CAPÍTULO 26
Discurso de Paulo defendéndose diante do rei Agripa
1Agripa díxolle a Paulo:
‑Tes consentimento para falares na túa defensa.
Entón Paulo, estendendo a man, principiou a súa defensa.
2‑Considérome feliz, rei Agripa, de poderme defender diante de ti de todo o que me acusan os xudeus, 3maiormente por seres coñecedor de todos os costumes e controversias que hai entre os xudeus. Por iso pídoche que me escoites con paciencia.
4A miña vida a partir da mocidade, que pasei desde o comezo entre o meu propio pobo, en Xerusalén, sábena todos os xudeus. 5Eles coñécenme desde hai moito tempo e, se quixesen, poderían atestar que vivín coma fariseo, o partido máis rigoroso da nosa relixión.
6Curiosamente é pola esperanza na promesa feita por Deus ós nosos pais polo que me atopo aquí en xuízo; 7promesa que as doce tribos esperan acadar servindo decote a Deus, noite e día. ¡Por esa esperanza, maxestade, acúsanme os xudeus! 8¿Por que coidades incrible que Deus resucite os mortos?
9En canto a min, crinme obrigado a combater con todos os medios contra o nome de Xesús de Nazaret. 10Iso foi o que fixen en Xerusalén: co poder que me deran os sumos sacerdotes, eu mesmo metín no cárcere moitos cristiáns e, cando os mataban, dábao por ben feito. 11Moitas veces, polas sinagogas, con torturas, obrigábaos a blasfemar e, cheo de carraxe contra eles, perseguíaos mesmo nas cidades de fóra.
12Foi así, que, indo a Damasco con poder e permiso dos sumos sacerdotes, 13á mediodía, maxestade, vin no camiño unha luz baixada do ceo e máis brillante có sol, que resplandecía arredor de min e dos meus compañeiros de viaxe. 14Todos caemos ó chan e sentín unha voz que me dicía en lingua hebrea: "Xaúl, Xaúl, ¿por que me persegues? Non gañas nada con dares couces contra o aguillón". 15Eu preguntei: "¿Quen es, Señor?". E o Señor respondeu: "Eu son Xesús, a quen ti persegues. 16Pero érguete e ponte dereito, pois aparecinme a ti para te poñer coma servidor e testemuña do que de min viches e do que che amosarei, 17librán-dote do pobo e dos pagáns ós que te mando, 18para que lles abras os ollos a fin de que volvan das tebras á luz e do poder de Satán a Deus e, pola fe en min, reciban o perdón dos pecados e mais a herdade entre os santos".
19E non desobedecín, rei Agripa, a visión celestial. 20O contrario, primeiro ós de Damasco, despois ós de Xerusalén, e en toda a rexión da Xudea e por fin ós pagáns, prediqueilles que se arrepintan e que se convertan a Deus e que vivan como corresponde á conversión. 21Por este motivo prendéronme os xudeus no Templo e tentaron de me matar. 22Pero coa axuda de Deus mantéñome ata hoxe dando testemuño a pequenos e grandes, sen me saír do que predixeron Moisés e mais os Profetas: 23que o Mesías tiña que padecer e que, resucitado o primeiro de entre os mortos, anunciaríalles a luz ó noso pobo e ós pagáns.
24Estando neste punto da súa defensa, exclamou Festo:
‑¡Estás tolo, Paulo; tanto saber revirouche o xuízo!
25Pero Paulo díxolle:
‑Non estou tolo, excelentísimo Festo; as miñas palabras son verdadeiras e asisadas. 26O rei sabe moito destas cousas e por iso fálolle francamente, pois non creo que as ignore, dado que non ocorreron nun recanto. 27¿Cres nos profetas, rei Agripa? Ben sei que cres.
28Agripa respondeulle a Paulo:
‑¡A pouco máis convéncesme para me facer cristián!
29E Paulo dixo:
‑Deus queira que, en moito ou en pouco, non só ti senón todos os que hoxe me escoitan se fixesen coma min, fóra estas cadeas, claro.
30O rei, o gobernador, Berenice e os que estaban sentados con eles erguéronse. 31O se retiraren comentaban: "este home non cometeu cousa que sexa merecente nin de morte nin de cadeas". 32E Agripa díxolle a Festo:
‑Este home xa podía estar ceibo, se non apelase ó César.
LEVAN A PAULO PRESO A ROMA
CAPÍTULO 27
Camiño de Roma
1Cando se decidiu que embarcásemos para Italia, confiaron a Paulo e outros presos a un centurión chamado Xulio, da cohorte Augusta. 2Embarcamos nunha nave de Adramitio, que estaba a punto de levar áncoras para as costas de Asia e saímos para o mar, levando connosco a Aristarco, macedonio de Tesalónica.
3Para o outro día chegamos a Sidón; e Xulio, tratando a Paulo con humanidade, permitiulle visitar os seus amigos e recibir atencións por parte deles.
4Desde alí saímos para o mar e navegamos ó abeiro de Chipre, porque os ventos eran contrarios; 5despois, atravesando os mares de Cilicia e da Panfilia, chegamos a Mira de Licia. 6Alí, o centurión atopou unha nave alenxandrina, que se dirixía a Italia, e fíxonos subir a bordo. 7Durante moitos días navegamos lentamente, e con traballos chegamos fronte a Cnido; como o vento non nos era favorable, navegamos de bolina ó amparo de Creta por Salmona; 8logo de costeala con traballos, chegamos a un sitio chamado Bos - Portos, cerca da cidade de Lasea.
9Pasando bastante tempo e correndo perigo a navegación, pois xa pasara o tempo do xaxún, Paulo 10avisounos:
‑Amigos, paréceme que imos ter navegación perigosa e con mal para a carga e tamén para as nosas vidas.11Pero o centurión fiábase máis do piloto e do patrón do barco ca das palabras de Paulo; 12e, como o porto non era axeitado para invernar, a maioría foi do parecer de largar de alí e ver de chegar a Fenice, porto de Creta volto cara ó suroeste e o noroeste. 13E levantándose un ventiño livián do sur, coidaron poder realizar o seu proxecto. Levantaron a áncora e comezaron a costear Creta sempre cerca de terra.
Tempestade e naufraxio
14Os poucos, por iso, levantouse da illa unha ventada chamada euraquilón 15e arrastrou o barco; como non podiamos facerlle fronte ó vento, deixámonos levar por el. 16Avanzando protexidos por unha pequena illa chamada Cauda, conseguimos con moitos traballos apoderarnos do bote; 17izado a bordo, botaron man de recursos de emerxencia, cinguindo a nave con cables; por medo de bater contra os baixos de Sirte, arriaron velas e deixáronse ir á deriva. 18Como o temporal nos abalaba con furia, ó outro día alixeiraron a carga; 19e ó terceiro guindaron no mar os aparellos coas súas propias mans. 20Por moitos días non vimos sol nin estrelas e, como a tempestade non amainaba, iamos perdendo a esperanza de nos salvarmos.
21Levabamos moito tempo sen comer, cando Paulo, de pé no medio deles, díxolles:
‑Amigos, se me fixésedes caso, non saiamos daquela de Creta e aforrabamos agora este perigo e esta perda. 22Pero agora pídovos que teñades azos, que ningún de vós vai perecer; só se perderá o barco; 23esta noite presentóuseme un anxo do Deus a quen pertenzo e a quen sirvo, 24dicindo: "non temas, Paulo, tes que te presentar diante do César e Deus concedeuche a vida de todos os que navegan contigo". 25Polo tanto, ¡ánimo!, que eu confío en Deus que sucederá como se me dixo. 26Temos que ir dar nalgunha illa.
27A décima cuarta noite de andarmos á deriva polo Adriático, no medio da noite, ventaron os mariñeiros que había terra cerca. 28Botaron a sonda e eran vinte brazas; pouco despois, botárona de novo e xa eran quince. 29Por medo de ir bater contra algúns cons, botaron catro áncoras por popa esperando con ansia pola chegada do día. 30Os mariñeiros, co pretexto de iren botar as áncoras de proa, arriaban o bote ó mar, querendo fuxir da nave. 31Entón díxolles Paulo ó centurión e ós soldados:
‑Se eses homes non fican no barco, vós non vos poderedes salvar.
32Daquela os soldados cortaron as amarras do bote e deixárono caer.
33Paulo, conforme ía abrindo o día, ía animando a todos para que tomasen alimento, dicíndolles:
‑Con hoxe son catorce días que estades á expectativa, en xaxún, sen pasar bocado. 34Recoméndovos que vos alimentedes: iso axudará á vosa salvación, pois ninguén de vós perderá un pelo da cabeza.
35Dito isto, tomou pan, deu grazas a Deus diante de todos e partíndoo, comezou a comer. 36Animáronse todos e tamén eles tomaban alimento. 37Entre todos eramos no barco duascentas setenta e seis almas. 38Logo de se fartaren, alixeiraron o barco, botando o trigo ó mar.
39Cando se fixo día, non recoñeceron a terra. Só vían unha enseada cunha praia e decidiron varar alí a nave, se é que podían. 40Soltaron as áncoras, que abandonaron no mar, e afrouxaron as amarras dos peltres que facían de temón; logo, izaron a vela de popa e puxeron proa á praia. 41Pero, indo bater nun baixo con mar por ámbolos lados, encallaron o barco; a proa, ben chantada, non se movía, pero a popa foise desconxuntando coa forza das ondas.
42Os soldados tomaron a decisión de matar os presos, para que non fuxise ningún a nadar. 43Pero o centurión, querendo salvar a Paulo, impedíullelo e mandou que os que sabían nadar chegasen a terra, botándose a auga os primeiros; 44e despois os restantes, uns en táboas e outros en restos do barco. Deste xeito, chegaron todos sans e salvos a terra.
CAPÍTULO 28
Paulo cos navegantes na illa de Malta
1Xa a salvo en terra, soubemos que a illa se chamaba Malta. 2Os nativos tratáronos cunha humanidade pouco corrente: acenderon un lume e acolléronnos a todos, pois chovía e ía frío.
3Paulo xuntara algúns guizos de leña secos e ó botalos no lume, unha víbora que fuxía da calor enroscóuselle na man. 4Can-do os indíxenas viron o animal pendurado na man dicían entre eles: "seguro que este home é un asasino: despois de se salvar do mar, a xustiza divina non o deixa vivir". 5Pero el botou o animal no lume e non sufriu mal ningún.
6Eles esperaban velo inchar ou caer morto de súpeto, pero logo de moito agardar, vendo que non lle pasaba nada novo, cambiaron de parecer e xa dicían que tiña que ser un deus.
7Nas proximidades de alí ‑por aquela parte‑ tiña unha propiedade o gobernador da illa, que se chamaba Publio, quen nos recibiu e nos hospedou amablemente durante tres días. 8Cadrou que o pai de Publio estaba encamado con febre e disentería. Paulo foino ver, rezou, impúxolle as mans e curou. 9A consecuencia disto, comezaron a vir tamén os outros enfermos que había na illa e quedaban curados. 10Eles, pola súa banda, enchéronnos de atencións e, cando decidimos partir, déronnos de todo.
Proseguen a viaxe a Roma
11Tres meses despois embarcamos nun barco de Alexandría, que invernara na illa e que levaba a divisa dos Dióscuros. 12Atracamos en Siracusa, onde botamos tres días. 13Desde alí, costeando, chegamos a Rexio. Para o outro día levantouse o vento do sur e en dous días chegamos a Putéoli, 14onde atopamos irmáns que nos convidaron a pasar sete días con eles. E así chegamos a Roma. 15Os irmáns de alí, así que souberon de nós, viñéronnos recibir ata Foro Apio e Tres Tabernas. Paulo, ó velos, deu grazas a Deus e animouse.
Paulo entrevístase cos xudeus de Roma
16Cando entramos en Roma, a Paulo autorizárono a ter domicilio particular cun soldado que o vixiaba.
17Tres días despois, convocou os principais dos xudeus. Cando se reuniron, díxolles:
‑Irmáns, sen ter feito nada contra o pobo nin contra os costumes paternos, entregáronme preso ós romanos en Xerusalén. 18Estes, logo de me interrogaren, queríanme ceibar, porque non había nada en min que merecese a morte. 19Pero, como os xudeus se opuñan, vinme obrigado a apelar ó César, sen pretender acusar en nada ó meu pobo. 20Por este motivo pedín vervos e falarvos, pois é pola esperanza de Israel que levo esta cadea.
21Eles dixéronlle:
‑Non recibimos de Xudea ningunha carta sobre ti e ningún dos teus irmáns que chegou nos falou mal de ti. 22Pero si que nos gustaría sentir pola túa boca o que pensas, pois o que sabemos é que esa secta encontra oposición en todas as partes.
23Citáronse para un día e viñérono ver á súa casa bastantes máis. El comezou a súa exposición e daba testemuño do Reino de Deus, tentando de os convencer de quen era Xesús, partindo da Lei de Moisés e dos Profetas, desde a mañá á noite. 24Uns deixáronse convencer polo que dicía, pero outros non crían.
25Estando en desacordo uns cos outros, comezaban a separarse cando Paulo engadiu esta palabra final:
‑Con razón díxolles o Espírito Santo a vosos pais, por medio do profeta Isaías, 26dicindo:
Vai e dille a ese pobo:
escoitar escoitaredes, pero non comprenderedes,
ollar ollaredes, pero non veredes;
27porque está endurecido o corazón deste pobo;
fixéronse duros de oído
e pecharon os ollos:
non fose que visen cos ollos,
sentisen cos oídos,
entendesen coa intelixencia
e se convertesen, para que eu os cure.
28Sabede, logo, que esta salvación de Deus ofrécese ós pagáns, e eles si que escoitarán.
Actividade de Paulo en Roma
30Paulo botou dous anos enteiros nunha casa alugada e recibía a todos os que o viñan visitar, 31predicando o Reino de Deus e ensinando o que se refire ó Señor Xesús Cristo, con audacia e sen impedimento ningún.