Capítulos 31-36

Capítulo 31

 

1Rematada a festa, todos os israelitas presentes percorreron as cidades de Xudá destruíndo os cipos, tallando as estelas e derrubando as ermidas e os altares de todo Xudá, Benxamín, Efraím e Menaxés ata que non quedou ningún. Logo cada un volveu á súa casa e cidade.

2Ezequías organizou por clases ós sacerdotes e levitas, asignando a cada un a súa función sacerdotal ou levítica: ofrecer holocaustos e sacrificios de comuñón, dar grazas e loar e servir á entrada dos campamentos do Señor. 3Destinou parte dos bens da coroa a toda clase de holocaustos: matutinos e vespertinos, dos sábados, principios de mes e festividades, como manda a Lei do Señor. 4Os habitantes de Xerusalén ordenoulles axudar economicamente ós sacerdotes e levitas para que se puidesen dedicar á Lei do Señor. 5Cando se espallou a orde, os israelitas recolleron as primicias do trigo, do mosto, do aceite, do mel e de todos os produtos agrícolas e entregaron abundantes décimos de todo. 6Tamén os israelitas e xudeus que habitaban nas cidades de Xudá entregaron o décimo do gando maior e menor e o décimo das cousas sacrosantas dedicadas ó Señor, dispoñéndoos en montóns. 7Comezaron a facer os montóns en maio e terminaron en outubro. 8Cando chegaron Ezequías e as autoridades, ó veren os montóns, bendiciron ó Señor e ó seu pobo, Israel. 9Ezequías pediu ós sacerdotes e levitas que o informasen sobre eles. 10O sumo sacerdote Azarías, da familia de Sadoc, díxolles:

‑"Desde que comezaron a traer ofrendas ó templo, comemos a fartar, pero sobrou moito, porque o Señor bendiciu ó seu pobo. Toda esta cantidade é o que sobrou".

11Ezequías deu orde de preparar uns silos no templo. Cando o fixeron, 12levaron fielmente as ofrendas, o décimo e os dons sacrosantos. Encargaron deles ó levita Conanías e a seu irmán Ximí coma axudante. Por orde do rei Ezequías e de Azarías, prefecto do templo, nomearon inspectores a 13Iehiel, Azaías, Náhat, Asahel, Ierimot, Iozabad, Eliel, Ismaquías, Máhat e Benaías, ás ordes de Conanías e de seu irmán Ximí. 14O levita Coré, fillo de Imnah, porteiro da Porta de Oriente, estaba encargado das ofrendas voluntarias e de administrar as ofrendas do Señor e os dons sacrosantos. 15As súas ordes estaban Edén, Miniamín, Xesús, Semaías, Amarías e Xecanías, repartidos polas cidades sacerdotais para aprovisionaren permanentemente a seus irmáns segundo ás súas clases, fosen grandes ou pequenos, 16con tal de que estivesen inscritos entre os varóns a partir dos tres anos; é dicir, provían a todos os que entraban diariamente ó servizo do templo para realizar as funcións asignadas ás súas clases.

17Os sacerdotes estaban rexistrados por familias; e os levitas ‑a partir dos vinte anos‑ polas súas funcións e clases. 18Debíanse rexistrar con toda a súa familia, mulleres, fillos e fillas, todo o grupo, porque habían de ser fieis á súa consagración. 19Respecto ós sacerdotes aharonitas que vivían nos arrabaldes das cidades, en todas elas había persoas encargadas nominalmente de prover ós sacerdotes varóns e a todos os levitas inscritos no rexistro.

20Ezequías impuxo esta norma en todo Xudá. Actuou con bondade, rectitude e fidelidade de acordo co Señor, seu Deus. 21Todo o que emprendeu ó servizo do templo, da Lei e dos preceptos, fíxoo servindo ó seu Deus de todo corazón. Por iso tivo éxito.

 

Capítulo 32

 

1Despois destes actos de lealdade, Senaquerib, rei de Asiria, púxose en marcha, chegou a Xudá, cercou as fortalezas e deu orde de conquistalas. 2Ezequías advertiu que Senaquerib viña disposto a atacar Xerusalén. 3Reunido en consello coas autoridades civís e militares, propuxo cegar as fontes de auga que había fóra da cidade e mostráronse de acordo. 4Reuniron moita xente e cegaron todas as fontes e o torrente que atravesaba a cidade, dicíndose: ‑"Só falta que cando veña o rei de Asiria encontre auga en abundancia" 5Con gran enerxía reparou toda a muralla derruída, coroouna con torres, edificou unha barbacá, fortificou a zona do terraplén da Cidade de David, e fixo numerosas armas curtas e adargas. 6Nomeou xefes militares ó mando da poboación, reuniunos na Praza Maior e arengounos con estas palabras:

7‑"¡Animo e valor! Non vos asustedes nin acovardedes ante o rei de Asiria e a multitude que o segue. Nós contamos con algo máis grande ca el. 8El conta con forzas humanas, nós co Señor, noso Deus, que nos auxilia e guerrea connosco".

O pobo animouse coas palabras de Ezequías, rei de Xudá.

9Máis tarde, mentres Senaquerib, rei de Asiria, cercaba Láquix con todas as súas tropas, mandou uns mensaxeiros a Xerusalén para que dixesen a Ezequías, rei de Xudá, e a todos os xudeus que se encontraban en Xerusalén:

10‑"Así di Senaquerib, rei de Asiria: ¿En que confiades para seguir nunha cidade cercada como Xerusalén? 11¿Non vedes que Ezequías vos está enganando e vos leva a morrer de fame e de sede cando di: O Señor, noso Deus, salvaranos da man do rei de Asiria? 12¿Non foi el quen suprimiu as súas ermidas e os seus altares ordenando a xudeus e xerosolimitanos que se prostren e queimen incenso ante un só altar? 13¿Non sabedes o que fixen eu e o que fixeron os meus antepasados con todos os pobos do mundo? ¿Acaso os deuses deses pobos puideron librar os seus territorios da miña man? 14¿Que deus deses pobos que exterminaron os meus antepasados conseguiu librar a súa xente da miña man? ¿E vaivos poder salvar o voso Deus? 15Non vos deixedes enganar e seducir por Ezequías. Non confiedes nel. Ningún deus de ningunha nación ou reino puido librar o seu pobo da miña man e da dos meus antepasados. ¡E vaivos poder librar o voso Deus!"

16Os mensaxeiros seguiron falando contra o Señor Deus e contra o seu servo Ezequías. 17Senaquerib escribira tamén unha mensaxe inxuriando ó Señor, Deus de Israel, e dicindo contra El: ‑"O mesmo que os deuses nacionais non libraron ós seus pobos da miña man, tampouco o Deus de Ezequías non librará ó seu pobo". 18Falaban a voces, en hebreo, ó pobo de Xerusalén que se encontraba na muralla, para atemorizalo e amedrentalo a fin de se apoderaren da cidade. 19Falaron do Deus de Xerusalén coma se tratase dun deus calquera, fabricado por homes.

20O rei Ezequías e o profeta Isaías, fillo de Amós, puxéronse en oración con este motivo e clamaron ó ceo. 21Entón o Señor mandou un anxo, que aniquilou a todos os soldados e ós xefes e oficiais do campamento do rei asirio. Este volveu ó seu país derrotado, e unha vez que entrou no templo do seu deus, asasinárono alí seus propios fillos.

22O Señor salvou a Ezequías e ós habitantes de Xerusalén das mans de Senaquerib, rei de Asiria, e de todos os inimigos, concedéndolles paz nas fronteiras. 23Moita xente veu a Xerusalén para ofreceren dons ó Señor e presentes a Ezequías de Xudá, que daquela adquiriu gran prestixio en todas as nacións.

24Por entón, Ezequías enfermara de morte. Orou ó Señor, que lle prometeu sandalo e lle concedeu un prodixio. 25Pero Ezequías non correspondeu a este beneficio, ó contrario, envaeceuse e atraeu sobre si, sobre Xudá e sobre Xerusalén a cólera do Señor. 26Pero logo arrepentiuse do seu orgullo xunto con todos os habitantes de Xerusalén, e o Señor non se volveu alporizar contra eles na vida de Ezequías. 27Ezequías tivo gran riqueza e prestixio. Acugulou gran cantidade de prata, ouro, pedras preciosas, perfumes, adargas e obxectos de valor de todas as clases; 28construíu silos para as colleitas de trigo, mosto e aceite, cortes para todo tipo de gando e curros para os rabaños. 29Edificou cidades e reuniu un inmenso rabaño de ovellas e vacas, porque Deus lle concedeu moitísimos bens.

30Foi Ezequías quen cegou a saída superior das augas de Guihón e desviounas por un subterráneo á parte occidental da Cidade de David. Triunfou en todas as súas empresas; 31e cando os príncipes de Babilonia lle enviaron mensaxeiros para se informaren do prodixio que sucedera no seu país, se Deus o abandonou foi para pólo á proba e coñecer as súas intencións.

32Para máis datos sobre Ezequías e sobre as súas obras de piedade, véxanse o libro do profeta Isaías, fillo de Amós, e o libro dos Reis de Xudá e Israel. 33Cando morreu Ezequías enterrárono na costa das tumbas dos descendentes de David. Os xudeus e a poboación de Xerusalén dedicáronlle un gran funeral. O seu fillo Menaxés sucedeuno no trono.

 

Menaxés de Xudá

 

Capítulo 33

 

1Menaxés tiña doce anos cando subiu ó trono, e reinou en Xerusalén cincuenta e cinco anos. 2Fixo o que o Señor reproba, imitando os costumes abominables das nacións que o Señor expulsara ante os israelitas. 3Reconstruíu as ermidas dos outeiros derruídas por seu pai Ezequías, levantou altares ós baales, erixiu estelas, adorou e deu culto a todo o exército do ceo; 4puxo altares no templo do Señor, do que o Señor dixera: ‑"O meu nome estará en Xerusalén por sempre"; 5edificou altares a todo o exército do ceo nos dous adros do templo, 6queimou os seus fillos no val de Ben-Hinnom: practicou a adiviñación, a maxia e a feiticería, e instituíu nigromantes e adiviños. Facía continuamente o que o Señor reproba, alporizándoo. 7A imaxe do ídolo que fabricara colocouna no templo de Deus, do que Deus dixera a David e ó seu fillo Salomón: ‑"Neste templo e en Xerusalén, que elixín entre todas as tribos de Israel, poñerei o meu nome por sempre; 8xa non deixarei que Israel ande lonxe da terra que asignei a vosos pais, a condición de que poñan por obra canto lles mandei, seguindo a Lei, os preceptos e normas de Moisés".

9Pero Menaxés descamiñou a Xudá e a poboación de Xerusalén para que se portase peor cás nacións que o Señor exterminara ante os israelitas.

10O Señor dirixiu a súa palabra a Menaxés e ó seu pobo, pero non lle fixeron caso. 11Entón fixo vir contra eles os xenerais do rei de Asiria, que apresaron a Menaxés con garfos, atárono con cadeas de bronce e conducírono a Babilonia. 12Na súa angustia procurou aplacar ó Señor seu Deus, e humillouse profundamente ante o Deus de seus pais e suplicoulle.

13O Señor atendeuno con benignidade, escoitou a súa súplica e fíxoo volver a Xerusalén, ó seu reino. Menaxés recoñeceu que o Señor é o verdadeiro Deus.

14Máis tarde construíu unha barbacá na Cidade de David, desde o oeste de Guihón, no torrente, ata a Porta do Peixe, rodeando o Ofel. Fíxoa moi alta. Puxo oficiais en todas as fortalezas de Xudá.

15Suprimiu do templo os deuses estranxeiros e o ídolo, e guindou fóra da cidade todos os altares que construíra no monte do templo e en Xerusalén. 16Restaurou o altar do Señor e inmolou sobre el sacrificios de comuñón e de acción de grazas. E ordenou que os xudeus desen culto ó Señor, Deus de Israel. 17Pero o pobo seguiu sacrificando nas ermidas dos outeiros, aínda que só ó Señor, seu Deus.

18Para máis datos sobre Menaxés, a oración que fixo e os oráculos dos videntes que lle falaban no nome do Señor, Deus de Israel, véxase a historia dos Reis de Israel. 19A súa oración e a acollida divina, o seu pecado e a súa rebeldía, os lugares onde levantou ermidas e erixiu estelas e ídolos antes da súa conversión, están rexistrados na historia dos seus videntes. 20Cando morreu Menaxés, enterrárono na súa casa. O seu fillo Amón sucedeuno no trono.

 

Amón de Xudá

 

21Amón tiña vinte e dous anos cando subiu ó trono e reinou en Xerusalén dous anos. 22Fixo o que o Señor reproba, igual ca seu pai, Menaxés. Amón sacrificou e deu culto a todos os ídolos que fixo seu pai, Menaxés. 23Pero non se humillou ante o Señor como fixera seu pai; ó contrario, multiplicou as súas culpas. 24Os seus cortesáns conspiraron contra el e asasinárono no palacio. 25Pero a poboación matou os conspiradores contra o rei Amón e nomearon rei sucesor a Ioxías, fillo de Amón.

 

Ioxías de Xudá

 

Capítulo 34

 

1Cando Ioxías subiu ó trono tiña oito anos e reinou en Xerusalén trinta e un. 2Fixo o que o Señor aproba. Imitou a conduta do seu antepasado David, sen se desviar á dereita nin esquerda. 3No ano oitavo do seu reinado, cando aínda era un rapaz, comezou a servir o Deus do seu antepasado David, e o ano doce empezou a purificar a Xudá e a Xerusalén de ermidas, estelas, estatuas e ídolos. 4Destruíron na súa presenza os altares dos baales e derrubou os cipos que había sobre eles; as estelas, as estatuas e os ídolos triturounos ata reducilos a po, e espallounos sobre as tumbas dos que lles ofreceran sacrificios. 5Queimou sobre os seus altares os ósos dos sacerdotes. Así purificou a Xudá e Xerusalén. 6Nas cidades de Menaxés, Efraím, Simeón e ata a de Naftalí, en todos os seus lugares, destruíu os altares, 7triturou ata facer po as estelas e as estatuas e derrubou os cipos en todo o territorio de Israel. Logo volveu a Xerusalén.

8O ano dezaoito do seu reinado, cando terminou de purificar o país e o templo, mandou a Xafán, fillo de Asalías, ó alcalde Maseías e ó chanceler Ioah, fillo de Ioahaz, a reparar o templo do Señor, o seu Deus. 9Presentáronse ó sumo sacerdote Hilquías, para recoller o diñeiro ingresado no templo polas colleitas dos porteiros levitas en Menaxés, Efraím, o resto de Israel e en Xudá, Benxamín e na poboación de Xerusalén. 10Entregáronllelo ós encargados das obras do templo, e ós mestres de obras que traballaban no templo para reparar e restaurar o edificio, 11e ós carpinteiros e albaneis para comprar perpiaños para os muros e madeira para as vigas dos edificios que os reis de Xudá deixaran arruinar. 12Aqueles homes realizaron aquel traballo con toda honradez. Estaban designados para dirixir as obras os levitas Iáhat e Abdías, descendentes de Merarí; e Zacarías e Mexulam, descendentes de Quehat. Os levitas, como sabían tocar diversos instrumentos, 13acompañaban ós carrexadores e dirixían a todos os obreiros, calquera que fose a súa tarefa. Outros levitas eran secretarios, inspectores e porteiros.

14Cando estaban sacando o diñeiro ingresado no templo, o sacerdote Hilquías encontrou o libro da Lei do Señor escrito por Moisés. 15Entón Hilquías dixo ó cronista Xafán:

‑"Encontrei no templo o libro da Lei".

16E entregoullo a Xafán.

Este levoullo ó rei cando foi dar conta da súa tarefa.

‑"Os teus servos xa fixeron todo o que lles encargaches. 17Recolleron o diñeiro que había no templo e entregáronllelo ós encargados e ós obreiros".

18E comunicoulle a noticia:

‑"O sacerdote Hilquías deume un libro".

Xafán leuno ante o rei, 19e cando este oíu o contido da Lei, rachou os vestidos 20e ordenou a Hilquías, a Ahicam, fillo de Xafán, a Abdón, fillo de Miqueas, ó cronista Xafán e ó funcionario real Asaías:

21‑"Ide consultar o Señor por min, polo resto de Israel, e por Xudá, por causa do libro encontrado. O Señor estará enfurecido connosco porque nosos pais non obedeceron a palabra do Señor cumprindo o prescrito neste libro".

22Hilquías e os designados polo rei foron ver a profetisa Huldah, esposa do gardarroupas Xalum, fillo de Tocat, de Haserah, que vivía en Xerusalén, no barrio novo. Expuxéronlle o caso 23e ela respondeulles:

‑"Así di o Señor, Deus de Israel: dicídelle a quen vos enviou: 24Así di o Señor: eu vou traer a desgraza sobre este lugar e os seus habitantes, todas as maldicións escritas no libro que leron ante o rei de Xudá. 25Porque me abandonaron e queimaron incenso a outros deuses, alporizándome cos seus ídolos, está ardendo a miña cólera contra este lugar e non se apagará. 26E ó rei de Xudá, que vos enviou a consultar o Señor, dicídelle: Así di o Señor, Deus de Israel: 27Por escoitares estas palabras con dor de corazón, humillándote ante Deus ó oíres as súas ameazas contra este lugar e os seus habitantes, porque te humillaches ante min, rachaches os vestidos e choraches na miña presenza, tamén eu te escoito, oráculo do Señor. 28Cando eu te reúna con teus pais, enterrarante en paz, sen que os teus ollos cheguen a ver a desgraza que vou traer a este lugar e ós seus habitantes".

Eles levaron a resposta ó rei, 29e este deu ordes para que se presentasen os anciáns de Xudá e de Xerusalén. 30Logo subiu ó templo, acompañado de todos os xudeus, os habitantes de Xerusalén, os sacerdotes, os levitas e todo o pobo, pequenos e grandes. O rei leulles o libro da alianza encontrado no templo. 31Despois, en pé sobre o seu estrado, selou ante o Señor a alianza, comprometéndose a seguilo e cumprir os seus preceptos, normas e mandatos con todo o seu corazón e con toda a súa alma, pondo en práctica as cláusulas da alianza escritas neste libro. 32Fixo subscribir a alianza a todos os que se encontraban en Xerusalén. A poboación de Xerusalén actuou segundo a alianza do Deus de seus pais.

33Ioxías suprimiu as abominacións de todos os territorios israelitas e fixo que todos os residentes en Israel desen culto ó Señor, seu Deus. Durante a súa vida non se apartaron do Señor Deus de seus pais.

 

Capítulo 35

 

1Ioxías celebrou en Xerusalén a Pascua do Señor, inmolándoa o día catorce do primeiro mes. 2Asignou ós sacerdotes as súas funcións e confirmounos no servizo do templo. 3E dixo ós levitas consagrados ó Señor, encargados de servir a Israel:

‑"Deixade a arca santa no templo que construíu Salomón, fillo de David, rei de Israel; non tedes xa que trasladala a ombros. Dedicádevos agora a servir ó Señor, voso Deus, e ó seu pobo Israel. 4Organizádevos en quendas por familias, como dispuxeron por escrito o rei David e o seu fillo Salomón. 5Ocupade os vosos postos no santuario, dividindo as vosas familias de forma que cada grupo levítico se encargue dunha familia do pobo. 6Inmolade a Pascua, purificádevos e preparádellela a vosos irmáns para que poidan cumprir o que mandou o Señor por medio de Moisés".

7Ioxías proporcionou á xente años e cabritos ‑trinta mil en total‑ para sacrificios pascuais de todos os presentes, e tres mil bois, todo iso da facenda real. 8As autoridades axudaron voluntariamente ó pobo, ós sacerdotes e ós levitas. Hilquías, Zacarías e Iehiel, intendentes do templo, déronlles ós sacerdotes dous mil seiscentos animais pascuais e trescentos bois. 9Conanías, Semaías, seu irmán Natanael, Haxabías, Iehiel e Iozabad, xefes dos levitas, proporcionaron ós levitas cinco mil animais pascuais e cincocentos bois.

10Cando estivo preparada a cerimonia, os sacerdotes ocuparon os seus postos e os levitas distribuíronse por clases, como ordenara o rei. 11Inmolaron a Pascua. Os sacerdotes asperxían o sangue, mentres os levitas espelicaban as vítimas. 12Separaban a parte que debía ser queimada e entregábana ás diversas familias do pobo, para que elas a ofrecesen ó Señor, como está escrito no libro de Moisés. O mesmo fixeron cos bois. 13Asaron a Pascua, como está mandado, e coceron os alimentos sagrados en olas, caldeiros e cazolas, repartíndoos logo a todos os fillos do pobo. 14Despois preparárona para eles mesmos e para os sacerdotes; como os sacerdotes aharonitas estiveron ocupados ata a noite en ofrecer os holocaustos e as graxas, os levitas preparárona para si mesmos e para eles.

15Os cantores, descendentes de Asaf, estaban nos seus postos, como mandaran David, Asaf, Hemán e Iedutún, vidente do rei. Os porteiros ocuparon cadanseu posto, sen necesidade de abandonar o traballo, porque seus irmáns levitas llelo prepararon todo. 16Toda a cerimonia se realizou naquel mesmo día: celebrouse a Pascua e inmoláronse holocaustos no altar do Señor, como mandara o rei Ioxías. 17Os israelitas que se achaban presentes celebraron entón a Pascua e á continuación a festa dos Azimos durante sete días.

18Desde os tempos do profeta Samuel, ningún rei de Israel celebrara unha Pascua coma a que organizaron Ioxías, os sacerdotes, os levitas, todos os xudeus e israelitas que se encontraban alí e os habitantes de Xerusalén. 19Celebrouse o ano dezaoito do reinado de Ioxías.

20Bastante despois de que Ioxías restaurase o templo, o rei de Exipto, Nekó, dirixiuse a Kárkemix, xunto ó Éufrates, para presentar batalla. Ioxías saíu a facerlle fronte. 21Entón Nekó mandoulle esta mensaxe:

‑"Non te metas nos meus asuntos, rei de Xudá. Non veño contra ti, senón contra a dinastía que me fai a guerra. Deus díxome que me dea présa. Deixa de opórte a Deus, que está comigo, non sexa que él te destrúa".

22Pero Ioxías, en vez de deixarlle paso franco, empeñouse en combater, desatendendo o que Deus lle dicía por medio de Nekó, e presentou batalla na chaira de Meguido. 23Os arqueiros dispararon contra o rei Ioxías, e este dixo ós seus servidores:

‑"Sacádeme do combate, porque estou gravemente ferido".

24Os seus servidores sacárono do carro, trasladárono a outro e levárono a Xerusalén onde morreu. Enterrárono na tumba dos seus antepasados. Todo Xudá e Xerusalén gardou loito por Ioxías. 25Xeremías compuxo unha elexía no seu honor, e todos os cantores e cantoras ségueno recordando nas súas elexías. Fixéronse tradicionais en Israel; poden verse nas Lamentacións. 26Para máis datos sobre Ioxías, as obras de piedade que fixo de acordo coa Lei do Señor 27e todos os seus feitos, dos primeiros ós derradeiros, véxase o libro dos Reis de Israel e Xudá.

 

Ioacaz de Xudá

 

Capítulo 36

 

1A xente tomou a Ioacaz fillo de Ioxías, e nomeouno rei sucesor en Xerusalén. 2Cando Ioacaz subiu ó trono, tiña vinte e tres anos, e reinou tres meses en Xerusalén. 3O rei de Exipto destronouno, impuxo no país un tributo de cen pesos de prata e un peso de ouro, 4e nomeou rei de Xudá e Xerusalén a Eliaquim, irmán de Ioacaz, cambiándolle o nome polo de Ioaquim. A seu irmán Ioacaz levouno Nekó a Exipto.

 

Ioaquim de Xudá

 

5Cando Ioaquim subiu ó trono tiña vinte e cinco anos e reinou en Xerusalén once anos. Fixo o que o Señor, o seu Deus, reproba. 6Nabucodonosor de Babilonia subiu contra el e conduciuno a Babilonia atado con cadeas de bronce. 7Tamén levou consigo algúns obxectos do templo e colocounos no seu palacio de Babilonia. 8Para máis datos sobre Ioaquim, as iniquidades que cometeu e todo o que lle sucedeu, véxase o libro dos Reis de Israel e Xudá. Seu fillo Ioaquín sucedeulle no trono.

 

Ioaquín de Xudá

 

9Cando Ioaquín subiu ó trono tiña oito anos e reinou en Xerusalén tres meses e dez días. Fixo o que o Señor reproba. 10A principios do ano, o rei Nabucodonosor mandou por el e levárono a Babilonia, xunto cos obxectos de valor do templo. Nomeou rei de Xudá e Xerusalén a seu irmán Sedecías.

 

Sedecías de Xudá

 

11Cando Sedecías subiu ó trono tiña vinte e un anos e reinou en Xerusalén once anos. 12Fixo o que o Señor, seu Deus, reproba; non se humillou ante o profeta Xeremías, que lle falaba no nome de Deus. 13Ademais, rebelouse contra o rei Nabucodonosor, que lle tomara xuramento solemne de fidelidade. Púxose testán e negouse por completo a converterse ó Señor Deus de Israel. 14Tamén as autoridades de Xudá, os sacerdotes e o pobo obraron inicuamente, imitando as abominacións dos pagáns e profanando o templo que o Señor consagrara en Xerusalén.

15O Señor, Deus de seus pais, mandáballes continuamente mensaxeiros, porque sentía mágoa do seu pobo e da súa morada; 16pero eles burlábanse dos mensaxeiros de Deus, ríanse das súas palabras e mofábanse dos profetas, ata que a ira do Señor se acendeu sen remedio contra o seu pobo. 17Entón enviou contra eles ó rei dos caldeos, que lles matou os fillos no santuario: a todos entregou nas súas mans, sen perdoar mozo, rapaza, ancián ou encanecido. 18E levou consigo a Babilonia todos os obxectos do templo, grandes e pequenos, os tesouros do templo, os do rei e os dos magnates. 19Incendiaron o templo, derrubaron a muralla de Xerusalén, prenderon lume a todos os seus palacios e esnaquizaron todos os obxectos de valor. 20Levou consigo desterrados a Babilonia os superviventes da matanza e foron escravos seus e dos seus descendentes ata o triunfo do reino persa. 21Cumpriuse así o que anunciou o Señor a Xeremías, e a terra gozou do seu descanso sabático todo o tempo que estivo desolada, ata cumprirse setenta anos.

22O ano primeiro de Ciro, rei de Persia, o Señor, para cumprir o que anunciara por medio de Xeremías, moveu a Ciro, rei de Persia, a promulgar de palabra e por escrito en todo o seu reino: 23‑"Ciro, rei de Persia, decreta: O Señor, Deus do ceo, entregoume todos os reinos da terra e encargoume construír un templo en Xerusalén de Xudá. Todos os dese pobo que viven entre nós poden volver. E que o Señor, seu Deus, estea con eles".