Capítulos 1-5
CAPÍTULO 1
1Paulo, Silván e mais Timoteo, á Igrexa dos tesalonicenses, en Deus Pai e no Señor Xesús Cristo: deséxanvos graza e paz.
Alegría de Paulo pola fe viva dos tesalonicenses
2Decote damos grazas a Deus por todos vós, facendo memoria de vós nas nosas oracións. Continuamente 3nos lembramos diante de Deus, noso Pai, da actividade da vosa fe, do esforzo da vosa caridade e da firmeza da vosa esperanza no noso Señor Xesús Cristo.
4Ben sabemos, irmáns, benqueridos de Deus, que El vos escolleu. 5Porque o noso Evanxeo non quedou en palabras no voso caso senón que se volveu forza exuberante do Espírito Santo. Ben sabedes o que tal resultou ser a nosa actuación entre vós para o voso ben. 6E vós seguistes o noso exemplo e o do Señor e, aínda que houbo tantas dificultades, acollestes a mensaxe coa alegría do Espírito Santo, 7ata chegardes a ser exemplo para todos os crentes da Macedonia e da Acaia. 8Pois, partindo de vós, resoou a palabra do Señor non só na Macedonia e na Acaia, senón que a vosa fe en Deus resoou por todas partes, de xeito que non precisamos falar cousa. 9Eles mesmos contan cal foi a acollida que nos destes e como vos convertestes dos ídolos para servir o Deus vivo e verdadeiro, 10e para agardar desde o ceo, ó seu Fillo, a quen resucitou de entre os mortos, Xesús, quen nos libra da ira vindeira.
Predicación e apostolado de Paulo
CAPÍTULO 2
1Vós ben sabedes, irmáns, que a nosa visita onda vós non resultou estéril, 2senón que, maltratados e aldraxados en Filipos ‑como sabedes‑, tivemos a coraxe, grazas ó noso Deus, de vos expoñer o Evanxeo de Deus no medio dunha gran loita, 3pois a nosa predicación non proviña do erro, de motivos inconfesables ou de mala idea, 4senón que, polo contrario, falamos así porque Deus nos considerou dignos de nos confiar o Evanxeo sen intentarmos contentar os homes, senón contentar a Deus, que pescuda os nosos corazóns.
5Nin actuamos endexamais con palabras solermiñas, como ben sabedes, nin con segundas intencións de comenencia ‑¡ben o sabe Deus!‑; 6nin procurando honores dos homes: nin de vós, nin doutros, 7e iso que podiamos presentarnos con autoridade, coma apóstolos de Cristo. Non obstante, fixémonos tenros no medio de vós, coma unha nai que agarima os seus fillos. 8Polo cariño que vos tiñamos estabamos dispostos a entregarvos non só o Evanxeo de Deus, senón a nosa propia vida: tanto vos fixestes querer. 9Acordaravos, irmáns, o noso esforzo e fatiga: traballando noite e día, por non sermos unha carga para ningún de vós. Así foi como vos predicamos o Evanxeo de Deus.
10Vós sodes testemuñas, e Deus tamén, de que nos comportamos convosco, os crentes, de xeito correcto, honrado e sen tacha. 11Ben sabedes que eramos para cada un de vós coma un pai para os seus fillos: 12aconsellán-dovos cariñosamente ou con firmeza que vos comportásedes como merece o Deus que vos chamou ó seu Reino e gloria.
A resposta dos Tesalonicenses
13É tamén por isto polo que lle damos decote grazas a Deus: porque, ó recibirdes de nós a palabra de Deus, acolléstela non coma palabra de homes senón coma o que verdadeiramente é: coma palabra de Deus, que actúa en vós, os crentes. 14Porque vós, irmáns, saídeslles ás comunidades cristiás que hai na Xudea, pois sufristes dos vosos propios paisanos as mesmas cousas que elas sufriron dos xudeus; 15eles, que mataron a Xesús e mais ós profetas, perseguíronnos tamén a nós; non agradan a Deus e van contra todos os homes, 16porque nos privan de lles falarmos ós xentís e que así se salven, acugulando cada vez máis a medida dos seus pecados. Pero a ira de Deus caeu sobre eles ata o remate.
Desexo de os volver visitar
17Nós, irmáns, ó pouco tempo de nos separarmos de vós ‑separados fisicamente non co corazón‑, xa estivemos ben inquedos, de tanta morriña por vos ver. 18Quixemos ir onda vós ‑polo menos eu, Paulo‑ máis dunha vez; pero Satán impedíunolo. 19Pois, ¿cal é a nosa esperanza, o noso gozo e mais a nosa coroa de gloria diante do noso Señor Xesús Cristo, no día da súa vinda? ¿Ou non sodes vós? 20Si, vós sodes a nosa gloria e a nosa alegría.
CAPÍTULO 3
1Por iso, non aguantando máis, ordenamos de quedar sós en Atenas 2e mandarvos a Timoteo, o noso irmán e colaborador de Deus no Evanxeo de Cristo, para vos fortalecer e vos dar azos na vosa fe, 3a fin de que ninguén se estremeza coas presentes dificultades: ben sabedes vós que para iso estamos. 4Cando estabamos aínda convosco xa vos avisamos que iades ter que aturar dificultades. E, como vedes, así foi. 5Por iso, eu tampouco non aguantei máis e mandeino a que se informase da vosa fe; non fose que vos seducise o tentador e o noso traballo resultase estéril.
6Pero agora, xa chegou Timoteo de onda vós e deunos as boas novas da vosa fe e caridade e de que tedes sempre bo recordo de nós, arelando vernos tanto coma nós a vós. 7Así, irmáns, en medio de todas as nosas adversidades e tribulacións, vós coa vosa fe dádesnos ánimos, 8e agora sentímonos vivir sabendo que vós estades firmes no Señor. 9¿Con que acción de grazas lle poderemos pagar a Deus por vós, por toda a alegría que pola vosa causa temos diante do noso Deus? 10Rogámoslle con insistencia noite e día que poidamos visitarvos persoalmente e encher as fallas que teña a vosa fe.
11Que o mesmo Deus, noso Pai, e o noso Señor Xesús, endereiten o noso camiño cara a vós. 12E a vós, que o Señor vos faga medrar no amor duns cos outros e con todos, ata rebordar, como nos pasa a nós respecto de vós. 13Que El afinque os vosos corazóns nunha santidade sen tacha diante de Deus, noso Pai, cando veña o noso Señor Xesús con todos os seus santos.
Instrucións e avisos
CAPÍTULO 4
1Polo demais, irmáns, pedímosvos con insistencia coma cristiáns que, xa que aprendestes de nós como cómpre andar para contentar o Señor, que sigades así e que progresedes aínda máis.
2Porque ben sabedes que instrucións vos temos dado de parte do Señor Xesús. 3Pois esta é a vontade de Deus, a vosa santificación: que vos arrededes da fornicación, 4que cada un de vós saiba controlar o seu propio corpo santa e respectuosamente, 5sen se deixar gobernar pola paixón coma os xentís, que non coñecen a Deus. 6Que ninguén se exceda nin asoballe a seu irmán neste asunto, pois o Señor vinga todas estas cousas, como xa vos temos dito e asegurado. 7Que non nos chamou Deus á impureza, senón á santidade. 8Por iso, quen rexeita estas instrucións, non rexeita a un home senón a Deus, que é quen vos dá o seu Espírito Santo.
9Verbo da caridade non precisades que vos escriba porque Deus mesmo vos ensina a vos amardes uns a outros, 10cousa que practicades con todos os irmáns ó longo da Macedonia; rogámosvos que sigades progresando: 11que areledes vivir sosegados, ocuparvos dos vosos asuntos e traballar coas vosas mans, conforme vos temos mandado; 12deste xeito a vosa conduta será correcta ante os de fóra e non precisaredes de ninguén.
A Vinda do Señor
13Non queremos, irmáns, que esteades desinformados verbo dos mortos, para que non vos agoniedes coma os outros, os que non teñen esperanza. 14Porque, se cremos que Xesús morreu e que resucitou, do mesmo xeito Deus, por medio de Xesús, levará con El os que xa morreron. 15Iso é o que vos dicimos apoiados na palabra do Señor: que nós, os que vivimos, os que quedemos para a Vinda do Señor, non teremos vantaxe sobre os que xa morreron; 16pois a un sinal de mando, á voz do arcanxo e ó son da trompeta de Deus, o Señor en persoa baixará do ceo: entón os cristiáns defuntos resucitarán primeiro; 17despois, nós, os que quedemos vivos, seremos arrebatados xunto con eles nas nubes, para irmos ó encontro do Señor no aire e así estaremos sempre co Señor. 18Polo tanto, consoládevos uns a outros con estas palabras.
CAPÍTULO 5
1Tocante ó tempo preciso, irmáns, tampouco non precisades que vos escriba, 2que vós mesmos sabedes á perfección que o "Día do Señor" chegará coma o ladrón pola noite. 3Cando anden dicindo: "paz e seguridade", daquela caerá de súpeto sobre eles a desfeita, do mesmo xeito que lle veñen as dores á muller embarazada; e, de certo, non han de escapar. 4Pero vós, irmáns, non estades nas tebras, para que ese día vos sorprenda coma o ladrón, 5xa que todos vós sodes fillos da luz, fillos do día: non somos da noite nin das tebras.
6Polo tanto, non adormezamos coma os demais; máis ben, esteamos vixiantes e manteñamos o propio control. 7Pois os que dormen, dormen pola noite, e os que se emborrachan, emborráchanse pola noite. 8Pero nós, que somos do día, manteñamos o propio control, revestidos coa coiraza da fe e da caridade e co casco da esperanza da salvación. 9Pois non nos destinou Deus á ira, senón á consecución da salvación polo noso Señor Xesús Cristo, 10que morreu por nós para que, vivos ou mortos, pasemos a vivir con el. 11Polo tanto, aconselládevos e confortádevos uns a outros, como xa o facedes.
Últimas recomendacións e saúdos
12Rogámosvos, irmáns, que sexades considerados cos que traballan entre vós, presidíndovos no Señor e catequizándovos. 13Té-deos no máis grande aprecio e amor polos seus traballos; e que entre vós haxa paz.
14Exhortámosvos tamén, irmáns, a que fagades entrar en razón ós inconstantes, que lles deades azos ós abatidos, que coidedes dos febles e que teñades paciencia con todos. 15Mirade que ninguén lle devolva a ninguén mal por mal; polo contrario, procurádevos sempre o ben uns ós outros, e a todos.
16Estade sempre alegres. 17Orade constantemente. 18Dade grazas en todas as ocasións: que isto é o que Deus quere de vós coma cristiáns. 19Non apaguedes o Espírito; 20non desprecedes as palabras inspiradas. 21Examinádeo todo e agarrádevos ó que é bo. 22Arredade de toda especie de mal.
Despedida e saúdos
23Que o Deus da paz vos santifique totalmente: que todo o voso ser ‑espírito, alma e corpo‑ se conserve indemne na Parusía do noso Señor Xesús Cristo. 24Pois o que vos chama é fiel, e hao facer.
25Irmáns, rogade tamén por nós.
26Dádelles o saúdo a todos os irmáns co ósculo santo. 27Esconxúrovos polo Señor a que se lles lea esta carta a todos os irmáns.
28Que a graza do noso Señor Xesús Cristo vos acompañe.