Capítulos 11-16
En Israel Deus reservou un "resto"
CAPÍTULO 11
1Pero entón pregunto: ¿e non será que Deus rexeitou ó seu pobo?
‑De ningunha maneira. Pois tamén eu son israelita, da proxenie de Abraham, pola tribo de Benxamín: 2non rexeitou Deus ó seu pobo, o pobo que El escolleu. ¿Ou é que non sabedes o que di a Escritura na historia de Elías? Como interpela a Deus en contra de Israel: 3Señor, mataron ós teus profetas, desfixeron os teus altares; quedei eu soamente, e aínda buscan a miña vida. 4Pero ¿que lle responde a voz divina?: Reservei para min sete mil homes, que non dobraron o xeonllo perante Baal.
5Da mesma maneira, tamén neste intre de agora, reservou un resto elixido por pura graza. 6Ora, se foi por graza, non foi polas obras; outramente a graza xa non sería graza.
7¿Entón que? ‑Que Israel non logrou o que andaba a buscar, mentres que o lograron os elixidos. Os demais endurecéronse, 8como está escrito:
Deulles Deus un espírito
aparvado, ollos para non veren e oídos para non oíren,
ata o día de hoxe.
9E David di:
Tróquese a súa mesa en gaiola e mais en rede,
en tropezo e mais en castigo para eles.
10Entebrezan os seus ollos para non veren.
Dóbrelles o lombo para sempre.
A salvación dos xentís
11Sigo preguntando: ¿E eles tropezaron para non se ergueren máis? ‑De ningunha maneira. O contrario, pola súa caída veulles a salvación ós xentís, a fin de espertar neles os celos. 12Ora, se a súa caída foi riqueza do mundo e a súa perda foi riqueza dos xentís, ¿que non será a súa plenitude?
13Isto dígovolo a vós, os xentís. E, coma apóstolo que son dos xentís, fago gala deste ministerio, 14por ver se esperto celos nos da miña xente e podo así salvar a algúns deles. 15Se a súa reprobación foi reconciliación do mundo, ¿que será a súa acollida, senón unha auténtica vida, que xorde de entre os mortos?
16Se as primicias son santas, tamén o será a masa restante; e se a raíz é santa, tamén o serán as pólas. 17Esgallaron algunhas das pólas e a ti (que es unha oliveira brava) enxertáronte nelas e fixécheste participante da raíz e do zume da oliveira. 18Non te gabes de ser máis cás pólas. Se te pos por máis, pensa que non es ti quen leva á raíz, senón a raíz a ti.
19Poida que digas: esgallaron as pólas precisamente para me enxertaren a min. 20‑De acordo: esgalláronas pola incredulidade e ti, en troques, pola fe manteste en pé. Pero non te enchas de fachenda e anda con moito ollo. 21Que se Deus non perdoou as pólas naturais, ¿vaite perdoar a ti?
22Considera a bondade e a severidade de Deus: para os que caeron, severidade; en troques, para ti a bondade de Deus, con tal de que permanezas nesa bondade; do contrario, tamén a ti te esgallará. 23E o mesmo eles; se non se afincan na incredulidade, reenxertarvos, porque Deus é poderoso para os volver enxertar.
24Pois se a ti te tallaron da túa nativa oliveira brava e contra a natureza prendiches nunha boa oliveira, ¡canto mellor agromarán eles na oliveira da súa mesma caste!
Restauración de Israel
25Non quero, irmáns, que descoñezades este misterio, a fin de que non vos fiedes da vosa sabedoría: que a cegueira dunha parte dos israelitas vai durar ata que entre a totalidade dos xentís 26E así salvarase a totalidade de Israel, como está escrito:
Sairá de Sión o Salvador,
afastará de Xacob a impiedade,
27e este será o meu pacto con eles,
cando lles arrinque os seus pecados.
28Tocante ó Evanxeo, son inimigos en proveito voso; pero tocante á elección, son amados por causa dos patriarcas. 29Pois os dons e a chamada de Deus son irrevocables. 30Porque vós fostes noutrora desobedientes a Deus, pero agora conseguistes a misericordia por desobediencia deles. 31Do mesmo xeito: tamén eles agora non creron, para que, con ocasión da misericordia usada convosco, tamén eles logren misericordia. 32Por-que Deus encerrou a todos os homes na desobediencia, para se compadecer de todos.
33¡Que fondos son a riqueza, a sabedoría e o coñecemento de Deus! ¡Que inescrutables son os seus xuízos e inexplorables os seus camiños! 34Pois ¿quen coñeceu a mente do Señor? Ou ¿quen foi o seu conselleiro? 35¿Quen lle emprestou algo, para que El llo teña que devolver? 36Del saíron, por El e para El existen todas as cousas. A El a gloria polos séculos. Amén.
A VIDA CRISTIÁ
A nova vida en Cristo
CAPÍTULO 12
1Rógovos, logo, irmáns, pola misericordia de Deus, que ofrezades os vosos corpos coma sacrificio vivo, santo, grato a Deus: coma o voso culto espiritual. 2E non vos axustedes ó mundo presente. Transformádevos, máis ben, pola renovación da mente, para que poidades coñecer cal é a vontade de Deus: o bo, o que lle agrada, o perfecto.
3En virtude da graza que se me deu, dígovos, por tanto, a todos e a cada un de vós: que ninguén se teña por máis do que convén, senón que un se teña no que se debe ter, conforme á medida da fe que Deus lle deu a cadaquén.
4De igual xeito que nun só corpo temos moitos membros, e non todos os membros teñen a mesma función, 5así nós, con sermos moitos, somos un só corpo en Cristo; e individualmente somos membros uns dos outros. 6Pero, ó termos dons diferentes, hanse exercer conforme á graza que se nos concedeu: se temos don de profecía, debe ser en harmonía coa fe; 7se de ministerio, no servizo; se de ensinanza, no ensino; 8se de consolación, no conforto; se de dar esmola, con xenerosidade; o que preside, con solicitude; o que se compadece, con alegría.
Leis da vida cristiá
9Que o amor non sexa finxido: afastádevos do mal e apegádevos ó ben: 10sede cariñosos uns cos outros, coma irmáns; competide na estima mutua; 11no traballo non teñades preguiza; no espírito, afervoados; para o Señor, coma escravos. 12Alegres na esperanza, con constancia no sufrimento, afincados na oración; 13solidarios nas necesidades dos santos e practicando a hospitalidade.
14Bendicide ós que vos perseguen, bendicide e non maldigades. 15Alegrádevos cos que están alegres, chorade cos que choran. 16Tédevos na mesma estima uns a outros: non vos deades aires de grandeza, senón acomodádevos ós humildes. Non vos teñades por moi sabidos.
17Non volvades mal por mal a ninguén: que todo o mundo vexa que procurades o ben. 18No posible, en canto dependa de vós, mantede a paz con todos os homes. 19Meus queridos amigos, non tomedes por vós mesmos a vinganza; deixade máis ben que actúe a ira de Deus, pois está escrito: miña é a vinganza, eu darei o merecido, di o Señor. 20Pero se o teu inimigo ten fame, dálle de comer; se ten sede, dálle de beber: obrando así, amoreas brasas acesas enriba da súa cabeza. 21Non te deixes vencer polo mal, senón vence o mal a forza de ben.
Hai que obedecer as leis
CAPÍTULO 13
1Sométase toda persoa ás autoridades constituídas. Pois non hai autoridade senón por disposición de Deus; e as que existen, instituíunas Deus. 2De xeito que quen se opón á autoridade oponse á disposición de Deus; e os que se opoñen buscan o propio castigo.
3A autoridade non pon medo cando se obra ben, senón cando se obra mal. ¿Queres vivir sen medo á autoridade? Fai o ben, e terás a súa gabanza. 4Pois ela é para ti servidora de Deus para o ben. Mas se fas o mal, tenlle medo, porque non en balde leva a espada: ela é servidora de Deus, vingadora da súa ira contra o que practica o mal.
5Así, cómpre obedecer non só por medo ó castigo, senón por deber de conciencia. 6Por iso mesmo pagades os tributos, pois son funcionarios de Deus, decote dedicados a este oficio. 7Dádelle a cada un o que lle é debido: tributo, imposto, respecto ou honor, segundo o caso.
O amor fraterno
8A ninguén lle debades nada, fóra de amarvos uns a outros, porque o que ama o próximo, ten cumprida a Lei. 9Porque o non adulterarás, non matarás, non roubarás, non cobizarás e todos os outros mandamentos, resúmense nestas palabras: amarás ó teu próximo como a ti mesmo. 10Quen ama o seu próximo non lle fai mal. Verdadeiramente, o amor é o pleno cumprimento da Lei.
Vixilancia e pureza
11E con máis razón sabendo o tempo no que vivimos: xa é hora de que espertedes do sono, pois agora a salvación xa está mais cerca de nós que cando empezamos a crer. 12A noite vai andada, e o día está a chegar: rexeitemos as obras das tebras e vistamos as armas da luz. 13Coma en pleno día camiñemos decentemente, nada de lupandas nin borracheiras, nada de obscenidades nin libertinaxe, nada de liortas nin envexas. 14En lugar diso vestídevos do Señor Xesús Cristo, e non lles fagades caso ós baixos apetitos.
Non se pode xulgar os irmáns
CAPÍTULO 14
1A quen ten a fe débil, acollédeo sen criticar opinións. 2Hai quen cre poder comer de todo, pero o feble non come máis ca verduras. 3O que come, non desprece ó que non come; e o que non come, non condene ó que come, pois tamén a este o acolle Deus. 4¿Quen es ti para xulgar o criado alleo? Que siga en pé ou que caia, é cousa do seu Señor. Pero seguro que seguirá en pé, porque o Señor ten forza para o manter dereito. 5Hai quen dá máis importancia a un día ca a outro; en troques, outro considera todos os días igual. Que cadaquén obre por plena convicción.
6Quen garda un día gárdao para o Señor; quen come de todo faino polo Señor e dálle grazas a Deus; e quen non come tamén o fai polo Señor e, a proba é que tamén lle dá grazas a Deus. 7Ningún de nós vive para si, e ningún de nós morre para si. 8Se vivimos, para o Señor vivimos; e, se morremos, para o Señor morremos; así que, vivamos ou morramos, somos do Señor. 9Por iso mesmo morreu e resucitou Cristo: para ser dono dos mortos e dos vivos.
10E ti ¿por que xulgas a teu irmán? E ti ¿por que desprezas a teu irmán? ¡Se todos temos que comparecer diante do tribunal de Deus! 11Porque está escrito:
Pola miña vida, di o Señor:
todo xeonllo se dobrará diante de min,
e toda lingua ha de confesar a Deus.
Evitar o escándalo dos irmáns
12Por tanto cada un de nós dará conta de si a Deus. 13Non nos xulguemos uns a outros, mais ben coidade de non lle pór ó irmán nin tropezo nin escándalo. 14Sei e estou seguro no Señor Xesús que non hai cousa impura de seu. As cousas son impuras para quen as ten por impuras. 15Polo tanto, se por causa de comeres unha determinada comida se entristece o teu irmán, xa non te portas con caridade. Que por culpa da túa comida non pereza alguén por quen Cristo morreu. 16Que o que é ben para vós non sexa ocasión de maledicencia. 17Pois o Reino de Deus non é comida nin bebida, senón xustiza, paz e alegría no Espírito Santo. 18Quen nisto serve a Cristo é agradable a Deus e considerado polos homes.
19Procuremos, logo, aquilo que leva á paz e á mutua edificación. 20Por unha cuestión de comida non destrúas a obra de Deus. Todo é certamente puro, pero está mal comer causando escándalo a outros. 21É mellor non comer carne nin beber viño nin nada, se iso fai tropezar a teu irmán. 22A convicción que ti tes, gárdaa para ti diante de Deus. ¡Benia quen toma a súa decisión sen complexos de culpabilidade! 23Pero o que ten dúbidas, condénase se come, porque non o fai con boa conciencia, e todo canto non se fai con boa conciencia é pecado.
Facerlles ben ós demais
CAPÍTULO 15
1Nós, os que estamos seguros, temos que aturar as feblezas dos inseguros, e non compracernos a nós mesmos. 2Cada un de nós compraza ó seu próximo para o ben, con miras á edificación. 3Pois tampouco Cristo non se compraceu a si mesmo; ó contrario, como está escrito: as aldraxes dos que te aldraxaban a ti caeron enriba de min. 4Ora, todo canto antigamente se escribiu, escribiuse para a nosa instrución: para que entre a nosa paciencia e o consolo que dan as Escrituras, manteñamos a esperanza.
5Que o Deus da paciencia e do consolo vos faga ter un mesmo sentir entre vós, conforme o exemplo de Cristo Xesús. 6Para que cun só corazón e unha soa boca loedes a Deus, Pai do noso Señor Xesús Cristo.
7Por iso, acollédevos uns a outros, como tamén Cristo vos acolleu, para gloria de Deus. 8Pois dígovos que Cristo se fixo servidor dos xudeus en razón da fidelidade de Deus, para lles mostrar a firmeza das promesas feitas ós patriarcas; 9e tamén para que os xentís, pola súa parte, glorifiquen a Deus en razón da súa misericordia. Tal como está escrito:
Por iso loareite por medio das nacións e cantarei himnos ó teu nome.
10E de novo di:
Alegrádevos, nacións, xuntamente co seu pobo.
11E noutro lugar:
Loade o Señor todas as nacións,
e celébreno todos os pobos.
12E tamén di Isaías:
Abrollará a raíz de Iexé,
e xurdirá o que vai dominar as nacións,
e nel poñerán a esperanza os xentís.
13Que o Deus da esperanza vos encha de alegría e de paz na vosa fe, para que rebordedes na esperanza pola forza do Espírito Santo.
EPÍLOGO
Ministerio apostólico de Paulo
14Eu sei moi ben, meus irmáns, que tamén vós estades cheos de bondade, ateigados de toda sabedoría, e capacitados para vos aconsellar uns a outros. 15Con todo, escribinvos ‑cun chisco de atrevemento‑ para avivar as vosas lembranzas. Fíxeno en virtude da graza que me deu Deus, 16para ser eu ministro de Cristo Xesús en favor dos xentís, exercendo de sacerdote en servizo do Evanxeo de Deus, a fin de que a ofrenda dos xentís sexa agradable, xa que a santificou o Espírito Santo.
17Por tanto, no tocante ó servizo de Deus, os meus motivos de orgullo están en Cristo Xesús. 18Pois non me atrevería a falar de nada, fóra do que Cristo, para conseguir a obediencia dos xentís, fixo por min de palabra e de obra, 19a forza de milagres e prodixios e polo poder do Espírito. De maneira que desde Xerusalén e arredores ata o Ilírico, completei a predicación do Evanxeo de Cristo. 20De tal xeito que tiven a honra de evanxelizar onde nunca se falou de Cristo, para non edificar enriba de alicerces alleos; 21senón como está escrito;
Verano aqueles ós que aínda non se lles falara del,
e comprenderán aqueles que nunca oíran.
Proxecto de viaxe a Hispania pasando por Roma
22Foi isto mesmo o que decote me impedira ir onda vós. 23Mais agora, ó non me quedar xa lugar nestas rexións e, como hai moitos anos que estou con ganas de ir ata onda vós, 24cando vaia a Hispania espérovos ver de paso e que vós me facilitedes a viaxe; aínda que primeiro quero gozar un pouco convosco.
25Arestora vou ir a Xerusalén para facer un servizo ós irmáns, 26pois Macedonia e Acaia quixeron facer unha colecta a prol dos pobres que hai entre os crentes de Xerusalén. 27Así o quixeron, e con razón, posto que están en débeda con eles. Porque, se os xentís tiveron parte nos seus bens espirituais, deben tamén á súa vez partillar con eles os materiais.
28Rematado este asunto e entregada oficialmente esa colecta, viaxarei para Hispania, pasando por aí. 29Sei que indo por onda vós irei coa plena bendición de Cristo.
30E agora pídovos, irmáns, polo noso Señor Xesús Cristo e polo amor que inspira o Espírito, que loitedes comigo, dirixindo as vosas oracións a Deus por min; 31para que me vexa ceibo dos incrédulos de Xudea e que os irmáns acollan ben este meu servizo en Xerusalén.
32Desa maneira poderei ir ledo onda vós e, se Deus quere, repousarei convosco. 33Que o Deus da paz vos acompañe a todos. Amén.
Recomendacións e saúdos
CAPÍTULO 16
1Recoméndovos a Febe, nosa irmá, que é diaconisa da Igrexa de Céncreas. 2Acollédea coma cristiáns dun xeito digno dos crentes e axudádea en todo canto lle cumpra, pois tamén ela axudou a moitos, empezando por min.
3Dádelles saúdos a Prisca e Aquila, os meus colaboradores na obra de Cristo Xesús. 4Todos eles estaban dispostos a pó-lo pescozo pola miña vida e a todos lles estou moi agradecido, non só eu, senón todas as igrexas dos xentís. 5Saúdos á igrexa que se xunta na casa del. Saúdos a Epéneto, o meu amigo, que é a primicia da Igrexa de Asia para Cristo. 6Saúdos para María, que tanto se molestou por vós. 7Saúdos para Andrónico e Xunias, os meus parentes e compañeiros de cárcere. Eles son insignes entre os apóstolos, e creron en Cristo antes ca min.
8Saúdos para Ampliato, o meu querido no Señor. 9Saúdos para Urbano, colaborador meu na obra de Cristo e para o meu querido Eustaquio. 10Saúdos para Apeles, xenuíno discípulo en Cristo. Saúdos para todos os da casa de Aristóbulo.
11Dádelle saúdos ó meu parente Herodión. Saúdos para os de Narciso, que se conservan fieis ó Señor. 12Saúdos a Trifene e Trifosa, que traballan polo Señor. Saúdos á querida Pérside, que tanto traballou polo Señor. 13Saúdos a Rufo, escolleito do Señor, e á súa nai, que tamén é miña.
14Saúdos para Asíncrito, para Flegonte, para Hermes, para Patrobas, para Hermas e ós irmáns que viven con eles. 15Saúdos tamén a Filólogo, a Xulia, Nereo e á súa irmá, e a Olimpio e a todos os santos que están con eles.
16Saudádevos uns a outros co ósculo litúrxico. Mándanvos saúdos todas as igrexas de Cristo.
17Rógovos, irmáns, que vos gardedes dos que son causa de divisións e de escándalo en contra da doutrina que aprendestes, e arredade deles. 18Todos eses non serven a Cristo noso Señor, senón ó seu propio ventre, e con palabras amorosas e adozadas extravían os corazóns dos inocentes.
19A sona da vosa fe chegou a todas partes. Alégrome ben por vós. Pero quero que sexades listos para o ben e inocentes para o mal. 20O Deus da paz esmagará a Satán ben axiña debaixo dos vosos pés. A graza do noso Señor Xesús vos acompañe.
21Mándanvos saúdos Timoteo, o meu axudante, e Lucio e Iasón e Sosípatro, os meus parentes. 22Saúdovos no Señor, eu, Tercio, que pasei a limpo esta carta. 23Mándavos saúdos Gaio, pousadeiro meu e de toda a igrexa. 24Saúdavos Erasto, o tesoureiro da cidade e mais o noso irmán Cuarto.
Doxoloxía
25A aquel que é potente para vos afianzar no meu Evanxeo e no anuncio de Xesús Cristo, conforme a revelación do misterio escondido durante tempos eternos, 26pero manifestado agora polas Escrituras proféticas, e por disposición do Deus eterno dado a coñecer a todas as nacións para as levar á obediencia da fe, 27a Deus, o único sabio, por medio de Xesús Cristo, sexa a gloria para sempre. Amén.