pasar á vista dos homes de David. Ia montado no seu macho e ó pasar este debaixo dunha aciñeira enmarañáronselle nas gallas os cabelos da cabeza e quedou pendurado entre o ceo e a terra, mentres o macho seguía para adiante.
10Un home que o viu, levoulle a noticia a Ioab: ‑"Acabo de ver a Abxalom pendurado dunha aciñeira". 11Ioab díxolle ó que lle traía a noticia: ‑"E logo, se o viches, ¿por que non o botaches por terra alí mesmo? Agora teríache que dar dez siclos de prata e un cinto". 12Pero o home díxolle a Ioab: ‑"Nin que estivese xa pesando mil moedas de prata, non erguería eu as miñas mans contra o fillo do rei, pois todos oímos o que o rei vos mandou, a ti, a Abixai e a Itai: tédeme conta do xove Abxalom. 13Se eu cometese esa traizón pola miña conta, ti poríaste en contra miña, diante do rei, a quen nada se lle esconde".
14Entón dixo Ioab: ‑"Non me vou quedar aquí detido diante de ti". E, coa mesma, colleu tres dardos e cravoullos no corazón a Abxalom, que estaba aínda vivo, pendurado da aciñeira. 15Os dez escudeiros de Ioab acercáronse a Abxalom, golpeárono e rematárono.
16Ioab mandou que tocasen a trompeta e o exército deixou de perseguir a Israel, porque Ioab o contivo. 17Logo colleron o corpo de Abxalom, botárono nun foxo do bosque e ergueron por riba del unha morea de pedras. Os israelitas fuxiron todos, cada un para a súa tenda. 18Abxalom erixírase en vida un monumento no val do rei, pensando: non teño fillo que manteña vivo o meu nome. Gravou na estela o seu nome e aínda hoxe se lle chama monumento de Abxalom.
David chora polo seu fillo
19Entón Ahimaas, fillo de Sadoc, pediulle a Ioab: ‑"Déixame ir de contado xunto ó rei, para levarlle a noticia de que o Señor lle fixo xustiza ante os seus inimigos". 20Ioab respondeulle: ‑"Hoxe non levarías boas novas: xa as levarás outro día. Hoxe non levarías boas novas, porque morreu o fillo do rei". 21E Ioab díxolle a un cuxita: ‑"Vai e anúncialle ó rei o que viches". O cuxita saudou a Ioab e foi correndo.
22Ahimaas, fillo de Sadoc, insistiulle a Ioab: ‑"Pase o que pase, déixame correr a min tamén tras do cuxita". Ioab díxolle: ‑"¿Para que queres correr, meu fillo? Esa nova non che sería de proveito". 23Pero el dixo: ‑"Pase o que pase, quero correr". E el díxolle: ‑"Corre". E Ahimaas saíu correndo e, atallando polo medio do val, adiantóuselle ó cuxita.
24David estaba sentado entre as dúas portas. O vixía subiu á terraza, por riba da porta da muralla, mirou e viu que viña correndo un home só. 25O vixía berrou e pasoulle a noticia ó rei. O rei comentou: ‑"Se vén só, é que trae boas noticias".
O home seguía acercándose 26e o vixía viu outro home correndo, e berrou desde enriba da porta: ‑"Vén outro home correndo só". E o rei comentou: ‑"Tamén este trae boas noticias". 27O vixía engadiu: ‑"Pola maneira de correr, o primeiro corredor peréceseme a Ahimaas, o fillo de Sadoc". E o rei comentou: ‑"Ese é unha boa persoa. Virá con boas noticias".
28Entón Ahimaas berroulle ó rei: ‑"Paz". E saudouno prostrándose polo chan. E dixo: ‑"Bendito sexa o Señor, teu Deus, que che entregou os homes que ergueron a man contra o rei, meu señor". 29E o rei preguntoulle: ‑"¿Está ben o xove Abxalom?" Ahimaas respondeulle: ‑"Cando Ioab enviou ó teu servo, vin que había un gran barullo; pero non sei o que pasou". 30O rei díxolle: ‑"Arreda e queda aí." E el arredouse e quedou alí.
31Niso entrou o cuxita e dixo: ‑"Parabéns, rei, meu señor, porque o Señor deuche hoxe a vitoria sobre todos os que se ergueron contra ti". 32O rei preguntoulle ó cuxita: ‑"¿Está ben o mozo Abxalom?" E o cuxita respondeulle: ‑"Que ós inimigos do rei e a todos os que se rebelaron contra ti lles pase coma a ese mozo".
Capítulo 19
1O rei conturbouse, subiu ó mirador de por riba da porta e botouse a chorar. Mentres subía, ía dicindo: ‑"¡Ai, meu fillo; meu fillo, Abxalom; meu fillo Abxalom! ¡Quen me dera poder morrer eu no teu lugar, Abxalom, meu fillo, meu filliño!"
2Informaron a Ioab: ‑"O rei está chorando, facendo dó por Abxalom". 3A vitoria daquel día converteuse en loito para o exército, pois este soamente oía dicir: o rei está aflixido polo seu fillo. 4O exército entrou aquel día ás escondidas na cidade, como entraría avergonzado un exército que fuxise do combate. 5O rei cubría a cara e choraba a berros: ‑"¡Meu fillo, Abxalom; meu fillo, Abxalom; meu filliño!"
6Ioab chegouse ó pazo e díxolle ó rei: ‑"Hoxe cubriches de vergonza a cara dos teus servidores, que salvaron a túa vida, a dos teus fillos e fillas, a das túas mulleres e a das túas concubinas. 7Ti queres ós que te aborrecen e aborreces ós que te queren. Hoxe deches a entender que nada se che dá nin por xefes nin por soldados. Hoxe comprendín que, se vivise Abxalom, mesmo se estivésemos mortos todos nós, estarías ti contento.
8Agora érguete e vai falarlles ó corazón ós teus serventes, pois xúroche polo Señor que, se non vas, esta noite non quedará ninguén contigo; e este será para ti máis grande mal ca todos os que padeciches desde a mocidade ata hoxe". 9O rei foi e sentou onda a porta. E toda a súa xente veuse presentar diante del.
Volta de David a Xerusalén
Os israelitas fuxiron para cadansúa tenda. 10E por todas as tribos de Israel a xente discutía e dicían: ‑"O rei librounos da man dos nosos inimigos, salvounos da man dos filisteos. E agora tivo que fuxir do país por culpa de Abxalom. 11Pero Abxalom, a quen nós unximos por rei, morreu no combate. Así que, ¿por que estades aí calados e non facedes que volva o rei?"
12As palabras que se dicían por todo Israel chegaron á casa do rei. E o rei David mandou os sacerdotes Sadoc e Abiatar: ‑"Faládelles ós anciáns de Xudá e dicídelles: ¿Por que habedes de ser os derradeiros en facer que o rei volva ó seu pazo? 13Vos sodes os meus irmáns; sodes comigo óso e carne. ¿Por que habedes de ser os derradeiros en facer que o rei volva?" 14E a Amasá díxolle: ‑"¿Non es ti comigo óso e carne? Que Deus me castigue, se non te fago xefe do exército por vida no posto de Ioab". 15David gañou o corazón de todos os homes de Xudá coma o dun só home; e mandáronlle dicir: ‑"Volve, ti e os teus servidores".
16O rei emprendeu o regreso e chegou onda o Xordán. Os de Xudá chegaron a Guilgal, para saírlle ó encontro ó rei e acompañalo no paso do Xordán. 17Ximí, fillo de Guerá, benxaminita de Bahurim, apurouse para baixar cos homes de Xudá ó encontro de David, 18levando consigo mil homes da tribo de Benxamín. Pola súa parte, Sibá, criado da familia de Xaúl, levando consigo os seus quince fillos e vinte dos seus criados, chegou ó Xordán antes có rei, 19e atravesou o vao, para axudar a pasar á familia do rei e para pórse á súa disposición.
20Ximí, fillo de Guerá, prostrouse diante do rei cando este pasaba o Xordán e díxolle: ‑"Non teñas, señor, en conta o meu delito; non recordes aquel mal feito do teu servo, o día en que o rei, meu señor, saía de Xerusalén; non mo teñas gardado. 21O teu servo confesa que pecou. Pero hoxe son o primeiro de toda a familia de Xosé en virlle saír ó rei, meu señor".
22Abixai, fillo de Seruiah, tomou a palabra para dicir: ‑"¿Vaise agora librar Ximí da morte, despois de que maldiciu ó unxido do Señor?" 23Mais David dixo: ‑"¿Que teño que ver eu convosco, fillos de Seruiah, para que hoxe fagades de tentadores? ¿Ten que morrer alguén hoxe en Israel, cando eu volvo a ser rei de Israel?" 24E o rei dixolle a Ximí: ‑"Non morrerás". E o rei xuroullo.
25Tamén Mefibóxet, fillo de Xaúl, baixou ó encontro do rei. Non lavara os pés, nin afeitara a barba, nin mudara a roupa, desde o día da marcha do rei ata a súa volta con ben. 26Chegado desde Xerusalén onda o rei, o rei preguntoulle: ‑"¿Por que non fuches comigo, Mefibóxet?" 27El respondeulle: ‑"Rei, meu señor, o meu criado traizooume, pois o teu servo decidira: farei que me aparellen o burro, montarei nel e irei co rei, porque o teu servo está coxo. 28O meu criado calumnioume diante do rei, meu señor. Pero o rei, meu señor, é coma o anxo de Deus. Fai, logo o que che pareza.
29Todos os da familia de meu pai eran reos de morte ante o rei, meu señor. Pero ti puxeches a este teu servo entre os que comen á túa mesa. Xa que logo, ¿que dereito me queda por reclamar diante do rei?" 30O rei díxolle: ‑"¿Por que segues falando sen parar? Xa o dixen: ‑Ti e Sibá repartirédesvos as terras". 31Mefibóxet respondeulle ó rei: ‑"Pode quedar el con todo, xa que o rei, meu señor, volveu san e salvo á súa casa".
32Tamén Barzilai o galaadita baixou desde Roguelim para acompañar ó rei no paso do Xordán. 33Barzilai era xa vello, tiña oitenta anos. El mantivera ó rei, no tempo que estivo en Mahanaim, pois era home de boa posición. 34O rei díxolle a Barzilai: ‑"Ti véste agora comigo; eu mantereite en Xerusalén". 35Barzilai díxolle ó rei: ‑"¿Cantos anos me quedan de vida para subir agora co rei a Xerusalén? 36Xa cumprín os oitenta anos. ¿Podo discernir aínda entre o ben e o mal? ¿Pode o teu servo gozar do que come e do que bebe? ¿Podo escoitar a voz dos cantores e das cantoras? ¿Por que ha ser o teu servo unha carga para o rei, meu señor?
37O teu servo acompañou ó rei unha miga alén do Xordán. ¿Por que ía agora darme unha recompensa tan grande? 38Deixa que o teu servo volva, para morrer na súa cidade, cerca do sepulcro de seu pai e de súa nai. Aí tes o teu servo Quimham. Que vaia el co rei, meu señor; e ti trátao como che pareza". 39O rei respondeulle: ‑"Que veña, logo, Quimham. Tratareino como ti queiras. E calquera cousa que me pidas, eu fareina por ti".
40A xente de David pasou toda o Xordán. Tamén o pasou o rei. Alí abrazou a Barzilai e bendiciuno e Barzilai volveuse para a súa casa. 41O rei seguiu para Guilgal e con el ía Quimham. Acompañaba ó rei todo o pobo de Xudá e a metade do pobo de Israel.
42Os homes de Israel fóronlle dicir ó rei: ‑"¿Por que te reteñen para si nosos irmáns, os homes de Xudá, e son eles os que axudaron o rei, á súa familia e á toda a súa xente a pasar o Xordán?" 43Os homes de Xudá respondéronlles ós de Israel: ‑"Porque o rei é parente noso. ¿Por que vos parece mal? ¿Vivimos á conta do rei ou tiramos proveito del?" 44Os homes de Israel respondéronlles ós de Xudá: ‑"Nós temos dez partes do rei e somos para el máis ca vós. ¿Por que, logo, nos despreza? ¿Non fomos nós os primeiros en facer volver ó noso rei?" Pero a resposta dos homes de Xudá foi máis áspera aínda cá dos homes de Israel.
Revolta de Xeba
Capítulo 20
1Por un casual estaba alí un home perverso, que se chamaba Xeba, fillo de Bicrí, un benxaminita. Este tocou a trompeta dicindo:
‑"Nós non temos parte con David,
nin temos herdo co fillo de Ixaí.
¡Cada un para a súa tenda, Israel!"
2Os homes de Israel abandonaron a David e seguiron a Xeba, fillo de Bicrí; pero os homes de Xudá seguiron co seu rei desde o Xordán cara a Xerusalén. 3En Xerusalén David entrou no seu pazo e as dez concubinas que deixara alí, ó seu coidado, meteunas no harén. O rei mantíñaas, mais non se achegou a elas. Estiveron alí encerradas ata a morte, vivindo coma viúvas.
4O rei ordenoulle a Amasá: ‑"Convócame en tres días os homes de Xudá e ti preséntate tamén". 5Amasá marchou e convocou os homes de Xudá, pero tardou máis tempo do marcado. 6David díxolle entón a Abixai: ‑"Agora Xeba, fillo de Bicrí, vainos facer máis dano ca Abxalom. Colle os homes do teu señor e vaite detrás del, non encontre unha cidade fortificada e escape".
7Con Abixai saíron os homes de Ioab, os quereteos, os peleteos e todos os valentes; abandonaron Xerusalén na persecución de Xeba, fillo de Bicrí. 8Cando chegaron xunto á pedra grande que hai en Gabaón, apareceu Amasá diante deles. Ioab ía vestido co uniforme e por riba levaba unha espada enfundada, cinguida ó costado. A espada saíuselle e caeu.
9Ioab preguntoulle a Amasá: ‑"¿Como estás, meu irmán?" O tempo coa súa dereita collíao da barba para bicalo. 10Amasá non reparou na espada que levaba Ioab na outra man. Ioab feriuno con ela no ventre e saíronselle as entrañas. Sen necesidade doutro golpe, Amasá morreu. Despois Ioab e Abixai, o seu irmán, seguiron perseguindo a Xeba, fillo de Bicrí.
11Un home dos de Ioab púxose onda Amasá e dicía: ‑"Os que estean por Ioab e os que son de David, que sigan a Ioab". 12Amasá xacía nun baño de sangue no medio do camiño. Vendo o home que todos os que pasaban se detiñan, botou o cadáver de Amasá para fóra do camiño, en vista de que os que pasaban, se detiñan diante del. 13Xa retirado o cadáver do camiño, todos seguiron a Ioab na persecución de Xeba, fillo de Bicrí.
14Xeba pasou por todas as tribos de Israel ata Abel Bet Macah. Xuntáronselle os bicritas, que entraron alí detrás súa. 15Chegaron os de Ioab e puxeron cerco a Abel Bet Macah. Ergueron contra a cidade un terraplén que chegaba ó muro. Os soldados de Ioab escavaban para botaren abaixo as murallas.
16Unha muller asisada berrou desde a cidade: ‑"¡Escoitade! ¡Escoitade! Dicídelle a Ioab que se achegue aquí, que lle quero falar". 17Acercouse Ioab e a muller preguntoulle: ‑"¿Es ti Ioab?" E el dixo: ‑"Son". E ela: ‑"Escoita as palabras da túa serva". E el dixo: ‑"Escoito".
18Entón díxolle ela: ‑"Os anciáns dicían: que pregunten en Abel e con iso acabáronse as contendas. 19Nós somos unha das cidades máis pacíficas e fieis de Israel e a unha cidade que é nai en Israel ti tentas traer a morte. ¿Por que queres estragar a herdade do Señor?"
20Ioab respondeulle: ‑"Deus me libre de estragala e de destruíla. 21Non se trata diso, senón dun home da montaña de Efraím chamado Xeba, fillo de Bicrí, que ergueu a súa man contra o rei, contra David. Entregádeo a el e arredareime da cidade". A muller díxolle a Ioab: ‑"Agora mesmo che botamos a súa cabeza por riba da muralla".
22A muller convenceu ó pobo coa súa sabedoría. Cortáronlle a cabeza a Xeba, fillo de Bicrí, e botáronlla a Ioab. Ioab tocou a trompeta, e, afastándose da cidade, volveu cada un para a súa tenda. Ioab volveu a Xerusalén onda o rei.
23Ioab era o xefe do exército de Israel; Benaías, fillo de Iehoiadá, mandaba nos quereteos e peleteos; 24Adoniram levaba o recrutamento de traballadores; Ioxafat, fillo de Ahilud, era o secretario; 25Xeiá era o cronista; Sadoc e Abiatar, os sacerdotes. 26Tamén Irá, de Iair, era sacerdote de David.