Capítulos 1-5

PRIMEIRA INTRODUCIÓN (1, 1-2, 10)

 

Capítulo 1

 

1E aconteceu que, despois da morte de Xosué, foron consultar os fillos de Israel ó Señor: ‑"¿Quen de nós subirá o primeiro para a loita contra os cananeos?"

2E o Señor respondeu: ‑"O primeiro será Xudá. Velaquí que entreguei o país nas súas mans".

3E dixo Xudá a seu irmán Simeón: ‑"Rube comigo á miña herdanza e batallaremos contra os cananeos, e irei tamén eu contigo á túa herdanza". E Simeón foi con el.  4E subiu Xudá, e puxo o Señor nas súas mans os cananeos e os perizitas, e abateron en Bézec a dez mil homes. 5E atoparon a Adoni-Bézec en Bézec, e loitaron contra el, e venceron ós cananeos e ós perizitas. 6E fuxiu Adoni--Bézec e fórono abourando; e atrapárono e mutilárono dos polgares das súas mans e dos seus pés. 7E dixo Adoni-Bézec: ‑"Sete reis cos polgares das súas mans e dos seus pés cepados están debaixo da miña mesa recollendo as migallas. Conforme fixen eu, recompensoume Deus a min". E levárono a Xerusalén e morreu alí.

8E loitaron os fillos de Israel contra Xerusalén, e conquistárona, e pasárona polo gume da espada; e á cidade prendéronlle lume. 9E despois baixaron os fillos de Xudá para loitaren contra os cananeos que habitaban a montaña, o Négueb e a Xefelah. 10E foi Xudá contra os cananeos que habitaban en Hebrón ‑o nome de Hebrón era antes Quiriat-Arbá‑, e venceu a Xexai, a Ahimán e a Talmai. 11E desde alí foi contra os veciños de Debir ‑o nome de Debir era antes Quiriat--Séfer, 12e dixo Caleb: ‑"A quen arremeta contra Quiriat-Séfer e a gañe, dareille por muller a miña filla Acsah". 13E conquistouna Otoniel, fillo de Quenaz‑o seu irmán máis novo‑, e deulle por esposa a súa filla Acsah. 14E, cando conviviu con ela, instigouna a pedirlle a seu pai un campo; e baixou do asno e díxolle Caleb: ‑"¿Que tes?" 15Ela respondeulle: ‑"Anda, faime un favor: pois me deches terra árida, dáme algunha fonte de auga". E deulle Caleb as fontes de arriba e as fontes de abaixo.

16E os descendentes do sogro de Moisés ‑o quenita‑ subiron da Vila das Palmeiras cos fillos de Xudá ó deserto de Xudá que queda no Négueb de Arad; e foron, e habitaron entre o pobo.

17E foi Xudá co seu irmán Simeón e desbarataron ós cananeos que habitaban en Sefat; e exterminaron a cidade e puxéronlle de nome Hormah. 18E apoderouse Xudá de Gaza co seu termo; e de Axquelón, co seu termo; e de Ecrón, co seu termo. 19E o Señor estaba con Xudá, que se apoderou da montaña (ó non poder botar os veciños do val, por teren eles carros de ferro). 20E déronlle a Caleb Hebrón, segundo dispuxera Moisés; e botaron de alí ós tres fillos de Anaq. 21Pero ós iebuseos, que habitaban en Xerusalén, os fillos de Benxamín non os puideron botar; e moraron os iebuseos en Xerusalén cos fillos de Benxamín ata o día de hoxe.

22E subiron os da casa de Xosé ‑tamén eles‑ contra Betel; e o Señor estaba con eles. 23E a casa de Xosé fixo axexar Betel ‑e o nome da vila era antes Luz‑; 24e viron os vixías que saía da cidade un home e dixéronlle: ‑"Móstranos, por favor, a entrada da vila e teremos piedade de ti". 25E mostroulles a entrada da vila, e pasárona polo gume da espada; pero a aquel home e a toda a súa familia deixáronos ir. 26E foi o home ó país dos hititas, e levantou unha vila, e chamouna Luz; e foi Luz o seu nome ata o día de hoxe.

27E non botou Menaxés ós de Bet-Xeán e as súas vilas, nin ós de Tanac e as súas vilas, nin ós veciños de Dor e as súas vilas, nin ós veciños de Ibleam e as súas vilas, nin ós veciños de Meguido e as súas vilas; e os cananeos continuaron morando naquela terra. 28Mais cando se fortaleceu Israel, púxolles un tributo ós cananeos; pero o que é botar, non os botaron.

29Tampouco Efraím botou ós cananeos que habitaban en Guézer; e viviron os cananeos en Guézer no medio deles.

30Nin tampouco Zebulón botou ós veciños de Quitrón, nin ós veciños de Nahalol, e moraron os cananeos entres eles, aínda que pagándolles tributo.

31Axer non botou ós veciños de Acco, nin ós veciños de Sidón; nin ós de Ahlab, nin ós de Aczib, nin ós de Helbah, nin ós de Afec, nin ós de Rehob. 32E moraron os axeritas entres os cananeos que habitaban o país, pois non os botaron.

33Naftalí tampouco botou ós veciños de Bet-Xémex, nin ós de Bet-Anat; e morou no medio dos cananeos que habitaban o país, aínda que os veciños de Bet-Xémex e os de Bet-Anat lle tiveron que pagar tributo.

34E os amorreos premeron ós fillos de Dan cara á montaña, e non lles permitiron baixar ó val. 35E continuaron morando os amorreos na montaña de Heres, en Aialón e en Xaalbim; pero a casa de Xosé cargou a man sobre eles, e tivéronlle que pagar tributo.

36O lindeiro dos amorreos ía desde a subida de Acrabim ‑desde a rocha‑, para arriba.

 

 Queixas de Deus pola infidelidade do pobo

 

Capítulo 2

 

1E subiu o anxo do Señor desde Guilgal ata Boquim e dixo: ‑"Saqueivos de Exipto e fíxenvos entrar na terra que prometera a vosos pais; e dixen: endexamais romperei a alianza que fixen convosco. 2En canto a vós, non fagades alianza cos veciños deste país; habedes de derrubar os seus altares. Pero vós non escoitastes a miña voz. ¿Por que procedestes así? 3Por iso tamén eu dixen: non os botarei de diante de vós; e serán para vós coma a tralla no voso lombo; e os seus deuses serán para vós un lazo".

4E, cando o anxo do Señor pronunciou aquelas palabras a todos os fillos de Israel, o pobo botouse a laiar e a chorar. 5e puxéronlle de nome a aquel lugar, Boquim; e ofreceron alí sacrificios ó Señor.

6E, cando Xosué despediu o pobo, foron os fillos de Israel cada un para o seu territorio, para herdar o país.

7E serviu o pobo ó Señor durante toda a vida de Xosué e dos vellos que prolongaron os seus días despois de Xosué, e que viran todas as obras grandes que o Señor fixera en favor de Israel.

 

Morte e sepultura de Xosué

 

8E morreu Xosué, fillo de Nun, servo do Señor, ós cento dez anos. 9E sepultárono dentro dos lindes da súa herdanza, en Timnat-Heres, na serra de Efraím, ó Norte do monte Gaax. 10E toda a xeración aquela foise xuntar cos seus pais; e veu despois deles outra xeración que non coñecía ó Señor nin o que tal fixera en favor de Israel.

 

 

SEGUNDA INTRODUCIÓN (2,11-3,6)

 

O pobo e o seu Deus

 

11E cometeron o mal os fillos de Israel diante do Señor, e serviron ós baales. 12E abandonaron ó Señor, o Deus de seus pais, que os sacara da terra de Exipto, e foron detrás dos deuses alleos, dos deuses de pobos que estaban arredor deles, e prostráronse diante deles, e alporizaron ó Señor. 13Abandonaron ó Señor, e serviron a Baal e ás axtartés.

14E alzouse a ira do Señor contra Israel, e púxoos nas mans de saqueadores, que os abateron, e entregounos nas mans dos inimigos do arredor, e xa non se puideron rexer diante dos seus adversarios. 15En todo aquilo que acometían, a man do Señor estaba con eles para mal, como o Señor lles tiña dito e xurado, de modo que os angustiou abondo.

16Máis adiante fixo o Señor xurdir xuíces, e salvounos das mans dos seus saqueadores. 17Pero tampouco non escoitaron ós seus xuíces, pois corrompéronse detrás de deuses alleos e abaixáronse diante deles; arredáronse axiña do camiño que percorreran seus pais, que escoitaran os mandatos do Señor: eles, en troques, non fixeron así.

18E cando o Señor fixo xurdir xuíces para eles, o Señor estaba co xuíz, e salvábaos das mans dos seus inimigos durante todos os días de vida do xuíz, pois conmovérase o Señor polos choros deles, ó seren oprimidos e desprezados. 19Pero, á morte do xuíz, volvían ás andadas, e corrompíanse aínda máis ca seus pais, indo tras dos deuses alleos, para servilos e abaixarse diante deles; non deron de man ás súas obras ruíns nin ós seus teimudos camiños. 20E alporizouse a ira de Iavé contra Israel, e dixo o Señor: ‑"Xa que o pobo este crebou a alianza que mandei a seus pais, e non escoitou a miña voz, 21tampouco eu vou botar de diante deles a ningunha das nacións xentís que deixou Xosué cando morreu; 22para probar por medio delas a Israel: se van seguir polo camiño do Señor ‑para iren por el como foron seus pais‑, ou non". 23E deixou o Señor aquelas nacións xentís, en vez de botalas axiña; e non as puxo nas mans de Xosué.

 

Capítulo 3

 

1E foron estas as nacións xentís que deixou o Señor para probar por medio delas a Israel ‑a cantos non coñeceran todas as guerras de Canaán 2(soamente para aprendizaxe das xeracións dos fillos de Israel, para ensinarlles a facer a guerra, polo menos ós que non a coñecían antes): 3cinco príncipes dos filisteos, e todos os cananeos, os sidonios e mais os hititas (que habitaban na montaña do Líbano, desde o monte Baal-Hermón ata Lebo-Hamat). 4E foron para probar por eles a Israel, por ver se escoitaban os mandatos que o Señor mandara a seus pais por medio de Moisés.

5E os fillos de Israel habitaron entre os cananeos, os hititas, os amorreos, os perizitas, os hivitas e mais os iebuseos. 6E colleron por esposas ás fillas deles, e déronlles as súas fillas ós fillos deles, e serviron ós seus deuses.

 

 

O LIBRO DOS DOCE XUÍCES (3, 7-16, 31)

 

Mágoas para Israel e primeiro Xuíz (Otoniel)

 

7E os fillos de Israel fixeron o mal diante do Señor, e esqueceron a Iavé, o seu Deus, e serviron ós baales e ás axtartés.

8E alporizouse a ira de Iavé contra Israel, e entregounos nas mans de Cuxán-Rixa-taim, rei de Aram-Naharaim, e serviron os fillos de Israel a Cuxán-Rixataim durante oito anos.

9E berraron os fillos de Israel ó Señor, e o Señor fixo xurdir un libertador para os fillos de Israel, que os salvase: Otoniel, o fillo de Quenaz (o irmán máis novo de Caleb).

10E entrou nel o Espírito do Señor, e xulgou a Israel, e saíu á loita, e puxo o Señor nas súas máns a Cuxán-Rixataim, rei de Aram, de xeito que prevaleceu el sobre Cuxán-Rixataim, 11e o país quedou tranquilo durante corenta anos.

E morreu Otoniel, fillo de Quenaz.

12E volveron os fillos de Israel facer o mal diante do Señor, e enforteceu Iavé a Eglón, rei de Moab, contra Israel, porque fixeron o mal diante do Señor. 13E axuntáronselle os fillos de Amón e de Amalec, e foi el e venceu a Israel, e apoderouse da Vila das Palmeiras, 14e os fillos de Israel serviron a Eglón, rei de Moab, durante dezaoito anos.

15E clamaron os fillos de Israel ó Señor, e o Señor suscitoulles un salvador: Ehud, fillo de Guerá, benxaminita, home zurdo, e os fillos de Israel mandaron por el un agasallo a Eglón, rei de Moab. 16E fíxose Ehud cunha faca de dobre gume, dun palmo de longa, e cinguiuna por debaixo do seu vestido, sobre o lado dereito. 17E levoulle o agasallo a Eglón, rei de Moab (e Eglón era un home moi groso). 18E, cando xa rematara de entregarlle o obsequio, deixou ir á xente que llo levara, 19e el volveuse desde as estelas de pedra que están a carón de Guilgal, e exclamou: ‑"Teño un segredo para ti, oh rei". E el dixo: ‑"¡Cala!" E saíron de alí todos os que estaban con el. 20E Ehud achegouse a el, que repousaba na súa sala privada de acougo, a de arriba, e dixo Ehud: ‑"Chegoume unha palabra de Deus para ti". Daquela o rei ergueuse do asento. 21E alongou Ehud a súa zurda, e colleu a faca de sobre o lado dereito, e chantoulla no ventre; 22e entrou tamén a empuñadura detrás da folla, e a graxa entupiu o sitio detrás da folla, e xa non sacou do ventre a faca, que lle saíu por detrás.

23E saíu Ehud ó corredor, e xuntou as portas da sala de arriba, e pechou. 24Cando xa el estaba fóra, chegaron os servos do rei, e viron que as portas da sala de arriba estaban pechadas e dixeron: ‑"Quizais estea facendo as súas necesidades no cuarto de baño da sala de acougo". 25E fartáronse de esperar sen que el abrise as portas da sala de arriba. O cabo colleron a chave e abriron; velaquí que o seu señor estaba chimpado por terra, morto.

26E liscou Ehud, namentres eles agardaban, e pasou as estelas de pedra, e fuxiu ata Seirah. 27E cando chegou, tocou a trompeta na serra de Efraím, e baixaron canda el da montaña os fillos de Israel, e el ía diante deles. 28E díxolles: ‑"Seguídeme, pois o Señor puxo os vosos inimigos ‑os moabitas‑ nas vosas mans".

E baixaron detrás del e tomaron os baixíos do Xordán que están no camiño de Moab, e non deixaron pasar a ninguén. 29E abateron a Moab naquel entón ‑a dez mil homes forzudos e valentes‑, e non liscou ningún.

30No día aquel Moab quedou sometido a Israel, pola man de Israel, e o país viviu tranquilo durante oitenta anos.

31E despois del foi Xamgar, o fillo de Anat, e abateu os filisteos ‑seiscentos homes‑, cunha queixada dun boi, salvando tamén el a Israel.

 

Déborah, Barac e Sísera

 

Capítulo 4

 

1En morrendo Ehud, volveron os fillos de Israel facer o mal diante do Señor, 2e o Señor entregounos nas mans de Iabín, rei de Canaán, que reinou en Hasor, e que tiña de capitán do seu exército a Sísera, que vivía en Haróxet dos Xentís.

3E berraron os fillos de Israel ó Señor, pois aquel tiña novecentos carros de ferro, e el xa oprimira fortemente ós fillos de Israel durante vinte anos.

4Había unha muller profetisa ‑Déborah‑, muller de Lapidot; e ela xulgaba a Israel naquel entón. 5Vivía debaixo da palmeira de Déborah, entre Ramah e Betel, na serra de Efraím. E ían onda ela os fillos de Israel para consultala. 6E mandou ela chamar a Barac, fillo de Abinoam, de Quédex de Naftalí, e díxolle: ‑"¿E logo non mandou o Señor, Deus de Israel, vai e mora no monte Tabor, e colle contigo dez mil homes de entre os fillos de Naftalí e de Zebulón, 7e eu empurrarei onda ti, xunto ó torrente Quixón, a Sísera ‑o capitán do exército de Iabín‑, e mais ós seus carros e á tropa, e poreino nas túas máns?" 8E respondeulle Barac: ‑"Se vés ti comigo, vou; pero se non vés comigo, non vou". 9E dixo ela: ‑"De certo, que irei contigo; soamente que o recoñecemento no camiño que emprendas non será para ti, pois nas mans dunha muller porá o Señor a Sísera". E ergueuse Déborah e foi con Barac a Quédex.

10E convocou Barac a Zebulón e a Naftalí en Quédex, e subiu con dez mil homes consigo; e tamén foi con el Déborah.

11Mais Héber, o quenita, arredárase dos outros quenitas ‑dos fillos de Hobab, o sogro de Moisés‑, e foi montar a súa tenda alá onda a aciñeira de Saanaim, onda Quédex.

12E notificóuselle a Sísera que Barac, o fillo de Abinoam, subira ó monte Tabor. 13E xuntou Sísera todos os carros ‑novecentos carros de ferro-, e a todo o pobo que tiña, desde Haróxet dos Xentís ata o torrente Quixón.

14E dixo Déborah a Barac: ‑"Érguete, pois é este o día no que puxo o Señor a Sísera nas túas mans. ¿E logo non vai o Señor diante de ti?" E baixou Barac do monte Tabor cos dez mil homes que o seguían.

15E o Señor destrozou a Sísera con todos os seus carros e mais o exército polo gume da espada diante de Barac. E Sísera baixou do seu carro e fuxiu a pé. 16E Barac perseguiu os carros e o exército ata Haróxet dos Xentís, e caeu todo o exército de Sísera polo gume da espada: non quedou sequera un.

17E Sísera fuxiu a pé á tenda de Iael, a muller de Héber, o quenita, pois había paz entre Iabín ‑o rei de Hasor‑ e a casa de Héber, o quenita. 18E saíu Iael ó encontro de Sísera, e díxolle: ‑"Vén, meu señor, vén a carón de min, non teñas medo". E foi onda ela, á súa tenda, e ela tapouno cun cobertor. 19E díxolle el: ‑"Fai favor, dáme de beber un pouco de auga, pois teño sede". Ela destapou a ola do leite, deulle de beber, e volveuno tapar. 20E díxolle el: ‑"Ponte á entrada da tenda, e, se chega un e che pregunta ¿Hai alguén aquí?, ti respóndeslle: Non". 21Daquela, Iael ‑a muller de Héber‑ colleu un fungueiro da tenda, botou man dun martelo, achegouse onda el ás caladiñas, e chantoulle o fungueiro nas tempas, e foise espetar no chan (e el, que xa non se tiña, morreu).

22E velaquí que Barac ía perseguindo a Sísera, e saíu Iael ó seu encontro e díxolle: ‑"Vén, que che mostro o home que buscas". E el entrou onda ela, e velaquí que Sísera xacía morto co fungueiro nas tempas.

23E dese xeito abateu Deus no día aquel a Iabín, rei de Canaán, diante dos fillos de Israel. 24E a man dos fillos de Israel fíxose cada vez máis pesada contra Iabín, rei de Canaán, ata que esnaquizaron a Iabín, rei de Canaán.

 

A Cántiga de Déborah

 

Capítulo 5

 

1Aquel día púxose a cantar Déborah, á par que Barac ‑o fillo de Abinoam‑, deste xeito:

2‑"O colleren as redes os líderes en Israel,

cando o pobo se ofrece voluntario,

loade o Señor!

3Escoitade, reis;

poñede oídos, príncipes.

Para o Señor eu cantarei;

eu tanxerei para o Señor, Deus de Israel.

4Señor: cando saíches de Seir,

no teu avanzar desde o campo de Edom,

a terra tremeu;

tamén os ceos zumegaron;

mesmo as nubes deitaron auga;

5os montes derretéronse

diante do Señor:

este Sinaí,

diante do Señor, Deus de Israel.

6Nos días de Xamgar, o fillo de Anat;

nos días de Iael,

desapareceran as vereas,

e os camiñantes

tiñan que andar polas corredoiras.

7Acabaron os líderes:

non volveu habelos en Israel,

ata que se ergueu Déborah:

xurdiu unha nai en Israel.

8Elixíanse deuses novos:

daquela, tiñan a guerra ás portas.

E non se vía escudo nin lanza

entre corenta mil

en Israel.

9O meu corazón para os capitáns de Israel;

cando o pobo se ofrece voluntario,

loade ó Señor!

10Os que cabalgades sobre asnos brancos,

os que vos sentades encima dos tapices,

e mais os que ides de camiño,

matinade.

11Onde daban berros os capataces

entre os augadoiros,

alí cantarán as vitorias do Señor,

as vitorias na súa terra ceibe,

en Israel.

Daquela

o pobo do Señor

baixou cara ás portas.

12¡Esperta, esperta, Déborah;

¡esperta, esperta, entoa unha cántiga!

¡Érguete, Barac!,

¡e leva os teus presos,

fillo de Abinoam!

13Entón baixou o sobrevivente,

coma os adaís;

o pobo do Señor baixou,

o mesmo cós guerreiros.

14Chegan os de Efraím,

que arraiga en Amalec.

Detrás del, Benxamín

coas súas tropas;

de Maquir baixaron os capitáns;

e de Zebulón, os que levan o bastón de mando.

15Os príncipes de Isacar están con Déborah:

tanto Isacar como Barac,

foron ó val,

tralas súas pisadas.

Nos clans de Rubén

houbo grandes perplexidades no corazón.

16¿Por que ficas entre os curros,

para escoitar os asubíos

dos pastores?

Nos clans de Rubén

houbo grandes perplexidades no corazón.

17Galaad habitou para alá do Xordán;

e Dan, ¿por que viviu nos barcos?;

Axer morou na beira do mar,

estableceuse nos seus portos.

18E Zebulón desafiou a morte,

e tamén Naftalí

nos outeiros do campo.

19Chegaron reis e guerrearon;

batallaron entón os reis de Canaán,

en Zanac ‑onda as augas de Meguido‑,

sen que pillasen espolios de prata.

20Desde os ceos loitaron elas:

as estrelas, sen saíren do seu curso,

loitaron contra Sísera.

21O torrente Quixón arrebatounos:

o torrente vello,

o torrente Quixón.

¡Camiña con forza, miña alma!

22Entón resoaron

os cascos dos cabalos,

a galope,

a galope dos seus poldros.

23¡Maldicide a Meroz!,

dixo o anxo do Señor;

¡maldicide rexamente ós seus veciños,

por non viren auxiliar ó Señor,

a axudar ó Señor cos seus guerreiros!

24¡Bendita sexa entre as mulleres Iael! ‑a muller de Héber, o quenita‑,

¡bendita entre as mulleres das tendas!

25El pediu auga,

e ela deulle leite;

en copa de honra,

ofreceulle requeixo.

26A súa man ó fungueiro alongou,

e a súa dereita ó martelo dos obreiros.

Petoulle a Sísera, e fendeulle o cranio;

mallou nel, e perforoulle as tempas.

27Inclinouse ós pés dela e caeu deitado;

ós seus pés abaixouse e caeu;

onde se abaixou, alí caeu derreado.

28Pola fiestra ollaba e laiaba

a nai de Sísera, polo cancelo.

¿Por que o seu carro

demora tanto en chegar?;

¿por que van tan a modo

as rodas dos seus carros?

29A máis sabia das súas damas,

respóndelle: ¡Certo!,

e repítelle as mesmas palabras.

30¿Non será que pillaron

e repartiron os espolios?

¡Unha ou dúas mozas para cada home!;

espolios de tecidos de cores para Sísera;

a presa de teas variadas;

un ou dous panos de cores,

para o pescozo das prisioneiras.

31Así morran os teus inimigos, Iavé;

e sexan os que te aman coma o sol cando se ergue,

cheo de esplendor".

E descansou o país durante corenta anos.