Capítulos 1-5

Elías e Ocozías

 

Capítulo 1

 

1Despois da morte de Acab, Moab revirouse contra Israel. 2Ocozías caeu da varanda do piso alto do seu pazo, en Samaría, e quedou maltreito. Entón enviou mensaxeiros e encargoulles: ‑"Ide consultar a Baal-Zebub, deus de Ecrón,  se curarei destas feridas".

3Un anxo do Señor díxolle a Elías texbita: ‑"Sáelles ó camiño ós mensaxeiros do rei de Samaría e pregúntalles: ¿Seica non hai Deus en Israel, para que teñades que ir consultar a Baal-Zebub, deus de Ecrón? 4Isto, pois, di o Señor: do leito ó que subiches, non volverás baixar. Morrerás sen remedio". E Elías logo marchou.

5Volveron os mensaxeiros onda o rei, e este preguntoulles: ‑"¿Como é que destes a volta?" 6Respondéronlle eles: ‑"Saíunos ó paso un home, que nos dixo: volvede onda o rei que vos mandou e dicídelle: isto di o Señor: ¿Seica non hai Deus en Israel, para que teñas que mandar consultar a Baal-Zebub, deus de Ecrón? Por iso, do leito ó que subiches, non volverás baixar. Morrerás sen remedio".

7O rei preguntoulles: ‑"¿Que traza tiña o home que vos saíu ó camiño e que vos dixo esas cousas?" 8Respondéronlle eles: ‑"O home levaba un manto de pelos, cinguido cun cinto de coiro polo van". O rei dixo: ‑"Era Elías texbita".

9O rei mandou entón un xefe de cincuentena, cos seus cincuenta homes, que fose á busca del. Atopouno sentado no cume da montaña e díxolle: ‑"Home de Deus, o rei manda que baixes". 10Elías respondeulle ó xefe da cincuentena: ‑"Se eu son un home de Deus, que caia lume do ceo e que vos devore, a ti e á túa cincuentena". Niso caeu lume do ceo e devorounos, a el e ós cincuenta.

11O rei mandou entón outro xefe de cincuentena, cos seus cincuenta homes. Foi onda el e faloulle: ‑"Home de Deus, o rei ordena que baixes de seguida". 12Elías respondeulle: ‑"Se eu son un home de Deus, que caia lume do ceo e que vos devore, a ti e á túa cincuentena". Niso caeu un lume de Deus dende o ceo, e devorounos, a el e ós seus cincuenta homes.

13O rei mandou por terceira vez un xefe de cincuentena, cos seus cincuenta homes. O xefe, en chegando onda Elías, axeonllouse diante del e suplicoulle: ‑"Home de Deus, que a miña vida e a destes cincuenta homes, servos teus, sexan preciosas para ti. 14Ves que caeu lume do ceo e devorou os xefes que me precederon, coas súas cincuentenas. Agora, que a miña vida sexa preciosa para ti".

15Un anxo do Señor díxolle entón a Elías: ‑"Baixa con el; non lle teñas medo". E baixou con el onda o rei. 16Elías díxolle: ‑"Isto di o Señor: mandaches mensaxeiros consultar a Baal-Zebub, deus de Ecrón, coma se non houbese Deus en Israel, para consultar a súa palabra. Por iso, do leito ó que subiches, non volverás baixar, pois morrerás sen remedio".

17E Ocozías morreu, conforme a palabra do Señor por medio de Elías. Como non tiña fillos, sucedeulle no trono o seu irmán Ioram, no ano segundo do reinado de Ioram, fillo de Ioxafat, sobre Xudá. 18O resto da historia de Ocozías, todo o que fixo, ¿non está escrito no Libro das Crónicas dos reis de Israel?

 

Elías, arrebatado cara ó ceo

 

Capítulo 2

 

1Cando o Señor ía arrebatar a Elías nun remuíño cara ó ceo, Elías e Eliseo saíron de Guilgal. 2Elías díxolle a Eliseo: ‑"Queda aquí, porque o Señor mándame a min chegarme a Betel". Respondeulle Eliseo: ‑"Pola vida do Señor e pola túa vida, que non te deixarei". E foron os dous a Betel.

3Saíron os fillos dos profetas que había en Betel ó paso de Eliseo e dixéronlle: ‑"¿Sabías que o Señor vai arrebatar hoxe ó teu amo por enriba da túa cabeza?" Respondeu el: ‑"Xa o sei. ¡Calade!"

4Elías díxolle a Eliseo: ‑"Queda aquí. O Señor manda que eu me chegue a Xericó". Respondeulle el: ‑"Pola vida do Señor e pola túa, que non te deixarei". E foron os dous a Xericó. 5Os fillos dos profetas de Xericó achegáronse a Eliseo e dixéronlle: ‑"¿Sabías que o Señor vai arrebatar hoxe ó teu amo por enriba da túa cabeza?" Respondeu el: ‑"Xa o sei. ¡Calade!"

6Elías díxolle a Eliseo: ‑"Queda aquí. O Señor quere que eu me chegue ó Xordán". Respondeulle el: ‑"Pola vida do Señor e pola túa, que non te deixarei". E marcharon os dous.

7Cincuenta homes de entre os fillos dos profetas fóronos seguindo desde lonxe, e detivéronse en fronte deles, mentres eles os dous estaban parados na ribeira do Xordán. 8Elías colleu o seu manto e dobrouno, e bateu nas augas con el. As augas dividíronse, cara a un lado e cara ó outro, e pasaron os dous a pé enxoito.

9Despois de que pasaron, Elías díxolle a Eliseo: ‑"Pide o que queiras que faga por ti, antes de que sexa arrebatado do teu lado". Eliseo pediu: ‑"Que do teu espírito reciba eu dúas partes". 10Respondeulle Elías: ‑"Pides cousa difícil. Pero terala, se me ves cando eu sexa arrebatado de onda ti; se non, non a terás".

11Mentres ían andando e falando, un carro de lume, con cabalos de lume, separounos, e Elías subiu cara ó ceo nun remuíño. 12Eliseo ollaba e berraba: ‑"¡Meu pai, meu pai, carro e condutor de Israel!"

Cando deixou de velo, Eliseo colleu a súa túnica e rachouna en dúas. 13Despois ergueu do chan o manto que lle caera a Elías e foise con el á ribeira do Xordán. 14Agarrado o manto, bateu con el nas augas, dicindo: ‑"¿Onde está o Señor, Deus de Elías, onde?" O bater as augas co manto, as augas dividíronse, cara a un lado e cara ó outro, e Eliseo pasou.

15Os fillos dos profetas que había en Xericó vírono desde en fronte e comentaron: ‑"O espírito de Elías pousou en Eliseo". Entón saíronlle ó encontro, prostráronse diante del 16e dixéronlle: ‑"Aquí, entre os teus servos, hai cincuenta homes valentes. Deixa que vaian en busca do teu amo, quizais o espírito do Señor o levantou e o botou nun monte ou nun regato". Eliseo respondeulles: ‑"Que non vaian". 17Pero eles insistiron, ata que el se cansou e dixo: ‑"Pois que vaian". Mandaron cincuenta homes e buscárono por tres días; mais non o atoparon. 18Volveron onda Eliseo, que seguía en Xericó. E el díxolles: ‑"¿Non vos dixen que non fosedes?"

 

Milagres de Eliseo

 

19A xente da cidade díxolle a Eliseo: ‑"Como o noso señor pode ver, o emprazamento da cidade é bo, pero as augas son ruíns e a terra estéril". 20Díxolles el: ‑"Traédeme un prato novo e botade nel un pouco sal". E eles trouxéronllo. 21El foi onda a fonte e botou o sal nela, ó tempo que dicía: ‑"Isto di o Señor: eu purifico estas augas. Xa non sairá dela máis esterilidade nin máis morte". 22E as augas quedaron puras ata hoxe, conforme a palabra de Eliseo.

23De alí subiu Eliseo a Betel e, cando ía polo camiño, saíronlle os rapaces da cidade e moqueábanse del: ‑"¡Sube, calvo! ¡Sube, calvo!" 24El volveuse para atrás, mirounos e maldiciunos no nome do Señor. Entón saíron dous osos da carballeira e esnaquizaron a corenta e dous de entre os rapaces. 25De alí foi Eliseo para o monte Carmelo, e desde alí volveu despois para Samaría.

 

Ioram de Israel

 

Capítulo 3

 

1Ioram, fillo de Acab, empezou a reinar sobre Israel, en Samaría, no ano dezaoito do reinado de Ioxafat en Xudá. Reinou doce anos.

2Fixo o mal ós ollos do Señor, mais non tanto coma seu pai e súa nai, pois retirou a estela que erixira seu pai en honor de Baal. 3Persistiu nos pecados que Ieroboam, fillo de Nabat, fixera cometer a Israel, sen arredar nada deles.

 

Guerra contra Moab

 

4Mesa, rei de Moab, criaba moito gando, e pagáballe ó rei de Israel un tributo de cen mil cordeiros e a lá de cen mil carneiros. 5Pero, á morte de Acab, o rei de Moab revirouse contra o rei de Israel.

6Entón o rei Ioram saíu de Samaría e pasou revista a todo Israel. 7Despois mandoulle esta mensaxe a Ioxafat, rei de Xudá: ‑"O rei de Moab revirouse contra min. ¿Queres vir ti comigo á guerra contra Moab?" El respondeulle: ‑"Irei. Conta comigo coma contigo, cos meus soldados coma cos teus, coa miña cabalería coma coa túa". 8E preguntou: ‑"¿Que camiño colleremos?" Respondeulle Ioram: ‑"O camiño de Edom".

9Os reis de Israel, de Xudá e de Edom puxéronse en movemento. Os sete días de camiño faltou a auga, tanto para o exército coma para os animais que o seguían. 10O rei de Israel exclamou: ‑"¡Ai, o Señor convocou estes tres reis para entregalos nas mans de Moab!"

11Entón preguntou Ioxafat: ‑"¿Non hai por aquí un profeta do Señor, para consultar por el ó Señor?" Un oficial do rei de Israel respondeulle: ‑"Está aquí Eliseo, fillo de Xafat, que vertía auga nas mans de Elías". 12A iso dixo Ioxafat: ‑"El ten palabra do Señor". E baixaron onda el o rei de Israel, Ioxafat e o rei de Edom.

13Entón dixo Eliseo ó rei de Israel: ‑"¿Que teño eu que ver contigo? Vai onda os profetas de teu pai e onda os profetas de túa nai". Pero o rei de Israel teimou: ‑"Non; pois o Señor convocou estes tres reis, para entregalos nas mans de Edom". 14Niso dixo Eliseo: ‑"¡Pola vida do Señor dos exércitos, a quen sirvo! Se non fose por Ioxafat, rei de Xudá, a ti non che faría caso ningún nin che miraría a cara. 15Agora traédeme un músico". E mentres o home tocaba a arpa, pousouse a man do Señor sobre Eliseo.

16Eliseo falou: ‑"Isto di o Señor: abride nese regato seco moitas canles. 17O Señor di: non veredes vento nin veredes choiva, pero ese regato seco encherase de auga, e poderedes beber vós, o voso gando e as vosas bestas de carga. 18Pero isto é pouco ós ollos do Señor. El entregará Moab nas vosas mans. 19Vós destruiredes as súas prazas fortes e as cidades fortificadas, tallaredes as árbores mellores, cegaredes as fontes e cubriredes de pedras os seus máis vizosos agros".

20Pola mañá, á hora da ofrenda, corría a auga da parte de Edom, alagando toda a bisbarra. 21Os moabitas, ó seren informados de que aqueles reis querían atacalos, chamaran a todos os homes rexos para a guerra e puxéranos nas fronteiras. 22O erguérense de mañá, cando o sol brillaba nas augas, os moabitas víanas alá, en fronte deles, rubias coma o sangue. 23E exclamaron: ‑"¡Isto é sangue! De seguro que os reis botaron man das súas espadas e matáronse uns ós outros. Agora, Moab, ¡ós espolios!".

24Mais, chegados ó campamento de Israel, o exército israelita levantouse e derrotou ós moabitas, que fuxiron diante deles. Entraron no territorio de Moab e arrasárono. 25Estragaron as súas cidades, o bo terreo cubrírono de pedras, cada un tirou a súa; cegaron as fontes e tallaron as árbores mellores. De Quir-Haráxet quedaron soamente as pedras, despois de que a cercaron e a destruíron os arqueiros.

26Vendo que non podía soster a loita, o rei de Moab colleu consigo setecentos homes armados de espadas, para abrirse camiño cara ó reino de Edom; pero non puideron conseguilo. 27Entón colleu o seu fillo primoxénito, o que ía ser o sucesor, e sacrificouno enriba das murallas. Daquela houbo tan grande indignación contra os israelitas, que estes se foron de alí e volveron para a súa terra.

 

O aceite da viúva

 

Capítulo 4

 

1A muller dun dos fillos dos profetas laiouse ante Eliseo: ‑"O meu home, teu servo, morreu, e ti sabes que el era unha persoa que respectaba ó Señor. Agora veu o acredor, para levarme de escravos os dous fillos".

2Eliseo preguntoulle: ‑"¿Que podo facer por ti? Dime que tes na túa casa". Respondeulle ela: ‑"A túa serva non ten na casa máis ca unha aceiteira de aceite". 3El díxolle: ‑"Sae fóra e pídelles olas emprestadas ás veciñas; non te quedes curta en traer olas baldeiras. 4Logo, entra na túa casa e pechádevos nela, ti e mais os teus fillos. Enches de aceite esas olas e vas apartando as que estean cheas".

5A muller foi e pechouse na casa, ela e os seus fillos. Eles acercábanlle as olas, e ela enchíaas de aceite. 6Cando xa estaban todas cheas, díxolle a un dos fillos: ‑"Dáme outra ola". El díxolle: ‑"Xa non queda ningunha". E o aceite parou de correr. 7Ela foillo contar ó home de Deus, e este díxolle: ‑"Vai e vende o aceite e págalle ó teu acredor. Ti e mais os teus fillos viviredes co resto".

O fillo da xunamita

8Un día que pasaba Eliseo por Xunam, unha muller rica porfioulle que quedase a xantar. Desde aquela, cada vez que pasaba por alí, detíñase a comer. 9A muller díxolle ó seu home: ‑"Escoita, eu sei que ese home de Deus, que pasa sempre por aquí, é un santo varón. 10Podiámoslle preparar arriba no faiado un cuarto pequeno, cunha cama, unha mesa, unha cadeira e un candeeiro, para que poida descansar, cando pase por onda nós".

11Un día que Eliseo pasaba por alí, retirouse ó cuarto e durmiu nel. 12Díxolle á Guehazí, o seu criado: ‑"Chama a esa xunamita". El chamouna, e ela presentouse diante del. 13Eliseo mandoulle dicir: ‑"Escoita, ti colliches por nós moitas canseiras. ¿Que podo eu facer por ti? Se queres, recoméndote ó rei ou ó xefe do exército". Respondeu ela: ‑"Eu vivo coa miña xente". 14Pero Eliseo insistiu: ‑"¿Que se pode facer por ela?". 15Guehazí dixo: ‑"Unha cousa: ela non ten fillos, e o seu home é vello".

16Entón dixo Eliseo: ‑"Chama por ela". El chamouna, e ela presentouse onda a porta. Eliseo anuncioulle: ‑"O ano que vén, por estas datas, terás un fillo no colo". Ela dixo: ‑"Non, meu señor. Non enganes a túa serva, home de Deus". 17Pero a muller concibiu e pariu un fillo, no ano seguinte, naquelas datas, segundo lle dixera Eliseo.

18O neno medraba ben. Un día saíu en busca de seu pai, que andaba na seitura, 19e empezou a berrar cara a el: ‑"¡Ai, miña cabeza, ai, miña cabeza!". O pai díxolle a un criado: ‑"Lévallo á súa nai". 20E el colleuno e levoullo á nai.

O neno estivo no seu colo ata o mediodía, e nese instante morreu. 21Ela levouno arriba e deitouno no leito do home de Deus. Logo pechou a porta e saíu.

22Chamou polo seu home e díxolle: ‑"Mándame un criado cunha burra. Voume chegar de seguida onda o home de Deus, e logo volvo". 23El preguntoulle: ‑"¿Por que vas onda el hoxe, que non é lúa nova nin sábado?". Pero ela respondeulle: ‑"Queda con Deus".

24Fixo aparellar a burra e díxolle ó criado: ‑"Colle o ramal e camiña. Se eu non cho mando, non me fagas deter no camiño". 25E púxose a camiñar, para encontrarse co home de Deus, que estaba no monte Carmelo. Cando o home de Deus a viu vir desde lonxe, díxolle ó seu criado: ‑"Alí chega a xunamita. 26Vai agora mesmo correndo ó seu encontro e pregúntalle se están ben ela, o seu home e o seu neno". Ela respondeulle: ‑"Estamos ben". 27Pero, en chegando onda o home de Deus, na montaña, abrazouse ós seus pés. Guehazí foi para apartala, mais o home de Deus díxolle: ‑"Déixaa, pois a súa alma está amargada, e o Señor ocultoumo e non mo comunicou".

28Ela dixo: ‑"¿Pedinlle eu quizais un fillo ó meu señor? ¿Non che dixen que non me enganases?". 29Eliseo dixo a Guehazí: ‑"Cínguete co meu cinto, colle na man o meu bastón e ponte en camiño. Se te atopas con alguén, non te pares a saudalo; se te saúda el, non lle respondas. Vai e pon o meu bastón sobre a cara do neno". 30Pero a nai do neno exclamou: ‑"Polo Deus vivo e pola túa vida, que non te deixarei". Entón Eliseo foi canda ela.

31Guehazí colleulles a dianteira e foi poñer o bastón sobre a cara do neno; mais este non falaba nin daba sinal de vida. Volveu onda Eliseo e díxolle: ‑"O neno non esperta". 32Eliseo entrou na casa e atopou o neno morto, deitado no seu leito. 33Pechou a porta por dentro, tralos dous, e rezoulle ó Señor. 34Logo subiu no leito e deitouse enriba do neno, estendido sobre el, a boca coa boca, os ollos cos ollos, e as mans coas mans. E o corpo do neno foi quecendo. 35Eliseo púxose entón a dar voltas pola casa, de acá para alá, e volta a subir no leito e tenderse enriba do neno. Así ata sete veces. Niso o neno espirrou e comezou a abrir os ollos.

36Eliseo chamou a Guehazí, para dicirlle: ‑"Chama a esa xunamita". El chamouna. Entrou ela onda Eliseo, e este díxolle: ‑"Anda, colle o teu neno". 37Ela entrou e botouse ós seus pés, prostrándose por terra. Despois colleu o fillo e saíu.

 

Outros milagres

 

38Eliseo volveu para Guilgal. No país pasábase fame. Os fillos dos profetas estaban con Eliseo, e este díxolle ó seu criado: "Pon no lume a ola grande e prepara un caldo para todos".

39Un deles saíu ó campo, pescudando unhas herbas. Atopou unha videira brava e colleu uns morotes, ata encher deles o manto. Volveu con eles, partiunos e botounos na ola do caldo sen saber o que eran. 40Botáronlles ós homes o xantar, e en canto estes probaron a comida, empezaron a berrar: ‑"¡A morte na ola, home de Deus!". E non puideron comer. 41Eliseo ordenoulles entón: ‑"Traédeme fariña". El botouna na ola e dixo: ‑"Sírvella á xente, e que coma". Na ola non había xa cousa danosa.

42Daquela chegou de Baal-Xalixah un home, que lle traía ó home de Deus o pan das primicias: vinte pans de cebada e trigo novo na alforxa. Eliseo díxolle: ‑"Dállos á xente, e que coman". 43O seu servidor preguntoulle: ‑"¿Que é isto para cen persoas?". A iso Eliseo respondeu: ‑"Dállos á xente, e que coman, pois isto di o Señor: comerán e sobrará". 44El serviullos á xente, que comeu; e aínda sobrou, conforme a palabra do Señor.

 

Cura de Naamán

 

Capítulo 5

 

1Naamán, xefe do exército do rei de Aram, era un home de clase, mirado polo seu amo en moita estima, porque por el déralle o Señor vitorias a Aram. Pero este home valente era leproso.

2Nunha das súas batidas, os arameos levaran cativa do país de Israel unha rapaza nova, que quedou logo de criada onda a muller de Naamán. 3Díxolle á súa señora: ‑"Oxalá o meu señor fose onda o profeta que hai en Samaría. El si que o libraría da súa enfermidade".

4Naamán foille dicir ó seu soberano que isto e isto dixera a rapaza israelita. 5O rei de Aram aconsellouno: ‑"Vai alá. Eu dareiche unha carta para o rei de Israel". E Naamán púxose en camiño, levando consigo dez talentos de prata, seis mil siclos de ouro e dez mudas de vestir. 6Levaba tamén a carta para o rei de Israel, na que se dicía: ‑"En recibindo esta carta, verás que che mando o meu ministro Naamán, para que o sandes da lepra".

7Cando o rei de Israel leu esta carta, rachou as súas vestiduras exclamou: ‑"¿Seica son eu un deus, con poder de dar a morte ou a vida, para que ese me mande dicir que sande un home da lepra? Fixádevos ben e veredes que me está provocando". 8Cando o home de Deus, Eliseo, oíu que o rei de Israel rachara as súas vestiduras, mandoulle dicir: ‑"¿Por que rachas as vestiduras? Que veña onda min, e saberá que hai un profeta en Israel".

9Foi, pois, Naamán, cos seus cabalos e os seus carros, e parouse á entrada da casa de Eliseo. 10Eliseo mandoulle dicir, por medio dun mensaxeiro: ‑"Vai e lávate sete veces no Xordán, e o teu corpo quedará limpo". 11Naamán enfadouse, e marchábase, dicindo: ‑"Eu pensei que sairía el mesmo ó meu encontro, que se poría a invocar o nome do Señor, seu Deus, que pasaría logo a súa man sobre a parte doente e que con iso me libraría da miña enfermidade. 12¿Seica non valen máis os ríos de Damasco, o Abanah e o Parpar, ca todas as augas de Israel? ¿Non podo bañarme neles, e así quedar limpo?" E con esas deu volta e íase alporizado.

13Entón chegáronse onda el os seus criados e dixéronlle: ‑"Señor, se o profeta che mandase algo difícil, ¿non o farías? Canto máis se só che mandou: lávate e quedarás limpo".

14Baixou el entón ó Xordán e mergullouse na súa auga sete veces, segundo lle mandara o home de Deus. A súa carne tornouse entón coma a dun neno pequeno, e quedou limpo.

15Volveu Naamán con toda a súa compaña onda o home de Deus e presentóuselle, dicindo: ‑"Agora recoñezo que non hai deus en toda a terra, fóra do Deus de Israel. Acepta, pois, un regalo do teu servo". 16Respondeulle Eliseo: ‑"Polo Señor vivo a quen sirvo, que non aceptarei cousa ningunha". E por moito que lle insistiu para que aceptase, el negouse.

17Naamán dixo entón: ‑"Pois logo, permite que o teu servo leve unha carga desta terra, a que poidan cargar dúas mulas, pois o teu servo non ofrecerá holocaustos nin sacrificios a deus ningún, senón só ó Señor. 18E que o Señor me perdoe unha cousa. Cando o meu amo entre no templo de Rimón para adoralo, apoiado na miña man, e eu mesmo me prostre tamén no templo de Rimón, que o Señor perdoe ó teu servo este feito". 19A iso díxolle Eliseo: ‑"Vai en paz".

Naamán afastárase xa un longo treito, 20cando Guehazí, criado do home de Deus, Eliseo, se puxo a pensar: ‑"O meu amo foi mirado de máis con ese arameo, Naamán, non aceptando cousa ningunha de canto lle ofrecía. ¡Polo Señor vivo! Vou correndo tras el, a ver se me dá algunha cousa".

21Guehazí botouse detrás de Naamán. O velo este correndo detrás del, tirouse do seu carro e saíulle ó encontro. E preguntoulle: ‑"¿Vai todo ben?" 22‑"Ben. Pero o meu amo mandoume dicirche que acaban de chegar onda el dous mozos dos fillos dos profetas, da montaña de Efraím. Dáme para eles, por favor, un talento de prata e dúas mudas de vestir". 23Naamán respondeulle: ‑"Mellor que aceptes dous talentos". E insistiu, ata meterlle en dúas bolsas dous talentos de prata e dúas mudas, que llelos entregou a dous criados para que os levasen ante Guehazí. 24Cando eles chegaron ó outeiro, Guehazí colleuno todo e gardouno na súa casa. Logo despediu os homes, e estes fóronse.

25Despois foi Guehazí presentarse ó seu amo. Eliseo preguntoulle: ‑"¿De onde vés, Guehazí?" El respondeulle: ‑"O teu servo non foi a ningún lado". 26Eliseo díxolle: ‑"¿Non ía contigo o meu espírito, cando un home saltaba do seu carro ó teu encontro? ¿Son horas de coller prata e vestidos e de adquirir oliveiras e viñas, rabaños e gando, servos e servas? 27A lepra de Naamán apegaráseche a ti e ós teus descendentes, para sempre". E Guehazí saíu co mal gafo de onda el, dun brancor coma de neve.