TERCEIRA CARTA DE SAN XOÁN

 

 

CAPÍTULO 1

 

Saúdo

 

1Eu, o Presbítero, escríbolle ó benquerido Gaio, a quen amo na verdade. 2Meu amigo, pido para ti saúde e que o éxito en todos os teus asuntos te acompañe sempre. 3¡Canto me alegrei cando chegaron uns irmáns e nos falaron da túa aceptación da mensaxe, de como vives na verdade! 4Para min non hai alegría meirande ca esta: a de oír que os meus fillos viven de acordo na verdade.

 

Cooperación e oposición

 

5Meu amigo, estaste comportando conforme a fe en todo o que fas polos irmáns e maiormente polos irmáns forasteiros. 6Eles diante da comunidade falaron ben do teu amor. Farías ben en seguir fornecéndoos para a viaxe, como Deus manda. 7Pois, por mor do Nome marcharon sen recibiren nada dos pagáns. 8Por iso, nós temos a obriga de axudar a homes coma estes, para sermos colaboradores do anuncio da verdade.

9Escribinlle unha carta a esa comunidade, pero o dominante Diotrefes non nos acepta. 10Por iso, cando vos vaia ver, botareille na cara o que fai, as palabras malignas con que nos denigra. Ademais, non satisfeito con isto, nin acepta el os irmáns, nin llelo permite facer ós que os queren aceptar e bótaos fóra da comunidade.

11Meu amigo, non imites o mal senón o ben. Quen obra ben, vén  de Deus. Quen obra mal, endexamais non viu a Deus. 12Do Demetrio todos falan ben e falan a verdade. E nós tamén falamos o ben e sabes que o noso testemuño é conforme a verdade.

 

Despedida

 

13Aínda teño moitas cousas que che dicir, pero non o quero facer con tinta e pluma. 14Espero verte moi axiña e falar cara a cara. 15A paz sexa contigo. Mándanche saúdos os teus amigos. Saúda ós meus amigos, un por un.