Capítulos 1-5
CAPÍTULO 1
Prólogo
1Posto que moitos emprenderon a tarefa de narrar axeitadamente os feitos ocorridos entre nós, 2tal como nolos transmitiron desde o principio as testemuñas oculares e mais os predicadores da palabra, 3decidín eu tamén, despois de me informar con tino desde as orixes, escribirchos ordenadamente para ti, ilustre Teófilo, 4a fin de que coñezas ben a firmeza das ensinanzas nas que te instruíron.
INTRODUCIÓN
NACEMENTO E VIDA OCULTA DE XOÁN BAUTISTA E DE XESÚS
Anuncio do nacemento de Xoán
5Houbo no tempo de Herodes, rei de Xudea, un sacerdote chamado Zacarías, do grupo de Abías, casado cunha muller descendente de Aharón, chamada Isabel. 6Ambos eran xustos ante Deus, pois gardaban sen fallas os seus mandamentos e preceptos.
7Non tiñan fillos, por ser Isabel estéril e estaren os dous moi entrados en anos. 8E resulta que, estando el exercendo o sacerdocio diante de Deus, segundo a quenda do seu grupo, 9entrou no Santuario do Señor, conforme o ritual, para ofrecer o incenso, 10mentres a xente do pobo facía oración fóra. 11Nisto, á dereita do altar do incenso, de pé, aparecéuselle un anxo do Señor. 12 Zacarías, ó velo, turbouse todo, cheo de temor. 13Mais o anxo díxolle:
‑Acouga, Zacarías, que se escoitou a túa petición, e Isabel, a túa muller, vaiche dar un fillo, e vaslle chamar Xoán.
14Será para ti gozo e alegría, e moitos se alegrarán co seu nacemento. 15Será grande ante o Señor e non beberá nin viño nin licor. Desde o mesmo ventre da súa nai estará cheo do Espírito Santo. 16Converterá a moitos fillos de Israel ó Señor, o seu Deus. 17Camiñará diante del co espírito e poder de Elías, para reconciliar pais con fillos, ensinarlles ós rebeldes o proceder dos xustos e preparar así un pobo ben disposto para o Señor.
18Preguntoulle Zacarías ó anxo:
‑¿E como me constará iso a min, que xa vou vello e a miña muller tamén xa pasa dos anos?
19O anxo respondeu:
‑Eu son Gabriel, o que estou preto de Deus e mandoume para falar contigo e darche esta boa nova. 20E fíxate ben: vas quedar mudo e non poderás falar ata o día no que aconteza todo isto, xa que non criches nas miñas palabras que se han cumprir no seu tempo.
21E, mentres, o pobo esperaba por Zacarías, sorprendido de que se demorase tanto dentro do Santuario. 22Cando por fin saíu, sen lles poder falar, comprenderon que tivera algunha visión no Santuario. El facíalles acenos, permanecendo mudo. 23E, cando rematou o tempo do seu ministerio, foise para a súa casa.
24Días despois, concibiu a súa muller Isabel, que se ocultou durante cinco meses. E dicía para si:
25‑Isto é obra do Señor, que se dignou librarme desta vergonza diante da xente.
O anuncio do nacemento de Xesús (Mt 1, 18-21)
26Os seis meses, Deus mandou o anxo Gabriel a unha vila chamada Nazaret, 27onda unha mociña prometida a un home da casa de David, que se chamaba Xosé; o nome da mociña era María.
28Entrando onde estaba ela, díxolle:
‑Alégrate, chea de graza, o Señor está contigo.
29Ela turbouse con estas palabras, cavilando no que podería significar o saúdo aquel. 30O anxo continuou:
‑Non teñas medo, María, porque ti atopaches graza ante Deus; 31e, fíxate, vas concibir no teu ventre e darás á luz un fillo, ó que lle poñerás de nome Xesús. 32Será grande e chamarase Fillo do Altísimo, e o Señor Deus daralle o trono de David, seu pai; 33reinará por sempre na casa de Xacob, e o seu reinado non terá fin.
34María respondeulle ó anxo:
‑¿E como pode ser isto, pois eu son virxe?
35O anxo replicoulle:
‑O Espírito Santo baixará sobre ti e o poder do Altísimo cubrirate coa súa sombra; por iso o que vai nacer de ti será santo e chamarase Fillo de Deus. 36Aí tes a túa curmá Isabel, que concibiu un fillo na súa vellez, e xa está de seis meses a que chamaban estéril, 37que para Deus non hai imposibles.
38María contestou:
‑Velaquí a escrava do Señor: cúmprase en min o que dixeches.
E o anxo marchou de onda ela.
María visita a Isabel
39Naqueles mesmos días saíu María con moita présa camiño da montaña, a unha vila de Xudá. 40Entrou na casa de Zacarías e saudou a Isabel. 41E en oíndo Isabel o saúdo de María, o neno brincoulle no ventre. Entón, chea do Espírito Santo, 42exclamou Isabel, a grandes voces:
‑Bendita ti entre as mulleres e bendito o froito do teu ventre. 43¿Quen son eu para que me visite a nai do meu Señor? 44Pois ó que chegou o teu saúdo ós meus oídos, brincou de alegría a criatura no meu ventre. 45¡Ditosa ti que criches que se cumpriría canto che anunciaron de parte do Señor!
O Magníficat
46Entón María exclamou:
A miña alma proclama a grandeza do Señor,
47e alégrase o meu espírito en Deus, o meu Salvador,
48porque reparou na súa humilde escraviña.
Velaí: desde agora
tódalas xeracións me van felicitar.
49¡Marabillas o Poderoso fixo en min!
O seu nome é Santo;
50a súa misericordia chega xeración tras xeración
a todos os que o temen.
51Manifesta o poder do seu brazo,
desbaratando os plans dos soberbios.
52Derruba do seu trono ós poderosos,
e fai subir os humildes;
53ós famentos éncheos de bens,
e ós ricos despídeos baleiros.
54Ampara a Israel, o seu Servidor,
lembrándose da súa misericordia,
55conforme prometera a nosos pais,
en favor de Abraham e da súa descendencia para sempre.
56María permaneceu con ela tres meses, e logo volveuse para a súa casa.
Nacemento de Xoán Bautista
57Cando se lle cumpriron os meses a Isabel, deu á luz un fillo. 58En sabendo os parentes e veciños a bondade con que Deus a regalara, fórona felicitar. 59Os oito días levárono a cincuncidar e queríanlle poñer Zacarías, coma seu pai. 60Pero interveu a nai dicindo:
‑¡Non, chamarase Xoán!
61Eles replicaron:
‑¡Pero se non hai ninguén na túa parentela que se chame así!
62Preguntáronlle por sinais ó pai, como quería que se chamase. 63El pediu con que escribir e puxo:
‑Xoán é o nome do meniño.
Todos ficaron sorprendidos. 64E de súpeto ceibóuselle a lingua, e empezou a falar bendicindo a Deus. 65Os veciños quedaron todos abraiados, e por toda a montaña de Xudea non se falaba doutra cousa. 66Todos os que o oían, dicían moi impresionados: "¿Que vai ser deste neno?" Porque a man de Deus estaba con el.
67Zacarías, o pai, cheo do Espírito Santo, profetizou dicindo:
68‑Bendito sexa o Señor, Deus de Israel
porque veu visitar e redimir o seu pobo,
69suscitando para nós unha forza de salvación
na casa de David, o seu servo,
70conforme prometera desde antigo
por boca dos seus santos profetas:
71que nos salvaría dos nosos inimigos
e das mans dos que nos teñen odio;
72que tería misericordia dos nosos pais,
tendo presente a súa Santa Alianza,
73tal fora a promesa que lle fixera a Abraham, noso pai,
concedéndonos 74que, libres das mans do inimigo,
o sirvamos sen temor,
75en santidade e xustiza, diante del,
todos os días mentres dure a nosa vida.
76E a ti, meu meniño, hanche chamar profeta do Altísimo,
porque irás por diante do Señor,
preparando os seus camiños,
77anunciándolle a salvación ó seu pobo
mediante o perdón dos pecados,
78pois pola misericordia entrañable do noso Deus
amencerá desde o ceo un sol para nós:
79luz para os que viven nas tebras
e xacen entre as sombras da morte
para guiar os nosos pasos
polos camiños da paz.
80O meniño medraba, facéndose forte de espírito; e viviu no deserto ata o día no que se manifestou a Israel.
CAPÍTULO 2
Nacemento de Xesús (Mt 1, 18-25)
1Saíu daquela un decreto do emperador Augusto, ordenando o empadroamento de todo o mundo. 2Foi o primeiro censo que se fixo; por entón era Quirino gobernador de Siria. 3E todos, en cadansúa cidade, fóronse empadroar.
4Tamén subiu Xosé desde Galilea, da vila de Nazaret, ata Xudea, á vila de David chamada Belén, pois pertencía á casa e familia de David, 5para empadroarse con María, a súa muller, que estaba embarazada. 6E resultou que, estando alí, chegoulle o tempo do parto, 7e deu á luz o seu fillo primoxénito. Envolveuno nuns capizos e deitouno nunha manxadoira, na corte das bestas, porque dentro da pousada non había lugar para eles.
Alegría de anxos e pastores
8Había naquela comarca uns pastores que pasaban a noite ó descuberto vixiando o seu rabaño. 9Presentóuselles un anxo do Señor, e a gloria do Señor rodeounos co seu resplandor. Eles levaron un gran susto. 10Pero o anxo díxolles:
‑Non vos asustedes, que vos veño anunciar unha boa nova: vai haber unha gran alegría para todo o pobo. 11Hoxe na vila de David naceuvos un Salvador, o Mesías, Señor. 12Este é o sinal: atoparedes unha criatura envurullada e deitada nunha manxadoira, nunha corte.
13E, de súpeto, arredor do anxo apareceu unha multitude do exército celestial, que louvaba a Deus dicindo:
14‑¡Gloria a Deus no ceo
e na terra paz ós homes
que gozan do seu amor!
15Cando os anxos se retiraron marchándose ó ceo, comentaban os pastores entre eles:
‑Vaiamos a Belén ver o que sucedeu e que o Señor nos manifestou.
16Foron a correr e atoparon a María e mais a Xosé, e á criatura deitada na manxadoira. 17O que o viron, contaron todo o que lles dixeran do meniño, 18deixando pasmados a cantos escoitaban o que tal dicían os pastores. 19María, pola súa parte, conservaba todas estas cousas no seu corazón. 20Os pastores volveron, glorificando e loando a Deus por canto viran e oíran, tal como lles fora anunciado.
Circuncisión e presentación do neno
21Os oito días tocaba circuncidar o neno e puxéronlle de nome Xesús, tal como o chamara o anxo antes da súa concepción.
22E cando chegou o tempo da purificación, conforme a Lei de Moisés, levaron o neno a Xerusalén, para llo presentaren ó Señor 23(pois así está escrito na Lei do Señor: Todo varón primoxénito consagraredes ó Señor), 24e tamén para faceren unha ofrenda , conforme se di na Lei do Señor: Un par de rulas ou dous pombiños.
25Vivía nese tempo en Xerusalén un home xusto e piadoso, chamado Simeón, que agardaba a restauración de Israel. O Espírito Santo, que estaba con el, 26tíñalle prometido que non había morrer sen ver o Unxido do Señor.
27Movido polo Espírito, foi ó templo, e, cando entraban os pais do neno Xesús para cumpriren o mandado pola Lei do Señor, 28el, colléndoo nos brazos, loou a Deus dicindo:
29‑Agora podes, Señor, segundo a túa promesa,
despedir en paz o teu servo,
30porque xa os meus ollos viron o teu Salvador,
31o que preparaches para todos os pobos:
32luz de revelación para os xentís
e gloria do teu pobo Israel.
33O pai e mais a nai do neno ficaron abraiados polo que tal dicía do neno. 34Bendiciunos Simeón e díxolle a María, a nai:
‑Mira, este está disposto para caída ou levantamento de moitos en Israel, para ser bandeira de discusión; 35e a ti mesma unha espada hache atravesar a alma: así ficarán descubertas as cavilacións de moitos corazóns.
36Había tamén unha profetisa moi vella chamada Ana, filla de Penuel, da tribo de Axer, que vivira sete anos co seu marido desde que casara, 37e logo como viúva ata os oitenta e catro. Non se apartaba do templo nin de noite nin de día, servindo a Deus con xaxún e oracións. 38Presen-tándose naquel intre no templo, glorificaba a Deus e falaba do neno a todos os que esperaban a redención de Xerusalén.
39Cando remataron todo o ordenado pola Lei do Señor, volveron para Galilea, á vila de Nazaret. 40O neno ía medrando lanzal, forte e intelixente; e a graza de Deus estaba con el.
Xesús queda no templo
41Polas festas da Pascua seus pais ían todos os anos a Xerusalén. 42E así, cando o neno tivo doce anos, subiron á festa, conforme a tradición. 43Pasados aqueles días, cando eles volvían o neno Xesús quedou en Xerusalén, sen que seus pais se decatasen. 44Coidando que iría na comitiva, fixeron unha xornada de camiño; entón buscárono entre os parentes e coñecidos. 45Pero como non deron con el, volveron a Xerusalén para buscalo. 46E resulta que, ó cabo de tres días, atopárono no templo, sentado no medio dos doutores e dialogando con eles. 47Todos os que o escoitaban estaban asombrados do seu talento e das súas contestacións. 48O velo, ficaron moi impresionados, e a súa nai preguntoulle:
‑¡Meu fillo! ¿Como te portaches así connosco? Mira que o teu pai e mais eu andamos cheos de angustia en busca túa.
49El respondeu:
‑¿E logo por que me buscades? ¿Seica non sabiades que eu teño que estar na casa de meu Pai?
50Pero eles non entenderon a resposta. 51Baixou con eles a Nazaret, e vivía baixo a súa autoridade. A nai conservaba todas estas cousas no seu corazón.
52Xesús medraba en estatura, en sabedoría e en graza diante de Deus e mais dos homes.
PREPARACIçON DO MINISTERIO DE XESÚS
CAPÍTULO 3
Predicación de Xoán Bautista (Mt 3, 1-12; Mc 1, 1-8; Xn 1, 19-28)
1No ano quince do reinado do emperador Tiberio César, sendo Poncio Pilato gobernador de Xudea e Herodes tetrarca de Galilea; sendo Filipo, o seu irmán, tetrarca de Iturea e mais da Traconítide, e Lisanias, tetrarca de Abilene: 2durante o pontificado de Anás e Caifás, chegoulle a Palabra de Deus a Xoán, fillo de Zacarías, no deserto. 3Entón el percorreu toda a rexión do Xordán, pregoando un bautismo de conversión, para acadar o perdón dos pecados, 4conforme está escrito no libro do profeta Isaías:
Unha voz chama no deserto:
Preparade os camiños do Señor,
reparade os seus vieiros.
5Todo barranco se cubrirá
todo monte e outeiro se rebaixará,
os camiños tortos hanse endereitar
e os fragosos hanse achanzar.
6E todos verán a salvación de Deus.
7Ia onda el moita xente a que os bautizase, e el dicíalles:
‑¡Camada de víboras! ¿quen vos ensinou a fuxir do castigo que está a chegar? 8Dade froitos dignos dunha verdadeira conversión, e non empecedes a dicir entre vós: "Somos fillos de Abraham". Asegúrovos que destas mesmísimas pedras pode sacar Deus fillos de Abraham. 9Xa está a machada posta á raíz das árbores, e toda árbore que non dea bo froito, será cortada e botada no lume.
10E a xente preguntáballe:
‑¿E logo, que temos que facer?
11El respondíalles:
‑O que teña dúas túnicas, que as reparta con quen non teña ningunha; e que faga o mesmo o que teña que comer.
12Foron tamén uns recadadores a se bautizar, e preguntáronlle:
‑Mestre, ¿que temos que facer?
13El contestoulles:
‑Non esixades nada máis do que vos está mandado.
14Tamén uns soldados lle preguntaron:
‑E nós, ¿que temos que facer?
El contestoulles:
‑Non asoballedes nin saqueedes a ninguén, e contentádevos coas vosas pagas.
15Como o pobo estaba esperando polo Mesías, empezaba a pensar se acaso non o sería Xoán; 16pero el declarou diante de todos:
‑Eu bautízovos con auga, pero está a chegar o que é máis forte ca min, e a quen eu non son digno de lle desatar os amallós do seu calzado. El havos bautizar con Espírito Santo e con lume. 17Porque trae a forcada na man, para limpar a súa eira e recoller na hucha o seu trigo; pero a palla ha de a queimar no lume que nunca apaga.
18Con esta e outras moitas exhortacións anunciáballe a Boa Nova á xente.
19Pero Herodes, o tetrarca, a quen Xoán reprendía por causa de Herodías, a súa cuñada, e por outros crimes, 20colmounos todos facendo aínda este: meteu a Xoán na cadea.
Bautismo de Xesús (Mt 3, 13-17; Mc 1, 9-11)
21Durante un bautismo xeral, e despois de se bautizar tamén Xesús, mentres oraba, abriuse o ceo 22e baixou sobre el o Espírito Santo na aparencia corporal dunha pomba. Entón oíuse unha voz desde o ceo:
‑Ti es o meu fillo benquerido, o meu predilecto; en ti me comprazo.
Xenealoxía de Xesús
23Este era Xesús, que tiña trinta anos ó empezar; fillo, segundo se pensaba, de Xosé, que o era de Helí, 24o de Matat, o de Leví, o de Melquí, o de Xanaí, o de Xosé, 25o de Matatías, o de Amós, o de Nahúm, o de Eslí, o de Nagai, 26o de Máhat, o de Matatías, o de Semeín, o de Ioseh, o de Iodá, 27o de Iohanán, o de Resá, o de Zerubabel, o de Xealtiel, o de Nerí, 28o de Melquí, o de Adí, o de Casam, o de Elmadam, o de Er, 29o de Xesús, o de Eliezer, o de Iozim, o de Matat, o de Leví, 30o de Simeón, o de Xudá, o de Xosé, o de Ionam o de Eliaquim, 31o de Meleá, o de Mená, o de Matatá o de Natán, o de David, 32o de Iexé, o de Iobed, o de Boaz, o de Salá, o de Naasón, 33o de Aminadab, o de Admín, o de Arní, o de Esrón, o de Peres, o de Xudá, 34o de Xacob, o de Isaac, o de Abraham, o de Tara, o de Nacor, 35o de Seruc, o de Ragau, o de Pélec, o de Éber, o de Salá, 36o de Cainam, o de Arfaxad, o de Xem, o de Noé, o de Lámec, 37o de Metuxalem, o de Henoc, o de Iáret, o de Malelel, o de Cainam, 38o de Enox, o de Xet, o de Adam, o de Deus.
CAPÍTULO 4
As tentacións (Mt 4, 1-11; Mc 1, 12-13)
1Entón Xesús, cheo de Espírito Santo, volveu do Xordán, e o Espírito levouno deserto adiante, 2durante corenta días, onde o tentou o Satán. Naqueles días non probou bocado, pero ó cabo deles sentiu fame. 3E díxolle o Satán:
‑Se es o Fillo de Deus, manda que estas pedras se volvan pan.
4Respondeulle Xesús:
‑Está escrito: O home vive de algo máis ca de pan.
5Despois levouno a un outeiro e mostroulle nun intre todos os reinos do mundo. 6Díxolle o Satán:
‑Dareiche todo o seu poder e toda a súa gloria, porque mos entregaron a min e doullos eu a quen quero: 7Se me adoras todo será teu.
8Respondeulle Xesús:
‑Escrito está: Adorarás o Señor, o teu Deus, e só a El darás culto.
9Levouno logo a Xerusalén e plantouno no cumio do templo e díxolle:
‑Se es o Fillo de Deus, bótate de aquí abaixo, 10que está escrito: Mandará ós seus anxos para que te garden; e tamén: 11Levarate nas súas mans para que non se manquen quen os teus pés nas pedras.
12Xesús respondeulle:
‑Está mandado:Non tentarás o Señor, o teu Deus.
13E rematadas as tentacións, o Satán deixouno ata o tempo axeitado.
XESUS EN GALILEA
Comeza a predicar. Xesús en Nazaret (Mt 4, 12-17; 13, 53-58; Mc 1, 14-15; 6, 1-6)
14Coa forza do Espírito Santo, Xesús volveu a Galilea, e a súa sona estendeuse por toda a redonda.
15Ensinaba nas sinagogas, e todo o mundo dicía moito ben del.
16Chegou a Nazaret, onde se criara, e o sábado entrou, como estaba afeito, na sinagoga. Ergueuse para facer a lectura, 17e déronlle o libro do profeta Isaías. Abriuno e atopou unha pasaxe que dicía:
18O Espírito do Señor está sobre min
porque El foi quen me unxiu
para proclamarlles a Boa Nova ós pobres.
Mandoume para lles anunciar a liberación ós secuestrados
e a vista ós cegos,
para lles dar liberdade ós asoballados,
19e proclamar o ano de graza do Señor.
20Pechando o libro, devolveullo ó encargado, e sentou. Todos os ollos da sinagoga enteira estaban fixos nel. 21Logo empezoulles a dicir:
‑Hoxe cúmprese diante de vós esta pasaxe da Escritura.
22E todos se lle puxeron á contra, estrañados polas palabras de graza que saían da boca del. E dicían:
‑¿Pero non é este o fillo de Xosé?
23El díxolles:
‑Seguramente me recordaredes aquel refrán: Médico, cúrate a ti mesmo; todo canto oímos que fixeches en Cafarnaúm, faino aquí na túa terra.
24Pero el continuou:
‑Asegúrovos que ningún profeta é ben recibido na súa terra. 25Tede por seguro que no tempo de Elías había moitas viúvas en Israel, cando o ceo estivo pechado durante tres anos e seis meses e unha grande fame anegou todo o país; 26e a ningunha delas mandaron a Elías, senón a unha muller viúva de Sarepta, en Sidón. 27E moitos gafos había en Israel no tempo de Eliseo, o profeta, e a ningún deles curou, fóra de Naamán, o sirio.
28Oíndo estas cousas, todos os que estaban na sinagoga puxéronse feitos unhas feras; 29así que, erguéronse, botárono fóra da vila, levárono ata o alto do monte no que está edificada, coa intención de o precipitaren embaixo. 30Pero el botou a andar polo medio deles e marchou.
Curación dun endemoñado (Mc 1, 21-28)
31Baixou entón a Cafarnaúm, vila de Galilea, e os sábados adoitaba ensinar. 32Todos estaban sorprendidos do ensino, porque falaba con autoridade. 33E aconteceu que había na sinagoga un home posuído polo espírito dun demoño inmundo, que pegou a berrar dando grandes voces:
34‑¿Que temos que ver contigo, Xesús de Nazaret? ¿Seica viñeches para acabares connosco? Ben sei quen es ti: o Santo de Deus.
35Xesús ordenoulle:
‑¡Cala a boca e bótate fóra dese home!
E o demo tirou co home no medio e medio e saíu del sen lle facer mal. 36Todos ficaron abraiados e falaban entre eles dicindo:
‑¿Que terá a súa palabra? Con autoridade e poder manda nos espíritos malos, e eles fanlle caso.
37E a sona de Xesús estendeuse por todos os lugares daquela terra.
Curación da sogra de Pedro e doutros enfermos (Mt 8, 14-17; Mc 1, 29-34)
38O que saíu da sinagoga, entrou na casa de Simón. A sogra de Simón tiña unha febre moi alta, e pedíronlle por ela. 39Achegán-dose a onde estaba, ordenoulle á febre que a deixase, e deixouna. De seguida ergueuse ela, e púxose a servilos.
40A tardiña, cantos tiñan enfermos de calquera doenza leváronllos; el, impoñendo as mans sobre cada un deles, curounos a todos. 41De moitos saían os demos tremendo e dicindo: "Ti es o Fillo de Deus". Pero el berráballes e non os deixaba falar, porque sabían que el era o Mesías.
Xesús abandona Cafarnaúm (Mc 1, 35-39)
42O abrir o día, saíu para un lugar arredado. Pero a xente buscouno, indo tras el e tratando de retelo para que non os deixase. 43Pero el díxolles:
‑Tamén cómpre que anuncie o Reino de Deus noutras vilas, que para isto me mandaron.
44E andou predicando polas sinagogas de Xudea.
CAPÍTULO 5
Primeiros discípulos (Mt 4, 18-22; Mc 1, 16-20)
1Estando el á beira do lago Xenesaret, mentres a xente se amoreaba ó seu arredor, escoitando a Palabra de Deus, 2viu dúas lanchiñas que estaban na beira do lago. Os pescadores que desembarcaran delas lavaban o aparello. 3Subiu a unha barca, que era de Simón, rogoulle que se apartase un pouco da terra, e desde a barca, sentado, ensinaba á xente. 4Cando acabou de falar, díxolle a Pedro:
‑Voga lago a dentro, e larga o aparello para pescar.
5Respondeu Simón:
‑Mestre, pasamos a noite faenando e non demos collido un rabo de peixe, pero, xa que ti o dis, largarei o aparello.
6Así o fixeron, e colleron tal cantidade de peixe que o aparello rebentaba. 7Fixéronlles entón acenos ós compañeiros da outra lancha para que lles fosen botar unha man. Foron e encheron as dúas lanchas tanto que, a pouco máis, van a pique. 8Vendo isto, Simón Pedro botóuselle ós pés a Xesús, dicindo:
‑Señor, arreda de min, que eu son un pecador.
9Porque tanto el coma os seus compañeiros quedaron parvos con tanto peixe como colleran naquel lance. 10O mesmo lles pasaba a Santiago e mais a Xoán, fillos de Zebedeo, que eran compañeiros de Simón. E díxolle Xesús a Simón:
‑Tranquilo, desde agora vas ser pescador de homes.
11Varando as barcas en terra e deixándoo todo, seguírono.
Curación dun gafo (Mt 8, 2-4; Mc 1, 40-45)
12Dunha vez estaban nunha vila e un home todo cuberto de lepra, vendo a Xesús, botouse rostro en terra e rogoulle:
‑Señor, ti, se queres, pódesme limpar.
13El estendeu a man e tocouno, dicindo:
‑Pois quero, queda limpo.
E no intre desapareceu a laceira.
14Logo mandoulle que non lle dixese nada a ninguén, e engadiu:
‑Vai, preséntate ó sacerdote e ofrece pola túa purificación o ordenado por Moisés, para que lles sirva de testemuño.
15Pero a súa sona espallábase a cada paso máis, xuntándose moita xente para escoitalo e para que lles curase as súas doenzas. 16Mais el retirábase ós lugares arredados para orar.
Cura a un tolleito (Mt 9, 2-8; Mc 2, 1-12)
17Un día que estaba ensinando, había sentados algúns fariseos e letrados que chegaran de tódalas aldeas de Galilea, de Xudea e tamén de Xerusalén. E, co poder do Señor, el facía curacións.
18Nisto uns homes trouxeron nunha padiola a un tolleito, mirando como metelo dentro para poñelo diante del. 19Pero, non atopando por onde o meteren, debido á moita xente que había, subiron ó tellado e baixárono co leito por entre as tellas, ata deixalo no medio, diante de Xesús. 20Vendo a fe que tiñan, dixo:
‑Home, quédanche perdoados os teus pecados.
21Os letrados e mais os fariseos empezaron a razoar:
‑¿Pero quen é este, que así blasfema? ¿Quen pode perdoar os pecados, senón unicamente Deus?
22Decatándose Xesús do que pensaban, díxolles:
‑¿Que cavilades nos vosos adentros? 23¿Que é máis fácil dicir: "perdoados quedan os teus pecados", ou dicir: "érguete e anda". 24Pois, para que vexades que o Fillo do Home ten poder na terra para perdoar pecados ‑díxolle ó tolleito‑: érguete, colle a padiola e vaite para a casa.
25E así foi: erguéndose no intre diante deles, colleu a padiola e foise para a súa casa, loando a Deus. 26Todos ficaron pasmados, e cheos de temor loaban a Deus, dicindo:
‑¡Hoxe si que vimos cousas nunca vistas!
Vocación de Mateu (Mt 9, 9-13; Mc 2, 13-17)
27Despois disto, cando saíu, viu un recadador de impostos chamado Leví, sentado ó mostrador da contribución, e díxolle:
‑Sígueme.
28El, deixando todo, levantouse e seguiuno.
29Leví ofreceulle na súa casa un gran banquete, e había moitos recadadores e outra xente sentados á mesa con eles. 30E os fariseos e os seus letrados refungaban, dicíndolles ós discípulos:
‑¿Por que comedes e bebedes cos recadadores e pecadores?
31Xesús respondeulles:
‑Non son os sans, senón os enfermos, os que precisan médico. 32Eu non vin chamar polos xustos, senón polos pecadores, para que se convertan.
Discusión acerca do xaxún (Mt 9, 14-17; Mc 2, 18-22)
33Mais eles replicáronlle:
‑Os discípulos de Xoán xaxúan e rezan a miúdo, como tamén fan os dos fariseos, pero os teus comen e beben.
34Xesús contestoulles:
‑¿E ides facer xaxuar os convidados á voda, mentres está con eles o esposo? 35Xa chegará o día no que lles leven o esposo; daquela si que xaxuarán.
36Tamén lles propuxo esta parábola:
‑Ninguén racha un vestido novo para lle botar un remendo a un vestido vello, porque quedaría roto o novo, e no vello tampouco diría ben un remendo de pano novo. 37E tampouco ninguén bota viño novo en pelellos vellos, porque rebentarían os pelellos, deitarían o viño, e estragaríanse os pelellos. 38Xa sabedes: viño novo quere pelellos novos. 39E ninguén que proba o viño vello, quere o novo, pois dirá: é mellor o vello.