Capítulos 1-4
Saúdo e introdución
CAPÍTULO 1
1Paulo, apóstolo de Xesús Cristo pola vontade de Deus e mais o irmán Timoteo, 2ós santos e fieis irmáns en Cristo Xesús que viven en Colosas: desexámosvos a graza e paz de Deus, noso Pai.
3Dámoslle grazas a Deus, o Pai do noso Señor Xesús Cristo, rezando decote por vós, 4desde que nos chegou a nova da vosa fe en Cristo Xesús e do amor que tedes a todos os cristiáns, 5por mor da esperanza de quen vos agarda alá no ceo; esa esperanza da que oístes falar na palabra de verdade do Evanxeo 6que chegou ata vós. Tamén entre vós, coma en todo o mundo, o Evanxeo dá froitos e medra desde o día que escoitastes e coñecestes de verdade a graza de Deus, 7tal coma volo ensinou Epafras, o noso benquerido compañeiro de servizo, fiel servidor de Cristo no noso lugar; 8tamén el nos deu novas do amor que pon en vós o Espírito.
9Por esta razón tamén nós, desde o día en que soubemos disto, non deixamos de rezar por vós. Pedímoslle a Deus que vos encha do coñecemento da súa vontade, con todo o saber e intelixencia que dá o Espírito. 10Así daredes coma froitos toda clase de obras boas e medraredes no coñecemento de Deus; 11estaredes fortalecidos en todo coa súa potencia magnífica para serdes con ledicia pacientes e constantes a toda proba; 12e darédeslle grazas ó Pai que nos fixo merecentes de participar na herdade dos santos, na luz.
SECCIÓN DOUTRINAL
Cristo, misterio de Deus
13Porque El arrincounos da pouta das tebras
para nos pasar ó Reino
de seu Fillo querido,
14en quen nós atopamos
redención,
o perdón dos pecados.
15El é a imaxe do Deus invisible,
de toda criatura el é o primeiro nacido,
16e por medio del fixéronse as cousas,
as da terra e tamén as do ceo,
as vistas cos ollos,
as por eles non vistas;
señoríos sexan ou ben maxestades,
sexan principados, tamén potestades;
el é modelo e fin
do universo creado.
17Antes ca todo está el,
todo nel se cimenta aínda hoxe.
18É tamén a cabeza do corpo
‑o corpo é a Igrexa‑.
El é o principio,
o primeiro en nacer de entre os mortos,
de xeito que en todo
sexa sempre o primeiro.
19Porque nel quixo Deus habitar
coa súa total plenitude:
20reconciliar así o universo
consigo, por el;
e no sangue da cruz
poñer paz entre os seres da terra
e do ceo, servíndose del.
21Tamén vós estabades noutro tempo afastados e manifestabades cos vosos feitos a vosa profunda hostilidade; 22pero agora Deus reconciliouvos pola morte do corpo perecedoiro do seu fillo, para vos presentar santos diante del, sen chata e irreprensibles ós seus ollos. 23Unicamente que debedes seguir cimentados e firmes na fe e non vos arredar da esperanza que escoitastes no Evanxeo; ese Evanxeo que se lles predicou a todas as criaturas, debaixo do ceo, e do que a min, Paulo, me fixeron servidor.
Paulo, servidor da Igrexa
24Agora alégrome do que teño que padecer por vós; así completo na miña carne o que lles falta ás penalidades de Cristo polo seu corpo, que é a Igrexa. 25Desta Igrexa fíxoseme servidor cando Deus me encomendou para o voso ben esta misión: predicar cumpridamente a palabra de Deus, 26ese misterio escondido desde séculos e xeracións, pero que agora se manifesta ó seu pobo santo. 27A este pobo quíxolle Deus amosar a espléndida riqueza que representa para os pagáns este segredo: ¡que Cristo, a gloria esperada, tamén é para vós! 28El é a quen nós anunciamos, aconsellando a todos, adoutrinándoos o mellor que sabemos para facer cristiáns coma é debido. 29Por isto é polo que eu peno e loito coa axuda da súa forza que traballa en min abondosamente.
CAPÍTULO 2
1Pois quero que saibades a loita tan grande que sosteño por vós e polos de Laodicea e por tantos que non me coñecen persoalmente. 2Así atoparán consolo os seus corazóns, para que, ben unidos no amor, logren a gran riqueza dunha comprensión total e coñezan o misterio de Deus, Cristo, 3en quen están agachados todos os tesouros de sabedoría e da ciencia. 4E dígovos isto para que ninguén vos engane con argumentos capciosos, 5pois aínda que corporalmente estou lonxe de vós, co espírito estou convosco, alegrándome da boa orde que, segundo vexo, reina entre vós e da firmeza da vosa fe en Cristo.
As doutrinas falsas
6Así que, do mesmo xeito que recibistes a Cristo Xesús coma Señor, camiñade agora coma cristiáns; 7enraizados nel, ídevos construíndo, fortalecéndovos na fe que se vos ensinou e rebordando de agradecemento.
8¡Ollo!, que ninguén vos enguedelle con filosofías e especulacións sen contido, fundadas nas tradicións dos homes, nos elementos deste mundo e non en Cristo. 9Porque nel habita corporalmente toda a plenitude da divindade 10e nel que é cabeza de todos os principados e potestades atopades vós a vosa plenitude. 11El foi quen vos circuncidou non cunha circuncisión feita coas mans dos homes senón librándovos dos vosos baixos instintos; esa foi a circuncisión de Cristo. 12Sepultáronvos con el no bautismo e tamén resucitades nel pola fe na forza de Deus, que o resucitou de entre os mortos. 13E a vós que estabades mortos polos vosos pecados e por non ter circuncidado os vosos instintos, deuvos a vida con el. El perdoounos todos os pecados, 14anulando a cédula dos preceptos legais que ía contra nós: quitouna de diante e espetouna na cruz. 15El destituíu os principados e potestades converténdoos en espectáculo público levándoos coma cativos no séquito triunfal da cruz.
16Así, que ninguén vos xulgue por culpa da comida ou da bebida ou polas festas, as lúas novas ou os sábados. 17Estas cousas eran sombra do que estaba para vir; pero a realidade é Cristo. 18Que ninguén vos prive do premio coa súa humildade aquelada e o seu culto ós anxos: visións e visionarios que se ven enfonchados coma parvos polo seu entendemento egoísta, 19ese despréndese da cabeza que polas xuntas e tendóns alimenta e cohesiona o corpo enteiro, facéndoo coma Deus quere.
COMPORTAMENTO CRISTIÁN
Preceptos xerais
20Se morrestes con Cristo ós elementos do mundo, ¿por que deixades que vos impoñan normas, coma se vivísedes conforme a vida do mundo? 21"Non collas, non probes, non toques...": 22esas son cousas que se van desfacendo co uso, e que non pasan de seren preceptos e doutrinas de homes. 23Isto ten, xa que logo, aparencia de sabedoría, pola piedade aquelada, pola humildade e severidade co corpo; pero de feito soamente vale para dar satisfacción ó instinto.
CAPÍTULO 3
1Polo tanto, se resucitastes con Cristo, buscade as cousas de alá enriba, onde Cristo está sentado á dereita de Deus; 2arelade o de arriba e non o da terra. 3Vós morrestes e a vosa vida está agachada con Cristo en Deus. 4Cando se manifeste Cristo, que é a vosa vida, daquela tamén vós vos manifestades con El revestidos de claridade.
5Así que, dádelle morte a todo canto tedes de terreal: a fornicación, a inmoralidade, a paixón, os malos desexos e a cobiza, que é unha idolatría. 6Estas son as cousas polas que o noxo de Deus cae sobre os fillos rebeldes; 7e nelas andastes vós en tempos cando viviades emporcallados nelas. 8Pero agora deixádevos de todo iso: furor, carraxe, ruindade, aldraxes e palabras groseiras, lonxe dos vosos beizos. 9Non mintades uns a outros, xa que vos espistes do home vello cos seus malos feitos 10e vos revestistes do home novo, que se vai anovando, conforme a imaxe de quen o creou, para chegar a un coñecemento total. 11Alí xa non hai máis nin grego nin xudeu, circuncisión nin non circuncisión, estranxeiro nin bárbaro, escravo nin libre, senón que Cristo é todo en todos.
12Vós, logo, coma elixidos de Deus, santos e benqueridos, revestídevos de sentimentos de misericordia, de bondade, de humildade, de sinxeleza, de tolerancia. 13Aturádevos uns ós outros e perdoádevos, cando un teña queixa doutro; coma o Señor vos perdoou, perdoádevos tamén vós. 14E, por riba de todo isto, cinguídevos co amor, que é o lazo que todo o une e leva a perfección. 15Que a paz de Cristo goberne os vosos corazóns, xa que a ela vos chamaron coma membros dun mesmo corpo. Sede tamén agradecidos.
16Que a palabra de Cristo habite en vós con toda a súa riqueza. Ensinádevos e alentádevos uns a outros o mellor que saibades. Co corazón cheo de agradecemento cantádelle a Deus salmos, himnos e cántigas inspiradas. 17E todo canto fagades, de palabra ou de obra, facédeo para honra de Xesús, o Señor, dándolle grazas a Deus Pai por medio del.
Preceptos concretos
18Mulleres, sede dóciles ós vosos homes coma lle acae a unha muller cristiá. 19Homes, amade as vosas mulleres e non sexades ríspetos con elas.
20Fillos, sede ben guiados en todo cos vosos pais, que isto é cousa agradable ó Señor. 21Pais non asoballedes os vosos fillos, para que non saian coitados.
22Escravos, obedecede en todo ós amos que tedes na terra, non para buscar o contento dos homes que ven o voso servizo, senón de corazón por respecto ó Señor. 23Todo canto fagades, facédeo con toda a alma, como para o Señor e non para os homes, 24tendo en conta que recibiredes do Señor a herdade coma recompensa. Servide a Cristo, o voso Señor. 25Quen cometa inxustiza, recibirá o merecido pola súa inxustiza, que Deus non anda con favoritismos.
CAPÍTULO 4
1Amos, dádelles ós vosos escravos o que é xusto e obrigado, decatándovos de que tamén vós tedes un amo no ceo.
Conclusión, saúdos e despedida
2Sede constantes na oración: vixiade nela con acción de grazas. 3Rogade ó mesmo tempo por nós, para que Deus abra unha porta á nosa predicación, a fin de anunciar o misterio de Cristo, polo que eu estou na cadea: 4que o expoña coma o debo expoñer.
5Cos de fóra andade con moito tino, aproveitando as ocasións. 6Que a vosa conversa sexa sempre agradable, cun chisquiño de sal, de xeito que saibades darlle a cadaquén a resposta axeitada.
7Das cousas que se refiren a min xa vos dará novas Tíquico, meu irmán benquerido, fiel auxiliar e compañeiro de servizo no Señor; 8mándovolo mesmamente para iso, para que teñades novas de nós e para que poña acougo nos vosos corazóns. 9Vai canda o querido e fiel irmán Onésimo, que é un dos vosos. Xa vos poñerán ó tanto de todo o que pasa por aquí.
10Saúdos de Aristarco, o meu compañeiro na cadea, e de Marcos, curmán de Bernabé (acerca deste xa recibistes algunhas instrucións: se chega onda vós, acollédeo). 11Saúdos tamén de Xesús, a quen lle chaman o Xusto. De entre os xudeus só estes son os meus axudantes no traballo polo Reino de Deus, e abofé que me foron un bo alivio. 12Saúdos do servidor de Xesús Cristo, Epafras, que é dos vosos e que decote está loitando por vós coas súas oracións por mor de que perseveredes na perfección e no cumprimento de todo canto Deus quere. 13Douvos fe do moito que traballa por vós e polos que están en Laodicea e Hierápolis. 14Saúdos tamén de Lucas, o querido médico, e de Dimas.
15Dádelles saúdos ós irmáns de Laodicea, e a Ninfas e á Igrexa que ten as xuntanzas na súa casa. 16E cando leades esta carta, facede de xeito que tamén se lea na Igrexa dos de Laodicea; e a de Laodicea lédea vós tamén.
17Dicídelle a Arquipo: "Ten moito coidado co servizo que se che encomendou coma cristián e cúmpreo ben".
18Esta lembranza vai da miña man: Paulo. Lembrádevos das miñas cadeas. A graza vaia convosco.