Capítulos 11-15
CAPÍTULO 11
A morte de Lázaro: 11, 1-16
1Había un enfermo, Lázaro de Betania, da aldea de María e da súa irmá Marta. 2María fora a que unxira ó Señor con perfume e lle enxugara os pés cos seus cabelos; o seu irmán Lázaro era o enfermo. 3Por iso, as irmás mandaron a dicirlle a Xesús:
‑Señor, mira, o que amas está enfermo.
4O oílo, dixo Xesús:
‑Esta enfermidade non é para a morte, senón para a gloria de Deus, a fin de que por ela se glorifique o Fillo de Deus.
5Xesús queríalles moito a Marta, á irmá dela, e mais a Lázaro. 6Aínda que oíu que este estaba enfermo, deixouse estar aínda por dous días no sitio onde se atopaba. 7Despois disto, díxolles ós discípulos:
‑¡Vaiamos outra vez á Xudea!
8Os discípulos respondéronlle:
‑Mestre, aínda non hai nada que te querían apedrar os xudeus, ¿e vas ir outra vez alí?
9Xesús replicou:
‑¿Non hai doce horas de día? Se alguén camiña de día, non tropeza, pois ve a luz deste mundo; 10mais se alguén camiña de noite, tropeza, pois non hai luz nel.
11En dicindo isto, proseguiu:
‑Lázaro, o noso amigo, dorme; pero eu vouno espertar.
12Dixéronlle entón os discípulos:
‑Señor, se dorme, curará.
13Xesús dicíao da morte. Pero eles coidaban que falaba do repouso do sono. 14Entón Xesús díxolles abertamente:
‑Lázaro morreu, 15e alégrome por vós de non estarmos alí, para que creades. ¡Así que vamos onda el!
16Díxolles entón Tomé ‑o chamado Xemelgo‑ ós outros discípulos:
‑¡Vaiamos tamén nós morrer con el!
Xesús é a Resurrección e a Vida: 11, 17-27
17Cando chegou Xesús, atopouse con que Lázaro xa levaba catro días no sepulcro. 18Betania estaba preto de Xerusalén, a uns tres quilómetros: 19moitos dos xudeus foran onda Marta e María para lles daren o pésame polo irmán. 20Cando oíu Marta que Xesús estaba chegando, saíulle ó encontro. María, en cambio, quedou na casa. 21Díxolle entón Marta a Xesús:
‑Señor, se ti estiveses aquí, meu irmán non morrería; 22pero eu sei que, aínda agora, Deus che concederá calquera cousa que lle pidas.
23Xesús díxolle:
‑Teu irmán resucitará.
24Marta respondeulle:
‑Ben sei que resucitará na resurrección, no día derradeiro.
25Díxolle Xesús:
‑Eu son a resurrección e a vida. Quen cre en min, aínda que morra, vivirá; 26e todo o que vive e cre en min, non morrerá endexamais. ¿Cres ti isto?
27Ela respondeu:
‑Si, Señor: eu creo que ti es o Cristo, o Fillo de Deus, que había de vir ó mundo.
Conmoción e pranto de Xesús: 11, 28-37
28E, ditas estas cousas, saíu e chamou por María, súa irmá, dicíndolle polo baixo:
‑O Mestre está aquí e chama por ti.
29Ela, ó oílo, ergueuse de contado e foi onda el. 30(Aínda non chegara Xesús á aldea, senón que estaba no mesmo sitio onde o atopara Marta). 31Entón os xudeus que estaban con ela na casa para lle daren o pésame, vendo a María que se ergueu de contado e saíu, foron detrás dela, coidando que ía á sepultura para chorar alí. 32María chegou onde estaba Xesús e, ó velo, caeu ós seus pés, dicíndolle:
‑Señor, se ti estiveses aquí, non morrería meu irmán.
33O ver Xesús que ela estaba chorando, e tamén os xudeus que viñeran con ela, apertóuselle o corazón e, profundamente conmovido, 34preguntou:
‑¿Onde o puxestes?
Contestáronlle:
‑Señor, ven ver.
35E Xesús botouse a chorar.
36Entón comentaban os xudeus: "¡Ai que ver como o quería!"
37Pero algúns deles dixeron: "E logo este, que deu vista ós ollos dun cego, ¿non podía facer que non morrese?"
Xesús devólvelle a vida a Lázaro: 11, 38-44
38Xesús estremecéndose de novo, chegou á sepultura. Era unha cova, e tiña unha pedra por riba.
39Xesús ordenou:
‑Arredade a pedra.
Marta, a irmá do finado, díxolle:
‑Señor, xa cheira, que leva catro días.
40Xesús contestoulle:
‑¿Non che dixen que se cres, verás a gloria de Deus?
41Arredaron entón a pedra. Xesús ergueu os ollos e dixo:
‑Meu Pai, douche grazas porque me escoitaches. 42Eu ben sabía que ti sempre me escoitas, pero díxeno pola xente que está aquí, para que crean que ti me mandaches.
43E dito isto, gritou con voz forte:
‑¡Lázaro, ven para fóra!
44Saíu o morto; tiña os pés e as mans atados con vendas e a cara envolta nun sudario. Xesús ordenoulles:
‑Desenleádeo e deixádeo ir.
O Sanedrín decide quitarlle a vida a Xesús: 11, 45-53
45Entón, moitos dos xudeus que viñeran onda María, vendo o que fixo, creron nel. 46Pero algúns deles foron onda os fariseos, e contáronlles o que fixera Xesús. 47Entón os sumos sacerdotes e os fariseos reuniron o Sanedrín e dicían:
‑¿Que imos facer? Porque este home fai moitos signos. 48Se o deixamos así, todos crerán nel e virán os romanos e quitarannos o noso lugar santo e mais a nosa nación.
49Pero un deles, Caifás, que era o Sumo Sacerdote aquel ano, díxolles:
‑Non entendedes nada. 50¿Non coidades que vos convén que morra un home polo pobo e non que pereza a nación enteira?
51Iso non o dixo pola súa conta, senón que, sendo Sumo Sacerdote aquel ano, profetizou que Xesús había de morrer pola nación; 52e non só pola nación, senón tamén para reunir os fillos de Deus que estaban dispersos. 53Por iso, desde aquel día, decidiron matalo.
Xesús retírase á espera da "hora": 11, 54-57
54En consecuencia, Xesús xa non andaba á vista entre os xudeus. Marchou para a rexión estremeira co deserto, a unha vila chamada Efraím, e alí permanecía cos seus discípulos. 55Estaba próxima a Pascua dos xudeus e subiron moitos daquela rexión a Xerusalén antes da Pascua, para se purificaren. 56Andaban entón buscando a Xesús, e cando estaban no templo, preguntábanse entre eles: "¿Que vos parece? ¿Non virá á festa?". 57Pero os sumos sacerdotes e os fariseos tiñan dada orde de que, se alguén sabía onde estaba, que o comunicase para lle botaren man.
CAPÍTULO 12
María unxe a Xesús en Betania: 12, 1-11
1Seis días antes da Pascua, foi Xesús a Betania, onde estaba Lázaro, a quen resucitara de entre os mortos. 2Fixéronlle alí unha cea. Marta servía, mentres que Lázaro era un dos comensais.
3Entón María, collendo unha libra de perfume de nardo puro, de moito prezo, unxiu os pés de Xesús e enxugoullos cos seus cabelos. A casa quedou chea do recendo do perfume.
4Pero Xudas, o Iscariote, un dos seus discípulos, o que o había de entregar, dixo:
5‑¿Por que non se vendeu ese perfume por trescentos denarios, e non se lles deron ós pobres?
6Dixo isto non porque tivese interese polos pobres, senón porque era ladrón e, tendo el a bolsa, botaba man do que se metía nela.
7Pero Xesús replicou:
‑Déixaa estar: que garde isto para o día do meu enterro; 8pois ós pobres sempre os tedes entre vós, mentres que a min non sempre me ides ter.
9Unha chea de xente de entre os xudeus soubo entón que el estaba alí e viñeron non só por Xesús, senón tamén para veren a Lázaro, a quen resucitara de entre os mortos. 10Pero os sumos sacerdotes decidiron matar tamén a Lázaro, 11pois moitos, por causa del, fuxían dos xudeus e crían en Xesús.
Entrada triunfal en Xerusalén: 12, 12-19
12O outro día, a xente que viñera á festa, oíndo que Xesús viña a Xerusalén, 13apañou ramas das palmeiras e saíulle ó encontro exclamando:
¡Hosanna!:
¡Bendito o que vén no nome do Señor,
o Rei de Israel!.
14Xesús atopou un burriño, e montou nel, conforme está escrito:
15Non temas, filla de Sión,
mira que vén o teu rei,
montado nun burriño.
16O comezo os seus discípulos non comprenderon estas cousas; pero cando Xesús foi glorificado, entón lembráronse de que estaban escritas del e que así llas fixeron.
17As persoas que estaban con el cando mandara a Lázaro saír da sepultura e o resucitara de entre os mortos, daban público testemuño. 18Tamén lle saíu ó encontro a xente, pois oíran que el fixera este sinal. 19Pero os fariseos dixeron entre eles: "Vedes que non conseguides nada; mirade para aí: todo o mundo foi detrás del".
Sinais da proximidade da hora: 12, 20-36
20Algúns dos que subían a adorar no día da Festa eran gregos. 21Achegáronse a Filipe, o de Betsaida de Galilea, e pedíronlle:
‑Señor, queremos ver a Xesús.
22Foi Filipe e díxollo a Andrés; Andrés e mais Filipe foron dicirllo a Xesús. 23Xesús respondeulles:
‑Chegou a hora de que sexa glorificado o Fillo do Home. 24Évos ben certo: se o gran de trigo cae na terra pero non morre, quedará el só; pero se morre, dará froito abondoso. 25Quen ama a súa vida, pérdea; mais quen aborrece a súa vida neste mundo, poñeraa a salvo para unha vida eterna. 26Se alguén quere servirme, que me siga; e alí onde estou eu, estará tamén o meu servidor. Se alguén me serve, hao honrar o Pai. 27Agora o meu espírito está turbado. ¿E que hei de dicir: Pai, sálvame desta hora? ¡Pero se para iso cheguei a esta hora! 28Pai, glorifica o teu Nome.
Chegou entón unha voz do ceo:
‑Xa o glorifiquei, e glorificareino aínda de novo.
29O oílo o xentío alí presente, dicía que fora un trono; outros dicían: "faloulle un anxo". 30Xesús interveu dicindo:
‑Esta voz non foi por min, senón por vós. 31Agora é o xuízo deste mundo; agora ó príncipe deste mundo vano botar fóra. 32E eu, cando me ergan da terra, atraerei a todos cara a min.
33Dicía isto, indicando de que morte había de morrer. 34Respondeulle entón a xente:
‑Nós coñecemos pola Lei que o Mesías permanece para sempre; ¿como dis ti que ten que ser erguido o Fillo do Home? ¿Quen é ese Fillo do Home?
35Xesús contestoulles:
‑Aínda por un pouco estará a luz entre vós. Camiñade mentres tedes a luz, para que a tebra non vos atrape: quen camiña na tebra, non sabe para onde vai. 36Mentres tedes a luz, crede na luz, para que vos volvades fillos da luz.
Xesús en falando estas cousas, fuxiu e agachouse deles.
Conclusión do ministerio público de Xesús: 12, 37-50
37Pero, mesmo facendo Xesús tantos dos seus signos diante deles, non creron nel, 38de xeito que se cumprise a palabra que dixo o profeta Isaías:
Señor, ¿quen creu na nosa predicación?
¿E a quen se manifestou o brazo do Señor?
39Por iso non podían crer, pois tamén dixo Isaías:
40Cegou os seus ollos
e endureceu os seus corazóns,
non sexa que os seus ollos vexan
e a súa mente entenda e se convertan
e eu os salve.
41Dixo isto Isaías, pois viu a súa gloria e falou del.
42Con todo, moitos, tamén de entre as autoridades, creran nel, mais por causa dos fariseos non o confesaban, para que non os apartasen da sinagoga, 43pois preferiron a gloria dos homes antes cá gloria de Deus.
44Xesús gritou:
‑Quen cre en min, realmente non cre en min, senón naquel que me mandou; 45e quen me ve a min, ve a quen me mandou. 46Eu son a luz que veu ó mundo, para que todo o que cre en min non permaneza nas tebras.
47Se alguén escoita as miñas palabras e non as garda, eu non o xulgo, pois non vin para xulgar o mundo, senón para o salvar. 48Quen me despreza e non recibe as miñas palabras, ten quen o xulgue: a palabra que eu falei hao xulgar no derradeiro día.
49Porque eu non falei pola miña conta, senón que o mesmo Pai, que me mandou, deume a encomenda do que debo dicir e do que hei de falar. 50E eu sei que a súa encomenda é vida eterna. Por iso, as cousas que eu falo, fáloas como mas dixo o Pai.
A DERRADEIRA CEA: 13, 1-17, 26
CAPÍTULO 13
O lavado dos pés: 13, 1-20
1Antes da festa da Pascua, sabía Xesús que lle chegara a hora de pasar deste mundo para onda o Pai; e xa que amara ós seus que estaban no mundo, amounos ata a fin.
2E mentres ceaban ‑xa o Satán lle movera o corazón a Xudas, o de Simón Iscariote, para que o entregase‑, 3sabendo que o Pai lle puxera todo nas mans, e que saíra de Deus e ía onda Deus, 4ergueuse da mesa e deixou a túnica; e collendo unha toalla, cinguiuse con ela. 5Despois, botou auga nunha almofía e comezou a lavarlles os pés ós discípulos e a secárllelos coa toalla que levaba cinguida. 6Pero, cando chegou onda Simón Pedro, este díxolle:
‑Señor, ¿vasme lavar os pés ti a min?
7Xesús respondeulle:
‑O que eu fago, ti non o entendes agora; halo comprender despois.
8Pedro replicoulle:
‑Ti non me lavarás os pés a min endexamais.
Xesús respondeulle:
‑Se non te lavo, non terás parte comigo.
9Exclamou Simón Pedro:
‑Señor, daquela os pés, as mans e mais a cabeza.
10Dille Xesús:
‑Quen se bañou, non precisa máis que lavar os pes, pois está todo limpo; e vós estades limpos, aínda que non todos.
11Sabía quen o había de entregar: por iso dixo "non todos estades limpos".
12Despois que Xesús lles lavou os pés e vestiu a súa túnica, sentou outra vez e preguntoulles:
‑¿Comprendedes o que fixen convosco? 13Vós chamádesme "Mestre" e "Señor" e dicides ben porque o son. 14Logo, se eu, o Señor e o Mestre, vos lavei os pés, tamén vós debedes lavarvos os pés uns a outros. 15Deivos así un exemplo, para que, coma eu fixen convosco, así fagades tamén vós. 16Con toda verdade volo aseguro: o servo non é meirande có seu Señor, nin o mensaxeiro é meirande ca quen o mandou. 17Se sabedes estas cousas, seredes felices, con tal de que as cumprades.
18Non o digo por todos vós: eu sei ben a quen escollín; pero para que se cumpra a Escritura: O que come comigo o pan, levantou contra min o seu pé. 19Dígovolo desde agora, antes de que suceda, para que cando suceda, creades que eu son. 20Con toda verdade volo aseguro: quen acolla a aquel que eu mande, acólleme a min; e quen me acolle a min, acolle a quen me mandou.
Xesús anuncia a traizón: 13, 21-30
21Dito isto, Xesús turbouse no seu interior e declarou abertamente:
‑Con toda verdade volo digo: un de vós hame de entregar.
22Os discípulos miraban uns para outros, sen saberen de quen falaba. 23Estaba recostado no peito de Xesús un dos seus discípulos, aquel a quen Xesús amaba. 24Entón Simón Pedro fíxolle un aceno, para que lle preguntase a quen aludía. 25Daquela el, así apoiado no peito de Xesús, preguntoulle:
‑Señor, ¿quen é?
26Xesús respondeulle:
‑É aquel a quen eu lle vou dar o pan mollado.
E mollando o pan, deullo a Xudas, o de Simón Iscariote. 27E naquel instante, xunto co pan, entrou nel Satán. Entón díxolle Xesús:
‑O que vas facer, faino axiña.
28Ningún dos que estaban sentados á mesa comprendeu por que lle dixera isto. 29Algúns coidaban que, ó ter Xudas a bolsa do diñeiro, dicíalle Xesús: "merca o que precisamos para a festa", ou que lles dese algo ós pobres. 30El, collendo o pan, saíu axiña. Era de noite.
O mandamento novo: 13, 31-35
31Cando saíu, dixo Xesús:
‑Agora queda glorificado o Fillo do Home e Deus queda glorificado nel. 32Se Deus queda glorificado nel, tamén Deus o glorificará a el e hao glorificar axiña. 33Meus fillos: só un pouquiño estarei convosco. Habédesme buscar, pero, como lles dixen ós xudeus, dígovolo a vós agora: "onde vou eu, vós non podedes vir". 34Douvos un mandamento novo: amádevos uns a outros; como eu vos amei, amádevos tamén entre vós. 35Nisto coñecerán todos que sodes os meus discípulos: se vos tedes amor uns a outros.
Predición da negación de Pedro: 13, 36-38
36Simón Pedro preguntoulle:
‑Señor, ¿onde vas?
Xesús respondeulle:
‑Onde eu vou non podes ti seguirme agora, seguirasme despois.
37Pedro replicoulle:
‑¿Por que non podo seguirte agora? Estou disposto a dar a miña vida por ti.
38Xesús respondeulle:
‑¿Que ti darás a túa vida por min? Con toda verdade cho aseguro: non cantará o galo, antes de que me negues tres veces.
CAPÍTULO 14
Xesús camiño cara ó Pai: 14, 1-14
1Non vos agoniedes: crede en Deus e mais crede en min. 2Na casa do meu Pai hai moitas moradas; doutro xeito, ¿teríavos dito que vos ía arranxar un lugar? 3E cando vaia e vos arranxe un lugar, volverei e collereivos comigo, para que, onde estea eu, esteades vós tamén. 4E a onde eu vou, vós ben sabedes o camiño.
5Dille Tomé:
‑Señor, se non sabemos onde vas, ¿como imos saber o camiño?
6Xesús respondeulle:
‑Eu son o camiño, a verdade e a vida: ninguén chega onda o Pai máis ca por min. 7Se me coñecésedes, coñeceriades tamén a meu Pai; aínda que xa desde agora o coñecedes e o tedes visto.
8Filipe díxolle:
‑Señor, móstranos o Pai e abóndanos.
9Xesús replicoulle:
‑Pero, Filipe, ¿levo tanto tempo convosco e aínda non me coñeces? Quen me viu a min, viu o Pai. ¿Como dis entón "móstranos o Pai"? 10¿Non cres que eu estou no Pai e o Pai en min? As palabras que eu vos digo non as falo pola miña conta; é o Pai, que permanece en min, quen fai as súas obras. 11Crédeme que eu estou no Pai e o Pai en min. Se non, polo menos crede por esas mesmas obras. 12Con toda verdade volo aseguro: quen cre en min, fará el tamén as obras que eu fago, e faraas meirandes aínda, pois estou para irme onda o Pai; 13e o que pidades no meu nome, heino facer, para que o Pai sexa glorificado no Fillo. 14Se algo me pedides no meu nome, eu fareino.
A promesa do Espírito: 14, 15-31
15Se me amades, gardaredes os meus mandamentos, 16e eu rogareille ó Pai, e daravos outro Paráclito para que decote estea convosco: 17o Espírito da Verdade. O mundo non o pode acoller, pois non o ve nin o coñece; mais vós coñecédelo, pois permanece onda vós e está en vós. 18Non vos deixarei orfos; logo volvo onda vós. 19Un pouquiño máis e o mundo xa non me verá; pero vós habédesme ver, que eu vivo e tamén vós habedes vivir. 20Naquel día coñeceredes que eu estou en meu Pai, e vós en min, e eu en vós. 21Quen ten os meus mandamentos e os garda, ese ámame; o que me ama será amado por meu Pai, e eu amareino e manifestareime a el.
22Xudas, o outro, non o Iscariote, preguntoulle:
‑¿Que pasou, para que ti vaias manifestarte a nós e non ó mundo?
23Xesús respondeulle:
‑Se alguén me ama, gardará a miña palabra, e meu Pai amarao, e viremos onda el, e faremos vida con el. 24O que non me ama, non garda as miñas palabras; e a palabra que escoitades de min, non é miña, é do Pai que me mandou.
25Díxenvos estas cousas mentres estaba convosco; 26pero o Paráclito, o Espírito Santo que meu Pai mandará no meu nome, ese havos ensinar todo e traeravos á memoria canto eu vos dixen. 27Déixovos a paz, douvos a miña paz: eu non vola dou coma o mundo a dá. Non vos angustiedes, nin teñades medo. 28Oístes que vos dixen "voume e logo volvo onda vós". Se me amasedes, alegrariádesvos de que eu vaia onda o Pai, xa que o Pai é máis ca min.
29Díxenvolo agora, antes de que suceda, para que, cando suceda, creades. 30Xa non falarei moito convosco, pois está a vir o príncipe deste mundo. Sobre min non ten nada; 31mais é para que saiba o mundo que eu amo ó Pai, e que, coma o Pai me mandou, así fago. Erguede, vámonos de aquí.
CAPÍTULO 15
Xesús, a vide verdadeira: 15, 1-8
1Eu son a verdadeira vide, e meu Pai é o labrador. 2O bacelo que en min non leva froito, arríncao; e o que leva froito, límpao, para que leve máis froito aínda. 3Vós xa estades limpos, pola palabra que vos teño falado. 4Permanecede en min e eu en vós.
Así como o ramo non pode levar froito pola súa conta, se non permanece na vide, vós tampouco, se non permanecedes en min. 5Eu son a vide; vós os bacelos. Quen permanece en min e eu nel, ese leva froito abondoso, pois fóra de min non podedes facer nada. 6Se alguén non permanece en min, é coma os ramos arrincados fóra, que secan; apáñanos, bótanos no lume e arden. 7Se permanecedes en min e as miñas palabras permanecen en vós, pedide o que queirades e hásevos facer. 8Nisto é glorificado meu Pai: en que levedes froito abondoso e vos mostredes coma discípulos meus.
Permanecer no amor: 15, 9-17
9Coma me amou o Pai, así vos amei eu: permanecede no meu amor. 10Se gardades os meus mandamentos, permaneceredes no meu amor, coma eu gardei os mandamentos de meu Pai, e permanezo no seu amor. 11Díxenvos estas cousas, para que a miña alegría estea en vós, e a vosa alegría sexa plena.
12Este é o meu mandamento: que vos amedes uns a outros coma eu vos amei. 13Ninguén ten amor meirande ca este: que un dea a súa vida polos amigos. 14Vós sodes amigos meus, se facedes canto eu vos mando. 15Xa non vos chamo servos, que o servo non sabe o que fai o seu señor: a vós trateivos de amigos, pois todo o que lle oín a meu Pai déivolo a coñecer. 16Non me escollestes vós a min, senón que vos escollín eu a vós; e púxenvos para que vaiades e levedes froito e o voso froito permaneza; de xeito que todo o que lle pidades ó Pai no meu nome, volo conceda. 17Mándovos isto: que vos amedes uns a outros.
O odio do mundo: 15, 18-16, 4a
18Se o mundo vos aborrece, sabede que me aborreceu a min antes do que a vós. 19Se fosedes do mundo, o mundo amaríavos coma cousa propia; pero, como eu vos escollín do mundo, por iso o mundo aborrécevos. 20Lembrádevos da palabra que vos dixen: non hai servo maior có seu señor; se a min me perseguiron, hanvos perseguir tamén a vós; se gardaron a miña palabra, tamén gardarán a vosa.
21Todo isto hánvolo facer por causa miña, pois non coñeceron a quen me mandou. 22Se eu non viñese e non lles falase, non terían pecado; mais agora non teñen escusa polo seu pecado. 23Quen me aborrece a min, aborrece tamén a meu Pai. 24Se non fixese entre eles as obras que ningún outro fixo, non terían pecado; mais agora víronas, e aborrecéronme a min e a meu Pai; 25de xeito que se cumpra a palabra que está escrita na súa Lei: Aborrecéronme sen razón.
26Cando veña o Paráclito que eu vos hei de mandar de onda o Pai, o Espírito da Verdade que vén do Pai, dará testemuño acerca de min; 27e tamén vós daredes testemuño, pois levades comigo desde o comezo.