Capítulos 11-15

David e Batxeba

 

Capítulo 11

 

1A volta dun ano, na época en que os reis saen á guerra, mandou David a Ioab, cos seus oficiais e co exército israelita, desbaratar o país dos amonitas e poñerlle cerco a Rabah. Mentres tanto David quedou en Xerusalén.

2Unha tarde, ó erguerse do leito, púxose David a pasear pola terraza do pazo, e viu desde alí unha muller que se estaba bañando, unha muller, por certo, moi fermosa. 3David mandou preguntar por ela e dixéronlle: esa muller é Batxeba, filla de Eliam, muller de Urías, o hitita.

4David ordenou que lla trouxesen. Entrou a muller onda el e David deitouse con ela, cando ela se acababa de purificar das súas regras. Despois ela volveu para a súa casa. 5A muller quedou embarazada e mandoulle a dicir a David: estou embarazada.

6Entón mandoulle David este recado a Ioab: "Mándame a Urías, o hitita". E el mandoullo. 7Cando Urías chegou, David preguntoulle pola saúde de Ioab, polo exército e pola marcha da guerra. 8Despois David díxolle a Urías: ‑"Baixa á túa casa e dáte un baño". Urías saíu do pazo real e detrás del saíu o agasallo do rei. 9Pero Urías deitouse á entrada do pazo, cos serventes do rei, e non baixou a súa casa.

10Dixéronlle a David: ‑"Urías non baixou á súa casa". David díxolle entón: ‑"Acabas de vir de viaxe. ¿Por que non vas á túa casa?" 11Urías respondeulle a David: ‑"A arca, Israel e Xudá viven en tendas, o meu xefe Ioab e os seus oficiais acampan ó raso, ¿e ía entrar eu na miña casa, comer e beber e deitarme coa miña muller? Por ti e pola túa vida, que non farei semellante cousa". 12David díxolle a Urías: ‑"Queda aínda hoxe e mañá despedireite". E Urías quedou aquel día en Xerusalén.

O día seguinte,  13David convidouno a comer con el e deulle de beber para emborrachalo. A noite saíu e deitouse onda a garda do seu señor, mais non baixou á súa casa. 14A mañá escribiulle David unha carta a Ioab e mandoulla en man por Urías. 15Na carta escribía: ‑"Poñede a Urías na dianteira, onde máis duro sexa o combate, arredádevos del, e que o firan e morra".

16Ioab, que estaba cercando a cidade, puxo a Urías no sitio onde sabía que estaban os homes máis valentes. 17Saíron os defensores da cidade, combateron contra Ioab e caeron algúns dos soldados de David. Tamén morreu Urías, o hitita.

18Ioab mandou que informasen a David da sorte do combate. 19E díxolle ó mensaxeiro: ‑"Cando acabes de darlle ó rei o parte do combate, 20se el se alporiza e che di: ¿Por que vos acercastes tanto para atacar a cidade? ¿Non sabiades que dispararían desde o alto da muralla? 21¿Quen matou a Abimélec, fillo de Ierubaal? Unha muller que botou unha pedra de moer desde o alto do muro, morrendo el en Tebés. ¿Por que vos aproximastes á muralla? Ti diraslle entón: morreu tamén o teu servo Urías, o hitita".

22Marchou o mensaxeiro, chegou xunto a David e comunicoulle a mensaxe de Ioab. 23O mensaxeiro dixo: ‑"Os inimigos saíron cara a nós ó escampado; eles estábannos vencendo, mais nós botámonos sobre eles cara á porta da entrada. 24Entón tiraron os arqueiros desde a muralla contra os teus servos e mataron a algúns dos soldados do rei. Morreu tamén o teu servo Urías, o hitita".

25David díxolle ó mensaxeiro: ‑"Dille isto a Ioab: non te aflixas polo que pasou. A espada devora ora para aquí ora para alí. Ti reforza o ataque contra a cidade para arrasala. E ti fai por encoraxalo".

26Cando soubo a muller de Urías que morrera o seu home, fixo loito por el. 27Pasado o tempo do loito, David mandou que viñese á súa casa e tomouna por muller. Ela deulle un fillo. Pero a acción de David non compraceu ó Señor.

 

Denuncia de Natán e penitencia de David

 

Capítulo 12

 

1O Señor mandou a Natán onda a David. O profeta entrou xunto ó rei e díxolle: ‑"Nunha cidade había dous homes, un rico e o outro pobre. 2O rico tiña grandes rabaños de ovellas e de bois. 3O pobre non tiña nada fóra dunha ovella que mercara.

El criouna e ela ía crecendo, canda el e canda os seus fillos. Coidábaa coma a unha filla. 4Chegou un viaxeiro onda o rico, quen sentindo botar man dunha peza da súa facenda para convidar ó viaxeiro que chegara xunto del, colleulle a ovella ó home pobre e guisoulla ó viaxeiro".

5David enfadouse moito con aquel home e díxolle a Natán: ‑"Pola vida do Señor, quen fixo iso merece a morte. 6Pagará catro veces a ovella, por ese comportamento sen piedade".

7Entón Natán díxolle a David:

‑"Ti es ese home.

E isto di o Señor, Deus de Israel:

Eu unxinte por rei de Israel

e libreite das mans de Xaúl.

8Entregueiche a casa do teu señor

e puxen as súas mulleres nos teus brazos.

Fíxente dono de Israel e de Xudá

e, por se fose pouco,

deiche aínda outras cousas.

9¿Por que, logo, desprezas a palabra do Señor,

facendo o que el reproba?

Mataches coa espada a Urías, o hitita,

para casares coa súa muller.

Matáchelo coa espada dos amonitas.

10Agora a espada non se afastará da túa casa.

Visto que ti me desprezaches,

tomando para ti a muller de Urías, o hitita,

11isto di o Señor:

Vou facer xurdir contra ti a desgraza

dentro da túa propia casa.

Quitareiche as mulleres

e dareillas a outro diante dos teus ollos,

el deitarase con elas,

á luz deste sol que nos aluma.

12O que fixeches ti ás escondidas,

fareino eu á luz do sol

e á vista de todo Israel".

13David díxolle a Natán:

‑"¡Pequei contra o Señor!"

E Natán díxolle:

‑"O Señor perdoa o teu pecado e non morrerás.

14Pero, por desprezares o Señor co que fixeches,

o neno que che naceu ten que morrer".

 

Nacemento de Salomón

 

15Despois Natán marchou para a súa casa. E o Señor feriu ó neno que a muller de Urías lle parira a David; púxose moi malo. 16David pediulle a Deus polo neno, fixo un longo xaxún e pasaba as noites tirado polo chan. 17Os anciáns da súa casa trataron de levantalo, pero el negouse e non quixo comer con eles.

18Os sete días morreu o neno. Os serventes tiñan medo de dicirlle a David que o neno morrera, pois pensaban: ‑"Se, cando o neno vivía, lle falabamos e el non nos facía caso, ¿como lle imos dicir agora que o neno morreu? Faría unha loucura". 19David decatouse de que os serventes andaban falando polo baixo e comprendeu que o neno morrera. E preguntoulles ós serventes: ‑"¿Morreu o neno?" E eles dixéronlle: ‑"Morreu".

20David entón ergueuse do chan, lavouse, perfumouse e mudouse, e logo foise prostrar á casa do Señor. Despois volveu para o seu pazo, pediu de comer, servírono e comeu.

21Os seus serventes preguntáronlle: ‑"¿Que quere dicir iso que fas? Cando o neno vivía, xaxuabas e chorabas, e agora que o neno morreu, érgueste e comes". 22El respondeulles: ‑"Mentres o neno vivía, xaxuaba e choraba, pensando: ¡quen sabe se o Señor me quererá facer a graza de que viva! 23Pero agora que xa morreu, ¿de que serve o xaxún? ¿Podería volvelo á vida? Son eu quen vai cara a el e non el cara a min".

24David consolou a Batxeba, súa muller, entrou onda ela e durmiu con ela. Ela pariulle un fillo, a quen lle puxo por nome Salomón. O Señor amouno 25e mandou polo profeta Natán que lle chamasen Iedidías en homenaxe ó Señor.

 

Conquista de Rabah

 

26Nese tempo Ioab seguira co cerco de Rabah dos amonitas ata acabar conquistando a cidade real. 27Entón mandou mensaxeiros a David para dicirlle: ‑"Ataquei Rabah e recuperei a cidade das augas. 28Agora reúne o resto do exército, acampa ó redor da cidade e apodérate ti dela, non sexa que, se o fago eu, chamen logo á cidade co meu nome".

29David reuniu o resto do exército e foi a Rabah, que atacou e que conquistou. 30Quitou da cabeza a Milcom unha coroa que pesaba un talento de ouro e que tiña pedras preciosas; e púxoa na súa cabeza. O botín que colleu na cidade foi moi grande. 31Sacou da cidade os seus habitantes e púxoos a traballar coa serra e con machetas, con picos de ferro e en fornos de ladrillos. Con todas as cidades amonitas fixo o mesmo. Despois David volveu con todo o exército para Xerusalén.

 

Amnón e Tamar

 

Capítulo 13

 

1O tempo sucederon outras cousas. Abxalom, fillo de David, tiña unha irmá moi ben feita que se chamaba Tamar. Dela namorouse Amnón, fillo de David. 2A paixón de Amnón por Tamar, súa irmá, era tan grande que o facía adoecer, pois, sendo ela solteira, parecíalle imposible chegar con ela a cousa ningunha.

3Amnón tiña un amigo chamado Ionadab, fillo de Ximah, irmán de David. Era un home moi arteiro. 4Preguntoulle a Amnón: ‑"¿Por que, fillo de rei, estás máis esmorecido cada día? ¿Non mo queres dicir?" Amnón respondeulle: ‑"Estou namorado de Tamar, irmá de meu irmán Abxalom". 5Díxolle Ionadab: ‑"Métete na cama e fai que estás doente. Cando o teu pai entre a verte, ti diraslle: deixa que a miña irmá Tamar veña para darme a comida; que a prepare diante de min, que eu a vexa, e comerei da súa man".

6Amnón meteuse na cama, facéndose o doente. O rei foi visitalo e, coa mesma, Amnón pediulle: ‑"Deixa que a miña irmá Tamar veña onda min e prepare, á miña vista, un par de bicas; quero comelas da súa man". 7David mandoulle recado á casa a Tamar: "chégate onda teu irmán Amnón e prepáralle algo de comer".

8Tamar foi á casa de seu irmán Amnón, que estaba deitado. Colleu fariña, amasouna e diante del fixo unhas bicas e fritiunas. 9Logo sacounas da tixola e serviullas. Pero el non quixo comer. E ordenou: ‑"Que saian todos para fóra. E saíron todos de onda el".

10Amnón entón díxolle a Tamar: ‑"Tráeme ese xantar á alcoba e dámo pola túa man". Tamar colleu as bicas que fixera e levoullas á alcoba a seu irmán.

11O acercarllas para que comera, Amnón agarrouna dicindo: ‑"Ven, irmá; déitate comigo". 12Pero ela díxolle: ‑"Non, meu irmán; non me obrigues. Iso non se fai en Israel; non cometas esa infamia. 13¿A onde iría eu coa miña deshonra? E ti quedarías coma un desgraciado en Israel. Fala disto co rei. De seguro, non se oporá a que eu sexa túa".

14Pero el non quixo escoitala. Agarrouna con forza e obrigouna a deitarse con el. 15Axiña Amnón sentiu noxo por ela, un aborrecemento maior aínda có amor que lle tivera. E mandoulle: ‑"Érguete e vaite". 16Ela respondeulle: ‑"Non. O mal que farías despedíndome sería maior có que xa me fixeches". Pero el non lle fixo caso. 17Chamou polo criado que o servía e ordenoulle: ‑"Botade fóra de aquí a esa muller e pechádelle a porta".

18Ela levaba posta unha túnica con mangas, pois así era coma vestían as fillas solteiras do rei. O criado botouna fóra e pechoulle a porta. 19Tamar botou cinsa nos cabelos, rachou a túnica de mangas, levou as mans á cabeza e ía andando e berrando.

20Abxalom,  seu  irmán,  preguntoulle: ‑"¿Estivo contigo o teu irmán Amnón? Agora, irmá, cala; el é teu irmán. Non te atormentes por isto". E Tamar, entristecida, quedou na casa de seu irmán Abxalom. 21Cando esas cousas chegaron a oídos de David, este enfadouse moito. 22Abxalom non falaba con Amnón, nin para ben nin para mal. Porque forzara a Tamar, súa irmá, colléralle xenreira.

 

Morte de Amnón

 

23O cabo de dous anos, cando Abxalom facía en Baal Hasor de Efraím o tosquiado dos rabaños, convidou ós fillos do rei. 24Abxalom foi onda o rei e pediulle: ‑"Velaí que o teu servo fai o tosquiado das ovellas. Rógolle ó rei que veña, cos seus serventes, á festa do seu servo".

O rei respondeulle a Abxalom: ‑"Non, meu fillo. Non imos ir todos e serche unha carga". 25El insistiu, pero o rei non quixo ir e bendiciuno. 26Entón díxolle Abxalom: ‑"Pois, ó menos, que veña connosco o meu irmán Amnón". O rei respondeulle: ‑"¿Para que queres que vaia contigo?" 27Abxalom insistiu e o rei mandou con el Amnón e a todos os fillos do rei.

Abxalom preparou un banquete, coma banquete de rei, 28e ordenoulles ós seus criados: ‑"Cando vexades que o corazón de Amnón empeza a aledarse co viño e eu vos dea o sinal, feride a Amnón e matádeo. Non teñades medo. ¿Non son eu quen volo manda? ¡Forza! Mostrádevos valentes".

29Os criados fixeron con Amnón o que Abxalom lles mandara. Os outros fillos do rei erguéronse, montaron en cadansúa mula e fuxiron. 30Ian aínda de camiño, cando lle chegou a noticia a David: ‑"Abxalom matou os fillos do rei sen deixar sequera un". 31O rei levantouse, rachou as súas vestes e botouse por terra, con todos os seus serventes ó seu lado, coas vestiduras rachadas.

32Entón falou Ionadab, fillo de Ximah, irmán de David, e dixo: ‑"Non pense o meu señor que morreron todos os fillos do rei; morreu soamente Amnón, segundo decidira Abxalom o día en que aquel forzou a Tamar, súa irmá. 33Polo tanto que o rei, meu señor, non se inquiete pensando que morreron os fillos todos do rei, cando morreu soamente Amnón".

34Daquela Abxalom fuxiu. A sentinela ergueu os ollos e viu que ía moita xente polo camiño de Horonaim pola aba da montaña. 35Entón Ionadab díxolle ó rei: ‑"Aí chegan os fillos do rei. Foi como o teu servo che dixera". 36Cando rematou el de falar, entraron os fillos do rei chorando a berros. Tamén o rei e os seus serventes choraban con grande pranto.

37Abxalom fuxiu e foise acoller onda Talmai, fillo de Amihud, rei de Guexur. David gardou loito polo seu fillo Amnón todo ese tempo. 38Abxalom estivo tres anos fuxido en Guexur. 39David acabou consolándose da morte de Amnón e ensumíase por Abxalom.

 

David perdoa a Abxalom

 

Capítulo 14

 

1Decatouse Ioab, fillo de Seruiah, de que o corazón do rei estaba con Abxalom 2e mandou a Tecóah que trouxesen de alí unha muller arteira, á que lle dixo: ‑"Finxe que estás co dó, viste roupas de loito, non te unxas con óleo e fai coma se foses unha muller que leva loito hai tempo por un morto. 3Presentaraste diante do rei e diraslle isto e isto". E Ioab púxolle na boca o que había dicir.

4A muller de Tecóah presentouse ó rei, prostrouse por terra diante del e exclamou: ‑"¡Sálvame, rei!" 5O rei preguntoulle: ‑"¿Que che pasa?" E ela díxolle: ‑"Eu son unha viúva; o meu home morreu. 6A túa serva tiña dous fillos, que pelexaron no campo, sen ninguén que os separase, e un deles feriu ó outro e matouno. 7Agora érguese toda a familia en contra da túa serva e dinme: entréganos o fratricida para matalo, para vingar a morte do irmán. Acabaremos tamén co herdeiro. Dese xeito apagarán a brasa que me queda, e ó meu home non lle deixarán nin nome nin resto sobre a terra".

8O rei díxolle a muller: ‑"Vaite á túa casa, que eu disporei sobre este asunto". 9Entón a muller de Tecóah díxolle ó rei: ‑"Rei, meu señor, que a culpa caia sobre min e sobre a miña familia, pero que queden limpos dela o rei e o seu trono". 10O rei dixo: ‑"Se alguén se mete contigo, tráeo onda min e non volverá molestarte". 11Ela repuxo: ‑"Que o rei pronuncie o nome do Señor, o seu Deus, para que o vingador do sangue non veña causar máis dano, exterminando o meu fillo". E o rei xurou: ‑"Pola vida do Señor, que non caerá por terra un cabelo de teu fillo".

12A muller dixo entón: ‑"Permite que a túa serva lle diga aínda ó rei, meu señor, unha palabra". 13El dixo: ‑"Fala". E ela dixo: ‑"¿Por que matinas desa maneira contra o pobo de Deus? Polo que acaba o rei de dicir resulta culpable, pois non deixa que volva o seu propio desterrado. 14Todos habemos morrer. E como a auga derramada por terra non se pode recoller, dese mesmo xeito Deus non levanta un cadáver. Faga, logo, o rei o proxecto de que o proscrito non siga lonxe del.

15Se eu vin aquí para dicirlle isto ó rei, meu señor, foi porque o pobo me deu medo. A túa serva pensou: voulle falar disto ó rei; poida que el faga caso da súa serva. 16Seguramente o rei escoitará e librará á súa serva das mans dos que queren exterminarnos, ó mesmo tempo, a min e ó meu fillo da herdade de Deus. 17A túa serva pensou: a resposta do rei, meu señor, traerame conforto, pois o rei, meu señor, é coma o anxo de Deus, para distinguir entre o ben e o mal. Que o Señor, o teu Deus, sexa contigo".

18O rei entón díxolle á muller: ‑"Non me ocultes cousa ningunha do que che vou preguntar". E a muller respondeulle: ‑"Fale o rei, meu señor". 19E o rei dixo: ‑"¿Non anda a man de Ioab contigo en todo isto?" A muller respondeu: ‑"Pola túa vida, rei, meu señor, que o que dixeches non marra nin á dereita nin á esquerda. O teu servo Ioab foi o que puxo estas palabras na boca da túa serva.  20O teu servo Ioab fixo isto para disfrazar todo o asunto. Pero o rei, meu señor, é tan sabio coma o anxo de Deus para coñecer todo o que acontece sobre a terra".

21O rei díxolle a Ioab: ‑"Vou dar o consentimento a esa proposta. Vai e trae de volta ó xove Abxalom". 22Ioab postrouse por terra, saudando, e deulle as gracias ó rei. Dixo Ioab: ‑"Agora, rei, meu señor, sei que conto co teu favor pois o rei cumpre os desexos do seu servo".

23Ioab ergueuse e foi a Guexur e trouxo a Abxalom a Xerusalén. 24O rei dispuxo: ‑"Que se retire á súa casa e que non veña verme". E Abxalom retirouse á súa casa sen presentarse diante do rei.

25En todo Israel non había un home tan fermoso coma Abxalom nin tan gabado por todos. Desde os pés á cabeza non tiña un só defecto. 26Cando rapaba o cabelo ‑cousa que facía de ano en ano pois pesáballe moito‑, o peso dos seus cabelos era de douscentos siclos segundo a pesa real. 27A Abxalom nacéranlle tres fillos e unha filla, que se chamaba Tamar, unha rapaza moi fermosa. 28Abxalom residiu por dous anos en Xerusalén sen poder visitar o rei.

29Abxalom mandoulle recado a Ioab para envialo onda o rei; pero Ioab non acudiu. Mandoulle un segundo recado, pero Ioab non se presentou. 30Entón díxolles Abxalom ós seus criados: ‑"Sabedes do eido que ten Ioab ó pé do meu, sementado de orxo. Ide e póndelle lume". E os criados de Abxalom queimaron o eido de Ioab.

31Entón foi Ioab onda Abxalom e preguntoulle: ‑"¿Por que os teus criados lle puxeron lume ó meu eido?" 32Abxalom respondeulle: ‑"Sabes que te mandei chamar e dicirche que viñeses aquí para enviarte onda o rei coa encomenda: ¿Para que vin de Guexur? Mellor sería quedar alí. Agora quero ver o rei. E se houbese en min culpa, que me faga matar". 33Ioab foi onda o rei para dicirllo. E o rei chamou a Abxalom. Abxalom chegou onda o rei e prostrouse por terra diante del e o rei abrazouno.

 

Revolta de Abxalom

 

Capítulo 15

 

1Despois diso Abxalom fíxose cun carro e cabalos e con cincuenta homes que o escoltaban. 2Abxalom erguíase cedo e púñase á entrada da cidade. Dirixíase a todos os que ían ó tribunal do rei cun preito e preguntáballes: ‑"¿Ti de que cidade es?" E el respondíalle: ‑"O teu servo é dunha das tribos de Israel". 3Entón dicíalle Abxalom: ‑"Mira, a túa causa é boa e xusta, pero de parte do rei non hai quen te atenda".

4Despois seguía dicindo: ‑"¡Quen me dera ser eu o xuíz deste país! A todos os que viñesen onda min con preitos e con causas, faríalles pronto xustiza". 5E cando alguén se lle acercaba e o saudaba, el tendíalle a man, agarrábao e abrazábao. 6Dese xeito era como trataba Abxalom ós israelitas que acudían ó tribunal do rei, gañándose, con iso, o corazón de todo Israel.

7O cabo de catro anos Abxalom díxolle ó rei: ‑"Déixame chegar a Hebrón para cumprir unha promesa que lle fixen ó Señor. 8Estando en Guexur de Aram, o teu servo fixo esta promesa: se o Señor me deixa volver a Xerusalén, ofrecereille un sacrificio en Hebrón". 9O rei díxolle: "Vai en paz". E el colleu e foise a Hebrón.

10Abxalom mandou mensaxeiros por todas as tribos de Israel con esta consigna: ‑"Cando oiades o son da trompeta, proclamade: ¡Abxalom reina en Hebrón!"

11De Xerusalén ían con Abxalom douscentos homes, convidados, pero de boa fe, alleos ó que se tramaba. 12Mentres el ofrecía o sacrificio, Abxalom mandou buscar a Ahitófel, o guilonita, conselleiro de David, na súa cidade de Guiloh. A conxura collía forza. Cada vez eran máis os que seguían a Abxalom.

 

Fuxida de David

 

13Chegou onda David un mensaxeiro que lle dixo: ‑"O corazón dos israelitas vaise con Abxalom". 14Entón mandoulles David a todos os seus servidores, que estaban con el en Xerusalén: ‑"Preparádevos e fuxamos; se non, non daremos escapado de Abxalom. Fuxamos de présa, que non se nos adiante. Se nos colle, estamos perdidos. Pasará a cidade polo fío da espada". 15Os servidores dixéronlle ó rei: ‑"Os teus servidores están dispostos a facer o que diga o rei".

16Saíron, logo, a pé o rei e a súa familia, quedando dez concubinas á garda do pazo real. 17Saíron todos a pé, o rei e toda a súa xente, e paráronse onda unha casa que había nas aforas. 18Os servidores do rei puxéronse todos do seu lado; pero os quereteos, os peleteos e os gueteos, que viñeran con el de Gat en número de seiscentos, puxéronse diante do rei.

19O rei preguntoulle a Itai de Gat: ‑"¿Por que tes que vir connosco tamén ti? Dá a volta e queda co rei, pois ti es un estranxeiro, desterrado do teu país. 20Chegaches onte, ¿e voute obrigar xa hoxe a ir connosco, cando eu mesmo vou para onde cadre? Dá a volta e leva contigo os teus irmáns. E que o Señor mostre contigo o seu amor e a súa fidelidade". 21Pero Itai respondeulle ó rei: ‑"¡Pola vida do Señor e pola do meu amo, o rei! Onde queira que estea o rei, meu señor, alí estará o teu servo, o mesmo para a morte que para a vida". 22Entón David díxolle a Itai: ‑"Ven, logo, pasa". Itai o gueteo pasou para diante, con todos os seus homes e con toda a súa familia.

23Toda a xente choraba a berros. O rei pasou o torrente Cedrón e pasaron todos con el, camiño do deserto. 24Ia tamén Sadoc e con el todos os levitas. Levaban a arca da alianza do Señor e puxérona onda Abiatar, ata que acabou de saír da cidade a xente toda.

25O rei mandoulle a Sadoc: ‑"Devolve a arca de Deus para a cidade. Se o Señor me dispensa o seu favor, fará que poida volver e permitirame ver a arca e a súa morada. 26Pero se El me di que non son do seu agrado, aquí me ten; que faga comigo o que lle pareza". 27E o rei díxolle ó sacerdote Sadoc: ‑"Volvede tranquilos para a cidade, ti e o teu fillo Ahimaas, e Abiatar e o seu fillo Ionatán; vós e vosos dous fillos. 28Vede, eu agardarei nos pasos do deserto, mentres me chega unha palabra vosa que me informe". 29Sadoc e Abiatar volveron coa arca de Deus para Xerusalén e quedaron alí.

30David subía chorando pola costa das Oliveiras, coa cabeza cuberta e os pés descalzos. Toda a súa xente cubrira a cabeza e subía tamén chorando. 31Dixéronlle a David: ‑"Ahitófel está na conxura de Abxalom". E David pediu: ‑"Entolece, Señor, o consello de Ahitófel".

32Cando David chegou ó cume da montaña onde se adoraba a Deus, saíulle ó encontro Huxai, o arquita, coa túnica rachada e coa cabeza cuberta de po. 33David díxolle: ‑"Se vés comigo, serás para min unha carga. 34Pero, se volves á cidade e lle dis a Abxalom: Rei, eu quero ser o teu servo. Primeiro fun servo de teu pai, pero agora quero ser teu, entón farás fracasar no meu proveito o consello de Ahitófel.

35Alí tes contigo os sacerdotes Sadoc e Abiatar. Todo o que oias no pazo do rei, cóntallelo a Sadoc e a Abiatar. 36Alí con eles están os seus dous fillos, Ahimaas de Sadoc e Ionatán de Abiatar. Por eles mandarédesme informes de todo o que oiades". 37Huxai, amigo de David, chegaba á cidade, cando Abxalom facía a súa entrada en Xerusalén.