Capítulos 6-10
CAPÍTULO 6
1Por iso, deixando as primeiras nocións acerca de Cristo, pasemos xa ós conceptos que son propios dos adultos, sen volvermos botar os alicerces doutrinais: o arrepentimento das obras mortas, a fe en Deus, 2o ensino acerca dos baños sacros e mais da imposición de mans, a resurrección dos mortos e o xuízo final. 3Isto xustamente faremos, se Deus o permite.
4Porque os que unha vez foron iluminados, os que lle colleron gusto ó don celestial e tiveron parte no Espírito Santo que se lles deu; 5os que probaron o saborosa que é a palabra de Deus e mais os poderes do mundo que virá; 6estes, se apostatan, é imposible que se renoven co arrepentimento, xa que polo que a eles toca seguen crucificando o Fillo de Deus e escarnecéndoo publicamente.
7Pásalles igual ca unha terra que se enchoupa con chuvias frecuentes e que lles dá unha boa herba ós que a traballan: recibe parte da bendición que Deus manda; 8pero, se non bota máis ca espiños e cardos, entón non serve: está a piques de ser maldita e acabará na queima.
9Pero, aínda que falamos así, meus amigos, polo que a vós toca, estamos convencidos do mellor e do que leva á salvación; 10pois Deus non é inxusto como para que lle esqueza o voso traballo e o amor que lle mostrabades cando serviades (e seguides aínda servindo) o seu pobo santo por mor del. 11Pero, con todo, nós queremos que cada un de vós demostre o mesmo ardor en levar a súa esperanza ata a fartura final, 12de xeito que non sexades nugalláns, senón que imitedes ós que, con fe e paciencia, son herdeiros das promesas.
Promesa e xuramento de Deus
13Porque cando Deus fixo a promesa a Abraham, en vistas de que non tiña outro máis grande por quen xurar, 14xurou por si dicindo: "Abofé, heite bendicir con abundancia e heite aumentar sen taxa". 15E deste xeito Abraham, agardando con paciencia, conseguiu a promesa.
16Os homes xuran sempre por quen é superior a eles; e o xuramento, por ser unha garantía, marca a fin de calquera litixio. 17Por iso, xa que Deus lles quería demostrar ben ás claras ós herdeiros da promesa o inmutable que era a súa decisión, comprometeuse con xuramento. 18Deste xeito, por dous feitos inmutables de Deus, nos que é imposible que minta, temos unha forte consolación os que buscamos agarimo en podermos apreixar os bens prometidos que esperamos. 19Estes bens son para nós coma unha áncora de salvación, segura e firme, que penetra ata o outro lado do veo: 20ata onde, para o noso ben, penetrou Xesús, coma adiantado, unha vez constituído Sumo Sacerdote para sempre á maneira de Melquisedec.
Sumo Sacerdote á maneira de Melquisedec
CAPÍTULO 7
1Este Melquisedec, rei de Salén, sacerdote do Deus Supremo saíu ó encontro de Abraham, cando volvía de derrotar os reis, e bendiciuno. 2Abraham con el repartiu a décima parte de todo. En primeiro lugar, o seu nome quere dicir: "Rei de xustiza"; logo, o título Rei de Salén quere dicir "Rei de paz". 3O feito de se nos presentar sen o nome do pai, nin o da nai, sen xenealoxía, sen a data do comezo dos seus días nin a da fin da súa vida, faino semellante ó Fillo de Deus e dá a entender que permanece sacerdote para sempre.
4Ollade que grande tivo que ser este a quen o patriarca Abraham lle deu unha décima parte do mellor do seu saqueo. 5Mentres ós fillos de Leví, que reciben servizo de sacerdotes, a Lei lles manda que lle cobren unha décima parte ó pobo escollido (isto é, ós seus irmáns, aínda que son coma eles fillos de Abraham), 6Melquisedec, que non ten unha ascendencia sacerdotal, recibe de Abraham a décima parte e bendí a aquel a quen Deus lle fixo as promesas. 7Ora, está fóra de toda discusión que todo aquel que bendí é máis có que é bendito. 8No caso dos fillos de Leví, os que reciben a décima parte son homes que morren; pero no caso de Melquisedec recíbea un de quen se testemuña que vive. 9Por así dicir, o mesmo Leví, que recibe a décima parte, veuna pagar na persoa de Abraham 10pois xa estaba presente en seu pai, cando lle foi ó encontro Melquisedec.
Os dous sacerdocios
11Certo que, se a perfección da salvación viñese polo sacerdocio levítico, xa que en relación con el recibiu o pobo a Lei, ¿que necesidade habería aínda de que xurdise outro sacerdote na liña de Melquisedec e de que non se chamase "da liña de Aharón"? 12Porque, ó cambiar o sacerdocio, hai que cambiar necesariamente a Lei. 13Pero este de quen fala o salmo é doutra tribo, na que ninguén estivera ó servizo do altar. 14Porque é máis que coñecido que o noso Señor vén da tribo de Xudá, tribo da que nada dixo Moisés tocante ó sacerdocio.
15Pero aínda é máis claro se xorde outro sacerdote á semellanza de Melquisedec, 16quen non resulta sacerdote por unha Lei que preceptúa acerca da liñaxe, senón por unha forza que vivifica para sempre, 17pois así o testifica Deus: "Ti es sacerdote para sempre, na liña de Melquisedec". 18Por un lado, Deus abroga un precepto pasado, porque xa non ten forza obrigante nin utilidade, 19‑isto vese no feito de que a Lei non levou nada á perfección‑; e, polo outro, introduce unha esperanza máis poderosa, xa que por medio dela podemos achegarnos a Deus.
20Ademais, Xesús, polo feito de o constituíren sacerdote cun xuramento (porque ós sacerdotes xudeus constituíronos sen xuramento, 21mentres que a El constituíuno cun xuramento dicíndolle: "Xurouno o Señor, e non cambiará de pensar: Ti es sacerdote para sempre"), 22por ese feito resultou ser fiador dunha alianza de moita máis valía.
23Aqueles foron moitísimos sacerdotes, porque a morte non os deixaba ser duradeiros; 24pero este ten un sacerdocio imperecedoiro, xa que dura para sempre. 25Por iso pode levar á plenitude da salvación para sempre ós que por El se achegan a Deus, xa que en todo momento vive para interceder por eles.
26Pois era xustamente deste xeito o sacerdote que nós precisabamos: santo, sen ruindade e sen pecado, separado dos pecadores e levantado a unha gloria máis alta có mesmo ceo. 27Non necesita ofrecer sacrificios cada día, en primeiro lugar polos seus pecados e logo polos do pobo, coma os outros Sumos Sacerdotes; pois isto fíxoo dunha vez para sempre, ofrecéndose a si mesmo. 28En síntese, a Lei constitúe Sumos Sacerdotes a homes débiles, mentres que o xuramento que vén despois da Lei constitúe Sumo Sacerdote ó Fillo que logrou a salvación plena para sempre.
Sumo Sacerdote perfecto, consumado, consagrado
CAPÍTULO 8
1Isto é o máis importante de todo o que imos dicindo: que temos un Sumo Sacerdote de tal categoría que tomou posesión do seu trono no ceo á dereita do trono da Maxestade, 2ó mesmo tempo que oficiou coma sacerdote no santuario e na tenda verdadeira, que erixiu o Señor, non un home.
3Xa que todo Sumo Sacerdote se constitúe para ofrecer dons e sacrificios; por iso cumpría que el tivese algo que poder ofrecer. 4Pois se a súa ofrenda fose terreal, nin sequera el sería sacerdote, habendo como hai os que lexitimamente ofrendan dons. 5Aínda que estes dan culto a un asomo, a unha sombra das realidades celestes, conforme ó que se lle revelou a Moisés cando estaba para construír a tenda - santuario: "Olla que has de facer todo, segundo o exemplo que se che mostrou no monte". 6Pero, de feito, ó noso Sumo Sacerdote tocoulle unha liturxia tanto máis importante canto máis poderosa é a alianza da que é mediador, xa que esta alianza está legalmente establecida apoiada en promesas de máis valía.
Defectos da Antiga Alianza e substitución pola Nova
7Pois, se aquela primeira alianza fose sen falla, xa non habería lugar para unha segunda. 8Porque Deus, reprendéndoos, dilles:
Vede que virán días ‑di o Señor‑
nos que establecerei coa casa de Israel
e coa casa de Xudá unha alianza nova;
9non coma a alianza que fixen con seus pais,
cando os collín pola man,
para os sacar de Exipto:
porque eles non permaneceron fieis á miña alianza,
e tamén eu me desentendín deles, di o Señor.
10Pois esta é a alianza que pactarei coa casa de Israel,
cando cheguen aqueles días ‑di o Señor‑: cando dea as miñas leis,
héillelas escribir nos seus corazóns e nas súas mentes.
Eu serei para eles o seu Deus e eles serán para min o meu pobo.
11Xa ninguén terá que ensinar ó seu veciño
nin cadaquén ó seu irmán, dicíndolle: "Recoñece ó Señor";
porque hanme coñecer todos eles,
desde o máis pequeno ó máis grande,
12xa que estarei disposto a perdoarlles as súas maldades,
e xa non me lembrarei máis dos seus pecados.
13O chamarlle Deus nova a esta alianza, deixou anticuada a primeira; ora, o anticuado e avellado está próximo a desaparecer.
Falta de eficacia do culto antigo
CAPÍTULO 9
1Pois tamén a primeira alianza tiña as súas normas para o culto e para o seu santuario, que soamente era terrestre. 2De feito, construíuse unha tenda - santuario, a primeira, onde estaban o candelabro, a mesa e mais os pans ofrendados; chámase o Santo. 3Despois da segunda cortina está a tenda chamada Santísimo, 4co altar de ouro para o incenso e a arca da alianza cuberta de ouro por todos os lados; nela había unha caixa de ouro co maná, a vara reverdecida de Aharón e mais as táboas da alianza. 5Enriba da arca, os querubíns da Gloria, que cubrían coa súa sombra o lugar da expiación. Pero non hai agora por que seguir falando destas cousas con detalle.
6Estando todo isto construído deste xeito, na primeira tenda entran a miúdo os sacerdotes, para celebraren o culto. 7Pero na segunda, soamente o Sumo Sacerdote, unha vez cada ano, el só, levando sangue, para o ofrecer por si mesmo e polos pecados de descoido do pobo. 8Con iso quere mostrar o Espírito Santo que, mentres a primeira tenda estea en pé, aínda non está aberto o camiño para o santuario. 9Todo isto é un símbolo que se ten que aplicar ó momento actual, pois ofrécense dons e sacrificios, que non son capaces de facer perfecto na súa conciencia a quen practica este culto; 10soamente teñen poder de purificar en relación con certas comidas, bebidas e diferentes lavatorios: todas elas normas exteriores impostas ata o momento da reforma.
O sacrificio de Cristo, eficaz e definitivo
11Pero ó presentarse Cristo coma Sumo Sacerdote dos auténticos bens, entrando a través dunha tenda - santuario maior e máis perfecta, non de feitío humano, isto é, non deste mundo, 12e ofrendando o seu propio sangue, non o sangue de carneiros ou de becerros, entrou dunha vez para sempre no santuario e, deste xeito, conseguiu unha redención definitiva. 13Se o sangue de carneiros e de touros e a cinsa dunha xovenca asperxida polos impuros consagra estes, dándolles unha pureza corporal, 14moito máis o sangue de Cristo (que movido polo Espírito que animou toda a súa vida, se ofreceu a si mesmo a Deus, coma vítima sen mancha) limpará a nosa conciencia das obras de morte, para así servirmos o Deus vivo.
A Nova Alianza
15Por iso é mediador dunha nova alianza, xa que morreu para redimir dos pecados cometidos baixo a primeira alianza, a fin de que os que están chamados á herdanza eterna, poidan recibir o cumprimento desta promesa. 16Porque onde hai un testamento é preciso presentar probas da morte do testador; 17xa que o testamento é firme soamente en caso de morte, porque mentres viva o testador o testamento non é firme. 18Por iso nin sequera a primeira alianza se ten renovado sen sangue, 19pois Moisés, logo que lle leu a todo o pobo os preceptos que se conteñen na Lei, colleu o sangue dos becerros xunto con auga, con lá rubia e mais con hisopo e asperxeu no libro e na xente toda, 20dicindo: "Este é o sangue da alianza que Deus pactou convosco". 21Tamén asperxeu con sangue, de forma semellante, na tenda - santuario e mais en todos os utensilios do culto. 22Conforme á Lei case todo se purifica con sangue e sen verter sangue non hai perdón.
23Porque se foi preciso que os anticipos das realidades celestiais se purificasen con estes ritos, as realidades celestiais mesmas hanse de purificar con sacrificios ben máis poderosos ca estes.
A entrada no ceo
24Pois o Mesías non entrou nun santuario de feitío humano, copia do verdadeiro, senón que entrou no ceo, para poder presentarse agora diante do mesmo Deus a favor noso; 25e non para repetir moitas veces o seu propio sacrificio, como fai o Sumo Sacerdote, que entra cada ano no santuario levando sangue alleo, 26porque, se así for, debería ter sufrido moitas veces desde a creación do mundo; pero a verdade é que agora dunha vez para sempre, no derradeiro dos períodos da historia, co sacrificio de si mesmo, quedou a disposición de todos para acabar co pecado.
27O mesmo que o destino de todo home é morrer unha vez só e, despois xa da morte, vén o xuízo, 28así tamén Cristo, unha vez que se ofrendou para quitar os pecados, volverá a aparecerlles por segunda vez, xa sen ter que ver co pecado, para salvar os que o están agardando con ansia.
O Sacerdocio de Cristo, causa de Salvación eterna. Insuficiencia da Lei
CAPÍTULO 10
1Porque xa que a Lei contén soamente unha sombra dos bens futuros e non a imaxe mesma destas realidades, cos sacrificios que se ofrecen ‑sempre os mesmos cada ano‑, endexamais non poderá a Lei volver perfectos ós que se acollen a ela. 2Porque ¿acaso estes sacrificios non se deixarían de ofrecer, se os que os practican, purificados de vez, non tivesen xa ningunha conciencia dos seus pecados? 3Polo contrario, nestes sacrificios conmemóranse os pecados un ano tras outro.
Substitución dos sacrificios exteriores polo sacrificio de Cristo
4A verdade é que resulta imposible que o sangue de touros e de cabras quite os pecados. 5Por iso, cando Cristo entra no mundo, di:
"Sacrificios e ofrendas non os quixeches,
pero formáchesme un corpo;
6holocausto e sacrificio de expiación
non che gustaron;
7entón dixen:
olla que xa cheguei, meu Deus,
para facer a túa vontade
‑como se di de min nun capítulo do libro"‑.
8Di no comezo: "Sacrificios, ofrendas, holocaustos e sacrificios de expiación, nin os quixeches nin che gustaron" (todos eles son sacrificios que a Lei manda ofrecer); 9e di despois: "Olla que xa cheguei para facer a túa vontade". Deixa sen validez o primeiro para darlle soamente validez ó segundo. 10Foi por esta vontade de Deus, como quedamos nós santificados coa ofrenda única e para sempre do corpo de Xesús Cristo.
Substitución dos sacerdotes da antiga alianza polo sacerdote entronizado
11Todo sacerdote ten que estar de pé a cotío para celebrar o culto e ofrecer un tras outro os mesmos sacrificios, aínda que estes sacrificios de ningún xeito poidan quitar os pecados. 12Este, en troques, logo que ofreceu un único sacrificio polos pecados, sentou para sempre á dereita de Deus 13e, deste xeito, non lle queda máis que agardar a que Deus faga dos seus inimigos un estrado para os seus pés. 14Cunha única ofrenda deixou para sempre perfectos ós que el santifica.
A nova alianza non precisa novos sacrificios
15Isto mesmo nos testifica o Espírito Santo, xa despois de ter dito: 16"Esta é a alianza que pactarei con eles cando cheguen aqueles días, di o Señor: cando dea as miñas leis, héillelas de escribir nos seus corazóns e nas súas mentes", 17e engade: "xa non me lembrarei máis dos seus pecados e dos seus delitos". 18Ora, se hai perdón dos pecados, xa non pode haber sacrificios polos pecados.
EXHORTACIÓN
Exhortación á fe, esperanza e caridade
19Pois logo, irmáns, xa que temos entrada libre no santuario, debido ó sangue de Xesús, 20un vieiro novo e vivente que el nos abriu a través da cortina, isto é, a través da súa carne, 21e, xa que temos un gran sacerdote á fronte da casa de Deus, 22manteñá-monos con criterios sans na súa presenza con plenitude de fe. Xa que estamos limpos por dentro de toda consciencia de pecado e xa que estamos lavados por fóra con auga limpa, 23manteñamos a esperanza indefectible que profesamos, pois quen prometeu é fiel. 24E considerémonos uns ós outros de xeito que nos sirvamos de estímulo para o amor e para as boas obras. 25E non faltedes endexamais á nosa reunión, como fan algúns, senón que nos animemos uns ós outros e tanto máis canto que ollades que está a chegar aquel día.
O medo ó Deus vingador
26Porque, se permanecemos no pecado, porque nos dá a gana, despois de termos recibido o pleno coñecemento da verdade, xa non nos queda outro sacrificio polos pecados: 27soamente a horrible perspectiva do xuízo e a fogaxe de lume que está para devorar os inimigos. 28A quen non fai caso dalgún precepto da Lei de Moisés, mátano sen compaixón, baseándose en dous ou tres testemuñas. 29¿Canto peor castigo coidades que merecerá un que tripou no Fillo de Deus, que considerou cousa profana o sangue da alianza, co que fora consagrado, e que aldraxou ó Espírito da graza? 30Porque ben sabemos quen foi o que dixo: "A vinganza tócame a min. Eu héillelas devolver"; e tamén: "O Señor xulgará o seu pobo". 31Terribe ten que ser caer nas mans do Deus vivo.
Animádevos cos recordos do pasado e coa esperanza confiada do futuro
32Lembrádevos dos primeiros días, nos que, como novos iluminados, soportastes tanta competición dolorosa: 33unhas veces por vervos expostos a aldraxes e escarnios públicos; outras por sentirvos compañeiros dos que se atopaban nesas situacións. 34A verdade é que vos compadeciades dos presos e aceptabades con alegría as confiscacións dos vosos bens, xa que tiñades ben aprendido que tendes un patrimonio ben mellor e duradeiro. 35Non deixedes a un lado a vosa esperanzada confianza, que contén unha gran recompensa. 36Xa que, de feito, cómprevos paciencia para vos conformar coa vontade de Deus e deste xeito conseguir a promesa: 37porque aínda un pouco, ben pouquiño, e o que está para vir chegará e non se retrasará; 38quen me é fiel vivirá por mor da súa fidelidade; pero, se algún se escuda da miña fidelidade, deixará de agradarme. 39Pero nós non somos dos que se escudan para acabar na perdición, senón dos que son fieis e se salvan.