Capítulos 6-10

 

CAPÍTULO 6

 

Na sinagoga de Nazaret  (Mt 13, 53-58; Lc 4, 16-30)

 

1Saíndo de alí, foise para a súa vila, acompañado polos seus discípulos. 2Cando chegou o sábado, empezou a ensinalos na sinagoga. E moita da xente que o escoitaba dicía abraiada:

‑¿De onde lle veñen a este todas esas cousas? ¿Que sabedoría é esa que lle ensinaron, e como pode facer tantos milagres pola súa man? 3¿Non é este o carpinteiro, fillo de María e irmán de Santiago, Xosé, Xudas e mais Simón, e as súas irmás non viven aquí connosco?

Estaban realmente escandalizados. 4Pero Xesus díxolles:

‑Non hai profeta máis desprezado que na súa terra, na súa casa, ou entre os seus parentes.

5E non puido realizar alí ningún milagre, fóra dalgunhas curacións, que fixo impoñendo as mans. 6Estaba sorprendido por aquela incredulidade. E dedicouse a andar polas aldeas dos arredores, ensinando.

 

A misión dos apóstolos  (Mt 10, 1. 9-15; Lc 9, 1-6)

 

7Entón chamou os Doce, e empezou a mandalos de dous en dous, dándolles poder sobre os espíritos malos. 8Recomendoulles que non levasen nada para o camiño, fóra dun caxato: nin pan, nin alforxas, nin cartos na faixa. 9Que calzasen sandalias, pero que non levasen máis ca unha túnica. 10E avisounos:

‑Cando entredes nunha casa, permanecede nela ata que vos marchedes. 11Se nalgún lugar non vos acolleren nin vos escoitaren, ídevos, sacudindo o po dos vosos pés, para que lles sirva de aviso.

12Marcharon, e predicaron a conversión. 13Botaban fóra moitos demoños, e curaban os enfermos, unxíndoos con aceite.

 

Morte de Xoán Bautista  (Mt 14, 1-12; Lc 3, 19-20; 9, 7-9)

 

14Como a sona de Xesús se estendía por todas partes, chegou ós oídos do rei Herodes, xunto cos comentarios que facían: "é o mesmo Xoán Bautista resucitado de entre os mortos, e por iso actuaban nel eses poderes". 15Outros dicían que era Elías ou algún profeta. 16Pero Herodes dicía:

‑É Xoán Bautista, a quen eu mandei decapitar, que está resucitado. 17Porque Herodes mandara encadear a Xoán por causa de Herodías, a muller de seu irmán Filipo, coa que el casara. 18Xoán non paraba de lle dicir:

‑Non che está permitido vivir coa muller do teu irmán.

19Por iso Herodías colléralle xenreira a Xoán, e queríao matar. 20Pero Herodes temía a Xoán, sabendo que era home xusto e santo, e protexíao; mesmo lle gustaba oílo falar, aínda que quedase desacougado.

21Pero chegou a ocasión axeitada, cando Herodes no día que facía anos deu un banquete ós ministros, oficiais e xente importante de Galilea. 22Resulta que, entrando a filla da mesma Herodías, bailou moi ben, e gustoulle moito a Herodes e a todos os convidados. Entón o rei díxolle á rapaza:

‑Pídeme o que queiras, que cho hei dar.

23E xurou.

‑Dareiche o que me pidas, aínda que sexa a metade do meu reino.

24Vaise a rapaza onda a nai e pregúntalle:

‑¿Que lle pedirei?

Ela díxolle:

‑Pídelle a cabeza de Xoán Bautista.

25E volvendo axiña onda o rei, díxolle:

‑Quero que me deas de contado, nunha bandexa, a cabeza de Xoán Bautista.

26O rei púxose moi triste, pero, polos xuramentos e mais polos convidados, non quería defraudala. 27E de seguida mandou a un verdugo traer a cabeza de Xoán; cortoulla, 28tróuxoa nunha bandexa, para lla dar á rapaza, que non tardou en levarlla á súa nai. 29Cando os seus discípulos o souberon, recolleron o cadáver e fórono enterrar.

 

Primeira multiplicación do pan (Mt 14, 13-21; Lc 9, 10-17; Xn 6, 1-13)

 

30Cando volveron a reunirse con Xesús, os apóstolos contáronlle canto fixeran e ensinaran. 31El díxolles:

‑Vide vós comigo a un lugar arredado, e descansade un pouco.

Eran moitos os que ían e viñan, e nin para comer atopaban tempo.

32Fóronse sós na barca a un lugar arredado. 33Pero, ó velos marchar, a xente foinos seguindo por terra desde todas as vilas, e chegaron primeiro ca eles. 34Así, cando desembarcaron, atopouse cunha grande multitude. El, conmovido, porque eran coma ovellas sen pastor, púxose a predicar ensinándolles moitas cousas.

35Como se facía tarde, acercáronselle os discípulos e dixéronlle:

‑Por aquí non hai casas e xa pasa moito da hora: 36vai ser mellor que os despidas, para que vaian ás aldeas e vilas veciñas, e merquen algo de comer.

37Pero el respondeulles:

‑Dádelles vós de comer.

Contestaron:

‑¿Imos, logo, mercar douscentos denarios de pan para lles darmos de comer?

38El preguntoulles:

‑¿E, logo, canto pan tendes?

Fixeron o reconto e dixeron:

‑Por xunto temos cinco bolos e mais dous peixes.

39El mandounos sentar en grupos na herba verde. 40E fóronse sentando en grupos de cen ou cincuenta. 41El colleu os cinco bolos e mais os dous peixes, ergueu a vista ó ceo, bendiciunos, e partiu os bolos, e déullelos ós discípulos, para que os servisen; e repartiu tamén os dous peixes entre todos.

42Comeron todos ata se fartaren 43e recolleron de anacos e das sobras dos peixes doce cestos cheos. 44E os que comeran os pans eran cinco mil homes.

 

Anda por riba da auga  (Mt 14, 22-33; Xn 6, 16-21)

 

45De seguida mandou ós seus discípulos que embarcasen e fosen indo diante para Betsaida, mentres el despedía a xente. 46E cando rematou de se despedir, foi orar ó monte.

47Fíxose noite, e a barca estaba no medio do mar, mentres el quedaba só en terra. 48Vendo o fatigados que estaban de tanto vogar co vento en contra, ó raiar o día foi cara a eles, andando polo mar. 49Pero eles, ó velo andar polo mar, coidaron que era unha pantasma, e empezaron a berrar. 50Mais el de contado faloulles:

‑Tranquilos, que son eu. Non teñades medo.

51E subiu á barca, onda eles. Acougou o vento, e todos quedaron abraiados de vez, 52porque non comprenderan o milagre do pan, ó teren aínda cerrado o entendemento.

 

Cura os enfermos de Xenesaret  (Mt 14, 34-36)

 

53Cando atravesaron para a outra banda, chegaron a Xenesaret, e alí desembarcaron. 54A xente de contado o recoñecía. 55Percorrendo toda aquela comarca, levábanlle todos os enfermos en leitos; 56e en aldeas, vilas e cidades, cando oían que andaba por alí, pousaban os enfermos nas rúas, rogándolle que lles deixase tocar tan sequera a orla do seu manto. E cantos o tocaban, curaban.

 

 

 

CAPÍTULO 7

 

Conflitos coas tradicións (Mt 15, 1-20)

 

1Reuníronse con Xesús un grupo de fariseos con algúns letrados chegados de Xerusalén, 2e viron ós discípulos comer con mans impuras, é dicir, sen antes lavaren as mans. 3(É sabido que os fariseos e os xudeus todos non comen sen lavaren ben as mans, seguindo así as vellas tradicións; 4e cando chegan da rúa, tampouco comen sen se bañaren antes; tamén están moi apegados a outras tradicións, coma o lavar vasos, xerras e bandexas). 5Por iso os fariseos e mais os escribas preguntáronlle:

‑¿Por que os teus discípulos non se portan conforme a tradición dos devanceiros, senón que comen con mans impuras?

6El contestoulles:

‑¡Que ben profetizou Isaías de vós, hipócritas, como está escrito:

Este pobo hónrame cos labios,

pero o seu corazón está lonxe de min.

7Danme un culto inútil,

porque a doutrina que ensinan

non son máis que costumes humanos.

8Rexeitades os mandados de Deus e agarrádesvos ás tradicións dos homes.

9E dicíalles:

‑¡Que ben quebrantades os preceptos de Deus, para conservar as tradicións humanas! 10Porque Moisés dixo: Coida de teu pai e mais de túa nai, e quen abandone a seu pai ou a súa nai é reo  de morte.  11Pero vós dicides: Se un home dixese a seu pai ou a súa nai "o sustento que poderías recibir de min é korbán,  é dicir, vai para o Templo coma ofrenda", 12xa non lles permitides facer nada por eles, 13invalidando o mandamento de Deus coa vosa tradición. E así facedes outras moitas cousas parecidas.

14E convocando á xente, dicíalles:

‑Escoitádeme todos e procurade entender. 15Nada do que hai fóra do home pode manchalo ó entrar nel; pero o que sae do home, iso si que o mancha.

17E cando entrou na casa, despois de deixar a xente, os discípulos preguntáronlle polo significado daquilo. 18Díxolles:

‑¿E logo vós tampouco sodes capaces de entender? ¿Non comprendedes que todo o que vén de fóra e entra no home non o pode manchar, 19porque non penetra no seu corazón, senón no seu ventre, e de alí vai parar ó escusado?

Así declaraba puros todos os alimentos. 20E continuou:

‑O que sae de dentro, iso si que mancha; 21porque de dentro, do corazón do home, xorden os malos pensamentos, as fornicacións, os roubos, os asasinatos, 22os adulterios, as cobizas, as maldades, os fraudes, os desenfreos, as envexas, as blasfemias, a soberbia, os desatinos. 23Todos eses males saen de dentro e manchan o home.

 

 

VIAXE POR FÓRA DE GALILEA

 

A muller cananea (Mt 15, 21-28)

 

24E foi cara á terra de Tiro. Alí meteuse nunha casa, porque non quería que ninguén o recoñecese. Pero non lle foi posible pasar inadvertido, 25pois de seguida chegou unha mulleriña que tiña unha filla posuída por un espírito malo, e botóuselle ós pés. . 26Esta muller era pagá, unha sirio - fenicia, e rogáballe que lle librase a filla do espírito malo. 27Pero el díxolle:

‑Deixa que se farten primeiro os fillos, pois non é ben quitarlles o pan ós fillos, para botárllelo ós cans.

28Ela contestoulle:

‑Non é, Señor; non é; pero tamén os cadeliños apañan debaixo da mesa as faragullas que deixan caer os fillos.

29El díxolle entón:

‑Vaite, que polo que acabas de dicir xa o demo saíu da túa filla.

30E así foi: ó que chegou á casa, atopou a filla deitada na cama, libre do demo.

 

Curación dun xordomudo

 

31De novo, deixando Tiro, veu dar por Sidón ó mar de Galilea, atravesando a Decápolis. 32Presentáronlle un xordomudo, e suplicáronlle que lle impuxese as mans. 33Xesús, separándoo da xente, meteulle os dedos nas orellas, e tocoulle a lingua con cuspe. 34Logo, erguendo os ollos ó ceo, suspirou e dixo:

‑Effatá (ou sexa: "ábrete").

35E no instante abríronselle os oídos, e falaba perfectamente. 36Logo prohibiulles contalo a ninguén; pero canto máis llelo prohibía, máis o espallaban. 37E a xente, totalmente abraiada, comentaba:

‑¡Que ben o fai todo! Fai que os xordos oian e que os mudos falen.

 

 

 

CAPÍTULO 8

 

Segunda multiplicación do pan  (Mt 15, 32-39)

 

1Por aqueles días, como se xuntaba tamén moita xente arredor de Xesús e non tiñan que comer, chamou polos discípulos e díxolles:

2‑Dáme pena esta xente: hai tres días que vén detrás miña e non ten nada que comer. 3Se os mando para as súas casas, sen que metan algo na boca, poden esmorecer polo camiño, que moitos deles véñenvos de ben lonxe.

4Os discípulos responderon:

‑¿E de onde se pode quitar, en pleno descampado, pan abondo para fartalos?

5E preguntoulles:

‑¿E logo canto pan tendes?

Responderon:

‑Temos sete bolos.

6Foi el e mandou que a xente sentase no chan; despois colleu os sete bolos, rezou a acción de grazas, partiunos e déullelos ós seus discípulos, para que os repartisen entre a xente; e así o fixeron. 7Tiñan tamén algúns peixes; el bendiciunos e mandou que os repartisen. 8A xente comeu a fartar, e cos anacos que sobraron encheron sete cestas. 9Eran uns catro mil. Despediunos, 10e de seguida embarcou cos seus discípulos, marchando para a rexión de Dalmanuta.

 

Os fariseos piden un sinal  (Mt 16, 1-4)

 

11Uns fariseos saíronlle ó paso, e metéronse a discutir con el. Para probalo, pedíronlle un sinal do ceo. 12El deu un profundo suspiro, e dixo:

‑¿Por que esta clase de xente reclama un sinal? Pois asegúrovos que a esta xente non se lle dará sinal ningún.

13Así, deixounos, volveu embarcar e foise para a outra banda.

 

O fermento dos fariseos  (Mt 16, 5-12)

 

14Os discípulos esqueceran levar pan, e non tiñan máis ca un bolo na barca. 15Xesús recomendoulles:

‑Tende coidado, e gardádevos do fermento dos fariseos e do fermento de Herodes.

16Pero eles latricaban entre si: "o caso é que non temos pan".

17Xesús decatándose díxolles:

‑¡Como! ¡Así que estades a falar de que non tendes pan! ¿Seica non acabades de entender, nin caedes na conta do que quero dicir? ¿Tan cegos estades? 18¿Tendes ollos, e non vedes; oídos e non oídes? ¿Xa non vos acorda 19cantas cestas de sobras recollestes, cando repartín cinco bolos de pan entre cinco mil persoas?

Contestaron:

‑Foron doce.

20‑E cando repartín sete bolos entre catro mil, ¿cantas cestas recollestes?

Responderon:

‑Recollemos sete.

21E concluíu:

‑¿E logo aínda non comprendedes?

 

Curación dun cego

 

22Chegaron a Betsaida, e trouxéronlle un cego, pedíndolle que o tocase. 23El, collendo o cego pola man, sacouno para fóra da aldea; botoulle cuspe nos ollos, estendeu as mans sobre el, e preguntoulle:

‑¿Ti ves algo?

24El, que comezaba a albiscar algo, dixo:

‑Vexo homes, aínda que me parecen árbores que andan.

25Púxolle outra vez as mans nos ollos; entón empezou a enxergar ben: estaba curado, e vía todo claramente. 26Logo mandouno para a casa, dicíndolle:

‑Nin tan sequera entres na aldea.

 

A confesión de fe de Pedro, e o primeiro anuncio da paixón (Mt 16, 13-23; Lc 9, 18-22)

 

27Ia Xesús cos seus discípulos cara ás aldeas de Cesarea de Filipo, e polo camiño preguntoulles:

‑¿Quen di a xente que son eu?

28Eles responderon:

‑Uns, que Xoán Bautista; outros, que Elías; e outros, que algún dos profetas.

29El preguntoulles a eles:

‑¿E vós, quen dicides que son?

Respondeu Simón Pedro:

‑Ti es o Mesías.

30E prohibiulles diciren nada a ninguén.

31Entón, con toda claridade, empezou a adoutrinalos acerca de que era preciso que o Fillo do Home padecese moito, e que o rexeitasen os anciáns, os Sumos Sacerdotes e mais os letrados; que o ían matar, e que ós tres días había resucitar.

32Explicoulles isto con toda claridade. Entón Pedro, colléndoo á parte, empezou a rifarlle. 33Pero Xesús volvéndose cara ós discípulos, reprendeuno:

‑¡Arreda de min, Satán, que ti non te me deixas guiar por Deus, senón polos homes!

 

Como seguir a Xesús  (Mt 16, 24-28; Lc 9, 23-27)

 

34E chamando á xente onda os seus discípulos, díxolles a todos:

‑Se alguén quere vir comigo, que renuncie a si mesmo, cargue coa súa cruz, e que me siga. 35Pois o que queira poñer a salvo a súa vida, perderaa; pero quen perda a súa vida pola miña causa e pola do Evanxeo, ese poñeraa a salvo. 36Pois ¿de que lle serve ó home gañar o mundo enteiro, se perde a súa vida? 37E ¿que pode dar un home para recobrar a súa vida? 38Porque quen se avergonce de min e das miñas palabras, nesta xeración idólatra e pecadora, tamén o Fillo do Home se avergonzará del, cando veña na gloria de seu Pai entre os santos anxos.

 

 

 

CAPÍTULO 9

 

1E engadiu:

‑Tede por seguro que algúns dos aquí presentes non han morrer sen veren antes chegar o Reino de Deus con gran poder.

 

A transfiguración (Mt 17, 1-13; Lc 9, 28-36)

 

2Seis días despois colleu Xesús a Pedro, Santiago e Xoán, e subiu con eles sós ó  coto dun monte. Alí transfigurouse na súa presenza. 3Os seus vestidos viráronse resplandecentes, brancos coma ningún bataneiro do mundo os podería branquexar. 4Nisto apareceron Elías e mais Moisés, e estaban a falar con Xesús. 5E Pedro, tomando a palabra, díxolle a Xesús:

‑¡Mestre, que ben estamos aquí! Imos facer tres tendas: unha para ti, outra para Elías e a outra para Moisés.

6Tan asustado estaba, que non sabía o que dicía. 7E unha nube cubriunos coa súa sombra, mentres saía dela unha voz:

‑Este é o meu fillo benquerido, escoitádeo.

8E de súpeto, mirando arredor, xa non viron a ninguén, fóra de Xesús. 9Cando baixaban do monte, Xesús encargoulles que non contasen nada ata que o Fillo do Home resucitase de entre os mortos. 10Eles colleron ben o aviso; pero empezáronse a preguntar uns a outros o que querería dicir aquilo de "cando resucite de entre os mortos". 11E preguntáronlle:

‑¿Como é que din os letrados que primeiro ten que vir Elías?

12El contestoulles:

‑Elías ten que vir primeiramente a restablecelo todo. Pero entón, ¿como é que está escrito que o Fillo do Home ten que padecer moito e ser aldraxado? 13O que vos digo é que Elías xa veu e que fixeron con el canto lles petou, como estaba escrito del.

 

O neno epiléptico (Mt 17, 14-21; Lc 9, 38-43)

 

14O chegaren onde estaban os outros discípulos, atoparon moita xente arredor, e uns letrados discutindo con eles. 15En canto que a xente o albiscou, correu sorprendida a saudalo. 16El preguntoulles:

‑¿De que estades a discutir?

17Un deles respondeu:

‑Mestre, trouxen o meu fillo, que ten un espírito que non o deixa falar. 18Cando se apodera del, tírao no chan, o rapaz bota escuma pola boca, e renxe os dentes, e fica teso. Rogueilles ós teus discípulos que o librasen, e non puideron.

19El contestou:

‑¡Oh xeración incrédula! ¿Ata cando terei que estar convosco? ¿Ata cando terei que aturarvos? Traédemo acá.

20Trouxéronllo, e, mal viu a Xesús, o espírito sacudiu violentamente o neno, que rolou polo chan, escumando pola boca. 21En-tón preguntoulle Xesús ó pai:

‑¿Desde  cando anda así?

El respondeulle:

‑Desde picariño. 22E hai veces que mesmo o bota no lume ou na auga, para acabar con el. Pero se podes facer algo, ten dó do rapaz e bótanos unha man.

23Xesús contestoulle:

‑¿Como que "se podo"? Para quen ten fe non hai imposibles.

24Inmediatamente, o pai do neno exclamou:

‑¡Creo; axúdame no que lle falta á miña fe!

25Vendo Xesús que a xente se amoreaba, increpou ó espírito malo:

‑Espírito mudo e xordo, mándocho eu: sae deste rapaz e non volvas entrar nel nunca máis.

26E dando berros e fortes sacudidas, saíu, deixando o neno coma morto; de tal xeito que moitos xa dicían que morrera. 27Pero Xesús, colleuno pola man e ergueuno ata que se mantivo de pé.

28O entraren con el na casa, preguntábanlle á parte os discípulos:

‑¿E por que non o demos botado nós?

29El respondeulles:

‑Esta caste non sae se non é a forza de oración.

 

Novo anuncio da paixón (Mt 17, 22-23; Lc 9, 44-45)

 

30E marcharon de alí, atravesando a Galilea sen enredar nela, porque non quería que o soubese ninguén; 31pois ía informando ós discípulos, dicíndolles:

‑O Fillo do Home vano entregar nas mans dos homes, que o matarán; pero, despois de morto, pasados tres días, ha resucitar.

32Eles non entendían o que lles dicía, pero non se atrevían a preguntarllo.

 

¿Quen é o mais importante? (Mt 18, 1-5; Lc 9, 46-48)

 

33Chegaron a Cafarnaún, e, cando estaban na casa, preguntoulles:

‑¿De que viñades discutindo polo camiño?

34Eles calaron, porque no camiño discutiran entre si sobre quen era o máis importante. 35Xesús sentou, chamou polos Doce e díxolles:

‑O que queira ser o primeiro, que sexa o derradeiro e o servidor de todos.

36E, collendo un neno, púxoo no medio deles e abrazándoo, dixo:

37‑Quen acolle a un destes nenos no meu nome, acólleme a min; e quen me acolle a min, non é a min a quen acolle, senón a Aquel que me mandou.

 

Quen non está contra nós, está connosco (Lc 9, 49-50)

 

38Díxolle Xoán:

‑Pois vimos un que botaba demos no teu nome e quixémosllo privar porque non é dos nosos.

39Xesús contestoulle:

‑Pois non llo privedes, porque ninguén que faga milagres no meu nome fala despois mal de min. 40O que non está contra nós, está connosco. 41Ademais, todo aquel que vos dea un vaso de auga por serdes seguidores de Cristo, tende por seguro que non quedará sen recompensa.

 

O escándalo (Mt 18, 6-9)

 

42E a quen escandalizar un destes pequeniños que cren en min, éralle mellor que lle colgasen do pescozo unha pedra de muíño, e o largasen ó mar. 43E se a túa man te fai caer, córtaa: máis che vale entrar toco na vida que ir parar coas dúas mans ó inferno, no lume que nunca se apaga. 45E se o teu pé te fai caer, córtao: mellor será que entres coxo na vida, que ir dar cos dous pés no inferno. 47E se o teu ollo te fai caer, arríncao: máis che vale entrar cego no Reino de Deus e non que te boten cos dous ollos no inferno, 48onde o verme non morre nin o lume se apaga.

49Pois todo se salga co lume. 50O sal é bo, pero se o sal se volve insulso, ¿con que o salgaredes? Que non falte o sal entre vós, e vivide en paz.

 

 

 

CAPÍTULO 10

 

O divorcio  (Mt 19, 1-19)

 

1De alí foise para os lindeiros de Xudea, na outra banda do Xordán. A xente amoreábase de novo no seu camiño, e, coma sempre, púxose a ensinar.

2Achegáronselle algúns fariseos, preguntándolle para probalo, se lle está permitido ó home repudiar a muller. 3El replicoulles:

‑¿Que foi o que mandou Moisés?

4Respondéronlle:

‑Moisés permitiu despedila, dándolle certificado de divorcio.

5Díxolles Xesús:

‑Tendo en conta a dureza de voso corazón, escribiu Moisés para vós esa norma. 6Pero desde o principio da creación, fíxoos varón e femia. 7Por iso deixará o home a seu pai e mais a súa nai, unirase coa súa muller, 8e serán os dous unha soa carne. De xeito que xa non son dous, senón unha soa carne. 9O que Deus uniu, que non o separe o home.

10Xa na casa, os discípulos volvéronlle a preguntar acerca disto. 11El díxolles:

‑O que repudia a muller e casa con outra, comete adulterio contra a primeira. 12E se a muller abandona o marido e casa con outro, comete adulterio.

 

Bendí os nenos  (Mt 19, 13-15; Lc 18, 15-17)

 

13E leváronlle uns nenos para que os tocase. Pero os discípulos rifábanlles. 14Mais a Xesús non lle gustou aquilo e dixo:

‑Deixade que os nenos se acheguen a min; non llelo impidades, porque deles é o Reino de Deus. 15Asegúrovos que aquel que non reciba coma un neno o Reino de Deus, non entrará nel.

16E abrazounos e bendiciunos e impúxolles as mans.

 

O mozo rico (Mt 19, 16-22; Lc 18, 18-23)

 

17No preciso momento en que se puña en camiño, chegou un a correr, que se axeonllou diante del e que lle preguntou:

‑Mestre bo, ¿que teño que facer para acadar a vida eterna?

18Xesús contestoulle:

‑¿E por que me chamas bo? Ninguén e bo, fóra de Deus. 19Xa sabes os mandamentos: Non mates, non cometas adulterio, non roubes, non deas falso testemuño, non defraudes, honra a teu pai e mais a túa nai.

20El respondeu:

‑Mestre, todas esas cousas gardeinas desde a miña mocidade.

21Entón Xesús pousou nel a súa ollada chea de cariño e engadiu:

‑Aínda che falta unha cousa: vai, vende todo o que tes, e repárteo entre os pobres, e terás un tesouro no ceo; e despois ven e sígueme.

22Ante estas palabras mudóuselle o rostro e marchou moi apesarado, pois tiña moitos bens.

 

O perigo das riquezas  (Mt 19, 23-30; Lc 18, 24-30)

 

23Xesús mirando todo arredor, díxolles ós discípulos:

‑¡Que difícil lles vai ser ós ricos entrar no Reino de Deus!

24E os discípulos ficaron moi sorprendidos por estas palabras. Pero Xesús volveu a insistir:

‑Fillos, ¡que difícil é entrar no Reino de Deus! 25É máis doado para un camelo pasar polo ollo dunha agulla, do que para un rico entrar no Reino de Deus.

26Eles, aínda moi asombrados, comentaban entre si:

‑Entón, ¿quen se vai poder salvar?

27Xesús, mirando para eles fixamente, dixo:

‑Si, para os homes é imposible, pero non para Deus; pois todo é posible para Deus.

28Colle Pedro e di:

‑Pois nós deixámolo todo, e seguímoste.

29Dixo Xesús:

‑Tende por seguro que non hai ninguén que deixe casa ou irmáns ou irmás ou nai ou pai, ou fillos ou leiras por cousa miña e polo Evanxeo, 30que pase sen recibir cen veces máis en casas, irmáns, irmás, nai, pai, fillos e leiras (aínda que con persecución) agora, e que no mundo futuro non reciba a vida eterna. 31E moitos que son os primeiros serán os últimos; e moitos que son os últimos serán os primeiros.

 

Terceiro anuncio da paixón  (Mt 20, 17-19; Lc 18, 31-34)

 

32Subían camiño de Xerusalén, e Xesús ía diante; os discípulos, aínda asombrados, ían tras el con medo. E levando á parte ós Doce, empezoulles a falar do que lle ía acontecer.

33‑Vede que subimos a Xerusalén, e ó Fillo do Home vano entregar ós sumos sacerdotes e mais ós letrados; condenarano a morte, e entregarano ós pagáns. 34Burlaranse del, cuspiranlle, azoutarano, e logo matarano; pero ós tres días ha resucitar.

 

Petición de Santiago e Xoán  (Mt 20, 20-28)

 

35Achegándose os fillos de Zebedeo ‑Santiago e mais Xoán‑, dixéronlle:

‑Mestre, nós queriamos que nos fixeses o que che imos pedir.

36El preguntou:

‑¿E logo, que é o que queredes que vos faga?

37Contestáronlle:

‑Concédenos que na túa gloria sentemos un á túa dereita e outro á túa esquerda.

38Respondeulles Xesús:

‑Vós non sabedes ben o que pedides. ¿Seredes capaces de beber o cáliz que eu teño que beber, e recibir o bautismo que eu teño que recibir?

39Respondéronlle:

‑Somos.

Xesús replicou:

‑O cáliz que teño que beber, si que o beberedes, e tamén recibiredes o bautismo que eu teño que recibir, 40pero o sentardes á miña dereita ou á miña esquerda, iso non depende de min o concedelo, senón que é para os que está reservado.

41O escoitaren isto, os outros anoxáronse con Santiago e con Xoán. 42Entón Xesús chamounos e díxolles:

‑Xa sabedes que os xefes dos pobos os tiranizan e que os poderosos os asoballan. 43Pero entre vós non pode ser así. Nin moito menos, quen queira ser importante, que sirva os outros, 44e quen queira ser o primeiro, que sexa o máis servizal. 45Que o Fillo do Home non veu a que o sirvan, senón a servir, e a entregar a súa vida en rescate por todos.

 

Curación dun cego  (Mt 20, 29-34; Lc 18, 35-43)

 

46E chegou a Xericó. Cando saía cos seus discípulos e outra moita xente, Bartimeo, o fillo de Timeo, un cego pobre de pedir, estaba sentado a carón do camiño. 47Oíndo que pasaba Xesús o Nazareno, empezou a berrar:

‑¡Xesús, Fillo de David, ten piedade de min!

48Moitos mandábano calar; pero el berraba aínda máis alto:

‑¡Fillo de David, ten piedade de min!

49Deténdose  Xesús, dixo:

‑Dicídelle que veña aquí.

E chamaron polo cego, dicíndolle:

‑¡Veña, érguete, que te chama!

50El, ceibándose do manto, veu dando brincos ata onde estaba Xesús. 51Este preguntoulle:

‑¿Que queres que che faga?

O cego respondeu:

‑Mestre, que volva a ver.

52Xesús díxolle:

‑Ve, salvoute a túa fe.

E no instante comezou a ver, e seguiuno polo camiño.