Capítulos 6-10
Retorno da arca a Israel
Capítulo 6
1A arca do Señor estivo sete meses na terra dos filisteos. 2Os filisteos convocaron entón os seus sacerdotes e adiviños, para consultarlles: ‑"¿Que habemos facer coa arca de Iavé? Dicídenos a maneira de volvela ó seu sitio". 3Eles respondéronlles: ‑"Se queredes devolver a arca do Deus de Israel, non a volvades de baleiro; pagádelle unha ofrenda expiatoria. Entón sandaredes e veredes por que a man do Señor non deixou de mancarvos".
4Os filisteos preguntaron: ‑"¿Que ofrenda expiatoria lle podemos pagar?" Eles responderon: ‑"Cinco furunchos de ouro e cinco ratos de ouro, conforme o número dos príncipes dos filisteos, xa que a mesma praga vos aflixiu a vós e ós vosos príncipes. 5Facede imaxes dos furunchos e dos ratos que estragaron o país, e rendédelle homenaxe ó Deus de Israel. Quizais entón alixeire a súa man sobre vós e sobre os vosos deuses e a vosa terra. 6¿Para que mostrarvos teimudos, como fixeron os exipcios e o seu faraón, que soamente deixaron saír a Israel despois que o Señor os castigou?
7Agora facede un carro novo, collede dúas vacas que estean criando e que non foran nunca xunguidas e poñédeas ó carro, deixando os seus becerriños pechados no cortello. 8Despois colocades no carro a arca do Señor e, á carón dela, unha caixa cos obxectos de ouro que lle dades como ofrenda expiatoria, e botádelo, que se vaia. 9Fixádevos ben: se colle o camiño do seu país, subindo cara a Betxémex, entón é que foi ese Deus quen vos causou tantas desgrazas; daquela saberemos que non foi a súa man a que nos feriu, senón un casual".
10E fixérono así. Colleron dúas vacas de cría e puxéronas ó carro, deixando os seus becerriños pechados no cortello. 11Colocaron no carro a arca do Señor e a caixa cos ratos de ouro e coas imaxes dos furunchos. 12As vacas foron dereitas polo camiño de Betxémex, bruando namentres andaban o camiño, sen arredarse nin á dereita nin á esquerda. Os príncipes dos filisteos seguíanas detrás, ata os confíns de Betxémex.
13A xente de Betxémex estaba na chaira, na seitura. Cando ergueron os ollos e viron a arca, aledáronse moito. 14O carro entrou no eido de Xosué de Betxémex e alí parou ó lado dunha gran pedra. Os veciños fixeron estelas da madeira do carro e ofreceron as vacas en sacrificio ó Señor.
15Os levitas baixaron a arca do Señor e a caixa que contiña as imaxes de ouro e puxérono todo enriba da gran pedra. E as xentes de Betxémex ofreceron aquel día holocaustos e sacrificios ó Señor. 16Os cinco príncipes filisteos estivéronos observando e, naquel mesmo día, volveron para Ecrón.
17Os furunchos de ouro que os filisteos pagaron como ofrenda expiatoria ó Señor, era un por Axdod, un por Gaza, un por Axquelón, un por Gat e un por Ecrón. 18Tocante ós ratos de ouro, estes correspondían a todas as cidades dos cinco príncipes filisteos, o mesmo prazas muradas como aldeas desgornecidas. A gran pedra na que puxeron a arca do Señor, pódese ver aínda hoxe no eido de Xosué de Betxémex.
19Os fillos de Ieconías non se aledaron coa demais xente de Betxémex, cando viron a arca do Señor, e o Señor castigou a setenta persoas da familia. O pobo fixo dó por aquela gran mortaldade coa que os ferira o Señor. 20Os de Betxémex preguntábanse: ‑"¿Quen poderá aturar ante o Señor, ese Deus santo? ¿Onda quen subirá, lonxe de nós?" 21E mandaron mensaxeiros a Quiriat Iearim con este recado: ‑"Os filisteos devolveron a arca do Señor. Baixade e levádea convosco".
II. SAMUEL E XAÚL (1 Sam 7-15)
O xuíz Samuel vence ós filisteos
Capítulo 7
1Os de Quiriat Iearim foron recoller a arca do Señor, levárona á casa de Abinadab, que estaba no outeiro, e consagraron ó seu fillo Elazar para gardala. 2Desde o día en que a arca do Señor se instalara en Quiriat Iearim pasara moito tempo ‑había diso vinte anos‑, e todos os israelitas estrañaban a arca do Señor.
3Entón falou Samuel deste xeito a todo Israel: ‑"Se vos convertedes ó Señor de todo corazón, desbotando de onda vós deuses alleos e Axtartés, se afincades no Señor o voso corazón, e se o servides só a el, o Señor libraravos da man dos filisteos".
4Os israelitas desbotaron os Baales e as Axtartés e propuxeron servir só ó Señor. 5Samuel mandoulles entón: ‑"Reunide en Mispah a todo Israel e pregareille ó Señor por vós". 6Reunidos en Mispah, os israelitas sacaron auga e verquérona diante do Señor. Aquel día xexuaron e alí mesmo confesaron: ‑"Pecamos contra o Señor". En Mispah xulgou Samuel a Israel.
7Cando souberon que os israelitas se xuntaran en Mispah, os príncipes dos filisteos subiron contra Israel. Oírono os israelitas e colléronlles medo ós filisteos. 8E dixéronlle a Samuel: ‑"Roga, sen descanso, por nós ó Señor, noso Deus; que nos libre el da man dos filisteos".
9Samuel colleu un año de leite e ofreceullo en holocausto ó Señor. Pregou ó Señor por Israel e o Señor escoitouno. 10O tempo que Samuel ofrecía o sacrificio, os filisteos acercábanse para atacar a Israel. Pero o Señor mandou aquel día unha treboada que desbaratou ós filisteos. Despois estes foron vencidos polos israelitas. 11Estes saíron de Mispah, perseguindo ós filisteos e batendo neles ata por baixo de Betcar. 12Samuel colleu unha pedra e chantouna entre Mispah e Xen, e chamoulle Eben-ha-Ézer, querendo dicir: ‑"Ata aquí axudounos o Señor".
13Os filisteos quedaron humillados e non volveron invadir os lindeiros de Israel. A man do Señor pesou sobre eles toda a vida de Samuel. 14As cidades que os filisteos colleran a Israel, tiveron que devolverllas. Israel recuperou dos filisteos desde Ecrón ata Gat e os seus confíns. Entre Israel e os cananeos houbo paz.
15Samuel foi xuíz de Israel por toda a súa vida. 16Todos os anos facía un percorrido por Betel, Guilgal e Mispah, e administraba xustiza entre os israelitas en todos eses lugares. 17Despois volvía para Ramah, onde tiña a súa casa. Desde alí gobernaba a Israel e alí tíñalle edificado un altar ó Señor.
Israel pide un rei
Capítulo 8
1Cando Samuel se fixo vello, puxo a seus fillos por xuíces de Israel. 2O primoxénito chamábase Xoel e o segundo Abías. Exercían coma xuíces en Beerxeba. 3Pero os fillos non seguiron o camiño de Samuel, senón que se deixaron levar pola cobiza, aceptando regalos e torcendo o dereito.
4Daquela xuntáronse os vellos de Israel, foron a Ramah onda Samuel 5e dixéronlle: ‑"Velaí que ti estás vello e os teus fillos non van polo teu camiño. Dános, logo, un rei que nos goberne, coma o que teñen as outras nacións".
6A Samuel pareceulle mal esa proposta: Dános un rei que nos goberne, e invocou ó Señor. 7O Señor respondeulle: ‑"Atende ó pobo en todo o que che piden. Non te rexeitan a ti, senón a min, para que non reine sobre deles. 8É o que fixeron sempre comigo, desde o día en que os saquei de Exipto ata hoxe: arredarse de min, para servir a outros deuses; iso é o que fan contigo. 9Agora aténdeos no que piden, pero advírteos e dilles cal será o foro do rei que reinará sobre eles".
10Samuel referiu ó pobo que pedía un rei o que lle dixera o Señor. 11Díxolle: ‑"Este é o foro do rei que reinará sobre vós: collerá os vosos fillos, para servizo dos seus carros e da súa cabalería e para que corran diante da súa carroza. 12Poraos de xefes de milleiro e de xefes de cincuentena; faralles arar as súas leiras e segar o seu trigo, fabricar armas para a guerra e trebellos para os carros. 13As vosas fillas levaraas para perfumistas, cociñeiras e panadeiras.
14Quitaravos o mellor dos vosos eidos, das vosas viñas e oliveiras, para dárllelo ós seus servidores. 15Esixiravos o décimo do voso gran e das vosas vendimas, para dárllelo ós seus ministros e ós seus funcionarios. 16Botará man dos vosos criados e criadas, dos vosos bois e dos vosos burros, para que fagan para el o seu traballo. 17Decimará os vosos rabaños, e vós seredes os seus escravos. 18Entón berraredes en contra do rei que escollestes, pero o Señor non responderá".
19O pobo non lle fixo caso a Samuel e insistiu: ‑"Non. ¡Nós queremos un rei! 20Seremos coma as outras nacións. Teremos un rei que nos goberne e que saia á fronte de nós nas nosas guerras".
21Samuel escoitou o que o pobo pedía e referiullo ó Señor. 22O Señor díxolle a Samuel: ‑"Atende a súa demanda e noméalles un rei". Entón ordenoulles Samuel ós israelitas: ‑"Ídevos cada un para o voso lugar".
XAÚL UNXIDO REI (9-10)
Encontro de Xaúl con Samuel
Capítulo 9
1Había un home de Benxamín que se chamaba Quix, fillo de Abiel, fillo de Seror, fillo de Becorat, fillo de Afíah, un benxaminita de boa posición. 2Tiña un fillo chamado Xaúl, un mozo garrido e lanzal, coma non había outro en Israel. Sobresaía entre todos dos ombreiros para arriba.
3O seu pai Quix extraviáranselle unhas burras e díxolle ó seu fillo Xaúl: ‑"Leva contigo un criado e vai na pescuda das burras". 4Atravesaron a montaña de Efraím e a bisbarra de Xalixah, pero non as atoparon. Cruzaron por Xalim, e non estaba. Atravesaron despois Benxamín, e tampouco estaban alí.
5Chegados á terra de Suf, Xaúl díxolle ó criado que ía con el: ‑"Imos dar a volta, non sexa que meu pai, deixando a cousa das burras, estea inquedo por nós". 6O criado respondeulle: ‑"Xustamente nesta cidade hai un home de Deus de moito creto. Todo o que anuncia acontece. Vamos alí onda el. O mellor dános razón do que estamos buscando".
7Xaúl reparou: ‑"Mais, de ir, ¿que lle daremos a ese home? Non nos queda pan nas alforxas e non temos ningún agasallo que ofrecerlle ó home de Deus. ¿Que nos queda?" 8O criado respondeulle: ‑"Aquí gardo aínda un cuarto de siclo de prata. Darémosllo ó home de Deus e el mostraranos o camiño". 9Antes en Israel, cando alguén ía consultar algo con Deus, tiña o costume de dicir: ‑"Vaiamos onda o vidente", porque ó profeta de agora chamábaselle antes vidente. 10Entón Xaúl asentiu: ‑"Está ben o que dis. Vamos alá". E entraron na cidade, onde estaba o home de Deus.
11Cando subían a costa da cidade, encontráronse cunhas rapazas que saían a coller auga, e preguntáronlles: ‑"¿Está aquí o vidente?" 12‑"Está", respondéronlles elas. "Aí vai, diante de vós. Dádevos présa. Hoxe veu á cidade, porque o pobo celebra hoxe un sacrificio no outeiro. 13En canto entredes na cidade, atoparédelo. Despois subirá ó outeiro para xantar. A xente non xantará mentres non chegue, pois é el quen bendicirá o sacrificio que despois comerán os convidados. Agora subide, que deseguida o encontraredes". 14Subiron eles á cidade e, ó entraren nela, atopáronse con Samuel, que pasaba diante deles para subir ó outeiro.
15A véspera da chegada de Xaúl, o Señor fixéralle a Samuel esta revelación: 16‑"Mañá destas horas mandareiche un home do país de Benxamín, para que o unxas por xefe do meu pobo Israel. El librará este meu pobo da man dos filisteos, pois fixeime na mágoa do meu pobo, os seus berros chegaron onda min". 17Cando Samuel viu a Xaúl, o Señor indicoulle: ‑"Ese é o home que che dixen, o que gobernará ó meu pobo".
18Xaúl achegouse a Samuel, preto da porta da cidade, e preguntoulle: ‑"Dime, se fas o favor, onde é a casa do vidente". 19Samuel respondeulle: ‑"O vidente son eu. Sube ó outeiro canda min. Hoxe xantaredes comigo e mañá cedo despedireite e direiche o que hai no teu corazón.
20Tocante ás burras que se che perderon hai agora tres días, non te inquietes por elas; xa apareceron. Amais, ¿a quen pertence o máis prezado de Israel, senón a ti e á túa familia?" 21A iso dixo Xaúl: ‑"¿Non son eu un benxaminita, da máis pequena das tribos de Israel, e o meu clan dos máis insignificantes dos clans de Benxamín? ¿Por que, logo, me falas así?"
22Entón conduciu Samuel ó comedor a Xaúl e ó seu criado e sentounos á cabeceira de todos os convidados, unhas trinta persoas. 23E díxolle ó cociñeiro: ‑"Trae a ración que che entreguei e que che mandei que gardases á parte". 24O cociñeiro trouxo un pernil enteiro e serviullo a Xaúl. E Samuel díxolle: ‑"Estaba gardado para ti. Come, pois reservárase para esta ocasión, para que comas cos convidados". E Xaúl xantou aquel día con Samuel.
25Despois baixaron do outeiro á cidade, e Samuel estivo de conversa con Xaúl no seu terrado. 26Xaúl durmiu alí. O amencer, Samuel foino chamar: ‑"Érguete, que quero despedirte". Xaúl ergueuse, e saíron os dous xuntos para fóra. 27Cando saían da cidade, Samuel díxolle a Xaúl: ‑"Dille ó criado que vaia diante, e ti agarda unha miga, que quero comunicarche a palabra de Deus".
Unción secreta
Capítulo 10
1Entón Samuel colleu a aceiteira, verteu aceite sobre a cabeza de Xaúl e bicouno dicindo: ‑"Isto quere dicir que o Señor te unxe por xefe do seu herdo. 2Cando agora te apartes de onda min, encontraraste con dous homes, cerca da tumba de Raquel, nos lindeiros de Benxamín, en Selsah, e diranche: as burras que andabas buscando apareceron. O teu pai esqueceu xa ese asunto e agora está inquedo por vós pensando: ¿Que será do meu fillo?
3Máis adiante no teu camiño, chegando á aciñeira do Tabor, encontraraste con tres homes que soben para adorar a Deus en Betel, un deles con tres cabuxos, outro con tres fogazas e o terceiro cun pelexo de viño. 4Eles saudarante e daranche dúas fogazas, que ti collerás das súas mans.
5Despois chegarás a Guibah de Deus, onde está o posto dos filisteos. O entrares na cidade, atoparaste cunha banda de profetas que baixan do outeiro, profetizando, ó son de arpas e pandeiros, de frautas e de cítolas. 6Niso entrará en ti o espírito do Señor, e profetizarás, xunto con eles, trocado noutro home.
7Cando vexas cumprirse estes sinais, fai o que ben che pareza: Deus estará contigo. 8Baixa a Guilgal antes ca min; logo baixarei eu, para ofrecer holocaustos e sacrificios de comuñón. Agarda alí sete días a que eu chegue e che diga o que has facer".
9Despois que Xaúl se puxo de volta, afastándose de Samuel, Deus mudoulle o corazón e, naquel mesmo día, cumpríronse todos os sinais. 10Cando entraban en Guibah, encontráronse cunha banda de profetas. Niso entrou en Xaúl o espírito de Deus e púxose a profetizar no medio deles. 11Os que de antes o coñecían, ó velo profetizar entre os profetas, preguntábanse uns ós outros: ‑"¿Que lle pasou ó fillo de Quix? ¿Tamén anda Xaúl entre os profetas?" 12E un de alí replicou: ‑"¿E quen é o pai deses outros?" Diso saíu o dito: ‑"¿Conque tamén anda Xaúl entre os profetas?"
13Cando deixou de profetizar, Xaúl marchou para a súa casa. 14O tío de Xaúl preguntoulles a el e ó criado: ‑"¿Por onde andastes?" E eles responderon: ‑"Iamos á busca das burras e, ó ver que non aparecían, chegámonos onda Samuel". 15O tío preguntoulle a Xaúl: ‑"Cóntame o que vos dixo Samuel". 16Xaúl respondeulle: ‑"Informounos de que as burras xa apareceran". Pero non o informou do que Samuel lle dixera sobre o asunto do reino.
Elección polas sortes
17Samuel convocou ó pobo en Mispah, na presenza do Señor, 18e faloulles ós israelitas: ‑"Isto di o Señor, Deus de Israel: Eu saquei a Israel de Exipto e libreivos da man dos exipcios e da de todos os reis que vos oprimían. 19Pero agora vós rexeitades ó voso Deus, o que vos librou de males e apuros, cando dicides: Non. Dános un rei que nos goberne. Presentádevos, logo, diante do Señor por tribos e por familias".
20Samuel fixo comparecer a todas as tribos de Israel e a sorte caeu na tribo de Benxamín. 21Compareceron logo os clans da tribo de Benxamín e a sorte caeu no clan de Matrí. Despois caeu en Xaúl, fillo de Quix. Buscárono e non o encontraron. 22Consultaron de novo ó Señor: ‑"¿Veu ou non ese home?" E o Señor respondeu: ‑"Aí está, escondido entre as equipaxes". 23Correron a sacalo de alí e presentárono diante da xente. Pasáballes a todos eles dos ombreiros para arriba.
24Samuel díxolle ó pobo: ‑"¿Vedes o que escolleu o Señor? Non hai outro coma el". E aclamárono todos berrando: ‑"¡Viva o rei!" 25Samuel explicoulle ó pobo o foro do rei, escribiuno nun libro e depositouno diante do Señor. Despois despediu á xente, cada un para a súa casa.
26Tamén Xaúl marchou para a súa casa, en Guibah, acompañado polos valentes ós que Deus lles movera o corazón. 27Pero algúns aleivosos dicían: ‑"¡Como! ¿Ese é o que nos vai salvar?" E desprezárono e non lle levaron o regalo. Pero Xaúl fixo o xordo.