Capítulos 16-20
CAPÍTULO 16
Pídenlle un sinal (Mc 8, 11-13; Lc 12, 54-56)
1Chegaron os fariseos e mais os saduceos, e, para o poñeren a proba, pedíronlle que lles mostrase un sinal do ceo. 2El respondeulles:
‑Vós á tardiña dicides: "Vai vir bo tempo, porque hai roibéns no ceo"; 3e á mañanciña: "vai haber treboada, porque o ceo está sombrizo". ¿Así que sabedes discernir o cariz do ceo, e non sodes capaces de interpretar os sinais dos tempos? 4¡Esta xeración malvada e adúltera reclama un sinal! Pois non se lle vai dar máis sinal có de Xonás. E deixounos coa palabra na boca.
O fermento dos fariseos e saduceos (Mc 8, 14-21)
5O pasaren para a outra banda, os discípulos esqueceron levar pan. 6E díxolles Xesús:
‑Tede coidado. ¡Ollo co fermento dos fariseos e saduceos!
7Comentaban entre eles: "É que non trouxemos pan".
8Xesús decatouse e díxolles:
‑¡Como, homes de pouca fe: así que estades aí debatendo que non tedes pan! 9¿Aín-da non acabades de entender e non vos acordades dos cinco bolos de pan para cinco mil, e de cantas cestas enchestes? 10¿Nin dos sete bolos para catro mil, e de cantas cestas enchestes? 11¿Como non entendedes que non era de pan do que eu vos falaba? ¡Coidado! ¡Ollo co fermento dos fariseos e dos saduceos!
12Entón comprenderon que non lles falara de que tivesen coidado co fermento do pan, senón da doutrina dos fariseos e saduceos.
Profesión de Pedro (Mc 8, 27-30; Lc 9, 18-21)
13Cando chegou á comarca de Cesarea de Filipo preguntoulles Xesús ós seus discípulos:
‑¿Quen di a xente que é o Fillo do Home?
14Eles responderon:
‑Uns, que Xoán Bautista; outros, que Elías; outros, que Xeremías ou algún dos profetas.
15Insistiu:
‑E vós, ¿quen dicides que son?
16Respondeu Simón Pedro:
‑Ti es o Mesías, o Fillo do Deus vivo.
17E Xesús contestoulle:
‑Ditoso ti, Simón, fillo de Xonás; porque iso non cho revelou ninguén de carne e sangue, senón meu Pai que está no ceo. 18E eu asegúroche que ti es Pedro, a pedra; e sobre esta pedra vou edificar a miña Igrexa; e as portas do Inferno non prevalecerán en contra dela. 19Dareiche as chaves do Reino dos Ceos: todo o que ates na terra, ficará atado nos ceos; e todo o que desates na terra, ficará desatado nos ceos.
20E mandoulles ós discípulos que non dixesen nada de que el era o Mesías.
Anuncio da morte e da resurrección (Mc 8, 31-33; Lc 9, 22)
21Desde aquela empezou Xesús a aclararlles ós seus discípulos que tiña que ir a Xerusalén, e que alí o ían facer padecer moito os anciáns, os sumos sacerdotes e os letrados; que o ían executar e que ó terceiro día había resucitar.
22Pedro, colléndoo á parte, empezou a rifar con el, dicindo:
‑Deus te libre, Señor; a ti non che pasará nada diso de maneira ningunha.
23Pero el, volvéndose, díxolle a Pedro:
‑¡Arreda de min, Satán! Ti es un tentador para min, porque non te deixas guiar por Deus senón polos homes.
Como seguir a Xesús (Mc 8, 34; 9, 1; Lc 9, 23-27)
24Entón díxolles Xesús ós seus discípulos:
‑Se alguén quere vir comigo, que renuncie a si mesmo, que cargue coa súa cruz e que me siga. 25Porque quen queira poñer a salvo a súa vida, perderaa; pero quen a perda pola miña causa, poñeraa a salvo. 26Pois ¿de que lle serve ó home gañar o mundo enteiro se perde a súa vida? E ¿que pode dar un home para recobrar a súa vida? 27Porque o Fillo do Home ha vir coa gloria de seu Pai entre os anxos; entón pagará a cadaquén conforme á súa conduta. 28Tende por seguro que algúns dos aquí presentes non morrerán sen veren antes o Fillo do Home vir no seu Reino.
CAPÍTULO 17
A transfiguración (Mc 9, 2-13; Lc 9, 28-36)
1Seis días despois colleu Xesús a Pedro, a Santiago e a Xoán seu irmán, e subiu con eles sós a un monte alto. 2Alí transfigurouse diante deles; o seu rostro resplandecía coma o sol, e os seus vestidos viraron brancos coma a luz. 3Nisto apareceron Moisés e mais Elías falando con el. 4Pedro colleu a palabra e díxolle a Xesús:
‑¡Señor, que ben estamos aquí! Se queres, farei aquí tres tendas, unha para ti, outra para Moisés e outra para Elías.
5E aínda estaba falando cando apareceu unha nube luminosa que os cubriu; e unha voz saíndo da nube dixo:
‑Este é o meu Fillo benquerido, o meu predilecto: escoitádeo.
6O escoitaren isto, os discípulos caeron debruzados, cheos de temor. 7Xesús achegándose, tocounos e díxolles:
‑¡Erguédevos, non teñades medo!
8E levantando os ollos, non viron a ninguén fóra de Xesús.
9Cando baixaban do monte, Xesús encargoulles:
‑Non lle faledes desta visión a ninguén, ata que o Fillo do Home resucite de entre os mortos.
10E preguntáronlle os discípulos:
‑¿Como é que din os letrados que primeiro ten que vir Elías?
11El respondeu:
‑Si, Elías tiña que vir e volver poñer todo en orde e restablecelo todo. 12Pero eu asegúrovos que Elías xa veu, e non o recoñeceron, e fixeron con el o que quixeron; do mesmo xeito tamén o Fillo do Home padecerá nas súas mans.
13Entón comprenderon os discípulos que o dixera referíndose a Xoán Bautista.
O neno lunático (Mc 9, 14-29; Lc 9, 37-43)
14E cando chegaron a onde estaba a xente acercóuselle un home, que de xeonllos 15lle suplicou:
‑Señor, ten compaixón do meu fillo, porque é lunático e sofre moito; xa ten caído no lume e na auga. 16Presentéillelo ós teus discípulos e non o deron curado.
17Respondeu Xesús:
‑¡Xeración incrédula e perversa! ¿Ata cando vos terei que soportar? ¡Traédemo aquí!
18Entón Xesús increpou ó demoño e saíu del. E desde aquela hora ficou curado o rapaz. 19Entón achegáronselle os discípulos e preguntáronlle en privado:
‑¿Por que non o demos botado nós?
20El respondeulles:
‑Pola vosa pouca fe. E asegúrovos que se tivésedes sequera unha fe coma un gran de mostaza, diriádeslle a este monte: "vai de aquí para alá", e o monte había ir. E nada sería imposible para vós.
Segundo anuncio da paixón (Mc 9, 30-32; Lc 9, 44-45)
22Andando eles xuntos por Galilea, díxolles Xesús:
‑O Fillo do Home vano entregar nas mans dos homes, 23que o matarán; pero ó terceiro día resucitará.
Eles ficaron moi tristes.
A contribución do templo
24Cando chegaron a Cafarnaún acercáronse a Pedro os cobradores da contribución do templo e preguntáronlle:
‑¿Seica o voso Mestre non paga a contribución?
25El respondeulles:
‑Si que paga.
E cando chegaron á casa, Xesús adiantouse a dicirlle:
‑¿Que che parece, Simón: Os reis da terra de quen cobran as taxas ou contribucións: dos fillos ou dos alleos?
26O responder el que dos alleos, Xesús concluíu:
‑Polo tanto, os fillos están exentos. 27Con todo, para non ser ocasión de escándalo, vai ó mar, bota o anzol, colle o primeiro peixe que pique, e ábrelle a boca: alí atoparás unha moeda. Cóllea, e entrégaa por min e mais por ti.
CAPÍTULO 18
O máis importante no Reino dos Ceos (Mc 9, 33-37; Lc 9, 46-48)
1Naquel momento acercáronse os discípulos a Xesús, para lle preguntar:
‑¿Quen é o máis importante no Reino dos Ceos?
2El chamou por un meniño e púxoo no medio deles, 3e dixo:
‑Asegúrovolo: se non cambiades e non vos facedes coma nenos, non entraredes no Reino dos Ceos. 4Quen se faga pequeno coma este cativo será o máis importante no Reino dos Ceos. 5E quen acolla un meniño coma este no meu nome, acólleme a min.
O escándalo (Mc 9, 42-48; Lc 17, 1-2)
6Pero quen escandalice a un destes pequenos que cren en min, máis lle valería que lle colgasen unha pedra de muíño ó pescozo, e que o largasen ó fondo do mar. 7¡Ai do mundo polos seus escándalos! É irremediable que haxa escándalos, pero ¡ai do home que provoca escándalos!
8Se a túa man ou o teu pé te pon en perigo, córtao e tírao lonxe de ti: máis che vale entrar na vida manco ou coxo e non que te boten coas dúas mans e cos dous pés no lume eterno. 9E se o teu ollo te pon en perigo, arríncao e tírao lonxe de ti: máis che vale entrar na vida cun ollo só e non que te boten cos dous no lume do inferno.
10¡Coidadiño con desprezar a un destes cativos! Asegúrovos que os seus anxos, no ceo, están sempre contemplando o rostro do meu Pai celestial.
A ovella perdida (Lc 15, 3-7)
12A ver: ¿que vos parece? Se un home ten cen ovellas e perde unha, ¿non deixará as outras noventa e nove no monte, para ir buscar a descarreirada?
13E se a atopa, asegúrovos que se alegrará máis con ela do que coas noventa e nove que non se perderon. 14Do mesmo xeito, a vontade do voso Pai celestial é que non se perda ningún destes pequenos.
A corrección fraterna (Lc 17, 3)
15Se teu irmán peca contra ti, vai e repréndeo; pero ti só con el. Se te escoita, conquistaches o teu irmán. 16Se non te escoita, leva contigo un ou dous, para que por medio de dúas ou tres testemuñas quede resolto o asunto. 17Se non vos fai caso, dillo á comunidade; e se tampouco lle fai caso á comunidade, sexa para ti como un pagán ou un recadador de impostos. 18Asegúrovos que o que atedes na terra será atado no ceo, e o que desatedes na terra será desatado no ceo.
Oración en común
19Asegúrovos tamén que se dous de vós se poñen de acordo na terra para pedir calquera cousa, conseguirano do meu Pai celestial. 20Porque onde están dous ou tres reunidos no meu nome, alí no medio estou eu.
Perdón das ofensas (Lc 17, 4)
21Entón Pedro, achegándose, preguntoulle:
‑Señor, ¿cantas veces terei que perdoar a meu irmán se me segue ofendendo? ¿Ata sete veces?
22Respondeulle Xesús:
‑Non che digo ata sete veces, senón ata setenta e sete.
Parábola do servidor que non perdoaba
23Por iso, o Reino dos Ceos é semellante a un rei que quixo facer as contas cos seus servidores. 24Cando empezaba, presentóuselle un que lle debía varios millóns. 25E como non tiña con que pagar, o señor ordenou que o vendesen a el con muller, fillos e canto tiña, para que así lle pagase.
26O servidor botóuselle ós pés e suplicáballe:
‑¡Ten paciencia comigo, que cho hei pagar todiño!
27O señor tivo dó daquel home e deixouno marchar, perdoándolle toda a súa débeda.
28Pero, ó saír, o servidor aquel atopouse cun compañeiro que lle debía unha insignificancia e, agarrándoo pola gorxa, esganábao dicíndolle:
‑Paga o que me debes.
29Botándose ós seus pés, o compañeiro suplicáballe:
‑Ten paciencia comigo, que cho hei pagar todo.
30Pero non lle fixo caso e, aínda para máis, mandouno meter na cadea ata que lle pagase a débeda.
31Os compañeiros, ó veren tal cousa, moi apesarados, fóronlle contar ó seu señor todo o que pasara. 32Entón o señor mandouno chamar e díxolle:
‑¡Servidor malvado! Eu perdoeiche toda aquela débeda, porque mo pediches. 33¿E logo non debías ti tamén compadecerte do teu compañeiro, como eu me compadecín de ti?
34E todo anoxado, o señor entregouno ós verdugos ata que lle pagase toda a débeda.
35Así tamén fará convosco meu Pai celestial, se non perdoades de corazón cada un a seu irmán.
CAMIÑO DE XERUSALÉN
CAPÍTULO 19
O divorcio (Mc 10, 1-12)
1Cando terminou Xesús estes discursos, partiu de Galilea e veu para a terra de Xudea, na outra banda do Xordán. 2Seguiuno moita xente, e el púxose a lles curar alí os enfermos.
3Chegaron onda el uns fariseos e preguntáronlle para poñéreno a proba:
‑¿É lícito repudiar a muller por un motivo calquera?
4El respondeu:
‑¿Seica non sabedes que o Creador os fixo varón e femia desde o principio, 5e que dixo: Por iso deixará o home a seu pai e mais a súa nai, unirase coa súa muller, e serán os dous unha soa carne? 6De xeito que xa non son dous, senón unha soa carne. Polo tanto, o que Deus xuntou, que non o separe o home.
7Preguntáronlle:
‑¿E logo como é que Moisés mandou entregar o certificado de divorcio e repudiala?
8El respondeu:
‑Debido á dureza do voso corazón, permitiuvos Moisés repudiar as vosas mulleres; pero ó principio non era así. 9Asegúrovos que quen repudia a súa muller (sacado que estea malvivindo) e casa con outra, comete adulterio.
10Entón dixéronlle os discípulos:
‑Pois se a situación do home respecto á muller é esa, casar non nos fai avío ningún.
11El contestoulles:
‑Non todos entenden esta linguaxe, senón aqueles a quen se lles concedeu. 12Hainos que non poden casar, porque naceron así do ventre da súa nai; outros, porque así os fixeron os homes; e outros, porque eles mesmos se fixeron así polo Reino dos Ceos. Quen poida entender, que entenda.
Bendí os nenos (Mc 10, 13-16; Lc 18, 15-17)
13Leváronlle entón uns nenos, para que lles impuxese as mans, e rezase por eles. Pero os discípulos rifábanlles. 14Mais Xesús díxolles:
‑Deixade que os nenos se acheguen a min, non llelo privedes, porque deles é o Reino dos Ceos.
15E despois de lles impoñer as mans, marchou de alí.
O mozo rico (Mc 10, 17-22; Lc 18, 18-23)
16Nisto acercouse un para lle preguntar:
‑Mestre, ¿que teño que facer de bo para acadar a vida eterna?
17El contestoulle:
‑¿Por que me preguntas acerca do bo? Soamente Un é Bo. E se queres entrar na vida, garda os mandamentos.
18El preguntoulle:
‑¿Cales?
‑Non matarás, non cometerás adulterio, non roubarás, non darás falso testemuño; 19honra a teu pai e a túa nai, e ama ó teu próximo coma a ti mesmo.
20O mozo contestou:
‑Todas esas cousas xa as gardo. ¿Que é o que me falta?
21Respondeulle Xesús:
‑Se queres ser perfecto, vai, vende canto tes, e dállelo ós pobres, e terás un tesouro no ceo; e despois, ven e sígueme.
22Oíndo estas cousas, o mozo marchou moi aflixido: tiña moitos bens.
O perigo das riquezas (Mc 10, 23-31; Lc 18, 24-30)
23Entón díxolles Xesús ós seus discípulos:
‑Asegúrovos que lles vai ser difícil ós ricos entrar no Reino dos Ceos; 24volvo a asegurarvos; é máis fácil para un camelo pasar polo ollo dunha agulla que para un rico entrar no Reino dos Ceos.
25Oíndo aquilo, os discípulos aínda estaban máis abraiados e comentaron:
‑Pero logo, ¿quen se vai poder salvar?
26Mirando para eles fixamente, díxolles:
‑Si, para os homes é imposible; pero para Deus todo é posible.
27Entón interveu Pedro dicindo:
‑Pois nós deixámolo todo, e seguímoste. ¿Que nos vai tocar?
28Xesús respondeu:
‑Asegúrovos que vós, os que me seguistes, cando chegue o mundo novo e o Fillo do Home sente no trono da súa gloria, sentaredes en doce tronos para xulgardes as doce tribos de Israel. 29E todo aquel que deixou casas ou irmáns ou pai ou nai ou fillos ou leiras, por causa do meu nome, recibirá cen veces máis e herdará a vida eterna.
Parábola dos xornaleiros da viña
30E hai moitos que son os primeiros e serán os últimos; e moitos que son os últimos e serán os primeiros.
CAPÍTULO 20
1Porque o Reino dos Ceos parécese a un propietario que saíu pola mañá cedo a contratar xornaleiros para a súa viña. 2Axustou con eles o xornal dun denario e mandounos á súa viña. 3Saíu outra vez á media mañá e atopou outros sen traballo na praza. 4E díxolles:
‑Ide vós tamén á miña viña, e dareivos o xusto.
5Eles foron. De novo saíu polo mediodía, e pola tarde, facendo o mesmo. 6Pero aínda volveu saír á tardiña, e atopando outros parados na rúa, díxolles:
‑Pero, ¿que facedes aquí, todo o día sen traballar?
7Eles responderon:
‑É que ninguén nos contratou.
El díxolles entón:
‑Ide vós tamén á miña viña.
8Anoitecendo xa, díxolle o dono da viña ó administrador:
‑Chama os xornaleiros e págalles o xornal: empézasme polos últimos e acabas polos primeiros.
9Chegan os da derradeira hora e dálles un denario a cada un. 10Cando chegaron os primeiros coidaron que lles darían máis, pero tamén recibiron cadanseu denario. 11O recibilo, murmuraban contra o propietario:
12‑Eses, os derradeiros, traballaron unha hora só e trátalos igual ca nós, que aturamos o peso e a caloraza do día.
13Pero el replicoulle a un deles:
‑Amigo, non che fago ningunha inxustiza. ¿Non axustamos un denario? 14Pois colle o teu, e vaite. E logo, se quero darlle ó último igual ca a ti, 15¿non teño dereito a facer o que quero co que é meu? ¿Ou é que ti ves con mal ollo que eu sexa bo?
16Así, dese mesmo xeito, os últimos serán os primeiros, e os primeiros serán os últimos.
Terceiro anuncio da paixón (Mc 10, 32-34; Lc 18, 31-34)
17Segundo ía subindo a Xerusalén, chamou a un lado os Doce polo camiño e díxolles:
18‑Vede que subimos a Xerusalén, e que alí lles van entregar o Fillo do Home ós sumos sacerdotes e mais ós letrados; condenarano a morte, 19e entregarano ós pagáns para que fagan riso del, o azouten e o crucifiquen; pero ó terceiro día resucitará.
Petición de Santiago e Xoán (Mc 10, 35-45)
20Entón achegóuselle a nai dos fillos do Zebedeo cos seus fillos, prostrándose para pedirlle algo. 21El preguntoulle:
‑¿Que queres?
Respondeulle:
‑Manda que estes dous fillos meus senten un á túa dereita e outro á túa esquerda no teu Reino.
22Respondeulle Xesús:
‑Non sabedes o que pedides. ¿Poderedes beber o cáliz que eu teño que beber?
Respondéronlle:
‑Podemos.
23Xesús replicou:
‑O meu cáliz beberédelo; pero o sentar á miña dereita ou á miña esquerda, iso non depende de min concedelo: é para quen o meu Pai o ten preparado.
24O escoitaren isto os outros dez, anoxáronse todos cos dous irmáns. 25Entón Xesús chamou por eles e díxolles:
‑Xa sabedes que os xefes dos pobos os tiranizan, e os poderosos os asoballan. 26Pero entre vós non pode ser así. Nin moito menos: quen queira ser importante, que sirva ós demais; 27e quen queira ser o primeiro, que sexa o máis servizal; 28porque o Fillo do Home non veu a que o sirvan, senón a servir e a entregar a súa vida en rescate por todos.
Cura a dous cegos (Mc 10, 46-52; Lc 18, 35-43)
29E ó saíren de Xericó, seguiuno moita xente. 30Sentados a carón do camiño, había dous cegos que, cando oíron que pasaba Xesús, puxéronse a berrar:
‑¡Fillo de David, ten piedade de nós!
31A xente rifáballes para que calasen, pero eles berraban aínda máis alto:
‑¡Señor, Fillo de David, ten piedade de nós!
32Xesús parou, chamounos e preguntoulles:
‑¿Que queredes que vos faga?
33Eles responderon:
‑Señor, que se nos abran os ollos.
34Compadecido Xesús, tocoulles os ollos, e de contado recobraron a vista; e foron tras el.