Capítulos 11-16

 

XESÚS EN XERUSALÉN

 

CAPÍTULO 11

 

Entrada triunfal en Xerusalén (Mt 21, 1-11; Lc 19, 29-40; Xn 12,12-19)

 

1E cando se aproximaban a Xerusalén, cerca de Betfagué e de Betania, ó pé do Monte das Oliveiras, mandou a dous discípulos 2dicíndolles:

‑Ide á aldea que tendes aí por fronte, e ó que entredes, ides atopar atado un burro que ninguén montou aínda; soltádeo e traédeo. 3Se alguén vos pregunta por que o facedes, dicídelle: "Precísao o Señor, pero de seguida o mandará de volta".

4Foron alá, atoparon o burro atado a un portal e desatárono. 5Algúns dos que andaban por alí, preguntáronlles:

‑¿Que facedes aí desatando o burriño?

6Eles contestáronlle tal como Xesús lles mandara. 7E leváronlle o burro a Xesús, que montou nel así que o cubriron cos seus mantos. 8Moitos estendían tamén os seus mantos no camiño, para que lle servisen de alfombras; e outros, ramallos cortados nas chousas. 9E tanto os que ían diante coma os de detrás, exclamaban:

‑¡Hosanna! ¡Bendito o que vén no nome do Señor!  10¡Bendito o reino do noso pai David que chega! ¡Hosanna no ceo!

11Entrou en Xerusalén e foi ó templo. E despois de dar unha volta por alí, como xa ía sendo tarde, saíu cos Doce para Betania.

 

Maldición da figueira (Mt 21, 18-19)

 

12O outro día despois de saír de Betania, sentiu fame. 13Vendo de lonxe unha figueira cuberta de follas, achegouse por se acaso atopaba algo; pero non atopou nada fóra de follas, por non ser tempo de figos. 14Entón dixo:

‑Nunca máis ninguén coma os teus froitos.

E os discípulos escoitárono.

 

Bota os tendeiros do templo (Mt 21, 12-17; Lc 19, 45-48; Xn 2, 13-22)

 

15Chegaron a Xerusalén, e, entrando no templo, empezou a botar de alí os tendeiros e compradores, derrubando as mesas dos cambiadores e os postos dos vendedores de pombas. 16E non permitía que ninguén pasase polo templo carrexando cousas. 17E púxose a ensinar, dicindo:

‑¿Non está escrito: a miña casa será a casa de oración para todos os pobos? Pois vós convertéstela en cova de bandidos.

18O que o souberon, os sumos sacerdotes e mais os letrados, buscaban o xeito de acabar con el, pois tíñanlle moito medo, porque todo o mundo estaba admirado de canto ensinaba. 19E á tardiña saíu da cidade.

 

Outra vez a figueira  (Mt 21, 20-22)

 

20O pasaren pola mañá cedo, viron a figueira seca desde a raíz. 21Pedro acordouse e díxolle a Xesús:

‑Mestre, mira para aí: a figueira que maldiciches, está seca.

22Xesús respondeu:

‑Tede fe en Deus. 23Pois asegúrovos que se alguén lle di a este monte: "arríncate de aí e bótate no mar" sen dubidar no seu corazón, senón crendo que se cumprirá o que di, así se fará. 24Por iso dígovos: canto pidades na oración, crede que o conseguiredes, e darásevos. 25E cando esteades de pé facendo oración, perdoade, se algo tedes contra outros; para que tamén vos perdoe as vosas culpas o voso Pai que está no ceo.

 

A autoridade de Xesús  (Mt 21, 23-27; Lc 20, 1-8)

 

27Chegaron de novo a Xerusalén, e mentres andaba polo templo, foron onda el os sumos sacerdotes, letrados e senadores, 28e preguntáronlle:

‑¿Con que autoridade fas esas cousas? ¿Quen che deu tal autoridade?

29Xesús respondeulles:

‑Vouvos facer unha pregunta nada máis, respondédema e logo dígovos eu con que autoridade fago estas cousas. 30O bautismo de Xoán, ¿era cousa de Deus ou dos homes? Veña, ide respondendo.

31Eles razoaban entre si, dicindo: "Se respondemos de Deus, vainos preguntar: e daquela ¿por que non crestes no que dicía? 32¿Se respondemos entón: dos homes ?" (Pero tiñan que andar con moito tino co pobo, que consideraba profeta a Xoán).

33E contestáronlle a Xesús:

‑Non sabemos.

Xesús replicou:

‑Pois eu tampouco non vos vou dicir con que autoridade fago estas cousas.

 

 

 

CAPÍTULO 12

 

Parábola da viña (Mt 21, 33-46; Lc 20, 9-19)

 

1E comezou a falarlles en parábolas:

‑Un home plantou unha viña, rodeouna cun valado, cavou nela un lagar e construíu un caseto para o garda.  Logo arrendóullela a uns viñateiros, e marchou para lonxe.

2No seu tempo, mandou un criado para cobrarlles as rendas da viña ós viñateiros 3Pero eles, botáronse enriba del, zorregáronlle duro, e despedírono coas mans baleiras. 4Vaise el e mándalles outro criado, pero tamén mallaron nel e aldraxárono. 5Man-doulles outro, e matárono; e a outros moitos bouraron neles e matáronos.

6Pero aínda lle quedaba un a quen mandar, o seu fillo benquerido; e mandóullelo de último, dicindo para si: "El é fillo meu, e hano respectar". 7Pero os viñateiros comentaron: "¡Oi! Este é o herdeiro: veña, matámolo e ¡herdanza para nós!". 8E agarrárono, matárono e botárono fóra da viña.

9¿Que fará o dono da viña? Volverá, acabará con estes viñateiros e daralles a viña a outros.

10¿Ou seica non lestes aquilo da Escritura:

A pedra que desbotaron os canteiros

é agora o esquinal;

11esa colocouna o Señor;

¡que regalía para nós!?

12Decatándose de que a parábola ía por eles, quixérono prender, pero por medo á xente, deixárono e fóronse.

 

A contribución do César  (Mt 22, 15-22; Lc 20, 20-26)

 

13Mandáronlle algúns fariseos e herodianos, para o pillaren nalgunha pregunta. 14O que chegaron onda el, preguntáronlle:

‑Mestre, sabemos que es sincero, e non andas con miramentos, porque ti non te deixas levar polos respectos humanos, senón que ensinas o verdadeiro camiño de Deus. ¿Está permitido pagarlle a contribución ó Cesar, ou non? ¿Pagámoslla ou non lla pagamos?

15Xesús, decatándose da súa hipocrisía, contestoulles:

‑¿E por que me queredes comprometer? A ver, traédeme un denario para que o vexa.

16Eles leváronllo, e el preguntoulles:

‑¿De quen é esta imaxe e de quen fala esta inscrición?

Contestáronlle:

‑É do César.

17Xesús replicoulles:

‑Pois logo dádelle ó César o do César, e a Deus o de Deus.

E ficaron pasmados.

 

Acerca da resurrección (Mt 22, 23-33; Lc 20, 27-40)

 

18Chegaron uns saduceos ‑deses que negan que haxa resurrección‑, e preguntáronlle:

19‑Mestre, Moisés deixou escrito: Se lle morre  a alguén o seu irmán, deixando muller sen fillos, case coa viúva de seu irmán, para lle dar descendencia. 20Pois dunha vez había sete irmáns. O primeiro casou, e morreu sen fillos; 21o segundo casou coa viúva e morreu tamén sen deixar fillos; o mesmo lle pasou ó terceiro; 22e ningún dos sete deixou descendencia. O cabo, morreu tamén a muller. 23Ora, cando resuciten, ¿de cal deles vai ser a muller, se ela estivo casada cos sete?

24Xesús contestoulles:

‑¿Non será que andades descamiñados precisamente porque non comprendedes nin a Escritura nin o poder de Deus? 25Pois cando resuciten nin casarán eles nin elas, porque serán coma anxos do ceo. 26E volvendo á resurrección dos mortos, ¿non tedes lido no Libro de Moisés, no episodio da silveira, como lle falou Deus dicindo: Eu son o Deus de Abraham, o Deus de Isaac e o Deus de Xacob?  27Ben, pois El non é Deus de mortos, senón dos vivos. Así que ides moi descamiñados.

 

O principal mandamento  (Mt 22,  34-40; Lc 10, 25-28)

 

28Un letrado, que oíra a discusión, decatándose do ben que lles respondera, preguntoulle:

‑¿Cal é o mais importante de todos os mandamentos?

29Xesús respondeulle:

‑O primeiro é: Escoita, Israel: o Señor é o noso Deus, o Señor é único,  30e amarás o Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma, con todo o teu entendemento e con todas as túas forzas.  31O segundo é: Amarás o teu próximo coma a ti mesmo. Non hai mandamentos máis importantes ca estes.

32O letrado replicou:

‑Moi ben, Mestre, estás no certo cando dis que El é único e non hai outro fóra del;  33e que amalo con todo o corazón, con todo o entendemento e con todas as forzas, e o próximo coma a un mesmo,  é mais importante do que todos os sacrificios e holocaustos.

34Xesús, vendo que respondera con moito tino, díxolle:

‑Non estás lonxe do Reino de Deus.

E ninguén se atreveu a facerlle máis preguntas.

 

Fillo e Señor de David  (Mt 22, 41-46; Lc 20, 41-44)

 

35Ensinando no templo, preguntou:

‑¿Como din os letrados que o Mesías é fillo de David? 36O mesmo David dixo, inspirado polo Espírito Santo:

Díxolle o Señor ó meu Señor:

senta á miña dereita,

que vou poñer os teus inimigos

coma estrado dos teus pés.

37Ora, se David o chama Señor, ¿como vai ser o seu fillo?

E a numerosa multitude escoitaba engaiolada a Xesús.

 

Denuncia ós letrados (Mt 23, 1-36; Lc 11, 43; 20, 45-47)

 

38El seguía ensinando:

‑¡Coidado cos letrados! Gustan moito de se pasearen con vestidos fachendosos, e que lles fagan reverencias polas rúas; 39buscan os primeiros postos nas sinagogas e mais nos banquetes. 40E acábanlles cos bens ás viúvas, facéndose os piadosos. Pero serán xulgados como lles cómpre.

 

Xenerosidade da viúva pobre (Lc 21, 1-4)

 

41Sentado fronte por fronte da sala do tesouro, ollaba para a xente que botaba cartos no peto. E moitos ricos botaban con fartura. 42E nisto viu unha viúva pobriña botar uns céntimos nada máis, unha miseria coma quen di. 43Entón chamou ós seus discípulos, é díxolles:

‑Asegúrovos que esa pobre viúva botou máis cós ricos todos. 44Pois eles botaron o que lles sobraba, pero ela na súa pobreza, botou todo canto tiña para vivir.

 

 

 

CAPÍTULO 13

 

A destrución do templo  (Mt 24, 1-2; Lc 21, 5-6)

 

1Conforme saía do templo, díxolle un dos discípulos:

‑Mestre, mira para aí: ¡que cantería e que construción! 2Xesús respondeu:

‑¿Vedes eses grandes edificios? Pois han ser derrubados, ata que non quede pedra sobre pedra.

 

O comezo dos sufrimentos (Mt 24, 3-14; Lc 21, 7-19)

 

3Estando outra vez sentado no Monte das Oliveiras, en fronte do templo, preguntáronlle á parte Pedro, Santiago, Xoán e Andrés:

4‑Anda, dinos cando van pasar esas cousas, e como imos saber nós que todo isto vai acabar.

5Xesús empezoulles a dicir:

‑Estade atentos, para que ninguén vos extravíe. 6Moitos virán dicindo: "son eu", e extraviarán a moita xente.

7Cando oiades falar de guerra, ou de rumores de guerra, non vos alarmedes; teñen que vir, pero aínda non será a fin. 8Erguerase pobo contra pobo, reino contra reino; haberá terremotos e fame en diversos lugares; será o comezo de grandes sufrimentos.

9Vós tede moito coidado, porque vos entregarán ós tribunais e mais ás sinagogas, zorregaranvos duro e hanvos levar ante reis e gobernadores pola miña causa; así daredes testemuño ante eles. 10De por parte cómpre que a Boa Nova se anuncie a todas as nacións.

11E cando vos leven para vos entregaren, non andedes agoniados polo que ides dicir; falade como vos veña á idea no momento; porque non seredes vós, senón o Espírito Santo quen fale.

12Haberá irmáns que entreguen os seus irmáns á morte; pais, que entreguen os seus fillos; fillos, que denuncien a seus pais, ata os faceren matar. 13Pola miña causa seredes aborrecidos por todos, pero o que persevere ata o final, ese hase salvar.

 

A gran angustia de Xerusalén (Mt. 24, 15-25; Lc 21, 20-24)

 

14E cando vexades a abominación da desolación ‑enténdao ben o lector‑, entón quen estea en Xudea, que fuxa para o monte; 15quen estea na azotea, que non baixe á casa nin para coller cousa ningunha; 16e quen estea na leira, que non volva atrás para coller o seu manto.

17¡Ai das que estean embarazadas ou criando naqueles días! 18Rezade para que a cousa non caia en inverno, 19pois van ser días de angustia, como nunca os houbo ata agora, desde o principio do mundo que Deus creou, nin nunca os haberá. 20E se o Señor non atalla aqueles días, ninguén sairía con vida. Pero por mor dos elixidos, haos atallar.

21Se entón vos dixer alguén: "Mirade o Mesías, aquí está, ou está alí", non lle fagades caso ningún. 22Pois han aparecer falsos mesías e falsos profetas, que farán marabillas e prodixios para desnortaren a xente, e, se fose posible, incluso ós mesmos elixidos. 23Pero vós estade atentos; déixovolo todo avisado.

 

A chegada do Fillo do Home (Mt 24, 29-31; Lc 21, 25-28)

 

24Pero naqueles días, pasada xa aquela angustia, o sol hase escurecer, a lúa deixará de aluar,  25as estrelas caerán do ceo, abalarán as potencias do ceo. 26Entón verán vir o Fillo do Home sobre as nubes con grande poder e gloria. 27E mandará os anxos para reuniren os elixidos desde os catro ventos do cabo da terra ata o cabo do ceo.

 

Exemplo da figueira (Mt 24, 32-35; Lc 21, 29-33)

 

28Aprendede da comparanza da figueira. Cando lle saen os gromos e bota a folla, comprendedes que o verán está a chegar. 29Así tamén vós, cando vexades que pasan estas cousas, sabede que xa está pretiño, á porta. 30Asegúrovos que non pasará esta xeración sen que antes suceda todo isto. 31O ceo e mais a terra pasarán, pero as miñas palabras non pasarán.

 

Hai que estar atentos (Mt 24, 36. 42; 25, 13-15; Lc 12, 35-40)

 

32En canto ó día e mais a hora no que isto vai acontecer ninguén sabe nada, nin os anxos do ceo, nin o Fillo; sábeo o Pai soamente. 33Estade logo á espreita e atentos, que non sabedes cando será o momento.

34É coma un home que foi ó estranxeiro, deixando a casa e mais a facenda nas mans dos seus criados, encargándolles a cada un o que tiña que facer; e ó porteiro ordenoulle que velase.

35Vixiade vós, polo tanto, pois non sabedes cando chegará o amo da casa: se á tardiña ou con noite cerrada, se co canto do galo ou no amencer. 36Non vaia ser que chegue de repente, e vos atope durmindo. 37E o que vos digo a vós, tamén llelo digo a todos: ¡Estade en vela!

 

 

 

CAPÍTULO 14

 

Conspiración contra Xesús (Mt 26, 1-5; Lc 22, 1-2; Xn 11, 47-53)

 

1Faltaban dous días para a Pascua e os Ácimos. Os sumos sacerdotes e mais os letrados andaban buscando como collelo a traizón, para matalo. 2Pero dicían: "Durante as festas non é ben, porque se pode armar un rebumbio cando hai aquí tanta xente".

 

Unción en Betania (Mt 26, 6-13; Lc 7, 36-50; Xn 12, 1-8)

 

3Estando Xesús en Betania, na casa do Simón o Gafo, recostado na mesa, chegou unha muller cun frasco de alabastro cheo de perfume de nardo puro, moi caro; rompeu o frasco, e unxiulle a cabeza. 4Algúns dos convidados comentaban indignados:

‑¿Pero a que vén este estrago de perfume? 5Podíase vender en trescentos denarios, e repartírllelos ós pobres.

E alporizábanse contra ela. 6Pero Xesús dixo:

‑Deixádea, ¿por que a molestades? Ben está o que fixo comigo. 7Os pobres téndelos sempre entre vós, e podédelos axudar cando queirades; pero a min non me ides ter sempre. 8Ela fixo o que puido. Adiantouse a unxir o meu corpo para o enterro. 9Asegú-rovos que onde queira que se anuncie a Boa Nova, polo mundo enteiro, falarase, para honra dela, do que acaba de facer.

 

Traizón de Xudas (Mt 26, 14-16; Lc 22, 3-6)

 

10Xudas Iscariote, un dos Doce, foi onda os sumos sacerdotes, para lles entregar a Xesús. 11Eles alegráronse moito do que lles propoñía, e prometéronlle cartos. E andaba buscando o momento axeitado para entregalo.

 

Preparación da Pascua (Mt 26, 17-19; Lc 22, 7-13)

 

12No primeiro día da festa dos Ácimos, cando se sacrificaba o año pascual, preguntáronlle os seus discípulos:

‑¿Onde queres que vaiamos preparar a Cea Pascual?

13El mandou a dous discípulos, dicíndolles:

‑Ide á cidade, e havos saír ó paso un home, cunha sella de auga. 14Ide tras el e onde entre, dicídelle ó dono da casa: "O Mestre pregunta: ¿onde está o lugar no que podo comer a Pascua cos meus discípulos?" 15El havos mostrar no sobrado unha grande sala, xa disposta e arranxada. Vós preparade o que faga falta.

16Marcharon os discípulos e, chegando á cidade, atoparon todo tal como llelo el dixera. E prepararon a Pascua.

 

Anuncio da traizón  (Mt 26, 20-25; Lc 22, 14. 21-23; Xn 13, 21-30)

 

17A tardiña, foi el cos Doce. 18E estando na mesa comendo, díxolles Xesús:

‑Asegúrovos que un de vós me vai entregar, un dos que está comendo comigo.

19Eles, poñéndose tristes, empezaron a preguntarlle un por un:

‑¿Non serei eu?

20Pero el dixo:

‑Un dos Doce, que está mollando no mesmo prato ca min. 21O Fillo do Home vaise, como está escrito; pero ¡ai daquel que traizoa ó Fillo do Home! Máis lle valería non nacer.

 

A Eucaristía (Mt 26, 26-29; Lc 22, 15-20; 1 Cor 11, 22-26)

 

22Mentres estaban a comer, Xesús colleu pan, deu grazas, partiuno e déullelo, dicindo:

‑Tomade, isto é o meu corpo.

23E collendo unha copa, dando grazas, pasóullela, e todos beberon dela. 24E díxolles:

‑Isto é o meu sangue, da Alianza, vertido por todos. 25Asegúrovos que xa non volverei beber do produto da viña ata o día que o beba, noviño, no Reino de Deus.

 

Predición das negacións de Pedro (Mt 26, 30-35; Lc 22, 31-34. 39)

 

26Despois de cantaren os Salmos, saíron para o Monte das Oliveiras. 27Díxolles Xesús:

‑Todos ides tropezar na vosa fe, como está escrito: Ferirei ó pastor e espallaranse as ovellas. 28Pero cando resucite, irei diante de vós a Galilea.

29Replicoulle Pedro:

‑Aínda que tropecen todos, eu non caerei.

30Xesús respondeulle:

‑Ten por seguro que esta mesma noite, antes de que o galo cante dúas veces, ti hasme negar tres.

31Pedro insistiu aínda:

‑Anque teña que morrer contigo, endexamais non te negarei. E o mesmo dicían os outros.

 

A oración en Xetsemaní (Mt 26, 36-46; Lc 22, 40-46)

 

32Chegaron a unha finca chamada Xetsemaní, e díxolles ós discípulos:

‑Sentade aquí, mentres eu vou orar.

33E levando consigo a Pedro, Santiago e Xoán, empezou a sentir arrepío e angustia. 34E díxolles:

‑Morro de tristura; quedade aquí, e vixiade.

35E avanzando un pouco, caeu no chan, rogando para que, se fose posible, pasase del aquela hora. 36E dicía:

‑Abba, meu Pai, ti pódelo todo, arreda de min este cáliz. Pero non se faga o que eu quero, senón o que queres ti.

37E volvendo onda eles, atopounos durmindo. Díxolle a Pedro:

‑Simón, ¿dormes? ¿Seica non podes velar unha hora tan sequera? 38Estade atentos e rogade, para que non se vos someta á tentación. O espírito está disposto, pero a carne é débil.

39E arredándose de novo, volveu a pregar do mesmo xeito. 40 Ao volver, outra vez os atopou durmindo, pois caíanlles os ollos co sono; e non sabían que lle dicir. 41E por terceira vez, volveu Xesús dicindo:

‑¿Conque durmides e descansades? Pois sabede que xa chegou a hora, e ó Fillo do Home vano entregar nas mans dos pecadores. 42¡Veña!, erguédevos e vaiámonos, que xa está aquí o que me vai entregar.

 

Detención de Xesús (Mt 26, 47-56; Lc 22, 47-53; Xn 18, 1-11. 20).

 

43Estando aínda a falar, presentouse Xudas, un dos Doce, acompañado dun tropel de xente con espadas e paus, mandada polos sumos sacerdotes, letrados e anciáns. 44O traidor déralles unha contrasinal:

‑Aquel a quen eu bique, ese é; prendédeo, e levádeo con tino. 45E así que chegou, acercouse e díxolle:

‑¡Mestre!

E bicouno. 46Eles botáronselle enriba e prendérono. 47Pero un dos presentes, desenvaiñando a espada, feriu a un criado do Sumo Sacerdote, rabenándolle unha orella.

48Xesús reprendeunos dicindo:

‑Víndesme prender con paus e espadas, coma se fose un bandido. 49Estiven a diario no templo entre vós, e non me prendestes. Pero que se cumpran as Escrituras.

50E todos fuxiron abandonándoo. 51Só o seguiu un mozo envolto nunha saba. Detivérono. 52Pero el, desenleouse da saba, e fuxiu espido.

 

Xesús diante do Sanedrín (Mt 26, 57-68; Lc 22, 54-55. 63-71; Xn 18, 12-15. 18)

 

53Conduciron a Xesús á casa do Sumo Sacerdote. E xuntáronse todos os pontífices, anciáns e letrados. 54Pedro seguiuno de lonxe ata o pazo do Sumo Sacerdote, e sentou alí para quentarse cos criados, á beira do lume.

55Mentres, os sumos sacerdotes e mais o Sanedrín enteiro teimaban por encontrar algunha testemuña contra Xesús, para o poderen condenar á morte; pero non a atopaban. 56Moitos testemuñaban en falso contra el, pero non chegaban a pórse de acordo. 57Algúns, erguéndose, trataron de levantarlle un falso testemuño, dicindo:

58‑Nós mesmos oímoslle dicir: "eu destruirei este Templo, feito por homes, e en tres días construirei outro non feito por homes".

59Pero nin así chegaban a se poñeren de acordo no testemuño. 60Entón, erguéndose o Sumo Sacerdote e adiantándose ata o medio, interrogou a Xesús:

‑¿Non respondes nada? ¿Que é o que estes testemuñan contra ti?

61Pero el calaba, e non respondeu palabra. De novo lle volveu preguntar o Sumo Sacerdote:

‑¿Es ti o Mesías, o Fillo do Bendito?

62Xesús contestoulle:

‑Eu son. E habedes ver o Fillo do Home, sentado á dereita do Todopoderoso, vir entre as nubes do ceo.

63Daquela o Sumo Sacerdote, rachando os vestidos, exclamou:

‑¿Que necesidade temos xa de testemuñas? 64Vós mesmos oístes a blasfemia. ¿Que vos parece?

Todos o declararon culpable, e que merecía a morte.

65Algúns empezaron a cuspir nel e tapándolle a cara, dábanlle labazadas, dicindo:

‑¡Adiviña, profeta!

Mesmo os criados tamén mallaban nel.

 

Negacións de Pedro (Mt 26, 69-75; Lc 22, 56-62; Xn 18, 17. 25-27)

 

66Estando Pedro embaixo, no patio, chegou unha das criadas do Sumo Sacerdote. 67O que viu a Pedro quentándose, quedou mirando para el e díxolle:

‑Ti tamén andabas con Xesús de Nazaret.

68El negouno, dicindo:

‑Non sei nada, nin comprendo de que me falas.

E saíndo para fóra, cantou o galo. 69A criada volveuno ver outra vez, e empezoulles a dicir ós presentes:

‑Este évos un deles.

70E de novo el volveu negalo. Pero de alí a pouco tamén os presentes empezaron a dicirlle:

‑Si, ti es un deles, que es galileo.

71El, entón, empezou a maldicir e xurar, dicindo:

‑Eu non coñezo a ese home de quen falades.

72E, de contado, por segunda vez, cantou o galo. A Pedro acordáronselle as palabras de Xesús: "Antes de que o galo cante dúas veces, ti hasme negar tres"; e saíndo para fóra, rompeu a chorar.

 

 

 

CAPÍTULO 15

 

Xesús ante Pilato (Mt 27, 1-2. 11-26; Lc 23, 1-5. 13-25; Xn 18, 28-19, 16)

 

1A mañanciña cedo, os sumos sacerdotes, os anciáns e mais os letrados ‑todo o Sanedrín‑, despois dunha reunión do Consello, amarraron a Xesús e fórono entregar a Pilato.

2Pilato preguntoulle:

‑¿Es ti o rei dos xudeus?

Respondeulle:

‑Ti o dis.

3E os sumos sacerdotes acusábano de moitas cousas. 4Pero Pilato volveulle preguntar:

‑¿Non respondes nada? Xa ves de cantas cousas te acusan.

5Pero Xesús non respondeu nada, deixando moi estrañado a Pilato.

6Polas festas tiña o costume de soltar o preso que lle pedisen. 7Estaba daquela na cadea un tal Barrabás, xunto cos sediciosos que nunha revolta mataran a un home. 8Cando subiu o xentío, empezou a reclamar o indulto tradicional. 9Pilato respondeulles:

‑¿Queredes que vos solte ó rei dos xudeus?

10Pois el ben sabía que os sumos sacerdotes llo entregaran por envexa. 11Pero eles encirraban á xente, para que lles liberase a Barrabás. 12Pilato respondeu:

‑¿E que fago eu con ese ó que lle chamades rei dos xudeus?

13A xente volveu berrar:

‑¡Crucifícao!

14Pilato replicou:

‑Pero, ¿que mal fixo?

Mais eles berraban máis forte:

‑¡Crucifícao!

15E Pilato, para compracer ó pobo, soltou a Barrabás; e a Xesús, despois de o mandar azoutar, entregouno para que o crucificasen.

 

Coroación cos espiños (Mt 27, 27-31; Xn 19, 2-3)

 

16Os soldados, levárono, para dentro do pazo do gobernador, é dicir, do Pretorio, e chamaron a toda a compañía. 17Vestírono de púrpura, e trenzaron unha coroa con espiños e encaixáronlla. 18Empezáronlle a facer saúdos:

‑¡Saúde, rei dos xudeus!

19E cunha canivela dábanlle golpes na cabeza, cuspían nel e, axeonllándose, rendíanlle homenaxe. 20E despois de faceren riso del, quitáronlle a púrpura e puxéronlle a súa roupa. Despois levárono fóra, para o crucificaren.

 

Crucifixión (Mt 27, 32-44; Lc 23, 26-43; Xn 19, 17-24)

 

21Pasaba por alí Simón de Cirene, que volvía da leira ‑o pai de Alexandro e de Rufo‑ e obrigárono a cargar coa cruz. 22Levárono a un lugar chamado Gólgota, ou sexa, lugar da Caveira. 23Alí dábanlle viño con mirra pero non o quixo. 24Crucificárono e repartiron a roupa, botando sortes  para saber o que lle tocaba a cada un.

25Era a media mañá cando o crucificaron. 26Un letreiro anunciaba a causa da súa condena: "O rei dos xudeus". 27Con el crucificaron tamén a dous bandidos, un á dereita e outro á esquerda.

29Os que pasaban por alí, burlábanse del, abaneando as cabezas, e dicindo:

‑¡Vaites, vaites, o que destrúe o Templo e o reconstrúe en tres días! 30¡Anda, baixa agora da cruz, e sálvate!

31Do mesmo xeito, os sumos sacerdotes, burlándose entre eles cos letrados, dicían:

‑¡Salvou a outros, pero non se pode salvar a si mesmo! 32¡O Mesías, o rei de Israel! ¡Que baixe da cruz agora, para que vexamos e creamos!

Tamén os que estaban crucificados con el o aldraxaban.

 

Morte de Xesús (Mt 27, 45-56; Lc 23, 44-49; Xn 19, 28-30)

 

33Chegado o mediodía, a escuridade cubriu toda a terra, ata as dúas e pico da tarde. 34E nesa hora, Xesús berrou moi forte:

‑Eloí, Eloí, lamá sabactaní  (que quere dicir: "Meu Deus, meu Deus, por que me abandonaches").

35Oíndo aquilo, algúns dos presentes comentaban:

‑¿Oístes? Está chamando por Elías.

36E un deles, botando a correr, empapou unha esponxa en vinagre, espetouna nunha canivela, e deulle de beber, dicindo:

‑Deixade, a ver, logo, se vén Elías baixalo.

37Pero Xesús, dando un berro moi alto, expirou.

38O veo do Templo rachou en dous de arriba abaixo. 39O centurión, que estaba diante, oíndo o berro que deu ó morrer, dixo:

‑Verdadeiramente este home era Fillo de Deus.

40Tamén había mulleres, mirando desde lonxe; entre elas estaban María Magdalena, María a nai de Santiago o Menor e de Xosé, e mais Salomé, 41que o seguían e servían cando estaba en Galilea; e moitas outras que subiran con el a Xerusalén.

 

Sepultura de Xesús (Mt 27, 57-61; Lc 23, 50-56; Xn 19, 38-42)

 

42A tardiña, como era o día da Preparación, ou sexa véspera de sábado, 43Xosé de Arimatea, nobre conselleiro que tamén esperaba o Reino de Deus, foi onda Pilato con gran valor, para lle pedir o corpo de Xesús. 44Pilato estrañouse de que xa estivese morto, e, chamando polo centurión, preguntoulle se xa morrerá; daquela, 45infor-mado polo centurión, entregoulle o cadáver a Xosé. 46El, mercando unha saba, baixouno, envolveuno nela, e acomodouno nun sepulcro excavado na rocha; logo fixo rodar unha lousa sobre a entrada. 47María Magdalena e mais María de Xosé enxergaban para ver onde o poñía.

 

 

 

CAPÍTULO 16

 

A resurrección (Mt 28, 1-8; Lc 24, 1-9)

 

1Pasado o sábado, María Magdalena, María de Santiago e mais Salomé mercaron perfumes para iren embalsamalo. 2E moi cedo, no primeiro día da semana, despois da alborada, foron ó sepulcro. 3Ian comentando entre elas:

‑¿Quen nos vai arredar a lousa da entrada do sepulcro?

4Pero, erguendo a vista, descubriron que a lousa estaba arredada; iso que era moi grande.

5Entrando no sepulcro, viron un mozo vestido de branco, sentado no lado dereito, e quedaron espantadas. 6Pero el díxolles:

‑Non vos espantedes. ¿Buscades a Xesús Nazareno, o crucificado? Non está aquí, resucitou. Mirade o lugar onde o puxeron. 7Agora ídelles dicir ós discípulos e mais a Pedro que el vai diante de vós a Galilea; alí o veredes, como vos ten dito.

8Elas saíron fuxindo do sepulcro, pasmadas e tremendo; e non lle contaron nada a ninguén, do medo que tiñan.

 

Aparición a María Magdalena (Mt 28, 9-10; Xn 20, 11-18)

 

9Xesús resucitou no abrente do primeiro día da semana, e aparecéuselle en primeiro lugar a María Magdalena, da que botara sete demos. 10Ela fóillelo dicir ós  compañeiros del, que estaban chorosos e tristeiros. 11Pero estes, oíndolle dicir que estaba vivo e que ela o vira, non llo creron.

 

Aparición a dous discípulos (Lc 24, 13-35)

 

12Despois disto, aparecéuselles, en figura diferente, a dous que ían de camiño a un lugar. 13Estes fóronllelo contar tamén ós demais, pero nin a eles os creron.

 

Misión dos discípulos (Mt 28, 16-20; Lc 24, 36-49; Xn 20, 19-23; Feit 1, 6-8)

 

14Por último, aparecéuselles ós Once mentres estaban á mesa, botándolles na cara a súa incredulidade e a dureza de corazón, por non creren a aqueles que o viran resucitado de entre os mortos. 15E díxolles:

‑Ide polo mundo enteiro, anunciando a Boa Nova a toda a creación. 16Quen crea e se bautice, salvarase; quen non crea, condenarase. 17Os que crean irán acompañados destes sinais: no meu nome botarán demos, falarán linguas novas; 18collerán serpes coas mans, e se chegan a beber algún veleno, non lles fará mal ningún; imporanlles as mans ós enfermos, e estes curarán.

 

Ascensión de Xesús (Lc 24, 50-53; Feit 1, 9-11)

 

19O Señor, despois de lles falar así, elevouse ó ceo, e sentou á dereita de Deus. 20Eles saíron a predicar por todas partes, contando coa colaboración do Señor, que confirmaba a súa palabra cos sinais que os acompañaban.