Capítulos 11-15
Xaúl vence ós amonitas
Capítulo 11
1Subiu Nahax o amonita e puxo o campamento contra Iabex de Galaad. Os de Iabex propuxéronlle a Nahax: ‑"Fai unha avinza connosco e seremos vasalos teus". 2Nahax o amonita respondeulles: ‑"Farei un pacto convosco coa condición de arrincarvos a todos o ollo dereito, sinal de afronta para todo Israel". 3Os vellos de Iabex dixéronlle: ‑"Concédenos sete días, para mandarmos mensaxeiros por todo o país de Israel. Se non houbese quen nos axude, quedarémosche sometidos".
4Os mensaxeiros chegaron a Guibah de Xaúl e contaron o caso ós oídos do pobo. Todo o mundo rompeu a chorar. 5Niso volvía Xaúl do agro, tras dos bois, e preguntou: ‑"¿Que lle pasa a xente que está toda chorando?" E contáronlle o caso que referiran os de Iabex.
6En oíndoo, entrou en Xaúl o espírito de Deus e alporizouse. 7Colleu a parella dos bois, tronzounos e mandou os anacos por todo Israel por mensaxeiros que pregoaban: ‑"Isto é o que se fará co gando dos que non saian á guerra, detrás de Xaúl e de Samuel". Un medo sagrado arrepiou a toda a xente, que saíu coma un só home. 8Xaúl revistounos en Bézec: os de Israel eran trescentos mil, e trinta mil os de Xudá.
9Entón dixéronlles ós mensaxeiros que viñeran de Iabex de Galaad: ‑"Anunciádelle á vosa xente: Mañá, ó quentar o sol, chegaravos a axuda". Marcharon os mensaxeiros e déronlles a nova ós de Iabex, que reloucaban. 10Estes respondéronlles entón ós amonitas: ‑"Mañá entregarémonos a vós, e faredes connosco o que vos pareza".
11O día seguinte, Xaúl dividiu o exército en tres corpos, que, á hora da garda da mañá, entraron no campamento amonita e estivérono batendo ata as horas da calor. Os que puideron fuxir, espalláronse para todos os lados, sen quedaren dous xuntos.
12Entón a xente dicíalle a Samuel: ‑"¿Onde están os que preguntaban: Vai reinar Xaúl sobre nós? ¡A velos, que os mataremos!" 13Pero Xaúl respondeulles: ‑"Hoxe non morrerá ninguén, pois hoxe salvou o Señor a Israel".
14Samuel díxolle ó pobo: ‑"Vaiamos a Guilgal, para inaugurar alí a realeza". 15Fóronse todos a Guilgal e coroaron rei a Xaúl, alí, na presenza do Señor. Ofrecéronlle ó Señor sacrificios de comuñón, e Xaúl e os israelitas celebraron alí unha gran festa.
Despedida de Samuel
Capítulo 12
1Samuel faloulle a todo Israel: ‑"Xa vedes que vos atendín en todo o que me pedistes. Deivos un rei que vos goberne. 2Agora aí tedes o rei para que vos guíe. Eu vou vello, encanecido, e os meus fillos están convosco. Eu andei diante de vós desde a miña mocidade ata agora.
3Aquí me tedes. Testemuñade contra min na presenza do Señor e na do seu unxido. ¿A quen lle quitei un boi? ¿A quen, un burro? ¿A quen asoballei? ¿A quen causei prexuízo? ¿De quen aceptei un agasallo que me fixese pechar os ollos ante a súa conduta? Falade e devolveréivolo". 4Responderon eles: ‑"Non nos asoballaches, non nos prexudicaches, non lle quitaches a ninguén cousa ningunha".
5El engadiu: ‑"Poño de testemuñas hoxe contra vós ó Señor e ó seu unxido, de que non atopastes na miña man cousa ningunha". Responderon eles: ‑"Sexan testemuñas". 6E Samuel dixo: ‑"Sexa testemuña o Señor, quen chamou a Moisés e a Aharón e que sacou ós vosos pais da terra de Exipto.
7Agora comparecede, que quero eu pedirvos contas diante do Señor dos favores que El vos fixo, a vós e a vosos pais. 8Cando Xacob baixou a Exipto e os exipcios vos oprimiron, os vosos pais berraron cara ó Señor, e o Señor mandou a Moisés e a Aharón, que os sacaron de Exipto, para establecelos neste lugar.
9Eles esquecéronse logo do Señor, o seu Deus, e El vendeunos a Sísera, xeneral do exército de Hasor, e entregounos na man dos filisteos e do rei de Moab, que lles fixeron a guerra. 10Entón berraron cara ó Señor e confesaron: Pecamos deixando ó Señor e servindo ós Baales e ás Axtartés. Agora líbranos da man dos nosos inimigos e servirémoste a ti. 11O Señor enviou a Ierubaal, a Barac, a Iefté e a Sansón, librouvos da man dos inimigos do arredor e puidestes vivir tranquilos.
12Mais, cando vistes que Nahax, rei dos amonitas, viña contra vós, dixéstesme: Non. Queremos ser gobernados por un rei, sendo que o voso rei é o Señor, voso Deus. 13Agora aí tedes o rei que vós pedistes e escollestes. Nel o Señor deuvos un rei.
14Se temedes ó Señor e o servides, se obedecedes e non sodes rebeldes, se vós e o rei que reine sobre vós seguides o Señor, voso Deus, iravos ben. 15Pero se non obedecedes ó Señor e se sodes rebeldes, a man do Señor pesará duro sobre vós, coma sobre os vosos pais.
16Agora dispóndevos a asistir ó gran milagre que o Señor vai facer diante de vós. 17¿Non estamos no tempo da seitura? Pois vou invocar o Señor, para que mande vir tronos e choiva. Con iso darédesvos conta da gran maldade que cometestes ós ollos do Señor pedíndolle un rei".
18Samuel invocou ó Señor e, naquel mesmo día, mandou o Señor tronos e choiva. O pobo todo, cheo de medo do Señor e de Samuel, 19díxolle a este: ‑"Pídelle ó Señor, o teu Deus, para que estes teus servos non morramos, pois ós pecados que xa tiñamos, engadimos agora a maldade de pedir un rei".
20Samuel díxolle ó pobo: ‑"Non temades. Cometestes esa maldade; pero agora non vos afastedes do Señor e servídeo con todo o corazón. 21Non vos arrededes del para ir detrás de vaidades, que non son de proveito e non salvan, pois son só vaidade. 22O Señor non rexeita ó seu pobo, por mor do seu mesmo nome. O Señor quixo que vós fósedes o seu pobo.
23En canto a min, líbreme Deus do pecado de deixar de pregar por vós e de mostrarvos o bo camiño. 24Temede ó Señor e servídeo de verdade e de corazón, pois ben vedes os grandes favores que vos fixo. 25Se obrades mal, pereceredes, vós e o voso rei".
A ameaza filistea
Capítulo 13
1Xaúl tiña os seus anos cando empezou a reinar e reinou vinte e dous anos sobre Israel. 2Escolleu para si tres mil israelitas. Dous mil estaban con el en Micmás e na montaña de Betel e os outros mil estaban con Ionatán, en Gueba de Benxamín. O resto do pobo mandouno para as súas casas.
3Ionatán destruíu o posto filisteo que había en Gueba e os filisteos soubérono. Xaúl mandou tocar a trompeta por todo o país para dicir: ‑"Que os hebreos escoiten". 4Todo Israel oíu dicir que Xaúl destruíra o posto dos filisteos e que Israel rompera con eles. O exército reuniuse con Xaúl en Guilgal.
5Os filisteos reuníronse tamén para facer a guerra a Israel. Contaban con tres mil carros, seis mil de cabalería e un exército de a pé coma a area das praias. Subiron a acampar en Micmás ó leste de Bet-Aven. 6Os israelitas víronse en apuro, porque estaban cercados; e escondíanse en covas e nas fendas das rochas, en buratos e en pozos. 7Algúns pasaron o Xordán, cara ó país de Gad e de Galaad.
Xaúl seguía en Guilgal, mais a xente que estaba con el arreguizaba co medo. 8Agar-dou sete días, o prazo fixado por Samuel. Pero Samuel non daba chegado a Guilgal e a xente empezaba a espallarse. 9Entón dispuxo Xaúl: ‑"Traédeme as vítimas para o holocausto e para o sacrificio de comuñón". E ofreceu el o holocausto.
Samuel condena a Xaúl
10Cando acababa de ofrecer o holocausto, presentouse Samuel. Xaúl saíulle ó encontro e saudouno. 11Samuel preguntoulle: ‑"¿Que fixeches?" E Xaúl respondeulle: ‑"O ver que o pobo se espallaba, que ti non chegabas no prazo fixado e que os filisteos se concentraban en Micmás, 12pensei para min: agora os filisteos botaránseme enriba, en Guilgal, sen ter eu aínda aplacado ó Señor. E atrevinme a ofrecer o holocausto".
13Samuel díxolle a Xaúl: ‑"Obraches coma un necio. Se seguises as ordes que o Señor, o teu Deus, che deu, o Señor afincaría para sempre o teu reinado sobre Israel. 14Pero agora o teu reinado non se manterá. Xa que ti non obedeciches as ordes do Señor, o Señor buscou un home do seu gusto e decidiu que fose el o xefe do seu pobo".
O encontro cos filisteos
15Samuel subiu de Guilgal e seguiu polo seu camiño. O exército que lle quedara a Xaúl subiu con este ó encontro dos filisteos. De Guilgal dirixiuse a Gueba de Benxamín. Xaúl pasou revista á xente que estaba con el: eran coma seiscentos homes. 16Xaúl, o seu fillo Ionatán e os homes que ían con eles, asentáronse en Gueba de Benxamín. Os filisteos, pola súa parte, acamparon en Micmás.
17Do campamento filisteo saía unha forza de combate que se dividía en tres corpos: un colleu o camiño de Ofrah, cara ó país de Xual; 18outro dirixiuse a Bet-Horón e o terceiro encamiñouse cara á fronteira que domina o val de Seboím, cara ó deserto.
19Daquela en todo o país de Israel non se atopaba un ferreiro. Os filisteos pretendían: "que non haxa quen lles forxe ós hebreos nin espada nin lanza". 20E os israelitas tiñan que baixar onda os filisteos para aguzar as rellas do arado, as eixadas, as machetas e as fouces. 21Afiar unha rella e unha eixada custáballes dous terzos de siclo, e un terzo unha macheta e unha cuña.
22E sucedía que, no día da batalla, non se atopaba nas mans dos homes que ían con Xaúl e con Ionatán nin espada nin lanza, fóra da espada e da lanza que levaban eles os dous. 23Un pelotón dos filisteos saíu cara ó desfiladeiro de Micmás.
Fazaña de Ionatán
Capítulo 14
1Un día Ionatán, o fillo de Xaúl, díxolle ó seu escudeiro: ‑"Ven e acheguémonos ó posto dos filisteos naquela banda de alá". O seu pai non lle dixo nada. 2Xaúl estaba apostado nas aforas de Gueba, por baixo do granado de Migrón. Había coma seiscentos homes ó seu lado. 3Levaba o efod Ahías, fillo de Ahitub, irmán de Icabod, fillo de Pinhás, fillo de Elí, sacerdote do Señor en Xiloh. A xente non se deu conta da marcha de Ionatán.
4A valgada que Ionatán quería atravesar para chegar ó posto filisteo tiña por cada lado un saínte rochoso: un chamábase Bosés e o outro Séneh. 5O do norte miraba cara a Micmás e o do sur cara a Gueba.
6Ionatán díxolle ó seu escudeiro: ‑"Ven, acheguémonos ó posto deses incircuncisos. Quizais faga o Señor algo por nós, pois a el nada lle impide dar a vitoria, o mesmo ós moitos coma ós poucos". 7O escudeiro respondeulle: ‑"Fai o que che suxira o corazón. Eu estou aquí para o que ti queiras".
8Ionatán decidiu entón: ‑"Imos pasar onda eses homes deixando que eles nos vexan. 9Se nos din: alto aí, ata que cheguemos onda vós, nós ficaremos quedos e non subiremos ata onda eles. 10Mais se nos din: subide onda nós, nós subiremos, pois o Señor entréganolos nas mans. Ese será o sinal".
11Entón deixáronse ver polos filisteos, que dixeron: ‑"Mirade. Hebreos que saen dos tobos, onde se acochaban". 12E desde o posto berráronlles a Ionatán e ó seu escudeiro: ‑"Subide onda nós, que vos temos que dicir unha cousa".
Ionatán díxolle entón ó escudeiro: ‑"Sube detrás de min. O Señor vai entregalos nas mans de Israel". 13Ionatán subiu, agatuñando coas mans e cos pés, e o escudeiro detrás del. Os filisteos que caían diante de Ionatán rematábaos detrás o escudeiro.
14Nesa primeira batida que deron Ionatán e o seu escudeiro, morreron coma vinte homes en media fanega de terra. 15O medo invadiu a todo o exército filisteo, no campamento e no posto, mesmo ás forzas de combate. A terra estremeceu, collida dun sacro terror.
16Desde Gueba de Benxamín as sentinelas de Xaúl viron que as xentes filisteas rebulían e fuxían dun lado para o outro. 17Xaúl díxolles ós homes que o seguían: ‑"Pasade revista e vede quen dos nosos marchou". Pasaron revista e faltaban Ionatán e o seu escudeiro.
18Xaúl díxolle entón a Ahías: ‑"Trae aquí o efod". (Pois, daquela, levaba Ahías o efod en Israel). 19Mentres falaba Xaúl co sacerdote, no campamento filisteo medraba o barullo. Xaúl díxolle ó sacerdote: ‑"Aparta a túa man". 20Xaúl reuniu o seu exército, dirixiuse ó lugar do combate e viron ós filisteos nunha gran barafunda, erguendo a espada uns contra os outros.
21Os hebreos que desde antes pertencían ó exército filisteo e que subiran con el ó campamento, pasáronse ós israelitas de Xaúl e de Ionatán. 22E todos os homes de Israel, que estaban escondidos na montaña de Efraím, desde que oíron que os filisteos escapaban fuxindo, xuntáronse eles tamén cos que os ían perseguindo. 23Aquel día salvou o Señor a Israel. O combate seguiu ata Bet-Aven.
O voto de Xaúl
24Os homes de Israel estaban esgotados aquel día, porque Xaúl fixera sobre eles esta imprecación: ‑"Maldito o que probe bocado ata a tarde, primeiro de que eu me vingue dos meus inimigos". E ninguén probou bocado. 25Mais chegaron a un bosque onde había mel polo chan. 26Ao entraren no bosque, os soldados viron correr o mel; pero ninguén se atreveu a levalo coa man á boca por medo do xuramento.
27Ionatán non oíra que o seu pai impuxera ó pobo o xuramento. Tendeu a vara que tiña na man, molloulle a punta no mel e levouna á boca. Os ollos relucíronlle. 28Un dos soldados informouno: ‑"O teu pai impúxolle ó exército esta imprecación: maldito o que probe hoxe bocado, mesmo se a xente está fatigada". 29Ionatán respondeu: ‑"O meu pai fíxolle dano ó país. Vede como me brillan os ollos só porque probei ese chisco de mel. 30Se os soldados comesen dos despoxos que se lles colleron ós inimigos, ¿non sería hoxe maior a desfeita dos filisteos?"
31Aquel día bateron nos filisteos desde Micmás ata Aialón; pero a xente acabou esfameada. 32Botaron man do botín, colleron ovellas, vacas e tenreiros, sacrificáronos no chan e comeron a carne co sangue.
33Déronlle aviso a Xaúl: ‑"Mira que o pobo peca contra o Señor comendo carne co sangue". Xaúl dixo: ‑"Iso é un pecado. Facede rodar para acó unha pedra grande". 34E dispuxo: ‑"Ide por entre a xente e dicídelle a cada un que traia aquí o seu boi e a súa ovella. Degolarédelos para comelos, e non pequedes contra o Señor, comendo a carne co sangue". Aquela noite cada un veu co que tiña e degolárono alí. 35Xaúl edificoulle un altar ó Señor. Foi o primeiro que edificou.
36Despois propuxo Xaúl: ‑"Baixemos tras dos filisteos esta noite. Saquearemos ata o amencer e que non quede sequera un". E respondéronlle: ‑"¡Fai o que che pareza!" Pero os soldados dixeron: ‑"Consultemos primeiro con Deus".
A consulta das sortes
37Xaúl consultou con Deus: ‑"¿Debo baixar en persecución dos filisteos? ¿Entregaralos nas mans dos israelitas?" Pero non houbo resposta aquel día. 38Entón ordenou Xaúl: ‑"Acercádevos aquí os xefes todos do exército e pescudade quen cometeu hoxe un pecado. 39Porque, pola vida do Señor, salvador de Israel, que aínda que fose o meu fillo Ionatán, tería que morrer". Pero ninguén lle respondeu unha palabra.
40Xaúl díxolle entón ó exército israelita: ‑"Vós todos porédesvos dun lado e eu e o meu fillo Ionatán porémonos do outro". O exército respondeulle: ‑"Fai como che pareza". 41Entón Xaúl preguntoulle ó Señor: ‑"Deus de Israel, ¿por que non respondes hoxe ó teu servo? Se somos culpables eu ou o meu fillo Ionatán, fai que saia urim, e se o é o exército de Israel, que saia tummim". E a sorte caeu en Ionatán e en Xaúl, quedando o exército libre.
42Xaúl mandou entón: ‑"Botade as sortes entre min e o meu fillo Ionatán". E tocoulle a Ionatán. 43Xaúl díxolle a Ionatán: ‑"Cóntame o que fixeches". Ionatán respondeulle: ‑"Probei un chisco de mel coa punta do pau que levaba na man. Estou pronto para morrer". 44Xaúl xurou: ‑"Que Deus me castigue, se non morres, Ionatán".
45Pero os soldados dixéronlle a Xaúl: ‑"¿Como vai morrer Ionatán, despois de acadar esta vitoria para Israel? ¡De ningunha maneira! Vive o Señor que non caerá por terra un cabelo da súa cabeza, pois Deus obrou hoxe por el". Dese xeito o exército salvou a vida de Ionatán, que non morreu. 46Xaúl deixou de perseguir os filisteos, que tornaron para a súa terra.
Síntese do reino de Xaúl
47Desde que tomou posesión da realeza, Xaúl loitou contra os inimigos do arredor de Israel, os moabitas, os amonitas e os edomitas, o rei de Sobah e os filisteos. Por onde foi sempre venceu. 48Era home valente. Venceu ós amalecitas e librou a Israel dos que o tiñan asoballado.
49Os fillos que tivo, foron: Ionatán, Ixví e Melquixúa. Das súas dúas fillas, a máis vella chamábase Merab e a máis nova Micol. 50A súa muller chamábase Ahinoam, filla de Ahimaas. O xeneral do seu exército chamábase Abner, fillo de Ner, tío de Xaúl. 51O pai de Xaúl, Quix, e Ner, pai de Abner, eran fillos de Abiel. 52Durante todo o reinado de Xaúl houbo guerra cos filisteos. Todos os homes fortes e valentes que vía, Xaúl levábaos consigo.
Xaúl vence ós amalecitas
Capítulo 15
1Samuel faloulle a Xaúl: ‑"O Señor mandoume que te unxise rei do seu pobo Israel. Xa que logo, escoita a palabra do Señor. 2O Señor dos exércitos di isto: Voulle pedir contas a Amalec do que fixo con Israel, atacándoo, cando este subía de Exipto. 3Vai, logo, pelexa contra Amalec, destrúe todo o que ten e non teñas dó del. Mátalle homes e mulleres, rapaces e nenos de peito, bois e ovellas, camelos e burros".
4Xaúl reuniu o exército e revistouno en Telaim. Eran douscentos mil de infantería e dez mil homes de Xudá. 5Xaúl acercouse ás cidades de Amalec e puxo trapelas nas congostras.
6Mandoulles dicir ós quenitas: ‑"Arredádevos de onda os amalecitas, para non arrasarvos canda eles, pois vosoutros tivestes dó dos israelitas, cando estes subían de Exipto". E os quenitas arredáronse de xunto os amalecitas.
7Xaúl venceu a Amalec, desde Havilah, segundo se vai para Xur, na fronteira, ó leste de Exipto. 8Colleu vivo a Agag, rei de Amalec, a todo o pobo pasouno polo coitelo. 9Xaúl e o seu exército perdoáronlles a vida a Agag e ás mellores ovellas e vacas, ó gando cebado, ós cordeiros e a todo o que era bo, e non os exterminaron. Só consagraron ó anatema o desprezable e de pouco valor.
Segunda condena de Xaúl
10Samuel recibiu, daquela, esta palabra do Señor: 11‑"Pésame ter feito rei a Xaúl, pois anda afastado de min e non cumpre as miñas ordes". Samuel entristeceuse e pasou toda a noite clamando perante o Señor. 12Pola mañá ergueuse cedo para ir ó encontro de Xaúl. Pero entón informárono de que Xaúl marchara a Carmel, que levantara alí unha estela e que, despois, dera a volta e baixara a Guilgal.
13Samuel presentouse onda Xaúl e este díxolle: ‑"Que o Señor te bendiga. 14Cumprín o que mandara o Señor". Mais Samuel preguntoulle: ‑"¿E que son eses beos de ovella que oio e eses brúos de boi que sinto?" 15Xaúl respondeulle: ‑"Trouxéronos de onda Amalec. O exército perdooulle a vida ó mellor dos rabaños e dos gandos, para ofrecer sacrificios ó Señor, o teu Deus. O resto consagrámolo ó anatema".
16Samuel díxolle a Xaúl: ‑"Déixame que che anuncie o que esta noite me dixo o Señor". E el díxolle: ‑"Fala". 17Samuel dixo: ‑"Aínda que te consideres pequeno, ti es a cabeza das tribos de Israel, pois o Señor unxiute por rei de Israel. 18O Señor mandoute por este camiño, con esta orde: vai e consagra ó anatema ós amalecitas, pecadores; combáteos, ata acabares con eles.
19¿Por que non obedeciches ó Señor? ¿Por que retiveches os espolios, facendo o que desagrada ó Señor?" 20Xaúl respondeulle a Samuel: ‑"¿Que non obedecín ó Señor? Eu fun polo camiño que el me sinalou; trouxen a Agag, rei de Amalec, e ós amalecitas consagreinos ó anatema. 21Se o exército colleu dos espolios ovellas e bois, a primicia do consagrado ó anatema, foi para ofrecer sacrificios en Guilgal ó Señor, o teu Deus".
22Samuel dixo entón:
‑"¿Quere o Señor holocaustos e sacrificios ou prefire que o obedezan?
Certamente a obediencia vale máis cós sacrificios,
a docilidade, máis có lardo dos carneiros.
23A rebeldía é coma pecado de feiticeiros,
a teimosía, coma delito de idolatría.
Xa que ti rexeitaches a orde do Señor, o Señor rexéitate a ti coma rei".
24Xaúl confesoulle a Samuel: ‑"Pequei, traspasando o mandado do Señor e tamén a túa palabra. Tiven medo do exército e consentín no que pedía. 25Agora perdoa o meu pecado e dá a volta comigo, que quero adorar ó Señor". 26Samuel respondeulle: ‑"Non quero volver contigo. Xa que ti rexeitaches a orde do Señor, o Señor rexéitate a ti, para que non reines sobre Israel".
27Samuel deu a volta para marchar e Xaúl apreixoulle a punta do manto e esgazoullo. 28Samuel díxolle: ‑"O Señor arríncache hoxe o reino de Israel para darllo a outro mellor ca ti. 29O que é gloria de Israel non mente nin se volve atrás, pois non é un home para ter que arrepentirse". 30Xaúl dixo: ‑"Pequei. Pero salva a miña honra diante dos vellos do meu pobo e diante de Israel, e volve comigo, que quero adorar o Señor, o teu Deus". 31Samuel volveu con Xaúl e este adorou o Señor.
32Samuel ordenou despois: ‑"Traédeme a Agag, rei dos amalecitas". Cuberto de cadeas, Agag acercóuselle e dixo: ‑"A amargura da morte está pasando agora mesmo". 33Samuel respondeulle: ‑"Do xeito como a túa espada deixou mulleres sen fillos, agora queda coma elas sen fillos a túa nai". E Samuel esganouno en Guilgal na presenza do Señor.
34Samuel volveu para Ramah e Xaúl subiu para a súa casa, en Guibah de Xaúl. Samuel non volveu ver a Xaúl na súa vida. Pero estaba aflixido por el, porque lle pesara ó Señor facelo rei de Israel.