Capítulos 1-5

Visión de Salomón

 

Capítulo 1

 

1Salomón, fillo de David, afianzouse no seu reino; Iavé, o seu Deus, estaba con el e fíxoo extraordinariamente grande. 2Salomón falou con todo Israel, con xefes de millar e de cen, con xuíces e con todos os xefes de Israel, cabezas das casas paternas. 3Despois Salomón foi con toda a asemblea ó alto de Gabaón, porque alí se atopaba a Tenda do Encontro de Deus, que Moisés, servo de Iavé, fixera no deserto. 4En canto á arca de Deus, David leváraa de Quiriat Iearim ó lugar preparado para ela, pois erguéralle unha tenda en Xerusalén. 5O altar de bronce que fixera Besalel, fillo de Urí, fillo de Hur, estaba tamén alí diante, na morada de Iavé. Foron, pois, Salomón e a asemblea consultalo. 6Subiu Salomón alí, ó altar de bronce que estaba ante Iavé, onda a Tenda do Encontro, e ofreceu sobre el mil holocaustos.

7Aquela noite aparecéuselle Deus a Salomón e díxolle: ‑"Pídeme o que queres que che dea". 8Salomón respondeu a Deus: ‑"Ti tiveches gran amor a meu pai David e a min fixéchesme rei no seu lugar. 9Agora, pois, oh Iavé Deus, que se cumpra a promesa que fixeches a meu pai David, xa que ti me fixeches rei sobre un pobo numeroso coma o po da terra. 10Dáme, logo, agora, sabedoría e intelixencia, para que me saiba conducir ante este pobo teu, tan grande". 11Respon-deu Deus a Salomón: ‑"Xa que pensas isto no teu corazón, e non pediches riquezas, nin bens, nin gloria, nin a morte dos teus inimigos, nin tampouco pediches longa vida, senón que pediches para ti sabedoría e intelixencia para saber xulgar o meu pobo, de quen te fixen rei, 12por iso sonche dadas a sabedoría e o entendemento, e ademais dareiche riquezas, bens e gloria como non as tiveron os reis que houbo antes de ti nin as terá ningún dos que veñan despois de ti".

13Salomón regresou a Xerusalén desde o alto de Gabaón, de diante da Tenda do Encontro, e reinou sobre Israel. 14Salomón reuniu carros e cabalos e tivo mil catrocentos carros e doce mil cabalos que levou ás cidades dos carros e onda o rei de Xerusalén. 15Fixo o rei que a prata e o ouro fosen tan abondosos en Xerusalén coma as pedras e os cedros, coma os sicómoros da Terra Baixa. 16Os cabalos de Salomón eran de Musur e de Cilicia; os mercadores do rei adquiríanos en Cilicia ó contado.

17Traían de Exipto un carro por seiscentos siclos de prata e un cabalo por cento cincuenta. Traíanos tamén como intermediarios para todos os reis dos hititas e todos os reis de Aram.

18Decidiu, pois, Salomón, edificar unha casa ó nome de Iavé e un palacio para si.

 

Preparativos para edificar o templo

 

Capítulo 2

 

1Salomón sinalou setenta mil homes para transportar cargas, oitenta mil canteiros no monte e tres mil seiscentos capataces para eles.

2Salomón mandou a dicir a Hiram, rei de Tiro: ‑"Fai comigo como fixeches co meu pai David, enviándolle madeiras de cedro para que construíse un palacio en que habitar. 3Fágoche saber que vou edificar un templo ó Nome de Iavé, o meu Deus, para consagralo, para queimar ante el incenso aromático, para a ofrenda perpetua dos pans presentados, e para os holocaustos matutinos e vespertinos dos sábados, lúas novas e solemnidades do Señor, o noso Deus, como se fai sempre en Israel. 4O templo que vou edificar será grande, porque o noso Deus é maior ca todos os deuses. 5Pero ¿quen será home a construírlle un templo, cando os ceos e os ceos dos ceos non o poden conter? ¿E quen son eu para edificarlle un templo aínda que estea destinado tan só a queimar incenso na súa presenza? 6Manda, logo, un home destro en traballar o ouro, a prata, o bronce, o ferro, a púrpura escarlata, o carmesí, a púrpura violeta e que saiba gravar; estará cos expertos que teño comigo en Xerusalén e en Xudá, e que meu pai David xa preparara. 7Manda tamén madeira de cedro, de ciprés e sándalo de Líbano; pois ben sei que os teus servos saben tallar as árbores do Líbano. E os meus servos traballarán cos teus servos 8para prepararme madeira en abundancia, pois o templo que vou edificar ha ser grande e marabilloso. 9Darei para o sustento dos teus servos, os cortadores das árbores, vinte mil cargas de trigo, vinte mil cargas de cebada, vinte mil medidas de viño e vinte mil medidas de aceite".

10Hiram, rei de Tiro, respondeu nunha carta que enviou ó rei Salomón: ‑"Polo amor que ten Iavé ó seu pobo fíxoche rei sobre eles" 11E engadía Hiram: ‑"Bendito sexa Iavé, o Deus de Israel, facedor do ceo e terra, que deu ó rei David un fillo sabio, prudente e intelixente, que edificará un templo ó Señor, e un palacio real para si. 12Mándoche, pois, agora a Hiramabí, home hábil, dotado de intelixencia; 13é fillo dunha danita e seu pai é de Tiro. Sabe traballar o ouro, a prata, o bronce, o ferro, a pedra e a madeira, a púrpura escarlata, a púrpura violeta, o liño fino e o carmesí. Sabe tamén executar calquera obra que lle sexa proposta, traballará a unha cos teus artífices e os artífices do meu señor David, teu pai. 14Manda, pois, ós teus servos o trigo, a cebada, o aceite e o viño do que falou o meu señor, 15e polo nosa banda cortaremos do Líbano toda a madeira que che cumpra e levarémoscha en balsas, por mar, deica Iope, e logo ti mandarás que a suban a Xerusalén".

16Salomón fixo o censo de todos os forasteiros residentes en Israel, tomando por modelo o censo que fixera seu pai David. E atopouse que eran cento cincuenta e tres mil seiscentos. Deles destinou setenta mil para o transporte de cargas, oitenta mil para as canteiras nas montañas e tres mil seiscentos como capataces para facer traballar á xente.

 

Construción do Templo

 

Capítulo 3

 

1Comezou, pois, Salomón a edificar o templo de Iavé en Xerusalén, no monte Móriah, onde se manifestara Deus a seu pai David, no lugar onde David fixera os preparativos, na eira de Ornán o iebuseo. 2Deu comezo ás obras o segundo mes do cuarto ano do seu reinado. 3Este é o plano sobre o que Salomón edificou o templo de Deus: setenta cóbados de lonxitude, en cóbados de medida antiga, e vinte cóbados de anchura. 4O vestíbulo que estaba diante da nave do templo tiña unha lonxitude de vinte cóbados correspondente ó ancho do templo, e unha altura de cento vinte. Salomón recubriuno por dentro de ouro puro. 5Revestiu a sala grande de madeira de ciprés e recubriuna de ouro fino, facendo esculpir nela palmas e cadeíñas. 6Para adornar o templo revestiuno tamén de pedras preciosas; o ouro era ouro de Parvaím. 7Recubriu de ouro o templo, as trabes, os limiares, as súas paredes, e as súas portas, e esculpiu querubíns nas paredes.

8Construíu tamén a sala do Santo dos Santos, cunha lonxitude correspondente ó ancho do templo, que era de vinte cóbados. Revestiuno de ouro puro, que pesaba seiscentos talentos. 9Os cravos de ouro pesaban cincuenta siclos. Cubriu tamén de ouro as salas altas. 10No interior da sala do Santo dos Santos fixo dous querubíns, de obra esculpida, que revestiu de ouro. 11As ás dos querubíns tiñan vinte cóbados de longo. Unha á era de cinco cóbados e tocaba a parede da sala; a outra á tiña tamén cinco cóbados e tocaba a á do outro querubín. 12A á do segundo querubín era de cinco cóbados e tocaba coa á do primeiro querubín. 13As ás despregadas destes querubíns medían vinte cóbados. Estaban de pé, e coas súas facianas voltas cara á sala.

14Fixo tamén o veo de púrpura violeta, púrpura escarlata, carmesí e liño fino no que fixo pór querubíns.

15Diante da sala fixo dúas columnas de trinta e cinco cóbados de alto. O capitel que as coroaba tiña cinco cóbados de alto. 16Máis tarde fixo cadeíñas e colocounas sobre o remate das columnas; fixo tamén cen granadas que puxo nas cadeíñas. 17Ergueu as columnas diante da entrada, unha á dereita e outra á esquerda, e chamou á da dereita Iaquín e á da esquerda Boaz.

 

Capítulo 4

 

1Construíu tamén un altar de bronce de vinte cóbados de longo, vinte cóbados de ancho e dez cóbados de alto. 2Fixo o Mar de metal fundido de dez cóbados de extremo a extremo. Era enteiramente redondo e de cinco cóbados de alto. Un cordón de trinta cóbados medía o seu contorno. 3Debaixo do bordo había en todo o contorno como unhas figuras de bois, por cadanseu cóbado, colocadas en dúas ringleiras, fundidas nunha soa masa. 4Apoiábase sobre doce bois; tres mirando ó norte, tres mirando ó oeste, tres mirando ó sur e tres mirando ó leste. O Mar estaba sobre eles, coas súas partes traseiras de cara ó interior. 5O seu espesor era dun palmo; a súa beira coma a do cáliz da flor do lirio. Cabían nel tres mil medidas.

6Fixo dez pías para as ablucións e colocou cinco delas á dereita e cinco á esquerda para lavar nelas o que se ofrecía en holocausto. O Mar era para as ablucións dos sacerdotes. 7Fixo dez candelabros de ouro, segundo a forma prescrita, e colocounos na entrada, cinco á dereita e cinco á esquerda. 8Fixo dez mesas e colocounas no templo, cinco á dereita e cinco á esquerda. Fixo tamén sellas de ouro.

9Construíu tamén o adro dos sacerdotes e o adro grande coas súas portas, revestindo as portas de bronce. 10Colocou o Mar ó lado dereito, cara ó sueste. 11Hiram fixo tamén as cinseiras, as pás da borralla e as sellas. Así concluíu Hiram a obra que lle encargara o rei Salomón para o templo. 12As dúas columnas cos seus capiteis e as molduras que coroaban as columnas, os dous trenzados para cubrir as dúas molduras dos capiteis que estaban sobre as columnas; 13as catrocentas granadas por cada trenzado; 14os dez baseamentos sobre os que colocou as pías; 15o Mar cos doce bois debaixo del; 16as cinseiras, as pás e as sellas. Todos estes utensilios fíxoos Hiramabí para o rei Salomón, para o templo de Iavé, de bronce brunido. 17O rei fíxoos fundir na veiga do Xordán, no mesmo chan, entre Succot e Seredah. 18Salomón fabricou todos estes utensilios en tan enorme cantidade que non puido calcular o peso do bronce.

19Salomón fixo todos os obxectos destinados ó templo: o altar de ouro, as mesas para o pan da presenza, 20os candelabros coas súas lámpadas de ouro fino, para que ardesen, segundo o rito, diante do santuario; 21os cálices, as lámpadas e as tenaces de ouro, de ouro purísimo; 22e os coitelos, as sellas, os vasos e os cinseiros, de ouro puro. Eran tamén de ouro as portas interiores do templo, a entrada do santuario e as portas da nave.

 

Dedicación do Templo

 

Capítulo 5

 

1Así foi concluída toda a obra que fixo Salomón para o templo do Señor.

Salomón fixo traer todo o consagrado por seu pai David: a prata, o ouro e todos os obxectos, e púxoos nos tesouros do templo de Deus.

2Entón congregou Salomón en Xerusalén a todos os anciáns de Israel e ós principais das casas paternas dos fillos de Israel, para facer subir a arca da alianza de Iavé desde a cidade de David, que é Sión. 3Reuníronse onda o rei todos os homes de Israel, na festa do mes sétimo. 4Cando chegaron todos os anciáns de Israel, os levitas alzaron a arca; 5levaron a arca e a Tenda do Encontro e todos os útiles do santuario que había na tenda. Fixérono os sacerdotes levitas. 6O rei Salomón, con toda a comunidade de Israel que se reunira ó arredor del, sacrificaron ante el ovellas e bois en número tan grande que non se puideron contar. 7Os sacerdotes levaron a arca da alianza do Señor ó seu lugar no santuario do templo, ó Santo dos Santos, baixo as ás dos querubíns. 8Pois os querubíns estendían as ás por riba do emprazamento da arca, cubrindo a arca e os varais por riba. 9Os varais eran tan longos que se vían as puntas desde o Santo, desde a parte anterior do santuario, pero non se vían desde fóra; e alí están ata o día de hoxe. 10Na arca non había cousa máis cás dúas táboas que Deus fixo pór nela no Horeb, cando Iavé concluíu a alianza cos israelitas trala súa saída de Exipto.

11Cando os sacerdotes saíron do santuario (porque todos os sacerdotes que estaban presentes se santificaron, sen gardar orde de clases), 12e todos os levitas cantores, Asaf, Hemán e Iedutún, con seus fillos e irmáns, vestidos de liño fino, estaban de pé ó oriente do altar, tocando címbalos, salterios e cítaras, e con eles cento vinte sacerdotes que tocaban as trompetas, 13e os cantores loando e celebrando a Iavé; erguendo a voz coas trompetas e cos címbalos e con outros instrumentos de música loaban a Deus dicindo: ‑"porque é bo, porque é eterno o seu amor"; o templo encheuse dunha nube. 14E os sacerdotes non puideron continuar no servizo por causa da nube, porque a gloria de Iavé enchía o templo.