SEGUNDA CARTA DE SAN XOÁN
CAPÍTULO 1
1Eu, o Presbítero, escríbolle á señora elixida e mais ós seus fillos, ós que quero na verdade ‑e non só eu senón tódolos que recoñecen a verdade‑, 2gracias á verdade que está dentro de nós e que nos acompañará sempre. 3Obra da verdade e mais do amor será que nos acompañen o favor, a misericordia e a paz que nos vén de Deus Pai e de Xesús Cristo, o Fillo do Pai.
4Algúns dos teus fillos déronme unha alegría moi grande, cando vin que vivían na verdade, conforme o que o Pai nos mandou. 5Agora, pídoche, señora, que nos queiramos ben uns ós outros; e con isto non che anuncio un mandamento novo senón o mandamento que recibimos desde un principio.
6O amor consiste nisto: en vivirmos conforme os seus mandamentos. Este é o mandamento que oístes desde o principio para que vivades conforme el.
7Agora andan polo mundo moitos sedutores que non profesan que Xesús Cristo veu en carne mortal: ¡Velaí o sedutor e o Anticristo! 8Mirade por vós mesmos: para non perderdes o que traballastes, senón para recibirdes a paga enteira. 9Todo aquel que se pasa da raia e non segue a doutrina de Cristo, non ten a Deus consigo. Quen segue a doutrina, ten consigo o Pai e mais o Fillo. 10Se vos fai unha visita alguén que non traia esta doutrina, nin lle ofrezades pousada nin lle deades a "benvida"; 11quen lle dea a "benvida", faise cómplice das malas obras do tal.
Despedida
12Aínda que teño moitas cousas para vos dicir, non o quero facer con papel e tinta. Espero irvos ver e falarvos cara a cara, para que, deste xeito, a nosa alegría sexa completa.
13Saúdante os fillos da túa irmá, a elixida.