Capítulos 21-25

O censo do pobo

 

Capítulo 21

 

1Alzouse Satán contra Israel e incitou a David a facer o censo de Israel. 2David dixo a Ioab e ós xefes do pobo: ‑"Ide facer o censo de Israel, desde Beerxeba ata Dan, e traédemo para que eu saiba o seu número". 3Ioab respondeu a David: ‑"Oxalá fixera Iavé cen veces máis numeroso o seu pobo. Pero non, señor, ¿non son todos servidores teus? ¿Para que pide isto o meu señor? ¿Para que facer unha cousa que será vista como pecado de Israel?". 4O rei persistiu na orde que lle dera a Ioab, e Ioab partiu e percorreu todo Israel. 5Cando volveu a Xerusalén, Ioab entregou a David o número do censo do pobo. Había en todo Israel un millón cen mil homes en condicións de levar armas, e en Xudá catrocentos setenta mil bos. 6Entre eles non fixo o censo de Leví e Benxamín, porque Ioab aborrecía a orde do rei. 7A orde desagradou a Deus e castigou a Israel.

8Entón dixo David a Deus: ‑"Cometín nisto un gran pecado. Pídoche que perdoes a iniquidade do teu servo, pois obrei coma un insensato".

9Iavé falou así a Gad, o vidente de David: 10‑"Vai e dille a David: así fala Iavé: tres pragas che propoño para que elixas unha coa que ferirte". 11Gad viu a David e díxolle: ‑"Así fala Iavé: escolle para ti: 12tres anos de fame ou tres meses de derrota ante os teus inimigos, dándoche alcance a espada dos teus adversarios, ou tres días nos que a espada de Iavé e a peste estarán sobre o país, mentres o anxo de Iavé levará a destrución a todo o territorio de Israel. Dime, pois, o que teño que responder ó que me envía". 13David respondeu a Gad: ‑"Véxome nun bo apuro, mais caia eu nas mans do Señor, que é grande en misericordia, e non caia nas mans dos homes".

14Mandou Iavé a peste sobre Israel e caeron setenta mil israelitas. 15Deus mandou un anxo a Xerusalén para destruíla, e cando xa a estaba destruíndo, mirou o Señor e arrepentiuse daquel mal, e díxolle ó anxo destrutor: ‑"Abonda, retira xa a túa man". O anxo de Iavé estaba onda a eira de Ornán o iebuseo. 16David alzou os ollos e viu o anxo de Iavé entre a terra e o ceo, tendo na súa man a espada desenvaiñada, volta contra Xerusalén. Entón David e os anciáns, vestidos de saco, caeron sobre os seus rostros. 17David dixo a Deus: ‑"¿Non fun eu quen mandou facer o censo do pobo? Fun eu quen pecou e fixo o mal; pero estas ovellas, ¿que fixeron? ¡Iavé, meu Deus!, carga a túa man sobre min e sobre a casa de meu pai e non haxa praga no teu pobo". 18O anxo de Iavé dixo a Gad que falase a David para que subise a levantar un altar na eira de Ornán, o iebuseo, 19e subiu David, cumprindo a orde que Gad lle dera no nome do Señor. 20Ornán, que estaba mallando no millo, volveuse e viu o anxo e escondeuse cos seus catro fillos.

21Cando chegou David cerca de Ornán, mirou Ornán e viu a David, e saíndo da eira, postrouse ante David co rostro en terra. 22David dixo a Ornán: ‑"Déixame o terreo da eira para que levante un altar a Iavé; pagareicho polo xusto prezo, para que se retire a praga sobre o pobo". 23Ornán respondeu a David: ‑"Tómaa, e que o meu señor, o rei, faga nela o que lle pareza ben; mira, douche os bois para o holocausto, os mallos para a leña e o trigo para a ofrenda. Doucho todo". 24Pero o rei dixo a Ornán: ‑"Non. Quero comprarcha polo seu valor en prata, pois non vou eu presentarlle ó Señor o que é teu, nin ofrecerlle un holocausto que non me custa nada". 25Deu David a Ornán seiscentos siclos de ouro polo lugar, 26edificou alí un altar a Iavé e ofreceulle holocaustos e sacrificios de comuñón. Invocou a Iavé, e o Señor respondeulle co lume que do ceo descendeu sobre o altar do holocausto. 27Entón falou Iavé ó anxo, que volveu a espada ó seu sitio.

28Vendo David que o Señor o escoitara na eira de Ornán, o iebuseo, sacrificaba alí, 29pois o tabernáculo de Iavé, que Moisés fixera no deserto, e o altar dos holocaustos estaban entón á altura de Gabaón. 30Pero David non puidera ir ante el para consultar a Deus, porque a espada do anxo de Iavé o encheu de medo.

 

Capítulo 22

 

1E dixo David: ‑"Esta será a casa de Iavé Deus e aquí estará o altar dos holocaustos para Israel".

 

Preparativos para a construción do templo

 

2Mandou David que se reunisen todos os estranxeiros que había na terra de Israel, e encargou ós canteiros que fosen preparando pedras labradas para a construción do templo de Deus. 3Preparou tamén ferro abondo para facer os cravos e xuntas das portas, bronce en grandes cantidades, 4e moita madeira de cedro, pois os sidonios e os tirios trouxeron abonda madeira de cedro para David. 5David dicía para si: ‑"O meu fillo Salomón é aínda novo e inexperto, e o templo que se ten que edificar para o Señor ten que ser, pola grandeza, pola magnificencia e pola beleza, coñecido en toda a terra; por iso quero facer os preparativos", e fíxoos abondos antes da súa morte. 6David chamou a Salomón, seu fillo, e deulle orde de edificar unha casa ó Señor, Deus de Israel. 7Díxolle: ‑"Meu fillo, eu tiña o propósito de edificar un templo no nome de Iavé, meu Deus; 8pero o Señor díxome: Ti derramaches moito sangue e fixeches grandes guerras. Non serás ti quen edifique un templo no meu nome, porque derramaches ante min moito sangue sobre a terra. 9Velaí que che nacerá un fillo, que será home de paz e a quen eu darei paz, librándoo de todos os seus inimigos do arredor. O seu nome será Salomón, nos seus días eu concederei paz e tranquilidade a Israel. 10El edificará un templo ó meu nome. Será para min un fillo e eu serei para el un pai, e afirmarei sempre o trono do seu reino en Israel. 11Agora, pois, meu fillo, que o Señor sexa contigo, para que prosperes e edifiques o templo de Iavé, teu Deus, como el de ti declarou. 12Queira darche o Señor a sabedoría e a intelixencia para reinar sobre Israel na observancia da lei de Iavé o teu Deus. 13Se coidas de poñeres por obra os mandamentos e preceptos que o Señor lle mandou a Moisés para Israel, prosperarás. Esfórzate, logo, ten ánimos e non temas nin desmaies. 14Eu cos meus esforzos reunín para o templo do Señor cen mil talentos de ouro, un millón de talentos de prata e unha grande cantidade de bronce e ferro. Dispuxen tamén madeira e pedra que ti acrecentarás. 15Tes á man moitos obreiros, canteiros, carpinteiros e homes sabidos en toda clase de obras. 16O ouro, a prata, o bronce e o ferro son de máis. Érguete, pois: comeza coa obra, e que o Señor sexa contigo".

17Mandou tamén David a todos os príncipes de Israel que prestasen a súa axuda a Salomón, seu fillo. 18‑"¿Non está convosco Iavé, o voso Deus, e non nos deu El paz en todas partes? El puxo nas miñas mans os moradores da terra, e a terra está sometida ante Iavé e diante do seu pobo. 19Poñede, pois, todo o voso corazón e o voso ánimo en buscar o Señor, o voso Deus; erguédevos e edificade o santuario de Iavé Deus, para traer a arca da alianza do Señor e os seus utensilios consagrados a Deus ó templo edificado no nome de Iavé".

 

Organización dos levitas

 

Capítulo 23

 

1Vello xa David e colmado de días, fixo a Salomón, seu fillo, rei de Israel. 2Reuniu a todos os príncipes de Israel, ós sacerdotes e ós levitas. 3Fíxose o censo dos levitas de máis de trinta anos, e o seu número, contado un a un, foi de trinta e oito mil. 4Deles vinte e catro mil dirixían as obras do templo de Iavé, e seis mil eran inspectores e xuíces; 5catro mil, porteiros; e catro mil dedicados a loar o Señor con aparellos feitos para iso por David.

6David distribuíunos en orde segundo os fillos de Leví, Guerxom, Quehat e Merarí.

7Fillos de Guerxom: Ladán e Ximí. 8Fillos de Ladán: Iehiel, o primeiro; Zetam e Ioel; en total, tres. 9Fillos de Ximí: Xelomit, Haziel e Harán, tres en total. Estes son os xefes das familias de Ladán. 10Fillos de Ximí: Iaxat, Zizá, Ieús e Beriá, en total catro. 11Estes catro son os fillos de Ximí. Iaxat era o primeiro e Zizá o segundo. Ieús e Beriá non tiveron moitos fillos e formaron no censo unha soa casa paterna. 12Fillos de Quehat: Amram, Ishar, Hebrón e Uziel, en total catro. 13Fillos de Amram: Aharón e Moisés. Aharón foi elixido para servir no santo dos santos, el e seus fillos perpetuamente, para ofrecer os perfumes ante Iavé, para facer o seu ministerio e bendicir por sempre o seu nome.

14Os fillos de Moisés, home de Deus, foron contados na tribo de Leví. 15Os fillos de Moisés foron Guerxom e Eliézer. 16Xebuel foi o primoxénito de Guerxom. 17Fillos de Eliézer: o primoxénito de Eliézer foi Rehabías. Eliézer non tivo máis fillos, pero Rehabías tivo moitos. 18Fillos de Ishar: o primoxénito foi Xelomit. 19Fillos de Hebrón: Ierías, o primoxénito; Amarías, o segundo; Uziel, o terceiro, e Iecamam, o cuarto. 20Fillos de Uziel: Miqueas, o primoxénito; Ixías, o segundo.

21Fillos de Merarí: Mahlí e Muxí. Fillos de Mahlí: Elazar e Quix. 22Elazar morreu sen fillos, pero deixou fillas, e os fillos de Quix, seus irmáns, tomáronas por mulleres. 23Fillos de Muxí: Mahlí, Éder e Ieremot, tres en total. 24Estes son os fillos de Leví segundo as familias dos seus pais, cabeza das casas paternas, segundo o censo feito contando por cabezas. Estaban dedicados ó ministerio do templo de Iavé desde os vinte anos cumpridos, 25pois David dixo: ‑"O Señor, Deus de Israel, deu acougo ó seu pobo Israel e habitará por sempre en Xerusalén, 26e os levitas non terán xa que transportar o tabernáculo e todos os aparellos do seu servizo". 27E así, conforme as derradeiras disposicións de David, fíxose o censo dos fillos de Leví desde os vinte anos en adiante.

28Postos baixo as ordes dos fillos de Aharón, para o servizo do templo do Señor, tiñan ó seu coidado os adros e as cámaras, a limpeza de todas as  cousas santas e as obras do servizo do templo de Deus; 29o pan da proposición, a flor da fariña para as ofrendas, as tortas de pan asmo, as filloas fritidas na tixola e as cocidas, e todas as  medidas de capacidade e lonxitude. 30Tiñan que presentarse cada mañá e cada tarde para loar e celebrar a Iavé 31e ofrecer continuamente os holocaustos ó Señor os sábados, os novilunios e as festas, segundo o número e os ritos prescritos. 32Facían a garda da Tenda do Encontro ás ordes dos fillos de Aharón, seus irmáns, no servizo do templo do Señor.

 

Organización dos sacerdotes

 

Capítulo 24

 

1Velaquí as clases dos fillos de Aharón. Fillos de Aharón: Nadab, Abihú, Elazar e Itamar. 2Nadab e Abihú morreron antes ca seu pai e non deixaron fillos. Elazar e Itamar cumpriron a función sacerdotal. 3David con Sadoc ‑dos fillos de Elazar‑, e con Ahimélec ‑dos fillos de Itamar‑, distribuíunos en quendas para o servizo. 4Houbo entre os fillos de Elazar máis xefes ca entre os fillos de Itamar, e fíxose esta división: os fillos de Elazar tiñan dezaseis xefes de casas paternas, e os fillos de Itamar, oito. 5Fíxose a distribución por sorte, uns cos outros, e foron xefes do santuario de Deus tanto os fillos de Elazar coma os fillos de Itamar.

6Semaías, fillo de Natanael, secretario da tribo de Leví, inscribiunos diante do rei e dos príncipes, diante de Sadoc, sacerdote, e de Ahimélec, fillo de Abiatar, e dos xefes de familias de sacerdotes e levitas, e íanse sacando por sorte dúas familias de Elazar e unha de Itamar. 7A primeira sorte tocou a Iehoiarib; a segunda a Iedaías; 8a terceira, a Harim; a cuarta, a Seorim; 9a quinta, a Malaquías; a sexta, a Miiamín; 10a sétima, a Hacós; a oitava a Abías; 11a novena, a Iexúa; a décima, a Xecanías; 12a undécima, a Eliaxib; a duodécima, a Iaquim; 13a décimo terceira, a Hupah; a décimo cuarta, a Ixbaal; 14a décimo quinta, a Bilgah; a décimo sexta, a Imer; 15a décimo sétima a Hezir; a décimo oitava, a Hapisés; 16a décimo novena, a Petahías; a vixésima, a Ezequiel; 17a vixésimo primeira, a Iaquín; a vixésimo segunda, a Gamul; 18a vixésimo terceira, a Delaías; a vixésimo cuarta, a Maazías.

19Así foron distribuídas para o seu ministerio, para que entrasen na casa do Señor ás ordes de Aharón, conforme os mandatos que lles dera Iavé, Deus de Israel.

20Velaquí os xefes das outras familias dos levitas: Xubael, dos fillos de Amram, e Iehdeías, dos fillos de Xubael. 21Dos fillos de Rehabías, o xefe era Ixías. 22Dos Isharitas, Xelomot; dos fillos de Xelomot, Iaxat. 23O primoxénito dos descendentes de Hebrón foi Ierías; o segundo, Amarías; o terceiro, Iahziel; o cuarto, Iecamam. 24Dos fillos de Uziel foi Miqueas; e dos fillos de Miqueas, Xamur. 25Ixías era irmán de Miqueas, o xefe da familia de Ixías era Zacarías.

26Os fillos de Merarí foron: Mahlí e Muxí. Tamén era fillo seu Uzías, fillo seu Beno. 27Os descendentes de Merarí, por parte de Uzías foron: Xoham, Zacur e Ibrí. 28Por parte de Mahlí, Elazar, que non tivo fillos, e Quix. 29Quix tivo un fillo chamado Ierahmel. 30Os fillos de Muxí foron: Mahlí, Éder e Ierimot. Estes son os fillos de Leví segundo as súas familias. 31Tamén eles, como os fillos de Aharón, foron sorteados, tanto as familias principais coma as máis pequenas, en presenza do rei David, de Sadoc, de Ahimélec e dos cabezas de familia sacerdotais e levíticos.

 

Organización dos cantores

 

Capítulo 25

 

1David e os fillos do exército separaron ós que de entre os fillos de Asaf, de Hemán e de Iedutún tiñan que facer o oficio de profetas, con cítaras, arpas e címbalos. Esta é a relación dos homes encargados destes servizos. 2Dos fillos de Asaf: Zacur, Xosé, Netanías e Asarélah, baixo a dirección de Asaf, que pola súa banda profetizaba baixo a dirección do rei. 3De Iedutún: os seus fillos: Guedalías, Serí, Isaías, Ximí, Haxabías, Matitías, seis, baixo a dirección de seu pai, Iedutún, que profetizaba coa cítara para louvar e glorificar a Iavé. 4De Hemán: seus fillos, Buquías, Matitías, Uziel, Xebuel, Ierimot, Ananías, Hananí, Eliatah, Guidalti, Romantiézer, Ioxbecásah, Maloti, Hotir e Mahaziot.

5Todos estes eran fillos de Hemán, vidente do rei, nas cousas de Deus, para exaltar o seu poder. Deus dera a Hemán catorce fillos e tres fillas.

6Todos estes foron postos baixo a dirección dos seus pais para cantaren no templo de Iavé, tocando os címbalos, as arpas e os salterios. Cumprindo os ministerios da casa de Iavé, seguindo as instrucións do rei, de Asaf, Iedutún e Hemán. 7O seu número, contando os seus irmáns, os que estaban instruídos no canto de Iavé ‑todos eles entendidos‑, eran douscentos oitenta o oito. 8Foron sorteados en cada clase sen acepción de persoas, mozos e vellos, mestres e discípulos.

9O primeiro por sorte foi Xosé, da casa de Asaf; e o segundo, Guedalías, por el e polos seus fillos e irmáns, en número de doce; 10o terceiro, Zacur e os seus fillos e irmáns, en número de doce; 11o cuarto, Isrí, cos seus fillos e irmáns en número de doce; 12o quinto Netanías, cos seus fillos e irmáns en número de doce; 13o sexto, Buquías, cos seus fillos e irmáns, en número de doce; 14o sétimo, Asarélah, cos seus fillos e irmáns en número de doce; 15o oitavo, Isaías, cos seus fillos e irmáns, en número de doce; 16o noveno, Matanías, cos seus fillos e irmáns en número de doce; 17o décimo, Ximí, cos seus fillos e irmáns en número de doce; 18o undécimo, Azarel, cos seus fillos e irmáns en número de doce; 19o duodécimo, Axabías, cos seus fillos e irmáns en número de doce; 20o décimo terceiro Xubael, cos seus fillos e seus irmáns, en número de doce. 21o décimo cuarto, Matitías, cos seus fillos e seus irmáns en número de doce; 22o décimo quinto, Ierimot, cos seus fillos e irmáns en número de doce; 23o décimo sexto, Ananías, cos seus fillos e irmáns en número de doce; 24o décimo sétimo, Ioxbecásah, cos seus fillos e irmáns en número de doce; 25o décimo oitavo, Hananí, cos seus fillos e irmáns en número de doce; 26o décimo noveno, Maloti, cos seus fillos e irmáns en número de doce; 27o vixésimo, Eliátah, cos seus fillos e irmáns en número de doce; 28o vixésimo primeiro, Hotir, cos seus fillos e irmáns en número de doce; 29o vixésimo segundo, Guidalti, cos seus fillos e irmáns en número de doce; 30o vixésimo terceiro, Mahziot, cos seus fillos e irmáns en número de doce; 31o vixésimo cuarto, Romantiézer, cos seus fillos e irmáns en número de doce.