Capítulos 11-13

PRIMEIRA SECCIÓN: A FE DOS DEVANCEIROS

 

Definición e primeiros exemplos

 

CAPÍTULO 11

 

1A fe é un anticipo do que se espera, é unha proba convincente das cousas que non se ven. 2Pois por mor dela Deus testemuñou a favor dos nosos devanceiros.

3Pola fe sabemos que a palabra de Deus creou o mundo e así o que se ve é resultado do que non se ve.

4Movido pola fe, Abel ofreceu a Deus un sacrificio mellor có de Caín, e por mor dela deuse fe da súa rectitude; foi Deus quen deu fe dela por mor dos seus dons; e por mor da fe, aínda que xa morto, aínda segue falando.

5Pola súa fe a Henoc levárono desta vida, para non ter que sufrir a morte: Xa non se atopaba porque o levara Deus. Xa antes de falar do seu traslado déixase testemuño de que Deus estaba moi contento con el. 6Pero sen fe é imposible que un lle agrade a Deus, pois quen quere achegarse a Deus precisa crer que El existe e que recompensa os que o buscan.

7Movido pola fe, Noé, en recibindo de Deus ordes sobre cousas que aínda non se ollaban, respectuoso con Deus, construíu unha arca para salvar a súa familia; co seu exemplo de fe condenou a conduta do mundo e fíxose herdeiro da xustiza que dá a fe.

 

A fe de Abraham

 

8Deus chamou por Abraham, e este, movido pola fe, obecedeuno, saíndo para un lugar que había de recibir en posesión, aínda que saíu sen saber onde ía. 9Movido pola fe, emigrou á terra prometida, como se fose terra allea, habitando en tendas de campaña con Isaac e Xacob, herdeiros da mesma promesa. 10A verdade é que agardaba aquela cidade con bos cimentos, da que o arquitecto e construtor é Deus.

11Pola fe e por considerar merecente de fe ó que lle prometera descendencia, el, aínda que estaba fóra da idade axeitada e aínda que a mesma Sara era estéril, recibiu poder para fundar descendencia. 12Deste xeito dun só e xa caduco para estas cousas naceu un mundo de fillos, coma as estrelas do ceo e coma a area incontable da beira do mar.

13Coa fe morreron todos estes, sen chegaren a conseguir as promesas pero albiscáronas e saudáronas desde lonxe e confesaron que eles só eran estranxeiros e peregrinos nesta terra. 14O diciren estas cousas, daban a entender que degoiraban unha patria. 15Pois se lles acordaba aquela patria de onde saíran, estaban a tempo de se volveren. 16Pero máis ben suspiraban por outra patria mellor: a celestial. Por iso Deus non se avergonza de que o chamen o seu Deus, xa que lles preparou unha cidade.

17Pola fe Abraham, posto a proba, ofrendou a Isaac, o que recibira de Deus as promesas, 18cando se lle dixo: "por Isaac terás descendencia": ofrendou o seu único fillo, 19pensando que Deus é poderoso, incluso para resucitar de entre os mortos. Por esa fe súa tamén o recobrou coma un misterioso símbolo.

20Pola fe, e tamén en orde ó futuro, Isaac bendiciu a Xacob e a Esaú. 21Pola fe Xacob, estando para morrer, bendiciu a cada un dos fillos de Xosé e prostrouse para adorar, arrimado ó puño do seu bastón. 22Pola fe, Xosé, estando para morrer, lembrouse do éxodo dos fillos de Israel e deu normas sobre os seus restos mortais.

 

A fe de Moisés

 

23Pola fe os pais de Moisés escondérono ao pouco de nacer durante tres meses, vendo que o neno era fermoso e non lle tiveron medo ó decreto do rei. 24Pola fe Moisés, xa grande, renegou da filla do Faraón que o tomara por fillo 25e preferiu padecer malos tratos onda o pobo de Deus a poder gozar do pracer pasaxeiro do pecado; 26deste xeito considerou meirande riqueza as aldraxes de Cristo cós tesouros de Exipto, xa que el ollaba a recompensa. 27Pola fe abandonou Exipto sen lle ter medo á cólera do rei, xa que se mantivo firme na súa decisión, coma home que vira o Invisible. 28Pola fe deixou instituída a Pascua e a aspersión co sangue, para que o Exterminador non lles tocase ós seus primoxénitos. 29Pola fe atravesou o Mar Rubio coma quen pasa por terra enxoita; tentou os exipcios e o mar enguliunos. 30Pola fe viñéronse abaixo as murallas de Xericó, despois de lles daren voltas arredor por sete días. 31Pola fe Rahab a prostituta, que acolleu amigablemente os espías, non morreu xunto cos rebeldes.

 

Vista de conxunto

 

32¿E que máis queredes que diga? Non me chegaría o tempo, se me puxese a falar de Guideón, de Barac, de Sansón, de Iefté, de David, de Samuel e dos profetas. 33Eles coa fe gañaron reinos, fixeron xustiza, conseguiron promesas, pecháronlles a boca a leóns, 34apagaron a furia do lume, escaparon ó fío da espada, repuxéronse de doenzas, foron valentes na guerra e fixeron recuar as filas dos exércitos estranxeiros; 35houbo mulleres que recobraron resucitados os seus defuntos; outros, polo contrario, morreron a golpes, sen quereren aceptar o rescate, para conseguiren deste xeito unha resurrección de máis valer. 36Outros tiveron que sufrir  humillantes azoutas e cadeas e cárcere. 37Morreron acantazados, serrados, a golpes de espada, tiveron que camiñar errantes, cubertos con peles de ovella e de cabra, pasando mil necesidades, tribulacións e malos tratos. 38O mundo non era merecente deles, por  iso andaban  a rumbo, perdidos por fóra dos lugares, polos montes, polas covas e tobos da terra.

39Pero todos estes, aínda que pola fe Deus testificou a favor deles, non conseguiron alcanzar a promesa, 40xa que foi mesmamente en vistas a nós como Deus preparou algo mellor; de xeito que eles non puidesen conseguir a perfección sen nós.

 

 

SEGUNDA SECCIÓN: A CONSTANCIA NECESARIA

-

Chamada á constancia

 

CAPÍTULO 12

 

1Polo tanto, xa que nos vemos cercados arredor por unha tal nube de testemuñas, deixando enteiramente a un lado todo o que nos estorba e o pecado que tan facilmente se nos apega, corramos con aguante a carreira que temos por diante, 2co ollo posto en Xesús, o primeiro guía que leva á perfección a nosa fe.

Porque el, sen lles dar importancia ás aldraxes, soportou a cruz por mor da ledicia que o agardaba e desde entón está sentado á dereita do trono de Deus. 3Meditade, polo tanto, naquel que veu soportando tal oposición contra si mesmo de parte dos pecadores para non esmorecerdes nin cansardes.

 

Motivos de ánimo

 

4Aínda non resististes ata o sangue na vosa loita contra o pecado 5e xa vos esqueceu aquela recomendación de Deus, que vos fala como se lles fala ós fillos:

"Meu fillo, non despreces o castigo do Señor

nin esmorezas cando El che rife;

6porque o Señor, a quen lle quere ben, castígao,

e azouta a todo aquel que recoñece por fillo".

7Aguantade o sufrimento coma un castigo educativo: é Deus que vos trata coma fillos. Porque, ¿quen é o fillo a quen seu pai non o castiga? 8Se quedades sen castigo, do que todos temos a nosa parte, será que sodes bastardos, non fillos. 9Aínda máis, nosos pais terrestres eran os que nos castigaban e con todo respectabámolos. ¿E logo non nos habemos de someter con moita máis razón ó Pai do espírito, para podermos vivir? 10Aqueles castigaban uns poucos días, conforme o que eles entendían: pero Deus castiga como cómpre, para que participemos da súa santidade. 11Ningún castigo resulta agradable de momento senón triste; pero co tempo ós que están exercitados nel págalles co froito pacífico da xustiza.

12Por iso, entesade as vosas mans sen forzas e os vosos xeonllos trementes 13e poñede os vosos pés en vieiros dereitos para que a perna coxa non escorde, senón que máis ben cure.

 

 

POLO VIEIRO DEREITO ÓS FROITOS DA XUSTIZA

 

Cómpre estar atentos pois vivimos na etapa final

 

14Procurade de todos os xeitos a paz entre todos vós e mais a vosa santificación, xa que sen ela ninguén poderá ver o Señor. 15Tede moito coidado de que ningún quede sen o favor de Deus, de que ningunha raíz velenosa agromada dane e contaxie a comunidade. 16Que ninguén, polos seus pareceres, venda o máis sagrado, coma Esaú que por un simple xantar vendeu os seus dereitos de primoxénito; 17vós sabedes que despois, por máis que quixo herdar a bendición, non se considerou que fose merecente dela e non a houbo para el, aínda que a pediu con bágoas e todo.

18Non estades diante dun monte que se poida apalpar nin dun lume ardente nin dunha nube negra e borrascosa nin dunha tormenta 19nin diante do bucinazo dunha trompeta nin do boureo dunhas palabras coma as que escoitaron aqueles que, ó sentilas, pediron que non lles falase máis; 20porque non podían co que se lles estaba mandando: "Quen toque o monte, aínda que sexa un animal, morrerá acantazado". 21Tan sublime era a aparición que o mesmo Moisés dixo: "Estou abraiado e tremendo". 22Vós, en cambio, estades diante do monte Sión, da cidade do Deus vivo, da Xerusalén celeste; diante de milleiros de anxos, da asemblea 23en festa dos primoxénitos censados no ceo, e diante de Deus, xuíz de todos, e das ánimas dos xustos que xa chegaron á súa perfección, 24e diante de Xesús, mediador da Nova Alianza, e diante do sangue da aspersión, que clama máis forte có de Abel.

25Tede coidado de non rexeitar a quen vos está falando, que se aqueles non deron fuxido do castigo por rexeitaren a quen os instruía aquí na terra, ¡moito menos poderemos nós fuxir do castigo, se lle volvemos as costas a quen nos instrúe desde o ceo! 26A súa voz entón fixo tremer a terra, pero agora quen pode falar prometeu: "a derradeira vez farei tremer non só a terra, senón tamén o ceo". 27A expresión a derradeira vez quere dicir "a abolición do que, por ser cousa creada, é provisional"  de xeito que quede o que é definitivo. 28Por iso, xa que recibimos un reino definitivo, esteámoslle agradecidos a Deus, servíndoo como lle agrada a El con reverencia e respecto, 29xa que o noso Deus é lume devorador.

 

Actitudes cristiás

 

CAPÍTULO 13

 

1Que o amor e trato de bos irmáns se conserve entre vós. 2Que non vos esqueza darlles pousada ós forasteiros, xa que, grazas a isto, algúns, sen se decataren, déronlles pousada ós mesmos anxos. 3Mirade polos que están presos, coma se vós mesmos estivésedes presos con eles; e mirade polos que padecen malos tratos, coma se vós mesmos vivísedes no corpo deles. 4O matrimonio é merecente de todos os respectos e o leito matrimonial ten que ser inmaculado, xa que Deus ha condenar os desvergonzados e adúlteros. 5Que o voso comportamento sexa desinteresado: contentádevos co que tedes, que El ten dito: "Non te deixarei nin te desampararei." 6De xeito que, cheos de confianza, podemos dicir:

"Teño no Señor o meu abeiro:

por iso non teño medo,

total ¿que me vai poder facer un home?"

 

Verdadeira vida cristiá

 

7Mirade polos vosos dirixentes, que vos anunciaron a Palabra de Deus; imitade a súa fe; que non vos esqueza de que xeito morreron. 8Xesús Cristo é o mesmo onte e hoxe e será o mesmo sempre. 9Por iso, non vos deixedes levar de complicadas e alleas doutrinas, que sempre é preferible que se fortalezan as vosas conviccións coa graza e non con normas sobre comidas, das que non sacaron proveito ningún os que as cumpriron. 10Nós temos un altar do que non teñen dereito a comer os que dan culto no templo. 11Porque o mesmo que se queiman fóra do campamento os cadáveres dos animais dos que os sacerdotes levan o sangue dentro do Santuario para faceren a expiación polos pecados, 12do mesmo xeito tamén Xesús morreu fóra das portas para consagrar o pobo co seu sangue. 13Saiamos, logo, para fóra do campamento para nos atoparmos con el, levando nós a súa aldraxe. 14Como non temos aquí cidade que dure, andamos á procura da futura. 15Por medio de Xesús ofrezamos decote a Deus un sacrificio de loanza, quere dicir, a homenaxe dos beizos que bendín o nome de Deus. 16E que non vos esqueza mirar uns polo ben dos outros, que eses son os sacrificios que lle agradan a Deus.

17Facédelles caso e sometédevos ós vosos dirixentes, que eles se desvelan pensando en vós. Xa que teñen que dar contas de vós, que as dean con alegría e non xemendo, que estes xemidos non vos farían ben ningún.

18Rezade por nós. Estamos convencidos de que temos a conciencia limpa, posto que queremos portarnos decentemente en todo. 19Pero insisto en que o fagades para que eu volva a estar convosco canto antes.

 

Conclusión epistolar

 

20Que o Deus da paz, que por mor do sangue dunha alianza eterna sacou de entre os mortos ó gran Pastor do rabaño, o noso Señor Xesús, 21vos encha de todo ben, para que cumprades súa vontade. Así El realizará en vós o que lle agrada por medio de Xesús Cristo, a quen sexa a gloria polos séculos. Amén.

22Pídovos, irmáns, que aguantedes este sermón de conforto, xa que volo mando resumido. 23Sabede que saíu do cárcere Timoteo, o voso irmán; se chega logo, ireivos ver con el.

24Dádelles saúdos a todos os vosos directores e a todo o pobo santo. Os de Italia mándanvos saúdos. 25Que a graza vos acompañe a todos vós.