Capítulos 11-13
Autodefensa de Paulo
CAPÍTULO 11
1¡Ai, se me aturásedes un pouco de tolería! ¡Aturádema, veña! 2É que sinto celos de vós, os celos de Deus, pois quíxenvos desposar cun único marido, presentándovos a Cristo coma unha virxe pura. 3Temo que, así como a serpe seduciu a Eva coa súa astucia, así tamén se trastornen os vosos criterios, arredándovos da sinceridade que lle debedes a Cristo. 4Porque se vos vai alguén anunciar outro Xesús diferente do que vos anunciamos nós, ou se recibides un espírito diferente do que recibistes, ou un evanxeo diferente do que aceptastes, vós aturádelo coma se nada.
5Pois eu non me considero menos do que eses super-apóstolos. 6Terei pouca elocuencia pero non pouca ciencia e téñovolo demostrado en todo e de moitos xeitos. 7¿Ou é que fixen mal en abaixarme para elevarvos a vós, anunciándovos de balde o Evanxeo de Deus? 8Para podervos servir a vós, tiven que despoxar outras igrexas, aceptando unha paga. 9E, mentres estiven entre vós, por moitos apuros que pasase, non fun carga para ninguén: os irmáns que viñeron de Macedonia subvencionaron as miñas necesidades; gardeime e gardareime de servos gravoso en nada. 10Pola verdade de Cristo que hai en min: dígovos que esta honra non ma vai quitar ninguén nas rexións de Acaia. 11¿Por qué? ¿Porque non vos quero? ¡Ben o sabe Deus!
12O que veño facendo seguireino a facer, a fin de privar a eses do pretexto que buscan para se poderen gloriar de ser iguais ca nós. 13Os tales son falsos apóstolos, traballadores trampulleiros, disfrazados de apóstolos de Cristo. 14Pero non é estraño, porque o mesmo Satán se disfraza de anxo da luz; 15non é por demais que tamén os seus servidores se disfracen de servidores da xustiza. Pero a fin desa xente ha ser conforme as súas obras.
As súas tribulacións polo Evanxeo
16Repito: que ninguén coide que eu son un insensato. E, se non, se por insensato me tedes, deixade que tamén eu alardee un pouco. 17O que vou dicir, non o digo conforme o Señor, senón coma na tolería, no suposto da presunción. 18Xa que tantos se gaban de glorias humanas vou presumir eu tamén, 19que vós, tan sensatos, soportades con gusto ós insensatos. 20Soportades que vos escravicen, que vos devoren, que vos exploten, que vos traten con arrogancia, que vos dean labazadas. 21Con vergonza dígoo: somos, de certo, demasiado febles...
Pero no que outro se atreva ‑e dígoo na tolería‑, eu tamén me atrevo. 22¿Que eles son hebreos? Eu tamén. ¿Que son israelitas? Eu tamén. ¿Que son eles da semente de Abrahán? Eu tamén. 23¿Que son servidores de Cristo? Vou dicilo desvariando: pois eu sono máis ca eles.
Gáñolles en traballos, gáñolles en prisións; sen comparanza en malleiras e en perigos de morte. 24Cinco veces recibín dos xudeus as corenta azoutas menos unha; 25tres veces me flaxelaron, unha vez apedráronme; tres veces naufraguei, chegando a pasar unha noite e un día perdido no mar. 26En andainas frecuentes: con perigos de ríos, perigos de salteadores, perigos da parte dos da miña raza, perigos da parte dos xentís, perigos na cidade, perigos no despoboado, perigos no mar, perigos entre falsos irmáns. 27En traballos e canseiras, en abondas noites sen durmir, con fame e sede, a miúdo sen comer, con frío e sen roupa que vestir. 28E amais doutras cousas, a miña angueira de cada día: a preocupación por todas as igrexas. 29¿Quen esmorece, sen que esmoreza eu? ¿Quen sofre escándalo, sen que eu me abrase?
30Se hai que presumir, presumirei da miña fraqueza. 31O Deus e Pai do noso Señor Xesús ‑que é bendito polos séculos‑ ben sabe que non minto.
32En Damasco o gobernador do rei Aretas tiña baixo vixilancia a cidade toda, para me prender; 33pero descolgáronme por unha fiestra da muralla, metido nun cesto e así fuxinlle das mans.
As revelacións
CAPÍTULO 12
1Xa que toca a presumir ‑aínda que non está ben facelo‑, acudirei ás visións e revelacións do Señor. 2Sei dun cristián a quen hai catorce anos (se foi no corpo ou fóra do corpo, non o sei, iso sábeo Deus) o levaron ata o terceiro ceo. 3E sei que ese home (se foi no corpo ou fóra do corpo, non o sei, iso sábeo Deus) 4o levaron ó paraíso e oíu palabras inefables, que non se lle permiten pronunciar ó ser humano.
5De tal home presumirei. Pola miña parte, con todo, só me gabarei das miñas fraquezas. 6Aínda que, se eu quixer presumir, non sería un insensato, pois só diría a verdade. Mais desisto para que ninguén me valore por enriba do que ve ou oe de min.
7E, debido á grandeza das revelacións, por iso, para que non teña soberbia, espetóuseme un aguillón na carne: un emisario de Satán, para que me pegue lapotes, e así non teña orgullo. 8Por tres veces pedinlle ó Señor que o arredase de min, 9pero respondeume: "Chégache coa miña graza; a forza vese cumprida na fraqueza". Daquela presumirei con gusto das miñas debilidades, para que así resida sobre min a forza de Cristo. 10E por iso gózome nas fraquezas, nas afrontas, nas necesidades, persecucións e angustias que sufro por Cristo; porque, cando estou débil, entón é cando son poderoso.
11Sei que acabo de falar aloucadamente: pero fostes vós os que me forzastes a iso. Era eu quen debía ser acreditado por vós, pois, aínda que eu non sexa ninguén, en nada fun menos do que eses super-apóstolos. 12Os signos do apóstolo realizáronse entre vós na constancia a toda proba e nos sinais, prodixios e milagres. 13¿En que fostes vós inferiores ás demais igrexas? Só nisto: en que non vos ocasionei gastos. E perdoádeme a palabra...
Preparando a próxima visita
14Ben. Xa estou preparado para ir por terceira vez onda vós, e tampouco agora non vos serei gravoso, que eu non busco as vosas cousas: eu búscovos a vós, pois non son os fillos os que teñen que xuntar para os pais, senón os pais para os fillos. 15Pola miña parte, con gusto me gastarei e desgastarei polas vosas vidas. Pero, por querervos eu máis da conta, ¿ídesme vós querer menos?
16"Ben ‑pensarán algúns‑, efectivamente eu non vos fun gravoso; pero, como son moi renarte, atrapeivos con engano". 17Vexamos. ¿É que eu vos explotei por medio dalgún dos que vos mandei? 18Pedinlle a Tito que fose e con el mandei outro irmán. ¿Será que Tito vos explotou? ¿Acaso non actuamos os dous co mesmo criterio? ¿Non seguimos os mesmos pasos?
19Seguro que hai xa un pouco que coidades que nos estamos xustificando diante de vós. ‑Pois non: falamos diante de Deus e coma cristiáns. E todo é, meus queridos, para a vosa edificación. 20Temo que, ó chegar, non vos atope tal como eu quería, e que tampouco vós non me encontredes a min tal como desexades. Temo que haxa discordias, receos, incómodos, rivalidades, difamacións, murmuracións, soberbias, desordes. 21Teño medo de que, cando vaia, o meu Deus me aflixa outra vez aí diante vosa e teña que lamentar que moitos dos que xa antes pecaran, non se arrepentiron da súa inmoralidade, libertinaxe e desenfreo.
CAPÍTULO 13
1Vou ir por terceira vez onda vós. Todo asunto resolverase baseándose na palabra de dúas ou tres testemuñas. 2Xa antes volo dixen, cando estiven entre vós a segunda vez e repítovolo con tempo agora que estou ausente ós antigos pecadores e ós demais todos: cando vaia aí outra vez, non vou andar con miramentos. 3Será a proba que buscades de que fala por min Cristo, que non é débil convosco, senón que demostra o seu poder entre vós. 4A el crucificárono pola súa febleza pero agora vive polo poder de Deus. E nós, que compartimos a súa debilidade, viviremos con el polo poder de Deus en favor voso.
5Examinádevos a vós mesmos, para ver se estades na fe; poñédevos a proba. ¿Ou non vos decatades de que Xesús Cristo está entre vós? A non ser que esteades reprobados...
6Espero, con todo, que recoñezades que a nós non nos reprobaron.
7Pedímoslle a Deus que non vos fagades mal ningún: non por quedarmos nós ben, senón para que vosoutros practiquedes o que é bo, aínda que nós quedemos reprobados.
8Porque contra a verdade non podemos nada pero si a favor da verdade. 9Por iso alegrámonos de ser febles, con tal de que vós sexades fortes. O que pedimos é a vosa perfección. 10Por iso mesmo vos escribo estas cousas mentres estou ausente, para non ter que ser tallante cando estea presente, coa autoridade que o Señor me deu para construír, non para derrubar.
Despedida
11Do resto, irmáns, estade alegres, procurade a perfección, dádevos azos, andade de acordo, vivide en paz e o Deus do amor e da paz estará convosco. 12Saudádevos uns ós outros co ósculo santo. Mándanvos saúdos todos os cristiáns.
13Que a graza do Señor Xesús Cristo, o amor de Deus e a comuñón do Espírito Santo vos acompañen a todos.