Prólogo

 

 

CAPÍTULO 1

 

 

1O primeiro libro fíxeno, Teófilo, acerca de todo o que Xesús obrou e ensinou desde o comezo, 2ata o día que foi levado ó ceo, logo de ter dado instrucións polo Espírito Santo ós apóstolos que escollera.

 

Aparicións de Xesús resucitado e a súa ascensión

 

3Os mesmos que tamén se lles amosara vivo, con moitas probas despois da súa paixón, aparecéuselles durante corenta días e faláballes das cousas referentes ó Reino de Deus. 4E comendo con eles, encomendoulles que non se retirasen de Xerusalén, senón que agardasen a promesa do Pai que me escoitastes a min: 5porque Xoán bautizou con auga, mais a vós bautizarásevos co Espírito Santo, de aquí a poucos días.

6Os que estaban reunidos preguntábanlle:

‑Señor, ¿é agora cando vas restablecer o Reino de Israel?

7El respondeulles:

‑Non vos acae a vós coñecer o tempo ou a oportunidade que o Pai fixou co seu propio poder. 8Pero recibiredes a forza do Espírito Santo, que virá sobre vós e seredes as miñas testemuñas en Xerusalén, en toda a Xudea e Samaría e ata os confíns da terra.

9En dicindo isto, elevouse á vista deles e unha nube quitóullelo da súa vista. 10E estando eles fitando para o ceo mentres el marchaba, presentáronselles dous homes con vestidos brancos, 11que dixeron:

‑Galileos, ¿que facedes ollando para o ceo? Este Xesús que vos foi levado de entre vós ó ceo, ha volver do mesmo xeito que o vistes ir.

 

A Igrexa en Xerusalén

 

12Entón volveron para Xerusalén desde o chamado Monte das Oliveiras, que está cerca de Xerusalén: distante o camiño que se pode facer en sábado. 13Logo que chegaron, subiron ó cuarto de arriba, onde residían Pedro, Xoán, Santiago, Andrés, Filipe, Tomé, Bartolomeu, Mateu, Santiago o de Alfeo, Simón o Zelota e Xudas o de Santiago. 14E todos eles dedicábanse conxuntamente á oración, con algunhas mulleres e mais María a nai de Xesús e cos seus irmáns.

 

Elección de Matías para o lugar de Xudas

 

15Por aqueles días, Pedro, erguéndose en medio dos irmáns (había alí un grupo de xente de case cento vinte persoas), dixo:

16‑Irmáns, conviña que se cumprise a Escritura, onde por boca de David falou o Espírito Santo acerca de Xudas, que se fixo guía dos que prenderon a Xesús; 17el, que foi un de nós e recibira parte neste servizo. 18E velaí que comprou unha leira coa paga do crime, caeu de cabeza e, rebentando polo medio, saíronlle para fóra as entrañas. 19A cousa foi coñecida por todos os de Xerusalén, a tal xeito que a aquela leira quedoulle o nome (na súa lingua) de haqueldamá, que quere dicir "leira de sangue". 20Porque está escrito no libro do Salmos: que fiquen a campo os seus bens e que non haxa quen os habite; e tamén que outro reciba o seu cargo. 21E, pois, cómpre que dos homes que nos acompañaron todo o tempo que o Señor Xesús estivo connosco, 22comezando desde o bautismo de Xoán ata o día en que foi levado de entre nós, un deles sexa connosco testemuña da súa resurrección.

23E presentaron dous: Xosé, o chamado Barsabás e por sobrenome o Xusto, e mais Matías.

24Daquela oraron así: "Ti, Señor, que coñeces os corazóns de todos, amosa cal destes dous escolliches 25para ocupar neste servizo do apostolado o lugar que Xudas deixou para ir ó sitio que lle correspondía".

26Sortearon e correspondeulle a Matías, que formou grupo cos Once apóstolos.

 

 

 

CAPÍTULO 2

 

O día de Pentecoste os apóstolos reciben o Espírito Santo

 

1Cando se cumpriron os días de Pentecoste, estaban todos xuntos no mesmo sitio. 2De súpeto, veu do ceo un ruído coma dun forte golpe de vento, que encheu toda a casa onde estaban; 3e apareceron talmente coma linguas de lume, que, repartidas, foron pousando unha sobre cada un deles. 4Quedaron cheos do Espírito Santo e puxéronse a falar noutras linguas, conforme lles concedía o Espírito.

5Había daquela en Xerusalén xudeus piadosos de todas as nacións da terra. 6O se producir aquel estrondo, xuntouse a xente e ficou moi desconcertada, porque cada un os sentía falar na súa propia lingua. 7Pas-mados e admirados, dicíanlles uns a outros: "¡Olla! ¿E todos estes que están aí a falar non son galileos? 8¿E logo como é que os sentimos falar cada un de nós no noso propio idioma nativo? 9Partos, medos, elamitas, xente da Mesopotamia, Xudea, Capadocia, Ponto, Asia, 10Frixia e Panfilia, do Exipto e da parte de Libia contra Cirene, forasteiros romanos tanto xudeus coma prosélitos, 11cretenses e árabes, sentimos falar nas nosas linguas das grandezas de Deus".

12Estaban todos pasmados de admiración e dicíanlles uns a outros: "¿Que será isto?" 13Outros facían riso deles e dicían: "¡Están cheos de viño!"

 

Discurso de Pedro

 

14Pero Pedro, de pé cos Once, levantou a voz e díxolles:

‑Xudeus e todos os que habitades en Xerusalén: entendede ben e escoitade as miñas palabras. 15Non é que estes estean bebidos, como vós pensades, sendo como son as nove da mañá; 16senón que isto é o que dixera o profeta Xoel:

17Acontecerá, nos derradeiros días, di o Señor,

que espallarei o meu Espírito sobre toda carne:

os vosos fillos e as vosas fillas profetizarán,

os vosos mozos terán visións

e os vosos vellos terán soños.

18Neses días espallarei o meu Espírito

sobre os meus servidores e servidoras

e profetizarán.

19Farei marabillas, enriba nos ceos,

e sinais embaixo na terra:

Sangue e lume e bafaradas de fume.

20O sol converterase en tebras

e a lúa en sangue,

antes que chegue o día do Señor,

grande e glorioso;

21e todo o que invoque o nome do Señor

será salvo.

22Israelitas, escoitade: fálovos de Xesús de Nazaret, home acreditado por Deus ante vós por milagres, marabillas e sinais que Deus fixo por el entre vós, como vós mesmos sabedes; 23a este, entregado conforme ó plan establecido e á previsión de Deus, matástelo crucificándoo por man de impíos. 24Pero Deus resucitouno, librándoo das dores da morte, pois non era posible que ficase baixo o seu dominio. 25Xa David di del:

Eu vía decote o Señor diante miña,

xa que está á miña dereita, para que eu non vacile;

26por iso alegrouse o meu corazón e aledouse a miña lingua,

e mesmo a miña carne acougará esperanzada;

27porque non abandonarás a miña alma no sitio dos mortos

nin permitirás que o teu santo vexa a corrupción.

28Déchesme a coñecer camiños de vida,

encherasme de gozo coa túa presenza.

29Irmáns, permitide que vos diga claramente que o patriarca David morreu e enterrárono e o seu sepulcro aínda está hoxe entre nós. 30Pero, como el era profeta e sabía que Deus lle asegurara con xuramento que un descendente do seu sangue había sentar no seu trono, 31en visión profética falou da resurrección do Mesías, que nin quedou abandonado entre os mortos nin a súa carne viu a corrupción. 32A este Xesús resucitouno Deus, cousa da que todos nós somos testemuñas. 33E agora, engrandecido pola dereita de Deus e recibido do Pai o prometido Espírito Santo, espallouno, que é o que vós vedes e sentides. 34Porque David non subiu ó ceo, e con todo di:

Díxolle o Señor ó meu Señor:

senta á miña dereita,

35ata que poña os teus inimigos

coma estrado para os teus pés.

36Saiba, logo, con certeza toda a casa de Israel que Deus fixo Señor e Mesías a este Xesús a quen vós crucificastes.

 

Primeiros bautizos

 

37O sentiren isto, quedaron moi impresionados e dixéronlle a Pedro e ós outros apóstolos:

‑Irmáns, ¿que debemos facer?

38Pedro respondeulles:

‑Arrepentídevos e cambiade, que cada un de vós se faga bautizar no nome de Xesús para o perdón dos seus pecados, e recibiredes o don do Espírito Santo. 39Porque a promesa é para vós e mais para os vosos fillos e para todos os que están lonxe, tantos como queira chamar o Señor noso Deus.

40Con moitas outras palabras testificaba e animábaos, dicindo:

‑Salvádevos desta xeración ruín.

 

Vida dos primeiros cristiáns

 

41Os que recibiron a súa palabra foron bautizados: e ese mesmo día xuntáronselles arredor de tres mil almas. 42Eran perseverantes en escoitar a ensinanza dos apóstolos, na comuñón da vida, no rito de partiren o pan, e nas oracións. 43Apoderouse de todos o respecto, pois os apóstolos facían moitas marabillas e sinais. 44Todos os crentes vivían unidos e tiñan todo en común: 45vendían os seus bens e propiedades, e repartíanos entre eles, conforme ás necesidades de cada un. 46Todos a unha asistían diariamente ó templo, partían o pan nas casas, comendo con alegría e sinxeleza de corazón; 47louvaban a Deus, e eran ben vistos por todo o pobo. Cada día o Señor aumentaba o número dos salvos e xuntábaos ó grupo.

 

 

 

CAPÍTULO 3

 

Curación dun tolleito

 

1Pedro e Xoán subían ó templo para a oración das tres da tarde. 2Había alí un home tolleito de nacemento, que levaban e poñían todos os días cabo da porta chamada Fermosa, para que pedise esmola ós que entraban no templo. 3Vendo que Pedro e Xoán estaban para entrar, pediulles esmola. 4Pedro ‑e o mesmo fixo Xoán‑ reparou nel e díxolle:

‑Mira ben para nós.

5El ollaba para eles, esperando recibir algunha cousa. 6Entón Pedro díxolle:

‑Non teño prata nin ouro, pero douche o que teño: en nome de Xesús Cristo de Nazaret, érguete e anda.

7Colleuno pola man dereita e levantouno. No instante afirmáronselle os pés e os nocellos; 8dun brinco púxose en pé e camiñaba. Entrou con eles no templo, andando, choutando e loando a Deus. 9Todo o pobo o viu camiñar loando a Deus, 10e, recoñecendo que era o mesmo que se sentaba na porta Fermosa pedindo esmola, ficaron pasmados e desconcertados polo que lle acontecera. 11Como el non deixaba a Pedro nin a Xoán, toda a xente, fóra de si, correu tras eles ó pórtico chamado de Salomón.

 

Pedro fálalle á xente

 

12Visto isto, Pedro dirixiuse ó pobo:

‑Israelitas, ¿por que vos admirades disto? ¿Por que mirades así para nós, coma se fixésemos camiñar a este home polo noso propio poder ou santidade? 13O Deus de Abraham, de Isaac e de Xacob, o Deus de nosos pais, glorificou ó seu servo Xesús, a quen vós entregastes e negastes diante de Pilato, cando este estaba decidido a deixalo en liberdade. 14Pero vós rexeitastes o Santo e o Xusto; pedistes que indultasen a un asasino, 15mentres que matastes ó dono da vida, a quen Deus resucitou de entre os mortos; disto nós somos testemuñas. 16Pola fe no seu nome, ese mesmo nome fortaleceu a este que vedes e coñecedes: esa fe que obra por el, restableceuno completamente diante de vós.

17Xa sei, irmáns, que obrastes por ignorancia, como tamén as vosas autoridades; 18pero Deus cumpriu así o que anunciara por boca dos profetas: que o seu Cristo padecería. 19Arrepentídevos, logo, e convertédevos, para que se borren os vosos pecados; 20a fin de que veñan os tempos do conforto de parte do Señor, e mande o Mesías que vos destinou, Xesús. 21A El convén que o ceo o conteña deica o tempo da restauración de todas as cousas, que Deus anunciou por boca dos seus santos profetas. 22Moisés así o dixo:

O Señor Deus fará xurdir de entre vosos irmáns un profeta coma min: escoitarédelo en todo o que vos diga. 23E quen non escoite a este profeta, quedará excluído do pobo.

24E todos os profetas que falaron, desde Samuel en adiante, anunciaron tamén estes días. 25Vós sodes os fillos dos profetas e da Alianza que Deus fixo con nosos pais, cando lle dixo a Abraham: "na túa descendencia serán benditas todas as familias da terra". 26Deus, resucitando ó seu servo, mándavolo primeiro a vós para que vos bendiga, se vos arredades cada un das vosas ruindades.

 

 

 

CAPÍTULO 4

 

Pedro e Xoán diante das autoridades xudías

 

1Cando estaban a falarlle ó pobo, chegaron cabo deles os sacerdotes, o xefe da garda do templo e os saduceos, 2incomodados porque ensinaban ó pobo e anunciaban a resurrección dos mortos verificada en Xesús. 3Botaron man deles e metéronos na prisión ata o outro día, porque xa era tarde. 4Non obstante, moitos dos que sentiron a palabra, creron; só o número dos homes subiu a uns cinco mil.

5O outro día xuntáronse en Xerusalén os xefes dos sacerdotes, os anciáns e os mestres da Lei, 6así coma o gran sacerdote Anás, e Caifás, Xoán, Alexandro e todos os que eran de nobreza sacerdotal. 7Trouxeron ós apóstolos diante deles e preguntáronlles:

‑¿Con que poder ou en nome de quen fixestes isto?

8Entón Pedro, cheo do Espírito Santo, díxolles:

‑Xefes do pobo e anciáns, 9xa que nos demandades polo favor feito a un enfermo e sobre o xeito como se curou, 10sabede todos vós e sáibao o pobo de Israel que é no nome de Xesús Cristo de Nazaret, a quen vós crucificastes e Deus resucitou de entre os mortos: por El está este home en pé e san diante de vós. 11El é a pedra que refugastes vós, os construtores, e que se converteu en pedra esquinal. 12En ningún outro hai salvación, porque non hai ningún outro nome baixo do ceo, dado ós homes, no que nos poidamos salvar.

13O veren a ousadía con que falaban Pedro e Xoán, sendo como eran xente do pobo e homes sen cultura; e comprendendo que eran os que estiveran con Xesús quedaban admirados. 14E vendo onda eles o home que quedara curado, non podían contradicilos en nada. 15Mandáronos saír para fóra do consello e conferenciaron entre si, 16dicindo: "¿que imos facer con estes homes? Toda Xerusalén sabe que fixeron un milagre clarísimo, e non o podemos negar. 17Pero, para que non corra máis entre a xente, ameacémolos, e que en adiante non falen a ninguén máis nese nome".

18Chamáronos e prohibíronlles que baixo ningún pretexto falasen nin ensinasen no nome de Xesús. 19Pero Pedro e Xoán respondéronlles:

‑Xulgade por vós mesmos se está ben diante de Deus obedecervos a vós antes ca a El, 20porque non podemos deixar de falar do que temos visto e sentido.

21Por iso, logo de os ameazaren novamente, deixáronos ir, non vendo a maneira de os castigaren por causa do pobo, xa que todo o mundo glorificaba a Deus polo que sucedera, 22pois tiña máis de corenta anos o home milagrosamente curado.

 

Oración da comunidade e baixada do Espírito Santo

 

23Unha vez libres, foron onda os seus e contáronlles todo canto lles dixeran os xefes dos sacerdotes e os anciáns. 24Cando tal sentiron, todos á vez elevaron a voz cara a Deus e dixeron:

‑Señor, ti fixeches o ceo, a terra, o mar e canto neles hai. 25Ti dixeches, polo Espírito Santo, por boca do noso pai David, o teu servo:

¿Por que se levantan as nacións

e os pobos cavilan parvadas?

26Aviñéronse os reis da terra

e os xefes aliáronse

contra o Señor e contra o seu Cristo.

27Porque a verdade é que nesta cidade se xuntaron contra o teu santo servo Xesús, a quen ti unxiches, Herodes e Poncio Pilato, cos pagáns e co pobo de Israel, 28para faceren o que a túa man e a túa sabedoría tiñan disposto que sucedese. 29E agora, Señor, olla para as súas ameazas e concédelles ós teus servidores proclamar con toda ousadía a túa palabra. 30Estende a túa man para que se fagan curacións, sinais e prodixios polo nome do teu santo servo Xesús.

31Cando remataron de rezar, abalou o sitio onde estaban reunidos; todos quedaron cheos do Espírito Santo e anunciaban afoutos a palabra de Deus.

 

Vida da primeira comunidade

 

32A comunidade dos crentes tiña un só corazón e unha soa alma, e ninguén consideraba coma seu o que posuía, senón que todas as cousas eran comúns. 33Os apóstolos, con gran poder, daban testemuño da resurrección do Señor Xesús, e todos eles eran ben considerados. 34Non había entre eles ningún necesitado, porque todos os que tiñan bens ou casas vendíanos, levaban os cartos e depositábanos ós pés dos apóstolos, 35que repartían a cadaquén segundo precisaba.

36Así, Xosé, chamado polos apóstolos Bernabé (que quere dicir fillo da consolación), levita, natural de Chipre, 37tiña un campo, vendeuno, levou os cartos e depositounos ós pés dos apóstolos.

 

 

 

CAPÍTULO 5

 

Ananías e Safira: o fraude ó Espírito

 

1Un home chamado Ananías, de acordo con Safira a súa muller, vendeu unha propiedade, 2gardou unha parte do prezo, sendo ela sabedora, e o resto depositouno ós pés dos apóstolos. 3Pero Pedro díxolle:

‑Ananías, ¿por que encheu Satán o teu corazón, para lle mentires ó Espírito Santo e defraudares no prezo da propiedade? 4¿Non eras libre de a venderes ou non? E vendida, ¿non continuaba no teu poder? ¿Como se che ocorreu faceres isto? Non enganaches os homes, enganaches a Deus.

5O sentir estas palabras, Ananías caeu morto. E apoderouse un gran temor de todos os que sentiron isto. 6Levantáronse os máis novos, amortallárono e, levándoo para fóra, enterrárono.

7Pasadas unhas tres horas entrou a súa muller, que non sabía nada do caso, 8e preguntoulle Pedro:

‑Dime ¿vendestes a propiedade en tanto?

Ela contestou:

‑Si, en tanto.

9Entón díxolle Pedro:

‑¿Por que acordastes isto, para tentardes o Espírito do Señor? Mira, chegan á porta os pés dos que enterraron o teu home e vante levar a ti tamén.

10No instante, caeu ós seus pés e morreu. Cando entraron os mozos, atopárona morta e enterrárona a carón do seu home.

11Un gran temor apoderouse entón de toda a Igrexa e de todos os que sentiron estas cousas.

 

Milagres dos apóstolos

 

12Pola man dos apóstolos facíanse moitos sinais e prodixios entre o pobo. E todos se xuntaban de común acordo no pórtico de Salomón; 13dos outros ninguén ousaba xuntarse con eles, aínda que o pobo os tiña en grande estima. 14A cantidade dos que crían no Señor, homes e mulleres, medraba máis e máis. 15A tal punto que quitaban para as rúas os enfermos en camas e padiolas, para que cando pasase Pedro, polo menos a súa sombra cubrise algún deles. 16Viña moita xente das vilas veciñas de Xerusalén e traía enfermos e atormentados por espíritos impuros, e todos quedaban curados.

 

Os apóstolos na cadea. Liberados milagrosamente, interróganos as autoridades xudías

 

17Entón o gran sacerdote e todos os seus, que formaban a seita dos saduceos, enchéronse de rabia; 18botaron man dos apóstolos e metéronos na prisión pública. 19Mais de noite, o anxo do Señor abriu as portas da prisión pública, fíxoos saír e díxolles:

20‑Ide, presentádevos no templo, e faládelle ó pobo toda a mensaxe desa Vida.

21Sentindo isto, entraron no templo ó amencer e ensinaban.

Mentres, chegou o xefe dos sacerdotes cos seus, reuniron o Sanedrín e todo o Senado israelita e mandáronos ir buscar á prisión, para facelos comparecer. 22Mais, chegados os gardas á prisión, non os encontraron; volveron e anunciáronllelo.

23‑Certamente o cárcere atopámolo pechado con toda seguranza, e as sentinelas montando garda diante das portas; pero, cando abrimos, non encontramos a ninguén dentro.

24O que sentiron estas palabras, tanto o oficial da garda do templo coma os xefes dos sacerdotes, cavilaban perplexos como sucedera aquilo. 25Nisto chegou un que lles dixo:

‑Os homes que encarcerastes están no templo e ensinando ó pobo.

26Entón foi o xefe da garda cos seus axudantes e trouxéronos; pero sen violencia, porque tiñan medo de que a xente lles tirase pedras.

27En chegando presentáronos ó Sanedrín. O xefe dos sacerdotes interrogounos:

28‑Expresamente vos mandamos que non ensinásedes nese nome, e vós enchestes Xerusalén coa vosa doutrina. Vós queredes botar sobre nosoutros o sangue dese home. 29Pedro e os apóstolos responderon:

‑Cómpre obedecer a Deus antes cós homes. 30O Deus de nosos pais resucitou a Xesús, a quen vós matastes colgándoo dun madeiro; 31pois a este enxalzouno Deus coa súa dereita, facéndoo Xefe e Salvador, a fin de lle outorgar a Israel a conversión e o perdón dos pecados. 32E nós somos testemuñas destas cousas e tamén o Espírito Santo, que Deus dá ós que o obedecen.

33O sentiren isto, rabiaban de carraxe e queríanos matar. 34Pero erguéndose no consello un fariseo que se chamaba Gamaliel, mestre da Lei, apreciado por todo o pobo, ordenou que, por un pouco, levasen para fóra ós apóstolos. 35Dixo:

‑Israelitas: ¡coidadiño co que ides facer con eses homes! 36Porque nestes últimos tempos ergueuse Teudas, dicindo ser alguén, e xuntóuselle un número duns catrocentos homes: pero, en canto o mataron a el, todos os que o seguiron disolvéronse e non quedou nada. 37Despois del nos días do empadroamento, alzouse Xudas o Galileo, que arrastrou xente tras el; tamén el morreu e todos os que o seguían se dispersaron. 38E agora dígovos: desentendédevos deses homes, deixádeos estar, que, se esta empresa ou esta obra é cousa de homes, desfarase por si mesma; 39pero, se é de Deus, non a poderedes desfacer. ¡Non vaia ser, mesmo, que vos encontredes loitando contra Deus!

E cadraron de acordo. 40Entón chamaron polos apóstolos, e, despois de os azoutar, ordenáronlles que non falasen no nome de Xesús, e deixáronos ir. 41Eles saíron de diante do consello moi alegres de resultaren dignos de sufrir por mor do Nome; 42e cada día, no templo e nas casas non paraban de ensinar e de anunciar a Boa Nova de que Xesús é o Mesías.