Capítulos 1-5
I. LOANZA DA SABEDORÍA
Procurar a Sabedoría. Xustiza e sabedoría
Capítulo 1
1Amade a xustiza os que gobernades o país,
tede do Señor un bo concepto
e procurádeo cun corazón sinxelo,
2que se deixa El atopar polos que non o tentan
e revélase ós que del non desconfían.
3Argumentos revirados son os que afastan de Deus
mais o seu poder, posto a proba, acusa ós insensatos;
4pois non entra a Sabedoría nunha alma retorcida
nin mora nun corpo suxeito ó pecado.
5O espírito santo foxe da educación ficticia,
afinca lonxe das matinacións necias
e, sobrevindo a inxustiza, é refugado.
O Señor castiga a lingua impía
6En verdade a Sabedoría é un espírito benévolo co home
mais non deixará impune ó blasfemo lareteiro
porque Deus é testemuña das súas entrañas,
controlador veraz do seu corazón
e oidor da súa lingua;
7dado que o espírito do Señor enche o mundo
e quen mantén unido o universo sabe canto se di.
8Por iso quen fala impiamente non poderá ocultarse
nin o pasará de longo a Vinganza sen acusalo.
9Farase pescuda das matinacións do impío,
a sona das súas verbas chegará ata o Señor
para acusación dos seus delitos;
10pois un oído celoso escoita todo,
nin sequera se lle oculta o moumeo das murmuracións.
11Gardádevos, logo, da murmuración inútil
e preservade a lingua da maledicencia
pois o dito máis secreto non se profire en balde
e a boca mentireira mata a alma.
12Non provoquedes a morte coa vosa vida extraviada
nin vos carrexedes a ruína coas obras das vosas mans
13porque non fixo Deus a morte
nin se aleda co exterminio dos vivos;
14creouno todo, de certo, para que subsista
e as criaturas do mundo son saudables;
non hai nelas veleno mortal
nin ten o Hades imperio sobre a terra,
15porque a Xustiza é inmortal.
A vida dos impíos
16Os impíos, en troques, chámana con xestos e verbas;
coidando que é unha amiga, devecen por ela,
fan con ela alianza:
merecen en efecto ser da súa facción.
Capítulo 2
1Pois din para si argüíndo erradamente:
curta e triste é a nosa vida;
non hai menciña para o esmorecer do home
e de ninguén se sabe que volvese do Hades.
2Nacemos por acaso
e pasado o tempo seremos coma quen non existiu,
xa que o bafo do noso nariz é fume
e o pensamento, faísca do latexar do noso corazón.
3Cando ela esmoreza, o corpo hase trocar en cinsa
e esvaecerase o espírito coma aire livián.
4Co tempo esquecerase o noso nome,
ninguén vai xa lembrar os nosos feitos,
fuxirá a nosa vida coma rastro de brétema,
disipada coma néboa perseguida das raiolas do sol
e esmagada pola súa calor.
5O noso momento é o do fuxir da sombra
e non ten retorno o noso final:
pónselle o selo, e xa ninguén retorna.
6¡Veña logo! ¡Gocemos dos bens que están á man!
¡Gocemos do creado co rebulir de xente nova!
7¡Enchámonos de viños de marca e de perfumes,
non deixemos fuxir ningunha flor da primavera!
8¡Coroémonos cos broches das roseiras antes de que murchen!
9¡Que non haxa prado alleo á nosa esmorga;
deixemos, todo arredor, sinais do reloucar!
Tal é a nosa parte, a nosa sorte.
10¡Asoballemos o pobre honrado,
non perdoemos a viúva
nin teñamos respecto para as canas venerables do ancián!
11¡Que sexa a nosa forza a norma da xustiza,
xa que o ser feble se estima inútil!
12Espreitemos o home xusto que nos dá tanto noxo
e se opón ós nosos feitos,
botándonos en cara as transgresións da lei,
reprochándonos faltas da nosa educación.
13Gloríase de coñecer a Deus,
noméase a si mesmo fillo do Señor.
14Converteuse en censura dos nosos criterios;
soamente ollalo xa nos irrita,
15pois a súa vida difire das dos outros
e os seus vieiros son estraños.
16Coida que somos falsarios
e afástase dos nosos camiños coma da podremia;
considera feliz o destino dos xustos
e presume de ter por pai a Deus.
17Examinemos se son veraces as súas razóns,
comprobemos como é o seu finar.
18Se o xusto é fillo de Deus, virá El a acorrelo
e ceibarao da man dos seus inimigos.
19¡Poñámolo na proba da aldraxe e do tormento
para constatarmos a súa mansedume
e experimentarmos a súa resistencia ó mal!
20¡Condenémolo a unha morte ignominiosa,
pois, segundo el fala, terá quen o protexa!
21Tal pensan, mais engánanse:
cégaos a súa malicia.
22Non se decatan dos misterios de Deus
nin esperan no premio da virtude
nin afiúzan na recompensa das persoas sen chata.
23Pois Deus creou ó home para a incorrupción
e fíxoo imaxe do seu propio ser,
24mais pola envexa do demo entrou a morte no mundo,
e os seus secuaces téñena de probar.
A vida dos xustos está na man de Deus
Capítulo 3
1Pero as vidas dos xustos están na man de Deus:
non haberá tormento que as toque.
2As xentes insensatas coidaban que morreran
e o seu tránsito semellaba unha desgraza,
3o seu partir de entre nós, unha desfeita,
mais eles fican en paz.
4Aínda que para o ollar humano fosen magoados,
a súa esperanza ía preñada de inmortalidade;
5corrixidos no pouco, acadarán moito
pois foi Deus quen os probou
e atopounos dignos de si.
6Depurounos coma ouro no crisol,
aceptounos coma sacrificio de holocausto.
7No momento de lles pedir contas resplandecerán,
saltarán coma as muxicas dos carozos;
8gobernarán países, dominarán nos pobos
e sobre eles reinará o Señor eternamente.
9Os que nel afiúzan acadarán a verdade,
os fieis no amor serviranlle moi cerca,
pois concede El o seu piadoso favor ós virtuosos
e a protección ós que El elixiu.
10Mais os impíos sufrirán o castigo conforme ó seu pensar
por abandonaren ó xusto e se arredaren do Señor.
11¡Malpocado o que desbota Sabedoría e Instrución!
Baleira é a súa esperanza, inútiles os esforzos,
sen xeito as súas obras,
12tolas as súas mulleres,
retorcidos os seus fillos,
maldita a súa caste.
A esterilidade dos xustos non anula a bendición
13Benia, en troques, a estéril sen chata
que non coñece un leito de pecado.
Recollerá o seu froito no xuízo das vidas.
14Do mesmo xeito ó eunuco que non fixo delito coas súas mans
nin arelou o mal contra o Señor,
daráselle pola súa fidelidade un premio escolleito,
e a función máis cobizada no templo do Señor.
15Pois o froito de traballar polo ben é magnífico
e inmortal a raiceira da prudencia.
16En canto ós fillos dos adúlteros, non acadarán a madurez,
e a descendencia dun leito ilexítimo esvaecerá.
17Por máis que vivan longos anos, non os considerarán nada
e, ó remate, a súa vellez será sen sona.
18Se por caso morren cedo, non terán esperanza
nin quen lles dea ánimos no día do proceso,
19pois é funesta a fin dunha caste inicua.
Capítulo 4
1Mellor é non ter fillos e si virtude,
pois a súa lembranza é xa unha inmortalidade
recoñecida de Deus e mais dos homes:
2presente, imítana; ausente, arélana;
coroada, desfila triunfal na eternidade,
vencedora na lide de trofeos sen chata.
3Pola contra, a numerosa plebe dos inicuos non servirá para nada,
dos seus gromos bastardos non botará fondos raigaños
nin asentará sobre rexo alicerce.
4Xa que, por moito que un tempo agromen as súas polas,
frouxamente afincada, abaneará co vento,
e será arrincada pola forza da galerna;
5quebraranse os seus xermolos deformes,
o seu froito é inútil, sen sazón para comer
e sen proveito ningún.
6Pois os fillos nacidos de soños ilexítimos
son testemuñas da maldade contra os pais
cando verbo deles se faga unha enquisa.
A morte prematura do xusto, mellor cá longa vida do impío
7Mais o xusto, aínda morrendo prematuro, gozará de repouso.
8A ancianidade venerable non é a lonxevidade
nin se mide por número de anos.
9Cabeza cana é para os humanos a prudencia
e vellez madura unha vida inmaculada.
10Un fíxose agradable a Deus, e Deus amouno,
e como vivía entre os pecadores, foi trasladado;
11foi arrebatado para que a malicia non lle mudase a conciencia
nin o engano lle seducise a alma.
12Pois o engado vicioso corrompe o que é bo
e o impulso da paixón trastorna a mente inxenua.
13Madurecido cedo, completou longos anos;
14a súa alma era aceptable ó Señor,
foi por iso axiña tirado do medio da maldade.
A xente óllao e non se decata
nin presta atención ó feito.
15Pois El pon o favor e a misericordia nos seus elixidos
e a protección nos seus devotos.
16O xusto morto condena ós impíos que aínda viven,
e a mocidade madurecida cedo
condena a vellez chea de anos do inxusto.
17Ollarán, en efecto, o morrer do sabio
sen se decataren dos designios de Deus tocante a el
nin de para que o Señor o puxo a salvo.
18Ollarano con menosprezo
mais o Señor rirá deles;
19e ó cabo converteranse nun cadáver infame,
obxecto de aldraxe entre os mortos para sempre;
pois El vainos guindar mudos cabeza abaixo,
acaneará neles desde os alicerces
e serán esmagados ata o límite;
vivirán na dor
e perecerá o seu recordo.
Xustos e impíos ante o xuízo
20Achegaranse acovardados a render conta dos seus erros
e os seus propios delitos acusaranos na cara.
Capítulo 5
1Erguerase daquela o xusto moi seguro de si
diante dos que o asoballaron
e desprezaron os seus esforzos;
2ó ollalo tremerán cun medo arrepiante
abraiados por unha salvación tan inesperada.
3Dirán para si, arrepentidos,
saloucando co ánimo angustiado:
4‑"Este é aquel que noutrora escarnecemos
con cántigas burleiras, nós, os mal asisados;
coidabamos que a súa vida era unha tolemia
e o seu finar infame.
5¿Como é que o enumeran entre os fillos de Deus
e ten parte na herdanza xunto cos santos?
6Ata nos afastamos do camiño da verdade
e non nos alumaba a luz da xustiza
nin para nós alborexaba o sol;
7enguedellámonos nas silveiras da impiedade e da perdición,
atravesamos desertos impracticables
mais non recoñecemos o camiño do Señor.
8¿Que proveito nos trouxo a nosa fachenda?
e o gabarnos de ricos ¿de que nos serviu?
9Todo aquilo pasou coma unha sombra,
coma fugaz noticia,
10coma a dorna que suca as augas galopantes
sen que se atope o rastro do seu vogar
nin deixe o ronsel da quilla por entre as ondas;
11ou coma o paxariño que fende o aire voando
sen deixar un vestixio da súa viaxe;
só o abaneo das ás azouta o aire livián,
ráchao coma asubío intenso,
abríndose camiño co bulir das ás,
mais ó cabo non resta sinal do seu voar;
12ou como despois da frecha disparada ó branco,
o aire fendido volta a se xuntar de súbito
talmente que se lle ignora a traxectoria.
13Do mesmo xeito nós, non xa nacemos, esvaecemos
sen ter sinal ningún de virtude que amosar,
malgastándonos na nosa malicia.
14Pois a esperanza do impío é coma lixo levado do vento,
ou coma folerpa miúda que espalla a galerna,
ou coma fume que disipa o vento,
e coma a lembranza pasada do hóspede dun día".
15Mais os xustos viven eternamente,
garda o Señor a súa recompensa
e o Altísimo mira por eles.
16Recibirán, con razón, a magnífica coroa
e a diadema da beleza da man do Señor,
porque os encubrirá coa súa destra
e co seu brazo escudaraos;
17collerá o seu celo coma armadura
e armará a creación para a defensa contra ós inimigos;
18vestirá coma coiraza a xustiza,
cinguirá de casco o xuízo sincero,
19embrazará coma escudo unha santidade invencible,
20afiará a súa ira inexorable coma unha espada
e a seu carón loitará o universo contra os necios;
21partirán certeiros os lóstregos disparados,
do ben curvado arco das nubes saltarán ata o branco;
22da funda da súa carraxe xurdirán sarabiadas arreo,
cara a eles alporizaranse as augas do mar
e os ríos asolagaranos implacables;
23erguerase contra eles un sopro poderoso
e coma unha galerna disiparaos;
a iniquidade estragará a terra enteira,
e a maldade abaterá os tronos dos podentes.