Capítulos 1-5

EXORDIO: A revelación por medio do Fillo de Deus

 

CAPÍTULO 1

 

1En moitas ocasións e de moitos xeitos veulles falando Deus en tempos pasados ós nosos devanceiros por medio dos profetas. 2Agora, neste período definitivo, falounos por medio dun que lle é Fillo, a quen fixo herdeiro de todo, pois xa creara por medio del o mundo e as idades. 3El é reflexo da súa gloria e imaxe do seu ser, El sostén todas as cousas coa súa poderosa palabra e, despois de realizar a purificación dos pecados, sentouse á destra da Maxestade nas alturas, 4facéndose tanto máis poderoso cós anxos, canto que herdou un título máis valioso có deles.

 

 

TITULO MÁIS VALIOSO CO DOS ANXOS

 

Fillo de Deus

 

5Porque ¿a cal dos anxos lle dixo algunha vez: "Ti es o meu fillo, hoxe xereite eu"; ou tamén: "Eu serei para El un pai e El será para min un Fillo?". 6E outra vez máis, cando fala de introducir o Fillo primoxénito no mundo celeste, di: "Adóreno todos os anxos de Deus". 7E, por outra parte, dos anxos di: "O que fai dos seus anxos ventos, e dos seus ministros, chispas". 8Do Fillo, en troques:

"O teu trono, meu Deus, permanece para sempre"

e tamén:

"Cetro de rectitude é o teu cetro de Rei.

9Amaches a xustiza e aborreciches a iniquidade;

por iso Deus, o teu Deus, preferiute ós teus compañeiros,

unxíndote con perfumes de festa".

10E outra vez di así:

"Ti, Señor, nos comezos cimentaches a terra,

feitura das túas mans é o ceo,

11todo iso perecerá, pero ti permaneces:

todo se volverá vello coma un vestido,

12daraslle a volta, coma se fose unha capa,

e cambiarase coma se fose un vestido.

Pero Ti es sempre o mesmo,

os teus anos non acabarán".

13E, ¿a cal dos anxos lle dixo algunha   vez:

"Senta á miña dereita,

ata que Eu faga dos teus inimigos un estrado para os teus pés"?

14¿Que outra cousa son todos eles, se non espíritos que están ó servizo del, para que os mande en axuda dos que han herdar a salvación?

 

Palabras de ánimo

 

CAPÍTULO 2

 

1Por isto temos que poñer toda a atención ó que un día oímos, non sexa que andemos á deriva. 2Pois se a Lei ditada por anxos foi valedoira, de xeito que toda transgresión e desobediencia a ela recibiu xusto castigo, 3¿de que xeito nós fuxiremos do castigo, se descoidamos salvación de tanta valía? Porque esta salvación tivo principio na predicación do Señor e confirmáronnola despois os que a escoitaron, 4ó mesmo tempo que Deus acompañaba o seu testemuño con prodixiosos sinais e con milagres de varios xeitos e cos dons do Espírito Santo repartidos conforme a súa vontade.

 

Irmán dos homes

 

5Porque non someteu ós anxos ese futuro mundo celeste do que falamos. 6Nalgunha parte o testemuña alguén, cando di:

"¿Quen é o home para que te lembres del,

ou a raza humana para que mires por ela?

7Só o rebaixaches un chisco con respecto ós anxos,

coroáchelo de gloria e dignidade:

8todo llo sometiches a el".

O dicir que lle someteu todo, non puido deixar nada sen lle someter. Certo que agora aínda non vemos que todo estea sometido ó home; 9con todo, xa vemos que aquel que "rebaixaron só un chisco con respecto ós anxos", Xesús, por aguantar os padecementos da súa morte, está coroado de gloria e dignidade. Deste xeito, a súa morte foi unha bendición de Deus para todo home.

10Efectivamente, conviña que Aquel para quen e por quen todo existe, se quería levar moitos fillos á gloria, levase á máxima perfección por medio do sufrimento o que ía ir  á cabeza dos que se salvarían; 11pois o consagrante e os consagrados teñen  que ser todos da mesma liñaxe. Por isto non se avergonza de lles chamar irmáns, 12cando di:

"Pregoarei ante os meus irmáns o ben que fixeches,

no medio da nosa asemblea heiche de cantar cántigas".

13E noutro sitio di:

"Nel poñerei toda a miña confianza",

e aínda máis:

"Aquí estamos: eu e mais os fillos que Deus me deu".

14Por isto, xa que os fillos participan todos da mesma carne e do mesmo sangue, tamén El participou igualmente da carne e do sangue, para que coa súa morte puidese deixar sen forzas o que retiña o poder da morte, isto é, Satán; 15e deste xeito, librar a cantos por medo á morte pasaban a vida nunha escravitude.

16Porque está claro que a quen lles vén botar unha man, non é ós anxos, senón ós fillos de Abraham. 17Por iso tiña que asemellarse ós seus irmáns en todo, para deste xeito poder ser Sumo Sacerdote, que se doia de nós e de quen un se poida fiar nas cousas que se refiren a Deus e así poida expiar os pecados do seu pobo; 18porque el xa pasou a proba de sufrimento, pode axudar ós que agora se atopan na proba.

 

 

SUMO SACERDOTE QUE SE DOÍA DUN E DE QUEN UN SE PODÍA FIAR

 

Fiarse de Moisés e fiarse de Xesús

 

CAPÍTULO 3

 

1Por iso, meus sagrados irmáns, que tedes parte na mesma chamada celeste, atendede ó pregoeiro e Sumo Sacerdote da fe e da esperanza que profesamos, Xesús. 2El merécelle fe ó que o puxo, coma a Moisés, á fronte de toda a súa familia. 3Porque Xesús ten ben merecida unha gloria tanto máis grande cá de Moisés, canto ten máis honor o que constrúe unha casa do que a casa mesma: 4porque toda casa ten un construtor, pero o que constrúe todo é Deus. 5Ora, Moisés mereceu confianza coma criado, para poder testemuñar a toda a casa o que lle foran dicindo; 6pero Cristo mereceu a confianza coma Fillo e sobre a súa propia casa: casa del somos nós, se nos mantemos achegados a Deus na liberdade e se nos prezamos do que esperamos.

Chamada á fidelidade para entrar no acougo de Deus

7Por isto, fala o Espírito Santo:

"Se hoxe oídes a súa voz,

8non endurezades o voso corazón, coma cando vos rebelastes,

coma o día da proba no deserto,

9cando vosos pais me tentaron, para veren onde chegaba,

aínda que xa viran os meus feitos 10durante corenta anos:

por isto me deu noxo aquela xente,

e dixen: o corazón ándalles sempre descarreirado,

non se deron conta do meu comportamento;

11por iso xurei cheo de carraxe:

¡endexamais non entrarán no meu acougo!"

12Ollade, irmáns, non sexa que algún de vós teña un ruín e incrédulo corazón, que o aparte do Deus vivo; 13vós, en troques, alentádevos uns ós outros día tras día, mentres se pregoa este hoxe, de xeito que ningún de vós se deixe endurecer, engaiolado polo pecado. 14Porque seguimos sendo compañeiros de Cristo, sempre que manteñamos firme ata a fin a confianza absoluta de cando comezamos. 15Xa que se nos di:

"Se hoxe oídes a súa voz,

non endurezades o voso corazón, coma cando vos rebelastes".

16Pero ¿quen foron os que se rebelaron, cando oíron? ¿Acaso non foron todos os que, grazas a Moisés, saíron de Exipto? 17¿Quen foron os que lle deron noxo a Deus durante corenta anos? ¿Acaso non foron os que por pecar caeron mortos no deserto? 18E ¿a quen lles xurou que non entrarían no seu acougo, senón ós que se rebelaran? 19E vemos que non puideron entrar por falta de fe.

 

CAPÍTULO 4

 

1Andemos logo, con moito tino, non sexa que, aínda que Deus mantén firme a promesa de entrar no seu acougo, algún de vós corra o risco de chegar tarde. 2Porque esta promesa anúnciasenos a nós do mesmo xeito ca a eles, pero a eles non lles valeu de nada oír a promesa, que non se xuntaron cos que a oíron con fe.

3Pero nós, os que cremos, entramos no acougo do que falan estas verbas:

"Por iso xurei, cheo de carraxe:

¡endexamais non entrarán no meu acougo!"

Ora, o seu traballo está concluído desde a creación do mundo, 4pois, nalgún sitio fálase así do sétimo día: "E o sétimo día descansou Deus de todo o seu traballo". 5E, con todo, no lugar citado vólvese dicir: "Endexamais non entrarán no meu acougo". 6De acordo con isto, se Deus deixa a algúns entrar no seu acougo e se os que primeiro recibiron a promesa non entraron por falta de fe, 7é que El, moito tempo despois, volve marcar un día, un hoxe, cando di no texto xa citado de David: "Se hoxe oídes a súa voz, non endurezades o corazón".

8Certo que, se Xosué os fixese entrar no acougo, xa non precisaría Deus falar doutro acougo despois disto. 9Logo, quédalle aínda unha invitación ó acougo ó pobo de Deus, 10porque quen entrou no acougo de Deus descansa dos seus traballos, o mesmo que Deus descansou tamén dos seus. 11Collamos a peito o entrar neste acougo, de xeito que ninguén caia nunha rebeldía coma aquela.

12Collámolo a peito, xa que a palabra de Deus é viva e dinámica, máis cortante do que unha espada de dobre fío e que penetra mesmo alí onde se diferencian a alma e o espírito, as xuntas e a medula. Ela xulga os proxectos e os pensamentos. 13Non hai cousa que se lle esconda, todo está nu e penetrable ós seus ollos: é a ela a quen lle temos de dar contas.

14Pois logo, xa que temos un gran Sumo Sacerdote que xa penetrou no ceo, Xesús, o Fillo de Deus, manteñamos a esperanza que profesamos.

 

Xesús, Sumo Sacerdote misericordioso

 

15Pois así é: nós non temos un Sumo Sacerdote que non se poida compadecer das nosas debilidades, senón un Sumo Sacerdote probado en todo coma nós, fóra do pecado. 16Acheguémonos, con liberdade ó trono da graza, para conseguirmos misericordia e atoparmos graza para unha axuda no seu debido tempo.

 

CAPÍTULO 5

 

1Pois todo Sumo Sacerdote escóllese sempre entre os homes e se constitúe Sumo Sacerdote para o ben dos homes nas súas relacións con Deus, a fin de que ofreza oblacións e sacrificios polos pecados. 2É capaz de tratar con indulxencia os ignorantes e os descamiñados, porque tamén el está rodeado de fraquezas. 3Por mor destas fraquezas ten que ofrecer sacrificios polos pecados, tanto polos pecados do pobo coma polos seus propios pecados. 4Ora, ninguén pode coller en por si este honor, senón que hai que ser chamado por Deus, como foi chamado Aharón.

5Do mesmo xeito, tampouco Cristo non procurou a súa gloria facéndose Sumo Sacerdote, senón que lla procurou o que lle dixo:

"Ti es o meu Fillo,

hoxe xereite Eu".

6Entendido conforme o que di noutro sitio:

"Ti es sacerdote para sempre,

á maneira de Melquisedec".

7El, nos días da súa vida mortal, a fortes gritos e con bágoas, presentou oracións e súplicas a quen o podía salvar da morte e Deus escoitouno por mor da súa submisión. 8Aínda que era Fillo, aprendeu sufrindo o que é obedecer; 9e, consumada deste xeito a súa consagración sacerdotal, converteuse en causa de salvación eterna, para todos os que lle obedecen, 10ó mesmo tempo que Deus o proclamou Sacerdote á maneira de Melquisedec.

 

 

SUMO SACERDOTE DUN NOVO CULTO

 

Preámbulo: exhortación

 

11Disto aínda temos que dicirvos moito e é difícil facérvolo comprender, porque vos volvestes nugalláns para escoitardes. 12E iso que polo tempo que levades, xa tiñades que ser mestres, pero aínda necesitades que alguén vos ensine os primeiros rudimentos dos oráculos de Deus; volvedes precisar leite e non mantenza sólida. 13Pois todo aquel que "está a leite", descoñece as razóns da esperanza cristiá, porque é un meniño; 14en troques, a mantenza sólida é para xente grande, que ten o sentido xa afeito polo costume e é capaz de distinguir o bo do malo.